Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

A castaña na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castañas.
Artigo principal: Castiñeiro.

A seguir recóllese a pegada da castaña e do castiñeiro na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral. Tamén, por similitude, se inclúe algunha información sobre o castiñeiro de Indias (Aesculus hippocastanum).

O castiñeiro recibe en Galicia os nomes de castañeira, castañeiro, castiñeira, castiro e restre; existen castiñeiros bravos, que se denominan rebolos, bravádegos ou castiñeiróns. A denominación abundancial máis común é a de souto, pero tamén temos castañal, castañar, castañeira, castañeiro, castiñeiral, soutelo e tropezal.

A castaña ten tamén os nomes de cagoxa e croca; cando caen de seu ó chan xa maduras, denomínanse degaros, restelas ou restrelos (tamén castañas degaradas, degraídas, de restelo ou de restrelo). Algunhas castañas quedan abortadas ou malogradas dentro do ourizo: son as bolercas, castañas bolercas ou croucos; estas destínanse á ceba do porco.

Recóllense vareando os castiñeiros cuns paus longos ou lanzando contra as pólas uns paus pequenos (rebolos), de forma que os ourizos caen ó chan, de onde se recollen e se amorean ou se poñen a secar nas ouriceiras. Cando os ourizos secan e abren, extráense as castañas (operación que se chama a bulla ou petela).

As castañas cocidas con casca denomínanse mamotas ou zonchos. Acostuman cocerse con sal e unhas herbas, normalmente fiúncho e nébeda, para seren máis dixestíbeis.

Outra forma de comer as castañas é deixándoas secar no caínzo ou fumeiro, ó fume da lareira. Son as castañas maias, maiolas ou castañas do canizo [1], que se comen logo, secas e peladas, en forma de caldo de castañas

Crenzas e supersticións

[editar | editar a fonte]
Castiñeiro

En Galicia crese que a sombra do castiñeiro, por ser húmida e fría, fai dano a quen se deite baixo ela; tamén son malas a da nogueira ou a da figueira [2]. Pola contra, a do carballo, do eucalipto, do piñeiro e doutras árbores é boa [3]. Así mesmo, pódese coller unha catarreira por comer castañas.

Segundo recolle Rivas Quintas [4] dise tamén (por Ourense e algunhas zonas de Pontevedra) que se os rapaces comen castañas frescas, sen quitarles o embrión, naceranlles piollos [5]. Noutros lugares din que se se comen as primeiras castañas que dea un castiñeiro novo, xa non dará nunca máis, polo que as deixan secar na árbore; en Marín concretan esta prohibición nas mulleres: se son elas as que comen esas primeiras castañas, no futuro dará froito un ano si e outro non, pero se as come un home non haberá problema, quizais resto da tradición da árbore prohibida.

A lúa de marzo é a mellor para podar as árbores, os castiñeiros en minguante e os carballos en crecente.

Contra as queimuras de estómago (acedía, acía, ardentía, escaldacio) aconséllase roer en cru unha castaña virxe ou que estivera soa no ourizo da castaña [6]. Para evitar a reuma é bo levar colgada do pescozo unha bolsa cunha imaxe da Virxe, pelo de teixugo, tres grans de trigo, unha codia de pan e unha castaña [7].

O magosto

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Magosto.
Un magosto.

Directamente relacionado coas castañas temos en Galicia a celebración do magosto, nos primeiros días de novembro. O concepto de magosto designa tanto a preparación e comida colectiva das castañas nestas festas como o conxunto de castañas recollidas e preparadas para tal ocasión e mesmo a propia fogueira que se fai para asalas. Durante o magosto aprovéitase tamén para probar o primeiro viño novo.

Tan identificado está novembro coas castañas que no Incio e en Quiroga chaman Castañal ó propio mes [8].

Léxico derivado

[editar | editar a fonte]
  • Castaña: vulva [9].
  • Castaña: moño ou rodete que as mulleres fan na parte posterior da cabeza.
  • Castaña: noz de Adán, prominencia que forman as cartilaxes da larinxe na cara anterior do pescozo dos varóns [9].
  • Castañal: variedade de uva [8].
  • Auga de castañas: aplícase á chuvia miúda que molla sen remedio [10].
  • Auga de castañas: aplícase tamén a un café de mala calidade, pouco cargado, sen aroma [11].
  • Herba castaña (ou herba das castañas): certa herba medicinal.

