Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Barcelona

cidade capital de Cataluña

Barcelona (en catalán pronúnciase [bərsəˈɫonə]) é unha cidade situada no nordés da Península Ibérica, capital de Cataluña, da provincia homónima e da comarca do Barcelonès, así como a segunda cidade maior de España. Situada á beira do mar Mediterráneo, atópase a uns 120 km ao sur da cadea montañosa dos Pireneos e da fronteira con Francia, nunha chaira limitada polo mar ao leste, a serra de Collserola ao oeste, o río Llobregat ao sur e o río Besòs ao norte. É coñecida co alcume da "Cidade Condal" (Ciutat Comtal), por ser a capital do antigo Condado de Barcelona.

Modelo:Xeografía políticaBarcelona
Imaxe

AlcumeLa rosa de foc, Cap i Casal de Catalunya, Ciutat Comtal e Ciudad Condal Editar o valor en Wikidata
Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 41°22′57″N 2°10′37″L / 41.3825, 2.1769
EstadoEspaña
Comunidade autónomaCataluña
Provinciaprovincia de Barcelona
Ámbito funcional territorialÁmbito metropolitano de Barcelona
ComarcaBarcelonès Editar o valor en Wikidata
Capital de
CapitalCidade de Barcelona Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación1.660.122 (2023) Editar o valor en Wikidata (16.388,17 hab./km²)
Número de fogares664.476 (2020) Editar o valor en Wikidata
Lingua oficiallingua catalá
lingua castelá
lingua occitana Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
DioceseArquidiocese católica latina de Barcelona Editar o valor en Wikidata
Superficie101,3 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porMar Mediterráneo, Río Besòs e Río Llobregat Editar o valor en Wikidata
Altitude9 m-12 m Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoMonte Tibidabo (512 m) Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Evento clave
Día festivo
Santo padrónVirxe da Mercede Editar o valor en Wikidata
Organización política
Órgano executivoConcello de Barcelona (Escano: 41) Editar o valor en Wikidata
• Alcalde Editar o valor en WikidataJaume Collboni (2023–) Editar o valor en Wikidata
Membro de
Identificador descritivo
Código postal08001–08042 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Prefixo telefónico93 Editar o valor en Wikidata
Código INE08019 Editar o valor en Wikidata
Código territorial IDESCAT080193 Editar o valor en Wikidata
Outro
Irmandado con

Sitio webbarcelona.cat Editar o valor en Wikidata
Facebook: 100064625981931 Twitter: barcelona_cat Instagram: barcelona_cat LinkedIn: ajuntament-de-barcelona Youtube: UCfYHwLzX2Acm66XoJMaaGLw Pinterest: bcncat Flickr: barcelona_cat BNE: XX450579 Souncloud: ajuntamentbcn Editar o valor en Wikidata

Cunha poboación de 1.620.809 habitantes, é a segunda cidade máis poboada de España e da península tras Madrid,[1] e a undécima da Unión Europea. A súa área metropolitana, integrada por 36 concellos, ten unha poboación de 3.161.081 habitantes e unha superficie de 633 km². Esta área é a delimitación como núcleo urbano definida oficialmente, con todo a Rexión Urbana de Barcelona, que se estendería por todo a área de influencia da cidade, chega aos 4.928.852 habitantes cunha densidade de poboación de 1.496 hab/km².[2]

Foi escenario de diversos eventos mundiais, que contribuíron a configurar a cidade e darlle proxección internacional. Os máis relevantes foron a Exposición Universal de 1888, a Exposición Internacional de 1929, os Xogos Olímpicos de verán de 1992 e o Fórum Universal das Culturas 2004. É tamén sede do secretariado da Unión polo Mediterráneo.[3]

Actualmente é recoñecida como Cidade global pola súa importancia cultural, financeira, comercial e turística. Posúe un dos portos máis importantes do Mediterráneo e é tamén un importante punto de comunicacións entre España e Francia, debido ás conexións por autoestrada e tren de alta velocidade. O aeroporto de Barcelona-El Prat foi utilizado por máis de 44 millóns de pasaxeiros en 2016.[4]

Xeografía

editar

Localización

editar
 
Vista aérea.
 
Panorámica da cidade.
 
Evolución da liña de costa no distrito de Ciutat Vella.

Situada na costa do mar Mediterráneo, entre as desembocaduras dos ríos Llobregat, ao sueste, e Besòs, ao nordeste, limita ao norte cos concellos de Santa Coloma de Gramenet e Sant Adrià de Besòs; ao sur con El Prat de Llobregat, L'Hospitalet de Llobregat, Esplugues de Llobregat, Sant Just Desvern, Sant Feliu de Llobregat e Molins de Rei; ao leste co mar; e ao oeste con Montcada i Reixac, Cerdanyola del Vallès e Sant Cugat del Vallès.

Ademais, ten unha pequena parte do seu termo municipal na vertente do Llobregat da serra de Collserola. Trátase da parte de Vallvidrera e Les Planes, ademais do enclave de Santa Creu d'Olorda, a medio camiño entre o Vallès Occidental e o Baix Llobregat.

O territorio da cidade amosa tres zonas ben diferenciadas: a serra de Collserola (co cumio do Tibidabo coma punto máis alto, de 512 metros), os deltas dos ríos Besòs e Llobregat que xuntamente co litoral do mar establecen os límites da cidade. Algunhas partes que están preto da serra están tamén poboadas e urbanizadas: El Carmel (267 m), La Rovira (261 m), El Putget (181 m), La Perita (133 m) e Monterols (121 m). Pero a cima máis coñecida, xusto encima da liña da costa e separando a cidade do delta do Llobregat, é a montaña de Montjuïc (184,8 m).

