Os Pinos
Os Pinos | |
---|---|
Himno de Galicia | |
Partitura oficial. | |
Himno de | Galicia |
Letra | Eduardo Pondal 1907 |
Música | Pascual Veiga 1907 |
Adoptado | 1981 |
Os Pinos é o himno galego, un texto poético de Eduardo Pondal de 1890, incluído, dende 1935, nas edicións do libro de poemas Queixumes dos pinos (1886)[1], concretamente das dúas primeiras partes, musicado por Pascual Veiga. Foi adoptado oficialmente como himno trala aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1981.
Os autores
[editar | editar a fonte]Eduardo Pondal e Pascual Veiga autores respectivamente |
Eduardo Pondal, a letra
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Eduardo Pondal.
En 1890, o músico Pascual Veiga pedíralle a Eduardo Pondal unha letra para unha obra que pretendía presentar a un certame na Coruña. Eduardo Pondal fixo varias versións e probas, nas que tivo que realizar axustes e adaptacións á melodía. Finalmente, entregoulle a Veiga a versión definitiva dun poema titulado "Os Pinos". As dúas primeiras estrofas formaron parte da letra do himno e da melodía composta polo mindoniense.
Pascual Veiga, a música
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Pascual Veiga.
Pascual Veiga Iglesias naceu en Mondoñedo o 9 de abril de 1842. Foi precisamente na súa cidade natal onde tivo os seus primeiros contactos coa música, sendo admitido como Neno de Coro da catedral en 1852, daquela dirixido por José Pacheco Basanta. Posteriormente recibiu formación como organista con Tomas Burón e Rafael Tefall. Precisamente, ao trasladarse á Coruña en 1864 conseguiu un posto como organista na Colexiata de Santa María. En 1896 foi nomeado profesor do Conservatorio Nacional de Música, polo que se trasladou a Madrid, cidade na que faleceu o 12 de xullo de 1906, seis meses antes da estrea do Himno galego na Habana.[2]
Entre as súas obras máis coñecidas salientan a Alborada Gallega e o propio himno. Ademais do seu labor como compositor, Pascual Veiga desempeñou un labor destacado na creación e dirección de conxuntos corais, recibindo numerosos galardóns. En 1882 fundou na cidade da Coruña "El Nuevo Orfeón", que pouco despois mudaría o seu nome polo de Coral Polifónica El Eco, sendo a coral polifónica máis antiga de España.[2][3]
Historia
[editar | editar a fonte]Antecedentes
[editar | editar a fonte]As orixes da procura dun himno para Galicia remóntanse ao século XIX, cando a maior parte dos países de Europa crearon, difundiron e oficializaron os seus respectivos himnos.[4] Nos círculos nacionalistas de Galicia sentíase e debatíase esta necesidade de posuír un himno nacional dende mediados dese século como parte do proceso de recuperación e formación da consciencia nacional galega.[5] Dende 1808 existía un himno galego, o Himno da Guerra de Independencia ou Himno do Batallón de Literarios, composto na guerra de independencia.[6]
Na Exposición Rexional de 1880, celebrada en Pontevedra, convocouse un premio para un "Himno á Galicia en dialecto del país". Gañou un texto de Andrés Muruais, musicado por Felipe Paz Carvajal, que comezaba:[4][6]
|
Dese mesmo ano data a letra do Himno a Galicia do migrante padronés Manuel Barros:[6]
|
Nestes primeiros exemplos tamén salienta a figura do destacado compositor coruñés Marcial del Adalid, que compuxera varios himnos orquestrais, entre eles a súa Marcha triunfal Galicia, datada en 1881, un ano despois da Exposición Rexional.[6]
Nacemento do himno de Pondal e Veiga
[editar | editar a fonte]Os Pinos xurdiu, do mesmo xeito que algunhas das propostas que xurdiran anos atrás, a partir dun certame celebrado na Coruña en agosto de 1890 convocado polo Orfeón Coruñés Nº 4, dirixido daquela por Pascual Veiga, o 22 de maio dese mesmo ano, e no que se premiaría á mellor “marcha regional gallega” escrita para orfeón sobre o texto "Os Pinos" de Pondal.[4] Veiga pedira ao poeta pontecesán, considerado a figura máis sobranceira da poesía galega da época logo da morte de Rosalía en 1885, a creación dun texto axeitado "con obxecto de que, a maneira da Marcha Real, Marsellesa, etc., sexa cantado en toda a Galiza co entusiasmo que desperta no ánimo o Sentimento da patria”.[4][7]
Estreouse na cidade da Habana o 20 de decembro de 1907, no contexto da segunda ocupación de Cuba polos Estados Unidos (1906-1909)[8] que deixou a nación caribeña gravemente endebedada cos propios Estados Unidos[9]. Na estrea do himno estivo todo o goberno interventor estadounidense, con Charles Magoon á cabeza, como mostra da alianza manifesta do Centro Gallego de La Habana coas autoridades norteamericanas en Cuba durante esta segunda ocupación.[10]
