Maoísmo
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2017.) |
O Maoísmo ou Pensamento de Mao Zedong (chinés simplificado: 毛泽东思想, chinés tradicional: 毛澤東思想, pinyin: Máo Zédōng Sīxiǎng), tamén chamado Marxismo-Leninismo-Maoísmo (MLM), é unha variante do comunismo (máis concretamente do leninismo) derivada das ensinanzas de Mao Zedong (1893-1976).
Historia
[editar | editar a fonte]Na República Popular Chinesa é a doutrina oficial do Partido Comunista da China. Así e todo, tralas reformas iniciadas por Deng Xiaoping en 1978 tendentes a unha economía de mercado, o socialismo con características chinesas foi a política aplicada na China, e a definición oficial e o rol do Pensamento de Mao Zedong neste país foi radicalmente modificado.
Débese dicir que o termo maoísmo nunca foi empregado polo Partido Comunista da China nas súas publicacións, agás como palabra derivada. O termo Pensamento de Mao Zedong foi sempre o termo preferido. Por outra parte, os partidos maoístas fóra da China denomínanse en ocasións a si mesmos como marxistas-leninistas, o cal reflicte a súa idea de que Mao non modificou substancialmente os supostos leninistas, senón que nos adaptou á Revolución Chinesa. Porén, outros partidos maoístas consideran que Mao realizou achegas teóricas e prácticas que significaron un desenvolvemento substancial do leninismo, polo que se denominan marxistas-leninistas-maoístas ou simplemente maoístas. Por exemplo, o Partido Comunista do Nepal (Maoísta) diferénciase doutras organizacións (como o Partido Comunista do Nepal (Marxista-Leninista Unificado) con dito adxectivo. Hai partidos maoístas que afirman que hoxe é imposible defende-la teoría de Marx e de Lenin sen estudar e defende-las achegas de Mao e a experiencia da Revolución Chinesa.
Fóra da China, o termo maoísta foi usado dende a década dos 60, xeralmente de maneira hostil, para describir ós partidos e persoas que apoiaban a Mao Zedong e a súa forma de comunismo, como oposta á forma aplicada na URSS. Ditos partidos eran considerados como revisionistas polas persoas que os criticaban.
Dende a morte de Mao e as reformas de Deng, a maioría destes partidos desapareceron, aínda que varios partidos comunistas ó longo do mundo continúan defendendo as ideas maoístas.
Contribucións de Mao
[editar | editar a fonte]Mao desenvolveu a teoría marxista-leninista en tódolos terreos: na súa filosofía, na teoría económica, na táctica e a política revolucionaria e no terreo militar. Dirixiu a primeira revolución de liberación nacional e social, nun país onde vivía o 20% da poboación mundial.
Mao e o campesiñado
[editar | editar a fonte]Ó contrario do que as primeiras formas do marxismo-leninismo, nas cales o proletariado urbano era visto como a principal forza revolucionaria, mentres que os labregos eran xeralmente ignorados, Mao defendeu a idea de que o campesiñado era unha forza revolucionaria que podería ser mobilizada polo Partido Comunista co seu coñecemento e liderado. Partía do feito de que a China era un país onde subsistían relacións semifeudais, cunha inmensa masa campesiña oprimida polo latifundio, e que esa era a forza motor da revolución, mentres que a forza directriz seguía sendo o proletariado e a súa ideoloxía. Por iso, a Revolución Chinesa foi do campo á cidade. O modelo para isto foi a loita armada con bases agrarias durante os anos 20 e 30, a cal levou ó Partido Comunista da China ó poder.
Así mesmo, ó contrario que outras formas de marxismo-leninismo nas cales o desenvolvemento da industria pesada era vista como unha forza positiva, o maoísmo priorizou o desenvolvemento do campo. Mao opinaba que esta estratexia cobraba sentido durante as primeiras etapas do socialismo nun país no que a maioría de persoas eran labregos.
Estratexia militar
[editar | editar a fonte]O maoísmo contén unha doutrina militar integral, a cal conecta explicitamente a ideoloxía política coa estratexia militar. Para o maoísmo, o poder nace do fusil (cita de Mao), e o campesiñado pode ser mobilizado para participar na guerra popular da loita armada a través dunha guerra de guerrillas en tres fases.