Lémbrese que durante os primeiros tempos do cultivo das patacas en Galicia, estas recibiron os nomes de castañas da terra, castañas mariñas ou, simplemente, castañas. Así mesmo, castañal designaba un campo de patacas [9]. Nun documento que recollen os décimos do mosteiro de San Antoniño de Toques, escrito polo Prior no 1752, pode lerse: "Llevamos los diezmos enteros de todo fruto sino de habas y castañas mariñas o patatas, que también ocupan la tierra".

Locucións

[editar | editar a fonte]
  • Darlle castaña a un: enganar a alguén, darlle gato por lebre.
  • Estralar como unha castaña: facer alguén algo totalmente inesperado.
  • Forte como un castiñeiro: de gran forza e resistencia no traballo. Tamén, en bo estado de saúde.
  • Parecerse como un ovo a unha castaña: semellar pouco ou nada unha cousa a outra que nos queren mostrar como equivalentes [12].
  • Sacarlle as castañas do lume a alguén: solucionar unha situación apurada a outro, solucionarlle os seus problemas.
  • Ser tan honrado o caldo coma as castañas: tanto ten un coma outro, ser tal para cal dúas persoas ou dúas opcións. Úsase adoito con sentido pexorativo.
  • Xente das castañas: fato de xente á que se lle quere negar importancia.

Refraneiro

[editar | editar a fonte]
A castaña e o besugo, en febreiro están en zugo.
  • A castaña e o besugo, en febreiro están en zugo [13].
  • A castaña e o besugo, en febreiro non teñen zugo [14].
  • A castaña e o besugo, no febreiro non ten zugo.
  • A castaña no agosto quere arder, e no setembro beber.
  • A castaña no agosto quer beber e no setembro comer.
  • A castaña no agosto quere arder, e no setembro beber.
  • A castaña no agosto quere beber e no setembro comer.
  • A castaña no nadal, sabe ben e parte mal.
  • A castaña que está no camiño é do veciño.
  • A castaña quere en agosto arder e en setembro beber.
  • Ano de moitos ourizos desfai os canizos.
  • As castañas do castiñeiro hai que asalas no asadeiro.
  • As castañas están caendo e estanse facendo.
  • Ata o san Martiño, inda pinga o ramalliño; despois de san Martiño, fame e frío.
  • Boira por San Pedro Cid, castañas furadas e nabos ruís[15].
  • Candea aberta, seitura certa [16].
  • Cando vire-la candea no castiñeiro, leva a ovella ó carneiro.
  • Castañas no Nadal, saben ben e pártense mal.
  • Castañas, noces e viño fan a ledicia de san Martiño.
  • Con castañas asadas e sardiñas salgadas, non hai ruín viño [17][18].
  • Con castañas asadas e sardiñas salgadas non hai viño ruín [19].
  • En agosto, as castañas arder e en setembro beber [20].
  • En ano de ourizo non fagas canizo.
  • En xaneiro, mellor carballo que castiñeiro.
  • Furtando unha castaña e outra castaña, faise mala maña.
  • Habendo neboeira o día de San Pedro Fiel, castañas furadas e nabos ruís [21].
  • Hastra o San Martiño inda pinga o ramalliño; dispois do San Martiño, fame e frío [22].
  • Niebla no San Pedro Cid, castañas furadas e nabos ruís [4][23].
  • Non hai ruín viño con castañas asadas e sardiñas salgadas [24].
  • Non quero pereira, quero castiñeiros para ter castañas o ano enteiro.
  • O castiñeiro, na man no burato, e o carballo no carro.
  • O que non sabe a maña, non come castaña.
  • O que non sabe de mañas, non come castañas.
  • O que non ten mañas, non come castañas.
  • Para o ruín porco sempre hai unha boa castaña.
  • Polo san Martiño, castañas e viño.
  • Por Pascuas de Resurrección tres cousas teñen sazón: sardiñas salgadas, castañas asadas e predicación.
Temperá é a castaña que por setembro regaña.
  • Por San Martiño faise o magosto con castañas asadas e mosto [22].
  • Por san Quintín castañas ó rolín [25]
  • Pro ruín porco sempre hai unha boa castaña [26].
  • ¿Quen vos trouxo os meus odres? Castañas asadas e sardiñas podres.
  • Sardiñas salgadas, castañas asadas e confesión, antes das Páscoas de Resurrección [27].
  • Se chove o día de san Pedro Fiz, castañas furadas e nabos ruís.
  • Se chove o día de san Pedro Fiz, castañas malas e bolecos ruís [28].
  • Se hai neboeiro día San Pedro Fiz, castañas furadas e nabos ruíns.
  • Se o mes de agosto vén craro, bo magosto e bo nabo; se vén nubrado, poucas castañas e nabos furados [29].
  • Se chove o día de San Pedro Fiz, castañas furadas e nabos ruís [30]
  • Se chove o día de San Pedro Fiz, castañas malas e bolecos ruís [31]
  • Se hai neboeiro día de San Pedro Fiz, castañas furadas e nabos ruíns.
  • Se o mes de agosto vén claro, bo magosto e bo nabo e se vén nubrado, poucas castañas e nabos furados.
  • Sempre ó porco máis ruín halle tocar unha castaña boa.
  • Sempre o porco ruín ha topar cunha boa castaña.
  • Sempre un porco ruín ha topar cunha boa castaña.
  • Tan honrado é o caldo coma as castañas [32].
  • Temperá é a castaña que por setembro regaña.