Ao igual que a bandeira de Galicia, é froito da emigración. Desde 1907 até 1923, o himno galego foi cantado por rexionalistas e agraristas nos seus actos e devagariño foi sendo aceptado e recoñecido como tal, impoñéndose a outras propostas como o Himno da Acción Gallega. Cando se prohibiu o uso durante a ditadura de Miguel Primo de Rivera, as sociedades galegas de América intensificaron o seu interese pola súa interpretación pública. Durante a Segunda República acadou un certo grao de recoñecemento, porén non chegou a ser considerado oficialmente como Himno de Galicia.
Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 que conduciu á guerra civil española, e a vitoria franquista, o himno galego foio eliminado do espazo público en España, mais mantívose precisamente onde nacera, na diáspora galega, así como no exilio que se produciu logo da contenda, existindo notas na prensa de interpretacións en Buenos Aires, Montevideo, A Habana ou Cidade de México.[6] Sufriu un rexeitamento frontal durante o período do franquismo en España, e mesmo durante a etapa de aperturismo só se cantaba, todo o máis, en actos culturais, e unicamente a modo de simple canción, unha máis de tantas do vasto folclore galego. Dende 1960 comeza a interpretarse de xeito máis explícito, aínda que disimulando os seus aspectos ideolóxicos. En concreto, cantábase só a primeira parte.
En 1975, mentres tiñan lugar uns actos folclóricos na festa do Apóstolo, a xente comezou a se erguer das cadeiras para entoalo. Ao ano seguinte instaurouse este costume de xeito definitivo na praza da Quintana, sendo así mesmo ratificado polas autoridades competentes e asistentes ao acto. Ao cabo, a maioría dos partidos non nacionalistas haberíano asumir no decorrer da campaña electoral de 1977.
A primeira gravación da que se ten constancia realizouna o Coro Cantigas e Aturuxos de Lugo o 19 de novembro de 1918.
En 2002 María Pilar Veiga González, neta de Pascual Veiga, entregou á Real Academia Galega a partitura orixinal do himno xunto con outros documentos relacionados co compositor mindoniense, que a familia conservaba na Arxentina.[11]
Aniversarios
[editar | editar a fonte]O 19 de decembro de 2006, con motivo do 25º aniversario do Estatuto de autonomía de Galicia, durante a sesión do Parlamento de Galicia o guitarrista vigués Cuchús Pimentel e o cantaor de Xinzo de Limia Delio Domínguez realizaron unha "versión flamenca" do himno. A versión sorprendeu aos deputados, e provocou un enfrontamento dialéctico entre o PSdeG-PSOE e o BNG, daquela socios de goberno. Os nacionalistas, desconformes coa versión interpretada, esixiron que en futuras ocasións se respectase a versión clásica do himno, e o seu portavoz Carlos Aymerich chegou a afirmar que "[co PPdeG] había que poñerlle saias aos gaiteiros para disfrazalos de escoceses, e agora co PSOE parece que hai que arrincar por bulerías ou tocar con ritmos aflamencados". O daquela presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño asegurou que o himno "non é incompatible con ningunha música" e que os actos conmemorativos polo aniversario contaban co acordo da Mesa do Parlamento, algo que Aimerich desmentiría con posterioridade. Pola súa banda, Delio Domínguez asegurou que "en absoluto foi unha versión flamenca".[12][13][14]
En 2017 conmemorouse o centenario da estrea do himno galego en Cuba nun acto celebrado no Instituto José Cornide da Coruña.[15] O 31 de maio dese mesmo ano presentouse en Santiago de Compostela o documental O Himno por Andrea Pousa, no que se revisa e analiza o himno galego a través de entrevistas con fundacións e personalidades da cultura e a lingua galega.[16]
Xénese e motivos do texto
[editar | editar a fonte]O texto do himno é froito da correspondencia que mantiveron Eduardo Pondal e Pascual Veiga en 1890, no que o compositor lle solicitaba ao escritor un texto para unha partitura que ía presentar con motivo dun certame que ía elixir o mellor himno galego para o caso de que o premio resultase deserto. Logo de varias redaccións envioulle un primeiro texto que titulou Breogán. Pascual Veiga solicitoulle algúns cambios na acentuación para adaptalo ritmicamente á música.
