Pau de san Gregorio
Pau de san Gregorio | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Prunus padus L. 1753 |
O pau de san Gregorio,[1][2] gregoriño,[3] ou tamén cerdeira de acios,[4] (Prunus padus) é unha especie de árbore natural de Europa e que pertence ao xénero Prunus, á familia das rosáceas. Medra en terreos acedos nos bosques húmidos. É unha árbore escasa e ameazada en Galiza, presente en diferentes zonas do territorio no pasado, atopándose hoxe nas zonas altas das provincias de Lugo e Ourense.
Nome galego
editarMarcial Valladares Núñez[5] dicía que o nome galego semella vir dunha árbore que un estranxeiro atopou en Deza, xunto á capela de San Gregorio. Pensouse de feito durante moito tempo que era unha especie única desta zona. Martín Sarmiento xa falaba desta árbore:[6] Din que é unha árbore única en Galiza e que só se atopa nun monte de Deza, no camiño de Santiago, e que un peregrino lle descubriu a propiedade que, tomando en bebida o pau, as follas etc., en infusión, cura o mal da rabia, e a preserva. É común, e ten este pau de prevención nas casas. É pouco maior ca un salgueiro, e as follas algo semellantes ás da cerdeira. Ouvín que o había en Millarada, cara Soutelo de Montes.
Outros nomes en galego
editarPau de san Guirgoriño,[7] pau de san Guirgorio, paugurgorio, cireixón, pau de rabia, árbore da rabia (non confundir co sangomiño), acereixo dos danados.[8]
Descrición
editarÉ un arbusto ou arboriña que non pasa dos 7-8 metros. Agroma de cepa e raíz abundantemente, formando grupos ou matas mestas con múltiples rebentos. A copa é arredondada, coas pólas superiores que ascenden de xeito agudo e as inferiores que se estenden ou fican pénsiles. A casca é lisa, de cor parda escura, cun forte cheiro a améndoa amarga. As follas miden arredor de 10 x 7 cm. Son simples e alternas. Son de forma oval, agudas no ápice, co bordo finamente serrado e a cor verde intensa. Polo outono tórnanse amarelas e vermellas. Os pedúnculos das follas son de cor vermella escura. Florea na primavera. As flores son miúdas, brancas e recendentes. Fican agrupadas en longas extensións entre 8 a 15 cm e normalmente en acios pénsiles. O froito é do tamaño dunha ervella (uns 8 mm.), globular e brillante. Ao madurar pasa da cor verde a negra. É comestíbel aínda que ten un sabor bastante agre, sendo a carabuña tóxica. Madura a finais do verán. Cómeno os paxaros, que o espallan polas fragas, ribeiras, beirais dos camiños e montes. As aves silvestres gustan moito do froito, de feito en varias linguas europeas refírense á especie coma "cerdeira dos paxaros". Salientan os merlos, o tordo charlo (Turdus viscivorus), a papuxa picafollas (Sylvia borin) , a papuxa das amoras (Sylvia atricapilla) e os paporroibos (Erithacus rubecula). O bicogroso, en grupos familiares, separa as súas sementes do froito e as creba co seu forte bico.
Hábitat
editarMedra entre 500 e 2.000 metros de altitude, distribuíndose nas ribeiras, lamazais e, polo xeral, solos húmidos, silícicos e con abondosa materia orgánica das zonas chuviosas.
Distribución
editarMedra na meirande parte de Europa, Asia occidental e norte de África, onde é moi rara no cordal do Atlas Medio en Marrocos. Na Península Ibérica aparece na metade setentrional, en Galiza, Asturias, norte de Cataluña e Aragón, País Vasco e Navarra. En Castela e León aparece na serra de Gredos, na serra de Ayllón, na serra de Guadarrama, na serra de la Demanda, Merindades de Burgos, Seabra, o río Negro, en Zamora e no alto de Tormes.[9]
Galiza
editarÉ máis ben escasa; medra na beira dos ríos e regatos con alturas entre 500 m e 2.000 metros. Hoxe en día a distribución redúcese ás zonas altas da provincia de Lugo e Ourense, principalmente nos Ancares e nos altos de Pena Trevinca. Hai algúns exemplares no concello de Beade, no bosque de Ridimoas, na provincia de Ourense, así como algunhas arboriñas en Santiago. Era cultivada no país como planta ornamental, xa que cando está en flor é unha árbore marabillosa.
Pragas
editarO gregoriño atópase moi afectado pola praga de lepidópteros Argyresthia pruniella, unha bolboreta miúda cuxas eirugas non soamente devoran a totalidade das follas do gregoriño, senón que ademais cobren a planta de branco coas súas arañeiras. Por esta razón as poboacións vense reducidas, por exemplo en Burgos e León.[10] Este arbusto pódese confundir coa especie invasora: Prunus serotina (cerdeira serodia), da que se diferenza polas follas, que non son brillantes senón opacas e nas flores, que aparecen cedo na primavera, cos novos gomos.
Usos
editarA madeira empregábase para a fabricación de zocas, mangos de ferramentas, caxatos etc. A casca foi utilizada coma colorante, tendo ademais utilidade medicinal coma diurético e contra a febre, a gota e a reuma. Tamén é febrífuga, sudorífica, tónica e estomacal. Emprégase en homeopatía para as dores de cabeza, trastornos cardíacos e coma sedativo. As follas en infusión teñen un recendo a améndoa agre e son boas para calmar a tose e tamén contra a asma. As flores son tranquilizantes e antiespasmódicas. Frei Martín Sarmiento dicía que tomando as follas ou parte da casca en infusión a persoa ou animal que contraera a enfermidade da rabia sería curado xa que esta infusión lle faría devolver de seguido: se toma pola boca o cocemento quente das follas e pau de dito ‘sangomiño’ (Sarmiento pensaba que era un ‘Cornus’ no canto dun ‘Prunus’); pois fai vomitar e botar fóra o humor biliar da rabia en escumallo e salivación." Emprégase ademais en xardinaxe coma ornamental. É moi vistoso durante a floración; polo outono, cando as follas adquiren tonalidades amarelas ou ámbar. Nalgúns países cultívase polos seus froitos, comestíbeis en conserva.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pau.
- ↑ ‘’Termos Esenciais de Botánica’’ da Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Lugo - Universidade de Santiago de Compostela, 2002
- ↑ Vocabulario forestal (galego-español-inglés), Universidade de Santiago de Compostela.
- ↑ Unha historia e unhas cerdeiras singulares, Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo.
- ↑ Marcial Valladares Núñez no seu Diccionario gallego-castellano, 1884, Santiago, Imp. Seminario Conciliar - http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=gregori%F1o&tipo_busca=lema
- ↑ Catálogo de voces y frases de la lengua gallega, (1746-1755):ed. de J. L. Pensado Tomé (U. de Salamanca en 1973) -http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=san%20gregorio&tipo_busca=lema-
- ↑ Guía das árbores de Galicia, Henrique Niño Ricoi, ilustracións de Calros Silvar, Baía Edicións, 2006.
- ↑ Web de Ríos Galegos.com - http://www.rios-galegos.com/arb2121.htm#Nome_galego
- ↑ Ginés López (2007). Guía de los Árboles y Arbustos de la Península Ibérica y Baleares, Madrid: Mundiprensa. ISBN 10: 84-8476-312-9
- ↑ Juan Andrés de Oria Rueda & Justino Diez (2003). Guía de Árboles y Arbustos de Castilla y León, Palencia : Cálamo. ISBN 84-95018-46-2
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Pau de san Gregorio |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Pau de san Gregorio |
Outros artigos
editar