Liña de costa

editar

A liña de costa trocou co paso do tempo, até o punto que na época prehistórica chegaba a onde hoxe en día se atopa a Plaça de Catalunya. Os terreos sobre os cales se asentou a Barceloneta non existían un século e medio antes da construción deste barrio. Estes terreos son froito da formación de sedimentos de area arrastrada polas correntes mariñas providas do norte e que foron contidas polo espigón do porto construído en 1640. A existencia da illa de Maians (onde actualmente está a estación de França) contribuíu á fixación da area e á formación da lingua de terra da Barceloneta.

 
Climograma de Barcelona.

Barcelona ten un clima mediterráneo mais coas características dun microclima urbano e coas particularidades de estar situado ao norte do Mediterráneo. Os invernos son curtos, frescos e relativamente húmidos, a maioría dos anos non chega a xear. Os meses de xaneiro e febreiro as temperaturas medias están arredor dos 10 °C e as máximas medias superan os 13 graos. Os veráns son relativamente secos, longos e cálidos (porén en xullo e agosto as temperaturas máximas diarias non acostuman a superar os 30 °C xa que sopra o vento do mar para a terra). A máxima temperatura rexistrada na cidade foi de 38,6 °C[5], o 13 de agosto de 2003, e 39,8 °C[6] no observatorio Fabra, situado a uns 450 m de altitude no Tibidabo, o 5 de xullo de 1982. A temperatura mínima foi de -10 °C, rexistrada no mesmo observatorio o 11 de febreiro de 1956.

Respecto á pluviometría o total anual está preto dos 600 litros. Aprécianse dous máximos de precipitación: o outono (o máis acusado) e a primavera (máximo secundario). O mes máis chuvioso é outubro cuns 96 litros seguido de setembro con 76 litros. Os meses máis secos son xullo (27 mm) e xuño (38 mm). Hai unha media de 90 días de chuvia (contando só os días con precipitacións meirandes de 0,2 litros) sendo o mínimo 1,9 días de chuvia no mes de xullo e o máximo de 5,7 en maio.[7]

  Parámetros climáticos medios nun observatorio a 175 metros de altitude
Meses[8] xan feb mar abr mai xuñ xul ago set out nov dec Anual
Temperaturas medias (ºС) 9,1 10,3 11,8 14,1 17,4 21,2 24,2 24,1 21,6 17,5 13,1 9,9 16,2
Precipitacións medias (mm) 38,0 37,5 47,0 47,2 43,8 37,7 27,5 43,8 76,3 96,2 51,2 43,7 590,1

Historia

editar
Artigo principal: Historia de Barcelona.

Idade Antiga

editar

Os primeiros rastros de poboación na área da cidade remóntanse ao final do neolítico (2000 a 1500aC.). Con todo, os primeiros poboadores destacados non aparecen ata os séculos VII-VI a.C., os laietanos, un pobo ibero. Durante a segunda guerra púnica, os cartaxineses tomaron a cidade, refundada por Hamílcar Barca, pai de Haníbal, en efecto, o nome de Barcelona segundo as tradicións deriva do apelido cartaxinés Barca. Tras a derrota daquel pobo pola crecente dominación dos romanos, estes tomaron a cidade e bautizárona como Colonia Julia Augusta Paterna Faventia Barcino no ano 15 a.C. No mapamundi de Claudio Tolomeo aparece co nome Barcino. Barcino tomou forma de castrum ou fortificación militar nos seus primeiros tempos aínda que o comercio foi reorientando á importancia da cidade; no século III foi amurallada por orde do emperador romano Claudio II e xa contaba cunha poboación de entre 4.000 e 8.000 habitantes.

Idade Media

editar

Os visigodos, tras a súa chegada no século V, convertérona durante poucos anos en capital dos territorios hispanos. No século VIII foi conquistada por Al-Hurr, pero retomada a territorio cristián por Ludovico Pío do Imperio Carolinxio en 801, incorporándoa á Marca Hispánica. Os ataques musulmáns non cesaron, e en 985 as tropas de Almanzor destruíron practicamente toda a cidade. Borrell II iniciou a reconstrución dando paso ao florecente período condal. Durante este período a cidade destacou entre as terras catalás e o conxunto do dominio da Coroa de Aragón, e foi de onde partiron numerosas tropas e recursos cara á empresa de tomar novas posesións. A cidade floreceu e chegaría a ser unha das principais potencias mediterráneas nos séculos XIII e XIV, a cidade era o principal centro dunha monarquía, e chegaba a destacar no plano comercial, aínda que por baixo de Xénova e Venecia, que dominaban o comercio Mediterráneo e entre Europa e Asia.

 
Plano francés de 1698 da cidade con indicacións para un plan de asedio.

Idade Moderna

editar

A decadencia iniciouse a partir do século XV con altibaixos, e prolongaríase ao longo dos séculos seguintes. As tensións derivadas da unión dinástica con Castela, iniciada co matrimonio entre Fernando II de Aragón e Isabel de Castela, alcanzou o seu momento culminante na guerra dos Segadores, entre 1640 e 1651, e máis tarde, coa guerra de sucesión (de 1706 a 1714), que significou a desaparición das institucións propias de Cataluña, aínda que tamén significou o rexurdir económico da cidade grazas á integración co resto do país recentemente formado (España), e ao comercio con América.