O texto definitivo publicouse xa como Os Pinos por primeira vez o 22 de maio de 1890 nun folleto do certame musical que convocara o Orfeón nº 4 da Coruña para elixir a mellor Marcha Rexional Galega. O texto apareceu tamén n'A Monteira e en El Eco de Galicia da Habana. Ao final, aínda que houbo ensaios, o himno non se chegou a interpretar. A maioría das versións do texto derivan do texto que apareceu na número 18 da revista Galicia da Habana en 1905. En 1935 o texto integrouse na segunda edición, realizada pola RAG, de Queixumes dos pinos, base das versións modernas do texto.
O motivo central do texto é que Galiza debe acordar do seu sono (apatía política) e emprender o camiño cara á liberación. Para iso deberá escoitar a voz dos rumorosos piñeiros, ou sexa, o pobo galego como entidade nacional histórica.
O nome do país non figura en ningures no poema, como é habitual en Pondal, e fanse referencias metafóricas ao "Fogar" e á "Nazón de Breogán".
Ademais do celtismo e do helenismo sempre presentes na obra de Pondal, foi a súa capacidade para penetrar nos sentimentos do pobo e expresar as súas aspiracións fundamentais, o que posibilitou o seu éxito.
Letra
[editar | editar a fonte]En 1890, cando foi escrito o poema orixinal, aínda non existía unha norma ortográfica establecida do idioma galego. A letra do himno oficializada en 1984 seguiu a normativa ortográfica vixente naquela altura (Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego), polo que existen certas diferenzas gráficas entre a versión orixinal do poema de Eduardo Pondal, a letra oficial do himno e a escrita consonte a ortografía actual.
Poema orixinal de Pondal (1890)[17]
|
Letra oficial do himno (1984)[18]
|
A letra orixinal de 1890 foi o primeiro texto que se publicou d'Os Pinos, que apareceu o 22 de maio de 1890 no folleto coas obras presentadas ao certame musical convocado polo Orfeón nº 4 da Coruña que dirixía Pascual Veiga. A letra do himno actual presenta varios axustes ortográficos e unha diverxencia semántica respecto do poema orixinal: a substitución de clan por chan no cuarto verso da segunda estrofa.
Así mesmo, a letra oficial afástase da ortografía e morfoloxía vixentes nunha serie de termos: prácido por plácido, valeroso por valoroso, des por deas, desperta (non recomendable) por esperta, ronco por rouco, máis por mais, sóo por só, iñorantes por ignorantes, edades por idades, vaguedades por vaguidades, donde por onde, redenzón por redención e nazón por nación. No plano léxico, o dicionario da Real Academia Galega non recolle os termos verdecente e férido, que si aparecen noutros dicionarios, mentres que encono é un castelanismo que non existe no galego.[19]
En novembro de 2022, diversos colectivos sociais e culturais, rexistraron no parlamento galego unha Iniciativa Lexislativa Popular para a restauración do texto orixinal do himno.[20]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Eduardo Pondal. Fondos da Real Academia Galega, ed. "Queixumes dos pinos" (en galego). Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2012. Consultado o 23 de xuño de 2009.
- ↑ 2,0 2,1 "Veiga Iglesias". La Ciudad Gallega de los Músicos. Fundación Barrié. Consultado o 23 de xullo de 2020.
