O piollo na cultura popular galega
Tradicionalmente, os piollos combatíanse buscándoos directamente entre os pelos e esmagándoos entre as uñas: catar ou cachea-los piollos. De aí vén o nome popular de matapiollos para o dedo polgar, coas variantes cachapiollos, escachapiollos, escochapiollos, escutapiollos, matapollos ou trincapiollos.
- Este é o miudiño / meniño,
- este é o seu sobriño,
- este é o maior de todos,
- este é o furabolos
- e este é o matapiollos.
Medicina popular
[editar | editar a fonte]A tricia (ictericia) curábase con piollos fritidos con ovos. No Concello de Cotobade dábanlle ó enfermo durante nove días e en xexún, un vaso de viño con nove piollos. En Verín dábanlle os nove piollos en leite ou chocolate.
A anemia curábase comendo, tamén en xexún, varios piollos que antes picaran a alguén.
Para cura-las belidas (cataratas) introducen no pelo do enfermo un piollo, coa intención de que lle zugase os malos humores.
Para mata-los piollos hai que botar na cabeza coca moída (po dos cocos ou bugallos do carballo) ou sementes de herba dos lazarosos (que non puidemos identificar).
Refraneiro
[editar | editar a fonte]- Cando a semana está de piollos, no val mudar a camisa [1].
- Cando o ano é de piollos, non vale mudar camisa.
- Cando se pon a pardela a espiollar non tarda un día o vendaval.
- Cando se pon a pardela a espiollar venta o vendaval.
- Díxolle o peite ó tiñoso: tírate alá, piolloso.
- O piollo, des que se ve na camisa lavada, corre que rabea.
- O piollo en camisa lavada corre que rabea.
- Os días medran o batacú do piollo cada día dende o Nadal.
Cantigas
[editar | editar a fonte]- Algús homes, as morenas/ dín que non lles enchen os ollos;/ non saben que as roxas sempre/ andan cheas de piollos [2].
- Caséime cunha señora/ coidando que tiña don:/ tiña piollos da libra/ e pulgas da cuarterón.
- Haber, heiche mandar unha,/ por detrás dun pau de toxo/ ¡e non me has de negar/ que es filla dun piolloso! [3].
- Miña sogra morreu onte,/ Diola leva ó ceo dos lobos;/ deixoume unha manta vella/ toda chea de piollos [4].
- Na camisa teño pulgas/ no xibón teño piollos,/ ¡e téñenme moita invidia!/ ¡inda lles caian os ollos!
- O piollo e maila pulga/ andan no monte a rozar;/ alá vai o carrapato/ derreado co xantar [5].
- O piollo estaba malo,/ a pulga estaba parida;/ o ladrón do escarrapacho/ tiña a espenilla caída.
- Pola falda da camisa/ vinche subir un piollo,/ era de Sierra Morena,/ levaba un parche nun ollo [6].
- Polo cuello da camisa/ ben che vexo ir un piollo,/ venche da sega da Ambroa/ trai un fachico nun ollo.
- Rapaciña, non te quero,/ porque tes moitos piollos/ e fai falta máis dun ano/ para chos catare todos [7].
- Tírate de esa ventana,/ garrafina de piollos:/ se vén unha onda de aire/ gáfasnos de iles a todos [8].
- Vaia que traes fachenda/ con esas catro guedellas/ todo cheo de piollos/ que che furan as orellas.
- Vaite á merda, vaite á merda,/ por riba dun pau de toxo/ que anda decindo a xente/ que eres fillo dun piolloso [9].
Locucións
[editar | editar a fonte]- Coma piollo en costura: estar todos xuntos, apertados, amontoados, incómodos.
- Correr como o piollo pola cinza: ser lento en face-las cousas, non ser dilixente.
- Meterse como piollo por costura: ser quen de meterse nun sitio estreito, de onde vai resultar difícil removelo.
- Ruín coma os piollos: ser moi ruín, molesto.
- Verse un coma un piollo en camisa lavada: fachendoso, orgulloso, altivo.
Adiviñas
[editar | editar a fonte]- Ando nas altas montañas,/ miña nai xa é falecida,/ dez me procuran/ e dous me tiran a vida. (o piollo)
- Dez cazadores na mata,/ só dous que matan a caza. (os dedos das mans catando piollos)
- Moura por cima do ceo,/ nunha mata escondida,/ son dez os que me procuran/ e dous os que me tiran a vida. (o piollo)
- No monte nace,/ no monte se cría/ e baixa o gado/ do coto da guía. (o peite das lendias)
- O meu pai vai de caza;/ o que caza déixao aló/ e o que non caza traino pra acó. (o peite das lendias)
- ¿Que será unha cousiña cousa/ que sobe á serra e baixa o gado?. (o peite das lendias)
- Un conventiño con moitas monxas,/ a maestra está vestida de colorado/ e as rapazas de branco;/ máis arriba dúas ventanas,/ máis arriba dous luceiros,/ máis arriba a alameda/ onde pasean os cabaleiros. (o conventiño é a boca; as monxas, os dentes; a mestra, a lingua; as ventás, o nariz; os luceiros, os ollos; a alameda, o pelo; os cabaleiros, os piollos).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. semana.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 36.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 86. No orixinal: de un, és.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 101. No orixinal: Diola leva.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 122.
- ↑ Álvaro das Casas, 216. No texto: pol-a.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 139. No orixinal: de un.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 154. No orixinal: de esa, ven.
- ↑ Fermín Bouza-Brey, 182. No orixinal: â m... (por eufemismo), de un.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
- CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 95, 15.11.1931.* ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008
- LIS QUIBÉN, V. (1949): La medicina popular en Galicia. Reed. Akal, Pontevedra, 1980.
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
- MARIÑO FERRO, X.R.: La medicina popular interpretada.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
- RODRÍGUEZ LÓPEZ, J. (1985): Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Reedición Ed. Celta, Lugo 1974.
- VARIOS (1986): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo-Cambados.