Revolución industrial

editar
 
Distribución das mazás no Eixample de Barcelona.

A recuperación económica iniciada no final do século XVIII e a industrialización no século XIX propiciaron que volvese converterse nun importante centro político, económico e cultural, á fronte da chamada Renaixença (Renacemento), cabe destacar no proceso de industrialización o monopolio de comercio téxtil entre a España e a Cuba que foi fixado en Barcelona, nun momento de crise na industria téxtil de algodón, e que asentou a industrialización na Cataluña, e o diferencial de crecemento, mentres que outras partes do país a industria languidecía ante a crise. Outra consecuencia deste monopolio téxtil no século XIX entre Barcelona e Cuba, foi a queixa dos cubanos acerca da teoría do embude, ancha para a España e estreita para a Cuba, e que foi por mor do malestar cubano e que xerou revoltas e o movemento de independencia á busca da igualdade económica co apoio dos Estados Unidos. A cidade puido derrubar as súas murallas e anexionou en 1897 seis municipios limítrofes, o que lle permitiu crecer e planificar o seu desenvolvemento urbano e industrial liderado polo plan do Eixample de Ildefons Cerdà. Foi tamén sede de dúas Exposicións Universais en 1888 e 1929.


Século XX

editar

No inicio do século XX destacaron tanto o crecemento económico (especialmente derivado da primeira guerra mundial) como a proliferación de novas ideoloxías acollidas por amplos tramos de poboación, especialmente a obreira. O impulso gobernamental promoveu o Metro e o Porto. No entanto, a crise do 29 que golpeou duramente a España e posteriormente o inicio da guerra civil española paralizou todo crecemento durante unha década. A pesar de defender á II República, a cidade foi foco de rebelións internas e pelexas entre partidos que nin a cidade nin o goberno da República puideron controlar. A cidade foi bombardeada en varias ocasións e o avance das tropas franquistas acadou a cidade no final de xaneiro de 1939.

A ditadura militar designou a Barcelona como polo de desenvolvemento promovendo unha intensa industrialización que deu lugar a unha forte e prolongada inmigración maioritariamente procedente do sur da Península. As novas condicións sociais e económicas dinamizaron a cidade e transformaron radicalmente o trazado urbano, destacando a aparición de populosos barrios obreiros e de importantes vías de comunicación. O metro expandiuse e apareceron os trolebuses (década de 1940) diversificando o transporte. A rede de ferrocarrís fíxose máis densa e moderna, mentres o aeroporto tamén gañaba relevancia. Con todo, a grande aposta do transporte barcelonés, comparado con outras grandes e medianas cidades, foi o impulso do vehículo privado, para o que se construíu unha densa rede de aparcadoiros subterráneos.

Tras a morte do xeneral Franco e os difíciles inicios do período democrático, a cidade beneficiouse, como o resto do Estado, dun novo impulso económico moi influído pola integración na Unión Europea (1986), que desembocou en modernos proxectos culturais e urbanísticos. Entre eles destaca a organización dos Xogos Olímpicos de 1992. Devandito evento, que contou co apoio económico e organizativo de toda España, resultou un novo motor do desenvolvemento urbanístico.


Vista desde o templo do Tibidabo. 

Vista desde o templo do Tibidabo.


Demografía

editar

Barcelona ten un total de 1.628.090 habitantes, deles 774.890 son homes e 853.200 mulleres, segundo datos do departamento de estatística do concello, elaborados a partir dos datos do padrón de 2008.[9] En 2007 tiña 1.603.178 habitantes.

O censo máis antigo do que se teñen datos foi o de xullo de 1652, cando Barcelona tiña 14.425 habitantes. O censo de 1787 incorpora Vallbona; en 1860, la Barceloneta; en 1897, les Corts, Gràcia, Sant Andreu de Palomar, Sant Gervasi de Cassoles, Sant Martí de Provençals e Sants; en 1904, Horta; e en 1921, Sarrià que previamente xa incorporara Vallvidrera (1890) e Santa Creu d'Olorda (1915).

Economía

editar
 
Centro de Convencións Internacional de Barcelona.
 
Plaça d'Espanya desde o Palau Nacional.

Barcelona foi historicamente e é unha cidade moi afín a industria. Foi a primeira cidade na España en acoller a revolución Industrial e aínda que tivo algunhas crises económicas é aínda hoxe o maior centro industrial do país.

O porto de Barcelona converteuse nos pasados anos no máis importante do Mediterráneo en tonelaxe de mercancías e contedores. Tamén é o primeiro porto mediterráneo en número de cruceiros que fan escala na cidade. No 2008 conectouse con Madrid mediante a alta velocidade ferroviaria, e nos vindeiros anos unirase coa fronteira con Francia e Valencia.

Centro cultural, económico e político, Barcelona segue sendo un referente non só dentro da España senón tamén no conxunto da Unión Europea.


Política

editar

Administracións públicas

editar
 
Palau de la Generalitat de Catalunya.
 
A Casa Serra, sede da Deputación de Barcelona.
 
Fachada do Concello de Barcelona.

