Terminologia Anatomica
Terminologia Anatomica [TA] (Terminoloxía Anatómica ou Terminoloxía Anatómica Internacional) é o corpo oficial de nomenclatura anatómica creado conxuntamente polo Comité Federal sobre Terminoloxía Anatómica (FCAT) e as 56 Asociacións membros das Asociacións Internacionais de Anatomistas (Federación Internacional de Asociacións de Anatomistas, IFAA). Publicouse en 1998 e substitúe o estándar previo, a Nomina Anatomica [NA].[1] Terminologia Anatomica contén a terminoloxía para aproximadamente 7500 estruturas anatómicas macroscópicas humanas. En 2011 publicouse en liña.[2]
Marco previo á creación dunha nomenclatura unificada
[editar | editar a fonte]A finais do século XIX, existían ao redor de 50.000 nomes anatómicos para as 5000 estruturas descritas. Isto facilitaba a confusión e o caos na terminoloxía, o cal ademais dificultaba o intercambio de traballos científicos, especialmente os anatómicos. Por esta razón, anatomistas de diferentes partes do mundo decidiron reunirse co obxecto de unificar os criterios e determinar un idioma universal nas ciencias anatómicas.[3]
Congresos mundiais de anatomía e as súas determinacións
[editar | editar a fonte]- En 1895, celebrouse unha reunión de anatomistas de todo o mundo en Basilea (Suíza), na que se lle encargou ao anatomista Guillermo Hiss a elaboración do código anatómico, unha lista que constaba de aproximadamente 4500 termos, denominada Nomina Anatomica de Basilea (B:N:A:), e redactada en latín.[3]
- En 1905, en Xénova (Italia) tivo lugar un Congreso Mundial de Anatomía, presidido polo Dr. Waldeyer, onde se propuxo a creación dunha comisión permanente encargada de estudar todo o relativo ao léxico anatómico.[3]
- En 1933, en Inglaterra realizouse unha revisión da nomenclatura, a cal recibiu o nome de Revisión Birmingham (B:R:).[3]
- En 1935, en Jena (Alemaña) celebrouse un Congreso Mundial Extraordinario, coa asistencia de aproximadamente 300 anatomistas do mundo, con 33 representantes, onde se introduciron algunhas modificacións á terminoloxía existente, de maneira que esta revisión se denominou Iena Nomina Anatomica (I:N:A:). Nesta nova terminoloxía eliminábanse os nomes propios, e, a pesar de recomendarse o seu uso e era utilizada na maior parte das universidades, existían algunhas que se opoñían ao seu uso, como a de Francia.[3]
- En 1950, en Oxford (Inglaterra) realizouse o Quinto Congreso, no cal se estableceu o Comité da Nomenclatura Anatómica Internacional (IANC), para traballar na terminoloxía anatómica regularizada, a cargo dos profesores T. B. Johnston e G. A. G. Mitchell.[3]
- En 1955, en París (Francia), tivo lugar o Sexto Congreso Mundial de Anatomía. Neste congreso chegouse a un acordo de adoptar unha nomenclatura latina baseada na Basilea Nomina Anatomica (B:N:A:) e concluíuse na formación dun comité de nomenclatura internacional, o Paris Nomina Anatomica (P:N:A:), cuxos principios foron os seguintes:[3]
- Salvo excepcións, cada estrutura anatómica deberá ser nomeada cun único nome.
- O idioma universal é o latín, traducido ao idioma nativo (do país onde se estude).
- Os termos serán sobre todo memorísticos, pero prefírese que teñan valor descritivo ou informativo.
- Non deben utilizarse os epónimos.
- En 1960, en Nova York, realizouse o Sétimo Congreso Mundial de Anatomía, e nel formáronse subcomisións para a elaboración de nomenclaturas en Histoloxía e Embrioloxía.[3]
- En 1965, en Wiesbaden (Alemaña), efectuáronse as últimas modificacións á terminoloxía, que recibiu o nome de Nomina Anatomica (Nómina Anatómica), e determinouse de forma unánime o seguinte:[3]
- O idioma anatómico é o latín con tradución ao idioma nativo.
- Supresión de epónimos e nomes propios.
- Utilización de planos e eixos anatómicos.
- En 1970, en Leningrado (hoxe Petrogrado, Rusia), realizouse o Noveno Congreso Mundial de Anatomía, e presentáronse tres nóminas: da Anatomía Macroscópica, da Histolóxica ou Microscópica e a do Desenvolvemento ou Embriolóxica, para a súa utilización en todas as escolas de Ciencias da Saúde no mundo.[3]
- En 1975, en Toquio (Xapón), realizouse o Décimo Congreso Mundial, e efectuáronse emendas ás nóminas, coas seguintes conclusións:[3]
- O latín é o idioma universal do estudo das ciencias morfolóxicas (traducido ao idioma vixente onde se estude).
- Cada estrutura debe ter un único nome.
- Descártanse definitivamente os epónimos e nomes propios.
- Os nomes son simples, breves e con valor informativo e descritivo.