A primeira fase consiste na mobilización do campesiñado e o establecemento da organización. A segunda fase consiste no establecemento de bases rurais e o incremento da coordinación entre as guerrillas. A terceira fase consiste na transición a unha guerra convencional.
O maoísmo céntrase na mobilización masiva revolucionaria con industrias independentes creadas ó longo do país, que provean á poboación chinesa dos recursos necesarios para vivir e de armas. A organización militar das masas e o poder económico é necesario para defende-lo área revolucionaria dos ataques exteriores, mentres a centralización prevén a corrupción a través da supervisión e o control.
Os aspectos militares da teoría maoísta adquiriron moita máis adherencia universal que as súas ideas políticas e económicas. Mao é considerado un brillante estratego militar incluso por aqueles que se opoñen a outras das súas ideas. Os seus escritos sobre a guerra de guerrillas e a noción de guerra popular son agora consideradas xeralmente como lectura esencial para aqueles que desexan conducir operacións de guerrilla e para os que se opoñen á mesma.
As ideas militares maoístas asemellan adquirir máis relevancia ó comezo do século XXI no exterior da China que dentro. Hai un consenso tanto dentro como fóra do Partido Comunista da China en torno a que as condicións do país son moi diferentes ás da década dos 30, polo que existe un debate sobre como podería ser aplicada a doutrina militar de Mao ás ideas miiltares do século XXI, especialmente a idea de revolución en asuntos militares.
Mao e a loita de clases no socialismo
[editar | editar a fonte]Un concepto clave que distingue ó maoísmo doutras ideoloxías comunistas é a afirmación de que trala toma do poder subsisten as clases sociais e polo tanto continúa a loita de clases durante o goberno socialista (como resultado da contradición antagonista fundamental entre o camiño capitalista e o comunista). Incluso cando o proletariado obtén o poder estatal a través dunha revolución socialista, a burguesía ten a capacidade potencial de restaura-lo capitalismo.
Segundo a análise maoísta, a experiencia soviética amosaba como a burocracia enquistada no aparato estatal podía se converter nunha burguesía de novo tipo e restaura-lo capitalismo. Evitar que isto acontecese na China foi a principal razón pola que se organizou a Gran Revolución Cultural Proletaria, na cal Mao chamou a afondar no socialismo e desenmascarar ós revisionistas que se encontraban dentro do partido. Para os maoístas, foi unha enorme loita polo poder nas condicións da ditadura do proletariado, unha loita entre o camiño socialista e o camiño capitalista.
Para os maoístas e os seguidores do pensamento Mao, esta foi a súa principal contribución ó marxismo-leninismo.
O maoísmo e a URSS
[editar | editar a fonte]Mao analizou os cambios producidos na URSS trala morte de Stalin, e afirmou que tralo XX Congreso do PCUS se abandonaran non só as bandeiras de Stalin, senón as de Lenin e Marx, comezando así o proceso de restauración capitalista na que fora a patria do socialismo. Mao afirmou que a URSS se transformara nun país "socialfascista" cara a dentro (é dicir: socialista de palabra pero fascista de feito) e socialimperialista cara a fóra (socialista de palabra, imperialista de feito); e que o PCUS e todos partidos comunistas aliñados se converteran en revisionistas e instrumentos da dominación imperialista por parte da Unión Soviética. Así comezou unha longa historia de tensión entre a China e a URSS.
Para os maoístas, isto permitiu esclarecer as razóns da restauración capitalista na patria de Lenin e Stalin, e posteriormente na China de Mao.
Mao e a valoración de Stalin
[editar | editar a fonte]Para Mao, Stalin foi un defensor do leninismo, e logrou grandes avances na construción do socialismo. Non obstante, considerou que este cometera erros, que tiñan a súa base no non dominio por parte de Stalin da dialéctica materialista. Isto levou a Stalin a non ver a subsistencia das clases sociais dentro do sistema socialista, e polo tanto a ignorala loita de clases. Estes erros serían a causa dunha represión indiscriminada, e do xurdimento dunha casta burocrática que logo se transformaría nunha burguesía de novo tipo.