En Barcelona hai presentes catro administracións políticas, con diferentes niveis de responsabilidade e competencias:

  • A Administración Xeral do Estado ocúpase de cuestións como a seguridade (Corpo Nacional de Policía e Exército), a Xustiza, a xestión de portos e aeroportos, os trens de Renfe, e as costas, entre as competencias máis destacadas. Estas competencias son coordinadas polo Delegado do Goberno en Cataluña e o subdelegado do goberno de Barcelona, que son designado polo Goberno de España, e que teñen a sede na Delegación do Goberno. Actualmente o Corpo Nacional de Policía só ten algunhas competencias, como a expedición do DNI ou a loita contra o terrorismo xa que o resto de competencias foron transferidas aos Mossos d'Esquadra, policía autonómica da Generalitat.
  • A Generalitat de Cataluña é o goberno autonómico de Cataluña, e ten as sedes das súas institucións en Barcelona, como son o Parlamento de Cataluña, situado no Parque da Ciutadella, ou o Palau de la Generalitat, sede da Presidencia da Generalitat, situado na Plaça de Sant Jaume. A Generalitat escóllese por sufraxio universal en eleccións celebradas cada catro anos en toda Cataluña, e ten amplas competencias sobre a xestión da cidade, desde educación, asuntos sociais, tránsito, políticas económicas, comercio etc. Tamén é a responsable da construción de equipamentos como hospitais, escolas, universidades, residencias para a terceira idade.
  • A Deputación de Barcelona (Diputació de Barcelona) é o organismo público con menores competencias na cidade. Actualmente preside o padroado que se ocupa do mantemento do parque da serra de Collserola, e dalgúns outros parques e edificios públicos na cidade. Tamén xestiona algúns museos e é titular dunha ampla rede de bibliotecas públicas xestionada conxuntamente cos concellos.
  • O Concello de Barcelona (Ajuntament de Barcelona) é o organismo con maiores competencias e funcionarios públicos na cidade, xa que regula a vida diaria dos cidadáns, e importantes asuntos como a planificación urbanística, os transportes, a recadación de impostos municipais, a xestión da seguridade viaria mediante a Garda Urbana (Guàrdia Urbana), o mantemento da vía pública (asfaltado, limpeza...) e dos xardíns. Tamén é o responsable da construción de equipamentos municipais como garderías, polideportivos, bibliotecas, residencias para a terceira idade, vivendas de protección pública, entre outros.

Goberno municipal

editar

O goberno do concello escóllese por sufraxio universal en eleccións celebradas cada catro anos.

O poder do concello estrutúrase en dous niveis, xa que o concello dividiu a cidade administrativamente en dez distritos. Hai un nivel de competencias municipais xeral, dirixido directamente polo alcalde e o seu equipo de goberno, e que se ocupa das cuestións máis xerais e importantes da cidade, que se aplican a toda a cidade.

Por outra banda existe outro nivel de competencias, delegadas nos distritos. Así, cada distrito ten o seu propio centro político e administrativo, que funciona como un ente político con competencias propias, que axudan a descentralizar a política da cidade e que os cidadáns sentan a administración máis próxima. Cada distrito, como un pequeno concello territorial, ten a súa propia sala de plenos onde se debaten as cuestións políticas, e o seu propio equipo de goberno, dirixido por un xerente (concelleiro). A xerencia do distrito fórmase en función do número de votos que cada partido recibe, en cada distrito, nas eleccións municipais. Así, sucede que, aínda que o goberno da cidade recaia nun determinado partido, un ou varios distritos sexan gobernados por outra formación política.

Actual distribución do Concello

Partidos políticos no Concello de Barcelona

Partido político Concelleiros
  Esquerra Republicana de Catalunya (ERC)
10
  Barcelona en Comú (BeC)
10
  Partit dels Socialistes de Catalunya (PSC)
8
  Barcelona pel Canvi-Ciutadans
6
  Junts per Catalunya
5
  Partit Popular Català (PPC)
2

Alcaldía

editar
 
Jaume Collboni goberna a cidade dende 2023.

Desde a restauración da democracia en España, en todas as eleccións municipais anteriores ás de 2011, o partido político máis votado fora o Partido Socialista de Cataluña, pero tras as eleccións municipais do 22 de maio de 2011 o partido máis votado e con maior representación foi Convergència i Unió, con Xavier Trias á cabeza.[10] Nas eleccións municipais de España de 2015 CiU foi derrotada pola candidatura Barcelona en Comú, que logrou os apoios de ERC, o PSC e a CUP, polo que a activista Ada Colau foi investida alcaldesa e gobernou até 2023. Dende ese ano, goberna Jaume Collboni do PSC.

Período Alcaldes/esas Partidos políticos
1979–1982 Narcís Serra   PSC
1982–1997 Pasqual Maragall   PSC
1997-2006 Joan Clos   PSC
2006-2011 Jordi Hereu   PSC
2011-2015 Xavier Trias   CiU
2015-2023 Ada Colau   BeC
2023-presente Jaume Collboni   PSC

Distritos e barrios

editar
 
Distritos de Barcelona.

Barcelona divídese administrativamente en 10 distritos. Cada distrito funciona como un ente político con competencias propias, que axudan a descentralizar a política da cidade e que os cidadáns sentan a administración máis próxima. A división territorial dos distritos responde a cuestións históricas da cidade. A maioría dos distritos corresponden a antigos municipios independentes que foron anexionados á cidade durante os séculos XIX e XX, e que aínda conservan a súa propia personalidade. Os cidadáns barceloneses máis anciáns aínda identifican Barcelona unicamente co distrito de Ciutat Vella (véxase mapa).