- En 1980, en México, levouse a cabo o Undécimo Congreso Mundial de Anatomía, e nel discutiuse e aceptouse definitivamente a nómina anteriormente citada.[3]
- En 1985, en Londres, celebrouse o Duodécimo Congreso Mundial. Implementáronse algunhas características á nómina e recomendáronse textos de ensino nas tres materias (Anatomía, Histoloxía e Embrioloxía), as cales deberían basearse na nómina.[3]
- En 1989, no Río de Xaneiro, realizouse o Décimo Terceiro Congreso Mundial. A Federación Internacional de Asociacións de Anatomía (IFAA) creou un novo comité, o Comité Federal sobre a Terminoloxía Anatómica (FCAT). En resposta á insatisfacción internacional co traballo do Comité Internacional de Nomenclatura Anatómica, o comité federal estaría composto de 20 membros de 16 países e de 5 continentes. A terminoloxía anatómica internacional estaba redactada en latín e debía ser usada como base para xerar as listaxes noutros idiomas. Os principios básicos desta terminoloxía eran:[3]
- Os nomes das estruturas deben ter un valor informativo.
- Suprímense os epónimos debido a que os nomes propios varían entre países.
- Suprímense os homónimos para evitar confusións.
- As estruturas nas mesmas rexións anatómicas deben ter nomes harmonizados.
- En setembro de 1997, en Pequín (China), celebrouse o Décimo Cuarto Congreso Internacional de Nomenclatura. Nel aprobáronse a sexta edición da Terminoloxía Anatómica e a terceira na Nómina Histolóxica e Embriolóxica.[3]
- Do 11 ao 16 de setembro de 1998, tivo lugar en Roma (Italia) o Décimo Quinto Congreso da Federación Internacional de Asociacións de Anatomistas.[3]
- Do 24 ao 29 de abril de 2006, celebrouse nas instalacións da Facultade de Medicina de Costa Rica a 29ª Reunión do Comité Internacional de Terminoloxía Anatómica (FICAT), coa participación de oito expertos do mundo no campo da terminoloxía anatómica.[3]
Categorías de estruturas anatómicas actuais na TA
[editar | editar a fonte]A TA divide as estruturas anatómicas nas seguintes categorías principais (estándar en latín entre paréntese):
A01.0.00.000: Anatomía xeral (anatomia generalis)
- A01.1.00.001: Partes do corpo humano
- A01.2.00.000: Planos, liñas e rexións
A02.0.00.000: Ósos: sistema esquelético (ossa)
- A02.3.04.002: Cavidade torácica (cavitas thoracis) (ósos) (cf. A07)
A03.0.00.000: Articulacións: sistema articular (juncturae)
A04.0.00.000: Músculos: sistema muscular (musculi)
A05.1.00.000: Sistema dixestivo (systema digestorium)
A06.0.00.000: Sistema respiratorio (systema respiratorium)
A07.1.0x.001: Cavidade torácica (cavitas thoracis) (órganos brandos) (cf. A02.3.04.002)
A08.0.00.000: Sistema urinario (systema urinarium)
A09.0.00.000: Sistemas xenitais (systemata genitalia)
- A09.0.00.001: Sistema xenital feminino
- A09.0.00.002: Sistema xenital masculino
A10.1.00.000: Cavidade abdominal e da pelve (cavitas abdominis et pelvis)
A11.0.00.000: Glándulas endócrinas (glandulae endocrinae)
A12.0.00.000: Sistema cardiovascular (systema cardiovasculare)
- A12.1.00.001: Corazón
- A12.2.00.001: Arterias
- A12.3.00.001: Veas
A13.0.00.000: Sistema linfático (systema lymphoideum)
A14.0.00.000: Sistema nervioso (systema nervosum)
- A14.1.00.001: Sistema nervioso central
- A14.2.00.001: Sistema nervioso periférico
- A14.3.00.001: División autónoma. Porción autonómica do sistema nervioso periférico
A15.0.00.000: Órganos dos sentidos (organa sensuum)
A16.0.00.001: Integumento común (integumentum commune)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Terminoloxía Anatómica no Dicionario enciclopédico de Medicina Dorland.
- ↑ Sitio web de Terminologia Anatomica
- ↑ 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 3,14 3,15 3,16 "Cadernos Hospital de Clínicas - Evolución histórica conceptual da Terminoloxía Anatómica". Arquivado dende o orixinal o 20 de xaneiro de 2012. Consultado o 29 de maio de 2010.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Baud RH, PhD, Lovis C, MD, Rassinoux A-M, PhD, Ruch P, MS, Geisssbuhler A, MD. Medical Informatics Division, University Hospitals of Geneva, Switzerland. Controlling the Vocabulary for Anatomy. En inglés.
- Robert Baud, Paul Fabry, Fiammetta Namer, Patrick Ruch, Vincent Griesser, Christian Lovis, Antoine Geissbuhler. Journées Francophones d'Informatique Médicale, Lille. Version Francophone de la Terminologia Anatomica. 12-13 de maio de 2005. En francés.
- Lista en español en iqb.es.
- Lista en xaponés, 2 na Universidade de Keiō.