Mao defendeu a Stalin, considerando que os seus acertos foron maiores e máis importantes que os seus erros. Así, planteou que a tarefa dos comunistas con respecto a Stalin é, primeiro, defendelo, e logo criticalo. Tal valoración de Stalin chocou tanto coas opinións do PCUS e os Partidos Comunistas que del dependían, como coas do trostkismo e do liberalismo e a socialdemocracia capitalistas, dividindo augas na esquerda internacional.
Maoísmo na China
[editar | editar a fonte]Dende a morte de Mao en 1976 e as reformas de Deng Xiaoping en 1978, o goberno da República Popular Chinesa abandonou na práctica o maoísmo, para pasar a ser un goberno capitalista, aínda que o Pensamento Mao Zedong segue sendo nominalmente a ideoloxía estatal. Os estatutos do partido foron reescritos para dar ás ideas de Deng Xiaoping unha maior prominencia que ás de Mao. En dito país está permitido cuestionar accións particulares de Mao e criticalas, pero existe a prohibición de cuestionar publicamente a validez do maoísmo e das accións presentes realizadas polo Partido Comunista da China en nome do maoísmo.
O Partido agora di que o maoísmo foi necesario para romper co pasado feudal do país, pero considérase que as accións de Mao levaron a excesos durante a Revolución Cultural. O punto de vista oficial é que a China superou unha fase económica e política, coñecida como primeira fase do socialismo, na cal o país se enfronta a problemas novos e completamente diferentes ós que o fixo Mao, polo que as solucións aplicadas por Mao xa non resultan operativas. Grupos maoístas, tanto no mesmo Partido Comunista da China coma no exterior, consideran que esta reescritura da definición do maoísmo é unha xustificación ideolóxica para a restauración do capitalismo por Deng e os seus sucesores.
Mao é oficialmente recoñecido polo Partido Comunista como un gran líder revolucionario polo seu papel na loita contra os xaponeses e a creación da República Popular Chinesa, pero o maoísmo é considerado actualmente polo Partido como un desastre económico e político. Nos días de Deng, o apoio ó maoísmo ortodoxo era considerado unha forma de desviación de esquerdas e unha manifestación de culto á personalidade, aínda que ditas manifestacións son atribuídas á Banda dos Catro máis que ó propio Mao.
Aínda que estas categorías ideolóxicas e disputas son vistas como pouco relevantes na actualidade na China, ditas distincións foron moi importantes a comezos dos 80, cando o goberno chinés reflexionaba sobre como permitir reformas económicas sen destruíla súa propia lexitimidade, e hai quen argumentou que o éxito de Deng na reforma económica chinesa foi en parte debido á súa capacidade para xustificar ditas reformas cunha terminoloxía maoísta.
Moita xente na China continúa defendendo o maoísmo revolucionario ou ortodoxo, en contraste coa corrupción e o capitalismo que aparece na sociedade chinesa actual. Algúns tamén consideran que a erosión do dereito ó traballo, educación, saúde e outros logros da revolución son derivados dos novos supostos económicos. O 24 de decembro de 2004 catro manifestantes chineses foron condenados a prisión por distribución panfletos titulados Mao sempre o noso líder. Ditos panfletos atacaban ós líderes actuais os considerando revisionistas imperialistas e chamaban a cambiala liña [do Partido] e volver ó camiño socialista. Este incidente foi unha das primeiras manifestacións públicas do maoísmo chinés difundidas pola prensa internacional, aínda que é difícil determinar ata que punto se estende ese sentimento na poboación chinesa.