Os 10 distritos son:

A actual división dos barrios oficiais foi proposta polo concello no final do 2006 e ratificada e aprobada polo consistorio barcelonés a principios do 2007. Aínda despois da súa aprobación, existen queixas dos veciños sobre os nomes dalgúns barrios (como, por exemplo, Antics Palaus) así como dos límites destes.

 
Panorámica de Barcelona dende Montjuïc (2007).

Lugares de interese

editar
 
Parada de flores nas Rambles.

Un dos lugares de maior atractivo e concorrencia son Les Rambles, paseo situado entre a Plaça de Catalunya, centro da cidade, e o porto antigo. Alí atópanse quioscos de prensa, de flores, de paxaros e animais domésticos, cafeterías, restaurantes e comercios. Preto do porto atópanse instalados mercadillos, así como pintores e debuxantes de todo xénero, destacando a zona pola súa índole artística e cosmopolita.

 
Gran Teatre del Liceu.

Paseando por Les Rambles poden admirarse varios edificios de interese, como o Palau de la Virreina, o mercado de La Boqueria e o famoso Gran Teatre del Liceu, no que se representan óperas e ballets. Unha rúa lateral de poucos metros de lonxitude, conduce á Plaça Reial, unha praza con palmeiras e edificios con soportais que albergan cervexarías e restaurantes, e na que se reúnen as fins de semana os coleccionistas de selos e de moedas.

O paseo das Rambles termina xunto ao porto antigo, onde a estatua de Cristovo Colón sinala cara ao mar. A dous pasos atópase o Museo Marítimo, dedicado sobre todo á historia naval no Mediterráneo, e no que se exhibe a reprodución a escala real dunha antiga galera de combate. O museo está situado nos estaleiros da Idade Media, onde se construían os barcos que navegaban por todo o Mediterráneo. O porto antigo ofrece outros atractivos, como un centro de lecer, con comercios, restaurantes, un cine IMAX, e como centro documental, cun acuario da fauna mariña mediterránea (l'Aquàrium).

Barrio antigo

editar
 
Catedral.

O Barrio Antigo da Barcelona ten algunhas das obras da mocidade do arquitecto Antonio Gaudí como o Palau Güell ou os postes de luz da Plaça Reial.

O edificio modernista máis emblemático do Barrio Antigo é, sen dúbida ningunha, o Palau de la Música Catalana obra do arquitecto Lluís Domènech i Montaner, construído no ano 1908. Tamén atopamos a catedral de Barcelona, edificio gótico construído entre os séculos XIII e XV. A fachada principal é neogótica, do século XIX. Neste barrio atopamos a Plaça de Sant Jaume, onde estaba o cruzamento do cardos e decumanus da cidade romana, que acolle os edificios da Generalitat de Cataluña e o Concello de Barcelona.

No barrio da Ribera atopamos a basílica de Santa Maria del Mar, de estilo gótico, construída entre 1329 e 1383. Xunto á igrexa atopamos unha praza, o Fossar de les Moreres, con elementos conmemorativos aos cataláns caídos durante o asedio de Barcelona de 1714, durante a guerra de sucesión española. Atopamos tamén o modernista Mercado do Born, construído con ferro e vidro; a Llotja de Mar, edificio neoclásico onde se reunían os mercadores da cidade; e o Museo Picasso, con máis de 3.500 obras de Picasso.

Montjuïc

editar
 
Museo Nacional de Arte de Cataluña, situado en Montjuïc.

O outeiro de Montjuïc, hoxe convertido todo el nun parque urbano, localízase sobre o porto, presidido pola fortaleza do mesmo nome, o castelo de Montjuïc, e contén diversos xardíns temáticos e senlleiros: Mossèn Costa i Llobera (cactos), Joan Maragall (bolbos), Joan Brossa (antigo parque de atraccións), Laribal (á volta da Font del Gat). Instalacións deportivas como o Estadio Olímpico de Montjuïc sede central dos Xogos Olímpicos de Barcelona 1992, tamén coñecido como Estadio Lluís Companys, acompañado tamén alí co Palau Sant Jordi e as Piscinas Bernat Picornell.

Tamén contan con importantes equipamentos culturais: Museo Nacional de Arte de Cataluña, Fundación Joan Miró, CaixaFòrum, Museu Militar, e a Ciutat del Teatre (xa ó límite co barrio do Poble-sec).

Ciutadella

editar
 
O Parlamento catalán na Ciutadella.

O parque da Ciutadella, que ten unha superficie de máis de 17 hectáreas, é o espazo onde se celebrou a Exposición Universal de 1888. O parque construíuse sobre os terreos da antiga fortaleza da Ciutadella, construída por Filipe V en 1716 para controlar a cidade. Desta consérvanse algúns edificios como a Capela castrense, o Palau del Governador, actual instituto, e o Polvorí, sede do Parlament de Catalunya. A Ciutadella foi derruída a partir de 1868.

Daquela época consérvanse o Arc de Triomf, de estilo neomudéxar, e o actual Parque Zoolóxico (el Zoo), onde estaba o café-restaurante.

Ó sur do parque atopamos a estación de França, edificio monumental modernista que actualmente é a segunda estación ferroviaria en importancia da cidade, e que está cuberta por dúas marquesiñas metálicas.