Cantigueiro

[editar | editar a fonte]
  • A castaña no ourizo/ eu ben che sei o que fai,/ si é que está verde, madura,/ e si está madura, cai.
  • A castaña no ourizo/ quixo rir e rebentou,/ caieu do castiro abaixo/ mira que tombo levou.
  • A castaña no ourizo,/ quixo rir e regañou,/ caeu do castiñeiro abaixo,/ vaia tombo que levou.
  • A castaña saiu podre,/ mozos de Nigueiroá;/ a castaña saiu podre,/ outra boa sairá [33].
  • Acabáronse as vendimas,/ aí veñen as esfolladas/ para comer coas nenas/ catro castañas asadas.
  • Acabáronse as vendimas,/ e veñen as esfolladas,/ para comer coas mozas/ catro castañas asadas.
  • ¡Ai, miña nai, que me morro!/ Miña filla, confesión:/ as castañas que comiche/ ¿de que castañeiro son? [34].
  • As castañas son castañas,/ os orizos son orizos,/ os ollos da túa cara/ para min son dous feitizos.
  • Bota castañas abaixo;/ qu'o demo do meu amor/ hastra no mirar é falso.
Candeas ou galiñas dun castiñeiro.
  • Bugallos nun castiñeiro/ foi cousa que nunca vin;/ gabácheste que te quixen/ i eu nunca te pretendín [35].
  • Canta rula, canta rula,/ por riba dun castiñeiro;/ xa non quero máis amores/ con ningún mozo gaiteiro [36].
  • Castiñeiro, dás castañas/ que eu ben che vexo as candeas;/ ao te ver falar con outro/ sáltame o sangue nas veas [37].
  • Castiñeiro sen galliñas/ castañas non pode dar;/ rapaza que non ten gracia,/ qué amores pode tomar? [38]
  • Cereixas nun castiñeiro/ foi cousa que nunca vin;/ non te alaudes que me deixas/ que eu nunca te pretendín [37].
  • De ise outro lado do río/ ten meu pai un castiñeiro/ que dá peras no San Xoán,/ uvas blancas no xaneiro [39].
  • Díanno-los reises/ un vaso de viño,/ algo do fumeiro/ i os ovos do niño [40].
  • Do outro lado do río/ ten meu pai un castiñeiro/ que dá castañas e noces/ i aceitunas no xaneiro [41].
  • Do outro lado do río/ ten meu pai un castiñeiro;/ pensa que lle tira ás rolas/ e tíralle aos carballeiros [42].
  • Está San Xuán de Poio/ no medeo dos castiñeiros,/ pola súa porta pasa/ a danza dos mariñeiros.
  • Eu ben vin esta-lo cuco/ na cima dun castiñeiro,/ cunha subela na mau,/ aprendendo a zapateiro.
  • Eu ben vin estar o cuco/ enriba dun castiñeiro/ cunha subela na man/ deprendendo a zapateiro.
  • Eu ben vin estar o cuco/ na póla dun castiñeiro/ cunha subela na mau/ aprendendo a zapateiro [43].
  • Eu non quero uvas,/ figos nin castañas,/ pero pra as ameixas/ teño boas mañas.
  • Eu quero un mozo que sea/ forte coma un castiñeiro,/ que sea bo baillador,/ saiba toca-lo pandeiro [44].
  • Has de cantar - que che hei de dar zonchos/ has de cantar – que che hei de dar moitos/ has de cantar - e has de cantar/ has de cantar – que chos hei de dar.
  • Miña Virxe da Lanzada/ bota castañas abaixo,/ anque non teño mantelo/ collereinas no refaixo.
  • Naquela banda do río/ ten meu pai un castiñeiro,/ bota castañas no Outono/ uvas no mes de xaneiro.
  • Naquela banda do río/ ten meu pai un castiñeiro,/ dá castañas en agosto,/ uvas brancas no xaneiro.
  • Non chas quero, non chas quero,/ castañas do teu magosto;/ non chas quero, non chas quero,/ que me cheiran a chamosco.
  • Non chas quero, non chas quero,/ castañas do teu magosto;/ non chas quero, non chas quero,/ que me saben ao chamosco [45].
  • Nosa Señora de Abades/ ¿qué lle dás ós teus romeiros?/ Agoiña da miña fonte,/ sombra dos meus castiñeiros [46].
  • Ó carballo caille a folla/ i ó castiñeiro o ourizo;/ as mociñas, as de agora,/ todas andan ó castizo [47].
  • Ó carballo caille a folla/ i ó castiñeiro o ourizo;/ as mociñas de Gaiás/ todas ten o tortorizo [48].
  • Ó carballo caille a folla/ i ó castiñeiro o ourizo;/ ás mociñas que hai agora/ todas lles dá o tortorizo [49].
  • Ó carballo caille a folla/ i ourizo non a ten;/ as mociñas que hai agora/ moi pouca vergoña ten [49].
  • O castaño do San Xusto/ ten a folla revirada,/ que lla revirou o vento/ nunha noite de xiada.
  • Pataquiñas ao almorzo,/ pataquiñas ao xantar,/ á merenda, pataquiñas/ i á noite castaña ao lar [50].
  • Polo mar abaixo, polo mar arriba,/ polo mar abaixo vai unha sardiña,/ vai unha sardiña, vai un pexegueiro/ que leva pexegos no mes de xaneiro [51].
  • Santo que estás no caínzo/ bota castañas abaixo,/ bótamas das máis grandiñas/ que ás pequenas non me baixo.
  • Santo que estás no cainzo/ bota castañas embaixo,/ bota de esas maduriñas/ polas verdes non me baixo.
  • Santo que estás no canizo,/ bota castañas abaixo;/ bótame das milloriñas/ que polas ruís non me abaixo.
  • Santo que estás no canizo/ bota castañas embaixo/ que anque non teño mandil/ acádochas no refaixo [52].
  • Santo que estás no canizo/ bota castañas embaixo/ tírame das máis grandiñas/ que ás pequenas non me baixo [53].
  • Sentaivos, mozos, sentaivos,/ anque as mozas sean poucas;/ habémosvos dar castañas/ anque non comandes outras [54].
  • Señora María,/ Señor Manoel,/ castañas asadas/ e viño con mel.
  • Teño un castiñeiro á porta/ que me dá moitas castañas;/ heiche de dar un saquete/ xa que todas mas apañas [55].
  • Teño un castiñeiro alto,/ na cima ten mil enredos;/ tampouco os enamorados/ poden te-los ollos quedos [56].
  • Teño un castaño moi alto,/ no tronco ten mil enredos,/ tampouco os anamorados/ poden te-los ollos quedos.
  • Vella que estás no canizo,/ bota castañas embaixo,/ que anque non teño mandil/ recóllochas no refaixo [57].
  • Verdadeira cruz de Aranga/ que has de dar ós teus romeiros/ auguiña da túa fonte,/ sombra dos teus castiñeiros [58].
  • Viva Bande, viva Bande,/ con todos seus arredores;/ terra de moitas castañas,/ vivan os apañadores [59].
  • Viva Lubeiriña, viva,/ con todos seus arredores;/ terra de moitas castañas,/ vivan os apañadores [59].
  • Volve, Xuana, volve, Xuana,/ que has de atopar unha boa castaña;/ volve, miniña, vólvete a vir/ moito no souto habemos de rir.
[editar | editar a fonte]

Levar no peto unha castaña de Indias serve para curar ou evita-las hemorroides. Tamén alivia as dores da reuma [60].

Para protexerse do mal de ollo cómpre levar á man unha castaña de Indias, ou mellor varias enfiadas nun cordel.