O maoísmo no mundo
[editar | editar a fonte]Dende 1962 a crítica á política soviética realizada polo Partido Comunista da China provocou varias divisións nos partidos comunistas ó longo do mundo. Nun primeiro momento, o Partido Albanés do Traballo apoiou a China, como tamén fixeron moitos partidos comunistas no sueste asiático, como o Partido Comunista de Tailandia, o Partido Comunista de Indonesia etc. Algúns partidos asiáticos, como o Partido Comunista de Vietnam e o Partido dos Traballadores de Corea tentaron tomar unha posición intermedia. En Occidente e o Sur, un bo número de partidos e organizacións mantiñan contactos co Partido Comunista da China, tomando nomes como Partido Comunista (Marxista-Leninista) ou Partido Comunista Revolucionario para se distinguir dos partidos comunistas prosoviéticos tradicionais. Os movementos maoístas estaban, na maioría dos casos, formados principalmente polas vagas do radicalismo estudantil durante os anos 60 e 70. Baixo o liderado do Partido Comunista da China xurdiu un movemento comunista internacional paralelo, aínda que nunca foi tan homoxéneo e formalizado como a tendencia prosoviética.
Trala morte de Mao en 1976 e a detención da Banda dos Catro, o movemento maoísta pasou a denuncia-lo novo liderado como traizón a causa do marxismo-leninismo Pensamento Mao Zedong.
O movemento maoísta internacional actual agrupa a aqueles que se enfrontaron a Deng, e consideraban que este se distanciaba do maoísmo. Se ben, non son moitos os partidos que se reivindican estritamente maoístas, en numerosos países de case tódolos continentes atópanse partidos que defenden as contribucións de Mao ó marxismo-leninismo, xa considerándose maoístas ou "Pensamento Mao".
Durante os anos 80 xurdiron dous movementos de reagrupación paralelos, un no que participaba o Partido Comunista de Filipinas (que deu nacemento A conferencia Internacional de Partidos e Organizacións Marxistas-Leninistas (Noticiario Internacional)]]), e o Movemento Internacionalista Revolucionario (no que participa o Partido Comunista do Perú. Ambas tendencias reivindicaban o marxismo-leninismo-Pensamento Mao Zedong, aínda que o Movemento Internacionalista Revolucionario pasou despois a emprega-lo termo marxismo-leninismo-maoísmo.
Hoxe as organizacións maoístas, agrupadas no Movemento Internacionalista Revolucionario, teñen os seus principais focos no sur de Asia, con loitas armadas desenvolvidas no Nepal, a India e Bangladesh. Paralelamente a esta internacional fundouse unha estrutura rexional, o Comité de Coordinación dos Partidos e Organizacións Maoístas do Sur de Asia.
En Galiza o partido maoísta máis importante foi o MCG, logo refundado en Inzar. En Suramérica hai partidos maoístas e marxistas- leninistas-pensamento Mao en tódolos países. O Partido Comunista Marxista Leninista de Ecuador organiza anualmente o Seminario Problemas da Revolución en América Latina e o Mundo, que conta coa participación de ducias de partidos e movementos de todo o mundo.
Algúns dos partidos suramericanos que se consideran maoístas ou pensamento Mao, son os seguintes:
- Partido Comunista Revolucionario da Arxentina
- Partido Comunista Maoísta de Bolivia
- Partido Comunista Revolucionario do Brasil
- Partido Comunista Chileno (Acción Proletaria)
- Partido Comunista Marxista Leninista de Ecuador
- Movemento Popular Revolucionario Paraguai Piahurá
- Partido Comunista do Perú (Sendero Luminoso)
- Partido Comunista Revolucionario do Uruguai
Existe un grupo maoísta, o Movemento Internacionalista Maoísta (MIM), radicado en Estados Unidos, moi centrado na defensa da teoría da aristocracia obreira. Este partido oponse ó Movemento Internacionalista Revolucionario, principalmente polo liderado que sobre el exerce o Partido Comunista Revolucionario, partido co que ha polemizado dura e repetidamente o MIM.
Entre os teóricos maoístas occidentais destaca o francés Charles Bettelheim, quen influíu nos movementos rebeldes de Francia dos anos '60 e '70, e publicou ensaios sobre a transición á fase socialista.
O partido maoísta máis importante da Europa occidental é o Partido Comunista dos Traballadores Portugueses / Movemento Re-organizativo do Partido do Proletariado[Cómpre referencia].
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: China |