Porto Olímpico e Vila Olímpica

editar
 
O Hotel Arts (esquerda) e a Torre Mapfre (dereita).

O Porto Olímpico foi construído con motivo dos Xogos Olímpicos de 1992, e converteuse nun espazo lúdico con restaurantes, bares de moda e discotecas. Está dentro da Vila Olímpica, barrio creado como residencia dos deportistas participantes nas Olimpiadas.

Cómpre destacar os dous rañaceos inaugurados en 1992: o Hotel Arts e a Torre Mapfre, que cos seus 154 metros de altura son os rañaceos máis altos da cidade. Na mesma zona están o Zoo de Barcelona, a escultura "Peix d'or" de Frank Gehry entre as torres, o Gran Casino de Barcelona e o Hospital del Mar, que data do 1905, así como varios restaurantes, bares, cines e praias.

Actualmente a zona é un importante centro turístico e de lecer da capital catalá.

L'Eixample e o Passeig de Gràcia

editar
 
A Sagrada Familia.

Trátase do barrio que se comezou a construír a partir de 1860 segundo o proxecto de Ildefons Cerdà, para ampliar a cidade cara ó plano de Barcelona. As rúas forman unha cuadrícula regular.

L'Eixample é o lugar da cidade onde se atopan a maior parte dos edificios de estilo modernista. O máis destacado é o Templo expiatorio da Sagrada Familia, obra inacabada de Antoni Gaudí, que é o monumento máis visitado de España.[11] O templo foi dedicado ao culto e declarado basílica por Bieito XVI en 2010.

Outro elemento turístico da cidade é o Passeig de Gràcia, unha das rúas máis célebres. O paseo une o barrio de Gràcia coa céntrica Plaça de Catalunya. Nel atópanse obras dos tres principais arquitectos cataláns:

O Parc Güell

editar
 
Réptil localizado no Parc Güell.

O Parc Güell foi unha encarga do Conde Güell a Antoni Gaudí. Este parque foi pensado como un barrio de luxo para familias ricas da cidade. Neste parque (declarado Patrimonio da Humanidade no ano 1984) a natureza e a arquitectura compóñense e compleméntanse.

Dentro do parque cabe destacar que moitas das superficies están cubertas de trencadís, anacos de cerámica ou vidro en forma de mosaicos de cores, como por exemplo o dragón. No centro do parque hai unha gran praza baleira parcialmente sostida pola Sala das cen columnas, formada por 86 columnas que semellan estalagmitas. Na entrada principal do parque hai dous edificios de puro estilo gaudinista, con tellados de curvas suaves, apéndices estraños e motivos xeométricos.

Praias

editar
 
Praia da Barceloneta.

Na costa hai 7 praias, as máis coñecidas son a praia de Sant Sebastià e a da Barceloneta. A gran recuperación da fronte marítima non comezou ata que se organizaron os Xogos Olímpicos de 1992, anteriormente na década de 1980 abriuse o Moll de la fusta, para os Xogos Olímpicos recuperouse a zona do Porto Olímpico e a praia da Nova Icària ata a praia do Bogatell, zona onde houbo o barrio de barracas de Somorrostro. No final da década de 1990 recuperouse a praia de La Mar Bella e a de La Nova Mar Bella e coa chegada do Fórum Universal das Culturas recuperouse o último tramo, a praia de Llevant, onde nun futuro estará o Zoo mariño.[12]

 
O Camp Nou durante un partido Barça-Chelsea.

O Camp Nou é o estadio do Futbol Club Barcelona. Cunha capacidade para preto de 100.000 persoas, é o estadio con máis capacidade de Europa. Está sito no barrio de Les Corts e ten a categoría de 5 estrelas outorgada pola UEFA. No mesmo estadio está o Museo do Futbol Club Barcelona, que exhibe, entre outros obxectos, os trofeos conseguidos por tódalas seccións deportivas do club ó longo da historia.

Outras instalacións a destacar son o Palau Blaugrana, onde xogan os equipos de baloncesto, balonmán, hóckey sobre patíns e fútbol sala do FC Barcelona; o Mini Estadi, o Palau de Gel e a tenda oficial.

Transporte

editar
 
Port Vell.

Portos

editar

O Porto de Barcelona é un dos portos marítimos máis importantes do mar Mediterráneo. É o porto líder en cruceiros en Europa,[13] a proximidade ao centro da cidade converteuno nun importante destino de cruceiros. Ocupa 828,9 e ten 20 km de peiraos. O porto está formado por 12 sectores pero as tres áreas máis importantes son o Port Vell, o porto comercial e o porto loxístico.

Alén do porto histórico, na cidade tamén hai o Port Olímpic de carácter deportivo, construído para os Xogos Olímpicos de 1992, e o máis recente atópase nos límites de Barcelona con Sant Adrià de Besòs, chamado Port Fòrum Sant Adrià atópase no parc del Fòrum, recinto construído para o Fórum Universal das Culturas 2004.

Aeroporto

editar
Artigo principal: Aeroporto de Barcelona-El Prat.

Ten como aeroporto principal o aeroporto do Prat ou Aeroporto Internacional de Barcelona, situado no concello de El Prat de Llobregat en pleno delta do Llobregat. Atópase a 10 km ao suroeste da cidade, con máis de 44 millóns de pasaxeiros en 2016 e máis de 300.000 operacións, é o segundo aeroporto de España. Ten conexións coas principais cidades europeas e algúns enlaces intercontinentais, e ten unha zona adicada á "ponte aérea" que enlaza con voos a Madrid cada hora. O 16 de xuño de 2009 quedou inaugurada oficialmente a terminal 1.