  1. A estas castañas refírese a cantiga popular Santo que estás no canizo, bota castañas abaixo; bótamas das milloriñas, que polas ruís non me abaixo.
  2. A sombra da figueira parece ser a peor de todas, tanto Galicia como no resto de España: La sombra de la higuera mata a cualquiera.
  3. Vicente Risco (1962), 278.
  4. 4,0 4,1 Elixio Rivas Quintas (1978).
  5. En Asturias, isto pasa se se comen as castañas verdes.
  6. Eladio Rodríguez González, s. v. acedía.
  7. Mariño Ferro (1985), 259-260.
  8. 8,0 8,1 Apéndice a Eladio Rodríguez González.
  9. 9,0 9,1 9,2 Constantino García González, s. v. castaña.
  10. Constantino García González, s. v. auga.
  11. Eladio Rodríguez González, s. v. auga.
  12. Eladio Rodríguez González, s. v. ovo.
  13. Eladio Rodríguez González, s. v. febreiro. No texto: i o besugo.
  14. Lino Lema Bouzas, 1.
  15. Elixio Rivas Quintas (2001)
  16. Quere dicir que cando abre a candea, a flor do castiñeiro, axiña vén a época da sega.
  17. Clodio González Pérez, 145.
  18. Marcial Valladares Núñez (1884). No orixinal: saladas, n'hai.
  19. Lino Lema Bouzas, 3.
  20. Real Academia Galega, s. v. agosto.
  21. San Pedro Fiel é unha aglutinación de San Pedro in Vincula e de San Fins, que se celebran conxuntamente o 1º de agosto.
  22. 22,0 22,1 Eladio Rodríguez González, s. v. San Martiño.
  23. Ver nota a Habendo neboeirao día de San Pedro Fiel....
  24. Eladio Rodríguez González, s. v. viño.
  25. San Quintín, 31 de outubro.
  26. Eladio Rodríguez González, s. v. porco.
  27. Lino Lema Bouzas, 9. No orixinal: saladas.
  28. Bolecas son as castañas que quedan ocas, coa casca sen froito.
  29. Eladio Rodríguez González, s. v. agosto.
  30. Este é San Pedro ad víncula, que se celebra o 1º de agosto. Como coincide coa festa de San Fiz naceu esta aglutinación de San Pedro Fiz (noutros casos san Pedro Cid ou san Pedro Fiel).
  31. Bolecos ou bolecas son as castañas abortadas, malogradas.
  32. Tan mala é unha cousa como a outra. José María Pereda Álvarez (1953).
  33. Santiago de Nigueiroá é parroquia do concello de Bande. Xaquín Lorenzo Fernández, 29.
  34. Saudade nº 4, xullo 1943, 30.
  35. Xaquín Lorenzo Fernández, 54.
  36. Xaquín Lorenzo Fernández, 58. No orixinal: de un.
  37. 37,0 37,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 61.
  38. Galliñas, neste caso, son os amentos que botan ó florecer. Xaquín Lorenzo Fernández, 61.
  39. Xaquín Lorenzo Fernández, 68.
  40. Xaquín Lorenzo Fernández, 70. No orixinal: díannolos. Dada a época na que se cantan os reises, ese algo do fumeiro só poden ser chourizos e castañas.
  41. Xaquín Lorenzo Fernández, 72.
  42. Rolas ou rulas. Xaquín Lorenzo Fernández, 72.
  43. Xaquín Lorenzo Fernández, 229. No orixinal: pola, de un. Recollida en Fontefría, que Xaquín Lorenzo non identifica pero que probablemente sexa a parroquia do concello de Amoeiro.
  44. Xaquín Lorenzo Fernández, 83. No orixinal: tocalo.
  45. Xaquín Lorenzo Fernández, 109.
  46. O Santuario da Nosa Señora dos Remedios érguese na parroquia de Abades, Silleda.
  47. Xaquín Lorenzo Fernández, 116. Andar ao castizo: aplícase ás porcas en celo.
  48. Xaquín Lorenzo Fernández, 116. Tortorizo é mareo por andar dando voltas, pero pode facer alusión a unha enfermidade das ovellas, chamada teo, caracterizada por movementos circulares continuos.
  49. 49,0 49,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 116.
  50. Xaquín Lorenzo Fernández, 130.
  51. Fermín Bouza-Brey 1929, 189. No orixinal: 'pol-o.
  52. Xaquín Lorenzo Fernández, 141.
  53. Xaquín Lorenzo Fernández, 142.
  54. Xaquín Lorenzo Fernández, 144.
  55. Xaquín Lorenzo Fernández, 152.
  56. Xaquín Lorenzo Fernández, 152. No orixinal: telos.
  57. Xaquín Lorenzo Fernández, 161.
  58. Gran Enciclopedia Galega, s. v. Aranga.
  59. 59,0 59,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 162.
  60. Con esta fin pódese levar igualmente unha pataca ou un allo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]
  • Castañeiro (persoa que vende castañas asadas na rúa).

Bibliografía

[editar | editar a fonte]