- ↑ "El eco de 130 años de historia". La Voz de Galicia (en castelán). 16 de decembro de 2011. Consultado o 23 de xullo de 2020.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Ferreiro Fernández 2008, p. 51.
- ↑ Ferreiro 2007, p. 11.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Pérez Pena, Marcos (20 de decembro de 2018). "Así naceu o himno galego. 111 anos de popularización, exilio e máis ou menos estrofas". Praza.gal. Consultado o 10 de xuño de 2020.
- ↑ Ferreiro 2007, p. 13.
- ↑ Eusebio, Ariel (2021-09-29). "¿Cómo fue la segunda ocupación de Cuba por Estados Unidos?". Cubahora (en castelán). Consultado o 2023-02-07.
- ↑ "Segunda intervención de Estados Unidos en Cuba, en 1906". Granma.cu (en castelán). Consultado o 2023-02-07.
- ↑ Iglesias Cruz, Janet (2012). "Galicia y los gallegos en la política cubana" (PDF). Novas achegas ao estudo da cultura galega II. Universidade da Coruña. pp. 363–374. ISBN 978-84-9749-517-2. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de febreiro de 2023. Consultado o 9 de febreiro de 2023.
- ↑ García, R. (26 de outubro de 2001). "Una nieta de Pascual Veiga dona a Galicia la partitura original del Himno Gallego". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2020.
- ↑ López, Pablo (20 de decembro de 2006). "Himno gallego con aire flamenco". El País (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2020.
- ↑ Sampedro, Domingos (21 de decembro de 206). "La versión flamenca del himno gallego enfrenta a PSOE y BNG". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2020.
- ↑ "Fragmento da "versión flamenca" do himno galego.".
- ↑ "A Academia celebra o 110º aniversario da estrea do Himno na Habana". Praza.gal. 20 de decembro de 2018. Consultado o 10 de xuño de 2020.
- ↑ "El himno gallego pasa una revisión por su ciento décimo aniversario". galiciapress.es (en castelán). 31 de maio de 2017. Consultado o 11 de xuño de 2020.
- ↑ "Himno galego, 1890 - Wikisource". gl.wikisource.org. Consultado o 2020-09-26.
- ↑ Galicia, Xunta de (2009-01-10). "O himno". Xunta de Galicia. Consultado o 2020-09-26.
- ↑ Zigzag Diario (TVG) (16/03/2023). Manuel Ferreiro, investigador do himno galego.
- ↑ "Rexistrada no Parlamento a proposta de ILP para a restauración do texto orixinal do himno galego". www.cig.gal. 29 de novembro de 2022. Consultado o 4 de setembro de 2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Os Pinos |
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Himno galego |
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Himno galego, 1890 |
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Lei de símbolos de Galicia |
A Galipedia ten un portal sobre: Galicia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cores Trasmonte, Baldomero (1986). Los Símbolos Gallegos (en castelán). Santiago de Compostela: Velograf. ISBN 84-398-4657-6.
- Ferreiro Fernández, Manuel (2007). De Breogán aos Pinos. O texto do Himno Galego. Santiago de Compostela: Edicións Laiovento. ISBN 84-8487-132-0. (primeira edición de 1996)
- Ferreiro Fernández, Manuel (2007). O Himno galego. Documentos históricos 1890 1907. Universidade da Coruña, Universidade de Vigo, Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 978-84-9749-271-3.
- Ferreiro Fernández, Manuel (2008). "A expresión cantada da Nación:historia do himno galego". Terra e Tempo (145-146): 51.
- Ferreiro, Manuel; López-Acuña, Fernando (2007). O himno. Historia, texto e música (PDF). Os símbolos de Galicia (Consello da Cultura Galega). pp. 105–192. ISBN 978-84-96530-46-1. Consultado o 19 de xuño de 2020.
- Filgueira Valverde, Xosé (1991). O Himno Galego. Da "Marcha do Reino de Galicia" a "Os Pinos". Pontevedra: Caixa Pontevedra.
- López Acuña, Fernando. "Pascual Veiga Iglesias". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada 30.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Himno de Galicia na páxina da Xunta de Galicia.
- Páxina coa partitura, letra e música do himno galego
- Himno galego no programa No bico un cantar da TVG.