Actualmente, grazas ás compañías de low cost, o aeroporto de Reus e o de Xirona-Costa Brava á parte de seren utilizados polos residentes de ambas as cidades, habitualmente turistas que teñen como destino Barcelona e tamén barceloneses utilizan as instalacións destes dous aeroportos citados. Algunhas liñas de autobús enlazan a maioría de voos de Reus e Xirona en menos dunha hora.

Transporte público

editar
 
Taxi de Barcelona.

A compañía de tráfico, Transports Metropolitans de Barcelona (TMB), xestiona os autobuses, o metro de Barcelona, un bus turístico, o funicular de Montjuïc, o funicular do Tibidabo, o teleférico de Montjuïc e o Tramvia Blau. Máis recentemente hai varias liñas de tranvías modernos como o Trambaix e o Trambesòs. Tamén conta cunha rede de trens que comunican a cidade coas da súa área metropolitana e co resto da Cataluña e a España. Desde o 2007 hai un servizo público de alugueiro de bicicletas co nome de Bicing.

Tamén conta cunha importante frota de taxis, caracterizados polas cores negra e amarela. En Barcelona hai 207 paradas de taxi[14] e a rede da área metropolitana está constituída por máis de 10.000 vehículos.

Autobuses

editar
 
Autobús articulado.

O servizo está xestionado pola empresa TMB. Esténdese por gran parte da área metropolitana e inclúe 109 liñas que cobren máis de 920 km, con máis de 1.000 vehículos, todos eles adaptados para persoas con eivas de mobilidade[15]. A velocidade media dos autobuses é de 11,55 km/h[16]. Os autobuses urbanos transportaron, no 2007, 210,5 millóns de viaxeiros. O servizo de autobuses en horario nocturno chámase Nit Bus e ten unha menor frecuencia de paso e menos liñas que durante o día.

O Bus Turístico de Barcelona é un autobús que facilita os itinerarios ós turistas. O 2006 foi utilizado por 1,9 millóns de persoas.

Artigo principal: Metro de Barcelona.
 
Metro de última xeración.
 
Estación de Can Peixauet (L9).

A primeira liña do metro de Barcelona inaugurouse en 1924 e actualmente ten nove liñas operativas entre os operadores TMB e FGC, e dúas máis (L9 e L10) nas que só un tramo está operativo e o resto en construción, que suman máis de 150 km e máis de 200 estacións en varias cidades, á parte de varias prolongacións das liña existentes. A liña 11 é de metro lixeiro.

Liñas Apertura
da liña
Percorrido
L1  1926 Hospital de Bellvitge - Fondo
L2  1995 Paral·lel - Pep Ventura
L3  1924 Zona Universitària - Trinitat Nova
L4  1973 Trinitat Nova - La Pau
L5  1969 Cornellà Centre - Vall d'Hebron
L6  1863 Pl. Catalunya - Sarrià
L7  1954 Pl. Catalunya - Avinguda Tibidabo
L8  1912 Ciutat Cooperativa
L9 Nord  2009 La Sagrera - Can Zam
L9 Sud  2016 Zona Universitària - Aeroport T1
L10  2010 La Sagrera - Gorg
L10  2018 Foc - Collblanc
L11  2003 Trinitat Nova - Can Cuiàs
L12  2016 Sarrià - Reina Elisenda

Tranvías

editar
 
Trambaix.
 
Tramvia Blau.

O tranvía da empresa Tramvia Metropolità (TRAM) consta de seis liñas, as tres primeiras co nome de Trambaix e o resto como Trambesòs, dependendo da zona de actuación. O Trambaix púxose en marcha o 3 de abril do 2004, as tres liñas que o forman teñen a maioría das paradas en común e outras polas que só circulan os trens dunha liña. O Trambesòs estreouse o 8 de maio de 2004. Actualmente está en proceso a redacción o proxecto da interconexión das dúas redes de TRAM a través da avinguda Diagonal.

Liñas Percorrido
T1  Francesc Macià - Bon Viatge
T2  Francesc Macià - Llevant - les Planes
T3  Consell Comarcal
T4  Vila Olímpica - Sant Adrià
T5  Glòries - Gorg
T6  Sant Adrià - Gorg

O Tramvia Blau xestionado por TMB percorre a avinguda del Tibidabo unindo a estación de Avinguda Tibidabo da L7 dos FGC coa estación inferior do Funicular do Tibidabo.

 
A estación de Sants, principal estación da cidade.

Barcelona é un importante nó de liñas férreas, desde aquí parten as liñas de Renfe Operadora que van para Mataró e Maçanet, Xirona e Francia, Manresa e Lleida, Vilanova i la Geltrú e Valls, Martorell, Vilafranca del Penedès e Tarragona. Á parte das liñas de Ferrocarrils de la Generalitat de Catalunya (FGC) que conectan coas comarcas do Vallès Occidental, Baix Llobregat, Anoia e Bages. A estación de Sants é a estación principal da cidade e a primeira estación ferroviaria española en traxectos internacionais. Outras estacións importantes son a estació de França e a estació de Passeig de Gràcia.

