Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Unha carabuña, tamén denominada caguña, caroa, coia, croia, garouba, gouña e pedra, é a semente dura dalgunhas froitas (drupas), como pexegos, cereixas, olivas etc.[1]

Pexego aberto: no centro, vese a carabuña.

En botánica pódese definir como un endocarpo leñoso.

O endocarpo é a capa máis interna do pericarpo, é dicir, a parte do froito que rodea ás sementes. Nas drupas é unha estrutura moi dura que rodea a unha única semente, de aí os nomes populares.[2]

Non todos os endocarpos son leñosos, e por iso carabuña non é sinónimo de pebida. Nas bagas, como o arando (Vaccinium spp.) ou a grosella (Ribes spp.), o endocarpo é moi brando e contén multitude de pequenas sementes. Nos hesperidios, como as laranxas e os limóns, o endocarpo son gallos sucosos que conteñen as pebidas, e é a única parte que se consome, pois o mesocarpo dos cítricos é unha fibra branca. Nas núculas, como os pistachos, o endocarpo adoita ser unha casca dura que se debe quitar para consumilas. Finalmente, nos pomos, como a mazá e a pera, o endocarpo é coriáceo, e denomínase carozo.[3]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para carabuña. Consultado o 8 de febreiro de 2017.
  2. Srinivasan, C.; Padilla, I.M.G. e Scorza, R. (2005): "Prunus spp. Almond, apricot, cherry, nectarine, peach and plum". Biotechnology of Fruit and Nut Crops, Litz, R.E. (Ed.), Wallingford, Oxfordshire, UK: CABI Publishing. pp. 512-542.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para carozo. Consultado o 8 de febreiro de 2017.