O ferrocarril chegou por vez primeira o 28 de outubro de 1848 coa liña Barcelona-Mataró. Actualmente Renfe Operadora e Ferrocarrils de la Generalitat de Catalunya (FGC) xestionan a gran rede de proximidades. Barcelona tamén é orixe dun importante número de trens rexionais xestionados por Renfe que comunican a cidade coas localidades catalás sitas a máis de 80 km de distancia, incluíndo as tres capitais de provincia. Tamén hai moitos servizos de longa distancia que chegan a toda España e a outras cidades europeas. O AVE une tamén desde febreiro de 2008 Madrid e Barcelona a través da LAV Madrid-Zaragoza-Barcelona-Fronteira francesa. Desde 2013, coa prolongación da liña ata Francia, está unida con París, Lión, Tolosa e Marsella.

Bicing

editar
 
Bicicleta do Bicing.
Artigo principal: Bicing.

O Bicing é un servizo de compartición de bicicletas só permitido para os empadroados en Cataluña, para que as tendas de alugueiro de bicicletas non perdan os turistas como clientes. Xestionado pola empresa B:SM (Barcelona de Serveis Municipals), inaugurouse o 22 de marzo de 2007. Está previsto que se estenda a todo a área metropolitana, aínda que en principio se trataría de dous servizos diferentes e incompatibles.[17]

Estrada

editar
 
A Ronda del Litoral no barrio da Verneda.

Barcelona permite o tráfico rápido grazas a dúas roldas urbanas: a Ronda de Dalt (ó lado das montañas) e a Ronda del Litoral (ó lado da costa); que están parcialmente cubertas e teñen múltiples saídas a diferentes puntos da cidade. Entre as arterias da cidade cabe destacar a Avinguda Diagonal (que atravesa diagonalmente a cidade), a Avinguda Meridiana que comeza en Glòries e enlaza coa Diagonal e a Gran Via de les Corts Catalanes que cruza a cidade de norte a sur polo centro.

Entre as autoestradas e autovías, a AP-7 comeza en Almería e pasa por Valencia e Barcelona ata Perpiñán; a A-2 une Madrid e a fronteira francesa por Zaragoza; e a AP-2 é paralela á A-2 entre Zaragoza e Barcelona. Tanto a AP-7 como a AP-2 son autoestradas de peaxe.

Cidades irmandadas

editar

Barcelona mantén unha relación de irmandade coas seguintes cidades[18]:

Por outra banda, desde 1990, optou por minimizar os novos acordos de irmandade e poñer énfase na sinatura de convenios de amizade e cooperación, con obxectivos concretos. Moitas cidades contan con convenios de colaboración.[19] Son as seguintes:

Galería de imaxes

editar
  1. Datos do INE, a 1 de xaneiro de 2011. Cifras completas
  2. IDESCAT. 2007. Padró municipal d'habitants(en catalán)
  3. "Barcelona, elegida oficialmente sede del secretariado de la Unión por el Mediterráneo" [Barcelona, elixida oficialmente sede do secretariado da Unión polo Mediterráneo]. La Vanguardia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 15 de xaneiro de 2010. Consultado o 18 de xaneiro de 2009. 
  4. "Tráfico de pasaxeiros, operacións e carga nos aeroportos españois en 2016" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de maio de 2017. Consultado o 19 de marzo de 2017. 
  5. Grup dels Sis: 2003: Un Estiu Infernal (en catalán)
  6. Grup dels Sis: Climatologia de Catalunya (en catalán)
  7. "Datos de Weather.gov". Arquivado dende o orixinal o 07 de outubro de 2008. Consultado o 16 de xuño de 2009. 
  8. Climate Data for 41°N 2°E
  9. "Evolución da poboación entre 1981 e 2008". Arquivado dende o orixinal o 08 de xuño de 2011. Consultado o 26 de outubro de 2009. 
  10. Els alcaldes de Barcelona. 1835-2006 Arquivado 12 de febreiro de 2019 en Wayback Machine.(en catalán) (en catalán)
  11. "A Sagrada Familia de Barcelona ultima os preparativos para a súa apertura ao culto". Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2011. Consultado o 19 de decembro de 2009. 
  12. Barrena, Xabier (17 de maio de 2009). "BCN remata la recuperación del litoral urbano tras 30 años de obras" [Barcelona remata a recuperación do litoral urbano logo de 30 anos de obras]. El Periódico (en castelán). 
  13. Autoritat Portuària de Barcelona, Arquivado 27 de febreiro de 2015 en Wayback Machine. cruceiros.
  14. "Número de paradas de taxi". Arquivado dende o orixinal o 06 de xullo de 2008. Consultado o 03 de novembro de 2009. 
  15. "Red de bus 100% accesible". tmb.cat (en castelán). Consultado o 11 de febreiro de 2019. 
  16. "Datos básicos de TMB". Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2009. Consultado o 03 de novembro de 2009. 
  17. A Área Metropolitana implantará o Bicing en 17 cidades con 440 paradas e 3.520 bicicletas Arquivado 18 de agosto de 2011 en Wayback Machine. - El Punt
  18. "Cidades irmandadas, na web do concello". Arquivado dende o orixinal o 27 de novembro de 2012. Consultado o 04 de novembro de 2009. 
  19. "Convenios de colaboración". Arquivado dende o orixinal o 13 de decembro de 2009. Consultado o 04 de novembro de 2009. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar