Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

As árbores na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carballo vello en Lugo
Carballeira de Santa Susana, en Santiago de Compostela

As plantas teñen un significado primordial na cultura galega sendo as árbores e os bosques e as fragas os máximos expoñentes.

Castelao dicía [1]:

O albre é o símbolo do señorío espritual de Galiza.
O albre é un engado dos ollos, pola súa fremosura; é unha ledicia dos ouvidos, porque nel cantan os paxaros; é un arrolador do esprito, porque nas súas ponlas conta contos o vento.
O albre pídelle auga ao ceo para que a terra teña sangue, vida e bonitura.

Terra de bosques sagrados

[editar | editar a fonte]

Nunha terra primordialmente campesiña e forestal as árbores eran esenciais na vida cotiá: combustíbel, construción (trabes), ferramentas (carro), menciñas (plantas medicinais), alimento (froiteiras) etc, polo que o sentido espiritual non era tampouco raro. Todos os trebellos que arrodeaban a vida dunha persoa dende o seu nacemento até o seu enterro (nunha caixa de madeira ), proviñan das árbores, non é de estrañar que tamén dende a noite dos tempos forme parte dos nosos deuses. Galicia identifícase cun país de meigas e menciñeiras, unha mestura moi antiga de tradicións preindoeuropeas, atlánticas, célticas coa cultura cristiá occidental, onde sobreviven mitos, malia a oposición da Igrexa católica, que intentou riscar os diversos cultos procedentes de vellas relixións, entre os que atopamos o culto ás árbores. Os bosques e fragas galegas énchense de lendas e tradicións pagás, moitas delas cristianizadas.

A árbore era o símbolo da resurrección da vexetación, tal como amosa a celebración dos maios, asociándose con festas de primavera-verán. O 3 de maio en Laza, os mozos rouban unha árbore e lévana até a praza principal da vila para presidir a festa. Os maios son en si mesmos unha festa de exaltación da fertilidade vexetal celebrada con cantares e con roupas vexetais que visten os mozos. Vicente Risco levou a cabo un estudo sobre os distintos tipos de cultos con vixencia en Galicia e distingue ao respecto:

  • Cultos pagáns
    • Culto aos montes e ás pedras
    • Culto á auga
    • Fitolatría (culto aos vexetais)
  • Seres da nosa pequena mitoloxía

Crese que na antigüidade estaba moi estendido en Galicia o culto ás árbores. Unha boa proba apórtaa a toponimia galega: "Nemetóbriga", "Nemetatos", "Lucus" etc. Nemeth é unha voz celta que significa bosque sagrado, do mesmo xeito lucus é un vocábulo latino de semellante significado, ou incluso provir dunha raíz prerromana en relación coas divindades da luz. Todo isto dá xa conta da existencia de numerosos bosques sagrados na Gallaecia prerromana.

Aos nosos días chegan lendas e contos galegos relacionados cos bosques e fragas: trasnos, meigas, fadas, lobishomes, a Santa Compaña, o olláparo, o apalpador, mouros e mouras etc. Fálase de demos que foran expulsados do ceo ás fragas. A Igrexa Católica encirrouse en desprestixiar, concilio tras concilio, o culto as árbores que, procedente das vellas relixións, non desapareceu de todo e chega até os nosos días. As máis das veces mesturáronse tradicións pagás coas cristiás, como os baños das nove ondas da Lanzada, as lendas de Santo André de Teixido, o San Xoán etc. No caso das árbores sagradas, moitas foron consagradas a santos, como o carballo de Santa Mariña de Augas Santas en Allariz ou o carballo de Santo Antonio no Pazo de Vilardefrancos en Carballo. Os dous teñen unha lenda en común que di que cando se lle produce unha ferida no tronco botan sangue. Nos dous casos atribúen este feito aos milagres dos respectivos santos. A Carballa da Rocha é un carballo situado no concello de Rairiz de Veiga (provincia de Ourense), Monumento Natural dende o ano 2007. Estímase que ten uns 500 anos. Na carballeira do pazo de Cartelos no concello de Carballedo (Lugo), subsiste un exemplar, pouco coñecido, que pode ser o máis vello do mundo desta especie, que fai que sexa o ser vivo máis vello de Galicia xunto co castiñeiro de Pumbariños en Manzaneda (Ourense).

Propiedades máxicas dalgunhas árbores

[editar | editar a fonte]
Yggdrasil, árbore sagrada da mitoloxía nórdica.

As árbores e plantas en xeral, presentan diversas propiedades máxicas e para sandar, pero tamén efectos contrarios. Cada árbore ten a súa función, os perennifolios, moitas veces considerados exóticos en Galicia, xa que adoitaban ser máis propios de climas mediterráneos, coma é o caso dos loureiros e das oliveiras, dicíase que protexían contra os lóstregos, os malos espíritos, as bruxas e evitaban que a envexa prexudique os meniños ou os animais da casa. Abondaba con pór unha póla enriba da entrada, tanto da casa coma da corte. Na porta das pousadas e tabernas era común pór unha póla de loureiro para indicarlle á xente que eran bos lugares de descanso. Cumpría así o ramo dúas funcións: protexía o viaxeiro e dáballe sorte ao negocio. No caso da oliveira, nove follas purifican e levábanas as mulleres que ían tomar as ondas. Tamén se usaba para protexer e conxurar nos nenos o mal da envexa, lévase o neno á oliveira e alí, espido, toca a árbore dicindo: oliveira bendita quita do neno a fada da envexa.

A sombra da nogueira non é recomendábel para as persoas e considérase nociva para as colleitas, dificultando que xermolen as sementes. Ademais da nogueira, son tamén árbores de mala sombra o castiñeiro, a figueira e o alcipreste dos cemiterios; durmir ao seu carón senta mal e até se pode enfermar. Pero xeralmente as árbores considéranse beneficiosas. Son as máis salientábeis o loureiro, a oliveira, o carballo e todas as árbores froiteiras. Este sentir popular recóllese no refrán: "Quen a boa árbore se achega, ben acubilla".

Tamén hai outras especies ás que se lles outorga un carácter máxico, moitas delas forman parte dos calendarios celtas, tal e como poden ser: o loureiro, o teixo, o bidueiro, o estripeiro, a abeleira, o freixo,o sabugueiro, a cerdeira, o, o lodoeiro, o cerquiño, o salgueiro, incluso algunhas árbores foráneas como o castiñeiro das bruxas, a oliveira ou o cinamomo ou árbore de Santo Eutelo (para curar a rabia).

Aínda hoxe está moi estendido o costume de plantar un limoeiro e un loureiro na horta ou no eido, ben preto da casa, ademais da utilidade, porque dá "boa sorte".

[editar | editar a fonte]
Léxico
  • Árbore do muíño: eixo do muíño [2].
  • Árbore da cera: cirio pascual, chamado así porque se lle adherían follas e flores.[3]
  • Árbore da ciencia do ben e do mal: a árbore do Paraíso terreal.[4]
  • Árbore da cruz: a cruz na que foi crucificado Xesucristo.[4]
  • Árbore da rabia: árbore de Santo Eutelo, cinamomo [3]; sangomiño (Cornus sanguinea) [5]; Pau de san Gregorio (Prunus padus) [5].
  • Árbore da vida: substancia branca do cerebelo [4].
  • Árbore de Apolo: o loureiro [4].
  • Árbore de Baco: a vide [4].
  • Árbore de Cibeles: o piñeiro [4].
  • Árbore de Diana: amálgama de prata e mercurio [4].
  • Árbore de Xúpiter: o carballo [4].
  • Árbore de Marte: o freixo [4].
  • Árbore de Minerva: a oliveira [4].
  • Árbore de Plutón o alcipreste [4].
  • Árbore de Venus: o mirto [4].
  • Árbore do ceo: o ailanto (Ailanthus altissima) [5].
  • Árbore druídica: o teixo [3][5].
  • Árbore fría: o sangomiño [3][4][5].
  • Arbore xenealóxica: representación en forma de árbore da ascendencia dunha familia [4]
Refraneiro
Ó árbore sen froito chámolle leña pró lume
  • A un árbore ruín e torto, ponlle axiña outro [3].
  • Árbore de bo natío, cobre un palmo e paga cinco [3].
  • Árbore sen frol, é coma día sen sol [3].
  • Cada árbore da o seu froito [3].
  • Coma os árbores son as persoas: uns dan sombra ou froitos, e outros nen sombra nen froitos [3].
  • Do árbore caído todos fan pitelos [3][6].
  • Do árbore derrubado todos levan algo [3].
  • Do árbore que está no chao, todos cortan un ramallo [3].
  • Dous árbores secos nunca frolecen [3][7].
  • Non prantes árbores nin amanses poldros, nin chúfe-la muller de outro [3].
  • Non prantes árbores nin amanses poldros, nin chúfe-la muller pouco nin moito [3].
  • O árbore que nace torto, tarde ou nunca se endereita [3].
  • O árbore que non dá froita, somentes pra leña é bo [3].
  • O árbore ruín non dá máis que ruín froito [3].
  • O árbore sen codia é coma a muller sen vergonza [3].
  • Ó árbore sen froito chámolle leña pró lume [3].
  • O que a bo árbore se acolle, boa sombra o cobre [3].
  • Quen a bo árbore se achega, ben se acobexa [3].
Cantigueiro
  • Arboriño que secaches/ tendo a iauga polo pé,/ e no tronco a firmeza/ e no ramiño o querer! [8].
Refraneiro
  • O ovo i a avelán, conforme veñen, van [9].
  • Polo san Urbán espile o abelán [10].
  • Por Santa Madalena, a abelá chea [11].
Cantigueiro
  • Niste lugar de Facós/ non se crían abelairas/ que se crían boas mozas/ morenas pero saladas [12].
  • Dios che dea os buenos días,/ millores as madrugadas,/ mociña que andas na horta/ collendo nas abelairas [13].
  • Heiche botar un vestido/ da color do abelar/ porque deixaches saír/ a Rosiña pró curral [14].

O acivro, segundo a cultura popular e o nomeado libro Ciprianillo posúe facultades prodixiosas para namorar. Cando un mozo desexaba ser amado por unha rapaza abondaba ir á media noite da noite de San Xoán a apañar unha póla de acivro, levala ao mar e pasala por baixo das trece ondas, rezando de cada vez un credo. Así, a póla tórnase máxica e a moza á que se lle tocase con ela ficaría tolamente namorada do galán. Esta póla máxica recibe o nome de aciviño[15].

Refraneiro
  • Ano de ameixas, ano de queixas [16].
  • Ano de ameixas, todas son queixas [17].
  • Ano de moitas ameixas, poucas medas nas eiras [17].
Cantigueiro
  • Casadiña de onte á noite/ déronme a comer ameixas,/ o meu marido vai fóra/ non teño a quen dar as queixas [18].
  • Fun ós figos á pereira,/ no’atopei senón cireixas,/ veu o dono das mazás:/ Deixa queda-las ameixas [19].
  • Hei de faguer unha ponte/ de peras e de fatós/ pra pasearen os mozos/ de Gaiás para Facós [20].
  • No medio de aquil camiño/ topei un ramo de ameixas;/ pasaches e non falaches,/ tanto levas como deixas [21].
  • San Xulián de Pereiriña/ feito de pau da ameixeira./ Nosa señora nos libre/ dunha muller cabuxeira.
Refraneiro
  • Ano de almendras, ano de merda [17].
Cantigueiro
  • Debaixo da túa ventana/ hai un almendro florido:/ o teu cabelo é a rama/ e con esto me despìdo [22].
Santo San Xinés de Bamio,/ feito de pau de ameneiro,/ primo carnal dos meus zocos,/ irmán do meu tabaqueiro
Locucións
  • Ser coma unha cuba de ameneiro: dise da persoa ou cousa cuxo carácter ou calidade resulta ser inferior á que se esperaba [23].
Cantigueiro
  • Eu ben vin esta-lo moucho/ na punta dun ameneiro/ coa subela na man/ aprendendo a zapateiro [24].
  • María pasou o río/ cunhas chancas de amieira;/ tente, María, non caias,/ agárrate a esa cerdeira [25].
  • Meu santo Bras da Diana/ feito de pau de amieiro,/ irmán das miñas zoquiñas,/ criado no meu lameiro [26].
  • Salgueiro prende de ponla/ i ameneiro de raíz,/ amores que fostes doutros/ para min xa non servís [27].
  • San Benitiño glorioso,/ feito de pau de amieiro,/ é irmau das miñas chancas,/ criado no meu lameiro [28].
  • San Vicente de Pepín/ feito de pau de ameneiro,/ irmán das miñas chanquiñas,/ criado do meu lameiro.
  • Santo San Xinés de Bamio,/ feito de pau de ameneiro,/ primo carnal dos meus zocos,/ irmán do meu tabaqueiro [29][30][31].
  • Señora Santa Lucía, feita de pau de amieiro,/ dáimelle vista ós meus ollos/ que non vos custa diñeiro [32].

Contra a caída da paletilla, os manciñeiros do Barco de Valdeorras colocan no colo do enfermo un rosario feito con poliñas de bidueiro [33].

Cantigueiro
  • A rola anda arrolando/ por riba dun bido seco/ que lle levaron o niño/ as mozas de Rioseco [34].
  • Ventana de pau de bido,/ mala polilla te coma:/ por causa de ti, ventana,/ perdín a miña señora [35].
Cantigueiro
  • Ai, que piñeiro tan alto!/ Ai, que pau ten pra culleres!/ Ai, que homildes son os homes/ cando van prónda as mulleres [36].
  • Señor San Benito novo,/ feito de pau de culleres;/ as mentiras son dos homes,/ as verdades das mulleres [32].
  • A bo porco, boa landra.
  • A landra que non se ve en maio, non se ve en todo o ano.
  • Ano de landras, ano de graxas.
  • Cando a carballeira zoa, sabe ben a broa.
  • En xaneiro, mellor carballo que castiñeiro.
  • O máis ruín porco topa unha boa landra.
  • A castaña e o besugo, en febreiro están en zugo.
  • A castaña e o besugo, en febreiro non teñen zugo.
  • Castañas, noces e viño fan a ledicia de san Martiño.
  • Con castañas asadas e sardiñas salgadas, non hai ruín viño.
  • En agosto, as castañas arder, e en setembro, beber.

A chamada cruz de san Bartolomeu utilízase para protexerse do demo. Faise con tres anacos de pau de cedro, cobertos con romeu, ruda e apio, e pónselle no pé unha mazá de alcipreste; finalmente, déixase en aiga benta durante tres días e sácase ó dar a media noite [37].

De menos lle fixo Dios o rabo ás cereixas
Léxico
Refraneiro
  • Cando por San Xurxo chove, de cen cereixas quedan nove [39].
  • De menos lle fixo Dios o rabo ás cereixas [40].
  • Dende maio a xullo, as cereixas son coma puños.
  • En maio, xa leva as cereixas o gaio [41].
  • Se polo san Xurxo chove, de cen cereixas quedan nove [42].
  • Se por San Xurxo chove, de cen cereixas quedan nove [43].
  • Tras de abril vén maio, e hai cereixas como puños.
  • Vale máis neno contento, que pucho de cereixas [44].
Cantigueiro
  • Cereixas nun castiñeiro/ foi cousa que nunca vin;/ non te alaudes que me deixas/ que eu nunca te pretendín [45].
  • Chamácheme moreniña, / éche do polvo da eira, / xa me verás o domingo / como a guinda na guindeira.
  • Chamácheme moreniña, / éche do polvo da eira, / xa me verás pra domingo / coma a guinda na guindeira.
  • Chamáchesme moreniña,/ chamáchesme moreneira,/ xa me verás pra domingo/ como a guinda na guindeira [46].
  • Fun ós figos á pereira,/ no’atopei senón cireixas,/ veu o dono das mazás:/ Deixa queda-las ameixas [19].
  • Inda che hei de botar unha/ por riba dunha cerdeira,/ que tu non has de negar/ que túa nai é feiticeira [47].
  • María pasou o río/ cunhas chancas de amieira;/ tente, María, non caias,/ agárrate a esa cerdeira [25].
  • Nosa Señora da Adina/ ten oliveiras no adro,/ botan piñas no outono,/ cereixas no mes de maio [48].
  • Nosa Señora da Adina/ ten un piñeiro no adro,/ bota piñas polo outono,/ cereixas no mes de maio [49].
  • O paxaro de María/ anda nas miñas cireixas./ Come, paxariño, come,/ veremos as que me deixas [50][51].
  • Paxariño de María,/ non me cóma-las cereixas/ que o meu amor no’está eiquí,/ non teño a quen da-las queixas [52].
  • Paxariño gorrión,/ non me comas as cereixas,/ que non teño pai nin nai,/ nin a quen lle dar as queixas [53].
  • Paxaro que vas voando/ por onde aquela cerdeira,/ dámelle moitas mamorias/ á María da Carreira [54].
  • Ponde leña nise lume/ anque sea de cerdeira,/ que lles quero ve-la cara/ ás mociñas de Lobeira [55].
  • Por riba dunha cerdeira/ estaba un pardau cantando/ e mofábase de min/ por ire por ti chorando [56].
  • Troquei o meu curazón/ por un ramo de cireixas;/ ai, adios, meu curazón,/ como te vas e me deixas [57].
Cantigueiro
  • A mazán do alcipreste/ non é verde, qu’é madura;/ a muller que coma dela/ non morre de paridura.
  • Ai, a mazá do alcipreste/ quen a coma morrerá;/ quen lle falte ós meus amores/ a moito se atreverá [58].
  • Eu subín ó alcipreste,/ subino e baixei de pé;/ non quero pan encetado/ que o meu enteiriño é [59].
  • Se soubera que tu viñas/ como de certo viñeches,/ mandaba barre-la rúa/ cun ramiño de alcipreste [60].
  • Se soubera que tu viñas/ como de certo viñeches,/ mandaba lava-la rúa/ con ramiños de alcipreste [61].
  • A branca, con frío, non vale un figo; a negra, nin figo nin breva.
  • Ano de brevas, nunca acá veñas.
  • Auga bebas con figos e brevas.
  • Auga ó figo; e á pera viño.
  • Cando a figueira ten folla, ten boa comida a solla.
Cantigueiro
  • Ai, que freixeira tan alta!/ Ai, que freixas tan maduras!/ Ai, que nenas tan bonitas!/ Quen che mas dera nas uñas! [62].
  • Eu fun canario do rei/ e fuxinlle da gaiola/ i agora son pintasilvo/ dos freixos de Vilanova [63].
  • Si queres que o carro cante/ bótalle o eixo de freixo,/ e si queres que o amor veña/ dálle talladas de queixo [64], dalle.</ref>.
Xa fun a Marín,/ xa pasei o mar,/ xa comín laranxas/ do teu laranxal
Refraneiro
  • A muller e a laranxa, non se han apretar moito, porque amargan [65].
Cantigueiro
  • A laranxa cando nace,/ nace verde e redondiña/ o mesmo que tu naceches/ para ser por xempre miña [66].
  • A laranxa foi á fonte,/ o limón foi atrás dela;/ a laranxa bebeu auga,/ o limón ficou sen ela [67].
  • A laranxa foi á fonte,/ tanto tarda que non vén;/ ou quebrou a cantariña/ ou se namorou de alguén [68].
  • Dónde son ises mociños/ que cheiran tanto a laranxa?/ Son do lugar de Facós,/ de aquela florida granxa [69].
  • O laranxo cando nace/ a folla pequena ten,/ pequeno é o meu amor/ e mais eu quérolle ben [70].
  • O toco da laranxiña/ tiña sede e foi beber;/ a fonte estaba estiñada/ e tívose que volver [71].
  • O toco da laranxiña/ tiña sede e foi beber;/ agora que estou no medio/ son señora de escoller [72].
  • Señor San Bartolomeu/ feito de pau de laranxo/ quen che mandou dar pintura/ foi o cura de Rianxo [73].
  • Xa fun a Marín,/ xa pasei o mar,/ xa comín laranxas/ do teu laranxal [74].
Refraneiro
  • O vinagre i o limón, medio ciruxanos son [75].
Cantigueiro
  • A laranxa foi á fonte,/ o limón foi atrás dela;/ a laranxa bebeu auga,/ o limón ficou sen ela [76].
  • Anque estou aquí cantando,/ triste está o meu corazón;/ téñocho máis amarelo/ que unha casca de limón [77].
  • ¡Canto limón pola tina,/ canto limón pola eira!/ Cantas fillas de María/ ten o cura de Palmeira [78].
  • ¡Canto limón pola tina,/ canto limón polo chan!/ Cantas fillas de María/ ten o noso capellán [79].
  • Debaixo do limoeiro/ dá gusto parrafear:/ ten a folliña miúda,/ non se ve dende o lugar [80].
  • Eu subín ó limoeiro/ e dende o medio caín,/ o limoeiro é a morte,/ eu pra morrer xa nacín [59].
  • Heiche de mercar un pano/ coma o limón de marelo;/ esí rabian as meniñas/ porque solo a ti te quero [81].
  • O limón é fruta verde,/ críase entre rosas blancas;/ a quen me amostrar cariño/ heille de amostrar carranca [82].
  • Queimemos o loureiro no mes de xaneiro.
  • A aldeia da Atalaia/ rodeada de loureiros/ non a pasean casados/ que a pasean solteiros.
  • Aparta, loureiro verde,/ deixa clarea-la lúa;/ se non vexo á miña nena/ non vexo cousa ningunha.
Léxico
  • Mazá de cu de galiña: variedade de mazá así chamada por tener o ápice aguzado e con engurras [83].
  • Mazáns de porco: mazáns pequenas, procedentes de maceiras bravas [84].
  • Mazá xuaneira: variedade de mazá.
Refraneiro
  • San Pedriño, san Pedrán, polo teu santo empeza a haber a primeira mazán [85].
Cantigueiro
  • Cando botáre-lo gado/ bótame o meu becerriño/ que che hei dar unha mazá/ que teño nun arcaciño [86].
  • Dame da pera que comes,/ da mazá un bocadiño,/ dame unha fala do peito,/ do curazón, un cariño [87].
  • Décheme unha pera parda/ e tamén unha xuaneira,/ déchema pola ventana;/ Dios cho pague, churrusqueira.
  • Décheme unha pera parda/ e unha mazá xuaneira,/ botáchemas pola ventá/ ¡Dios cho pague, churrusqueira!
  • Décheme unha pera parda/ e unha mazán xuaniña,/ déchemas pola ventana;/ Dios cho pague, queridiña.
  • Déchesme unha pera parda/ e unha mazá xoaneira;/ déchesme unha pera parda,/ Dios cho pague, churrusqueira [22].
  • Disme que te queima o sol,/ eu digo te fai fermosa:/ mazanciña moi sombriza/ nunca foi a máis sabrosa [69].
  • Fóra casei, adios porta,/ portiña do meu quinteiro,/ auga do meu saidiño,/ soma do meu mazanceiro [88].
  • Fuche a Vigo, fuche a Vigo,/ fuches e non viches nada:/ non viches beilla-lo sol/ nunha mazá colorada [89].
  • Fuches a Vilagarcía,/ fuches e non viches nada,/ non viches beilar o sol/ nunha mazán colorada [90].
  • Fun ós figos á pereira,/ no’atopei senón cireixas,/ veu o dono das mazás:/ Deixa queda-las ameixas [19].
  • Hei de faguer unha ponte/ de peras e de mazás/ pra pasearen os mozos/ de Facós cara Gaiás [20].
  • Hei de faguer unha ponte/ de peras e de mazás/ pra pasearen os mozos/ de Lubeira a Rubiás [91].
  • Maruxiña, Maruxiña,/ cariña de repinaldo,/ o día que te non vexo/ non boto fabas ó caldo [92].
  • Nena bonita no mundo/ non había de nacer/ porque fai como a mazá:/ todos a queren comer [93].
  • Non me tires con pedriñas/ nin con mazás retalladas,/ eu para ti non nacín,/ nin me síga-las pisadas [94].
  • Non quero mazá picada/ nin do mesmo roisiñol:/ quen a picare que a coma,/ que lle quitou o sabor [95].
  • Ó tocador do pandeiro/ hémoslle de dar dous reás/ i ó tocador da cazola/ catro cartos pra mazás [71].
  • Os amores dun casado/ son coma un ovo sen sal,/ coma unha mazá sombriza/ que non sabe ben nen mal [96].
  • Pasei a Ponte de Ourense,/ paseina de madrugada;/ topei un anelo de ouro/ i unha mazá colorada [97].
  • Tocadoira do pandeiro/ merece cinco reás/ e a que toca a cazola/ catro cartos pra mazás [98].
  • Unha mazá vermelliña/ posta na mesa do rei;/ non collín outros amores/ desque contigo falei [99].
  • Unha mazá vermelliña/ posta na mesa do rei;/ tira de min o sentido,/ que eu de tixa o tirei [100].
  • Por san Simón o néspero se repón.
  • Ano de noces, ano de voces.
  • En marzo, abrigo, noces e pan trigo.
  • Pan e noces saben a amores.
  • Polo San Martiño andan as noces a roliño.
  • Por santa Tecla abala a nogueira.
  • Aceite, carne, pantrigo e sal, mercadoría real.
  • Aceite, no alto; viño, no medio; mel, no baixo.
  • Aceite, o de enriba; viño, o do medio; mel, o do fondo.
  • A folla do olmo vira,/ pero eu non hei virar;/ a folla deixou ó olmo,/ eu a ti non te hei deixar [58].
  • O viño das peras non o tires nin o bebas, nin ó teu amigo o deas.
  • Viña, pereira e fabal, malos son de gardar.
  • Viño de peras non o bebas, nin o deas a quen ben queiras.
Refraneiro
  • Polo río abaixo vai un pexegueiro que bota pexegos no mes de xaneiro.
Cantigueiro
  • Eu ben vin esta-lo moucho/ por riba dun prexigueiro/ cunha subela na mau/ deprendendo a zapateiro [101].
  • Montañesa, vén conmigo/ que nos imos prá ribeira/ onde se colleitan uvas,/ melocotós e mais peras [102].
  • Polo mar abaixo, polo mar arriba,/ polo mar abaixo vai unha sardiña,/ vai unha sardiña, vai un pexegueiro/ que leva pexegos no mes de xaneiro [103].
  • Polo río abaixo,/ polo río arriba,/ polo río abaixo/ vai unha sardiña,/ vai unha sardiña,/ vai un prexegueiro/ que leva prexigos/ no mes de xaneiro [104].

Son boas, beneficiosas, as sombras do carballo e mais do piñeiro. Pola contra, é prexudicial, por húmida e fría, a sombra do castiñeiro; e a de nogueira pode enfermar a quen durma baixo ela [105].

Ai, que piñeiro tan alto!/ Ai, que pau ten pra culleres!/ Ai, que homildes son os homes/ cando van prónda as mulleres
Cantigueiro
  • Ai, que piñeiro tan alto!/ Ai, que lindas piñas ten!/ De baixo non se lles chega,/ arriba non vai ninguién [106].
  • Ai, que piñeiro tan alto!/ Ai, que pau ten pra culleres!/ Ai, que homildes son os homes/ cando van prónda as mulleres [107].
  • Ai, que piñeiro tan alto!/ Na cima ten mil enredos;/ o amor cando pretende/ nunca ten os ollos quedos [106].
  • Ai que piñeiro tan alto...!/ No medio ten mil enredos./ O galan de moitas damas/ nunca está cos ollos quedos [108]
  • Ai, que piñeiro tan alto!/ No medio ten un letreiro:/ Non me criaron mis padres/ , para ti, camanduleiro [106].
  • Arrimeime a un pino verde/ por ver se me consolaba/ i o pino, como era verde,/ ó verme chorar, choraba [109].
  • Debaixo de un pino verde/ ten Rosiña a súa cama;/ cando se foi a deitar/ colgou o candil na rama [110].
  • Niste lugar de Requeixo/ no medio quero decer,/ hai un piñeiriño verde/ que alumea sen arder [111].
  • Nosa Señora da Adina/ ten oliveiras no adro,/ botan piñas no outono,/ cereixas no mes de maio [112].
  • Nosa Señora da Adina/ ten un piñeiro no adro,/ bota piñas polo outono,/ cereixas no mes de maio [113].
  • O lugar de Santa Baia/ ó lonxe parece vila/ se non foran os piñeiros/ que ten no lado de riba [114].
  • O pino do Pousadoiro/ ten a folla revirada/ que lla revirou o vento/ unha mañán de xiada [115].
  • Oh, que piñeiro tan alto,/ só cunha piña no medio!/ Oh, que meniña tan linda/ beillar cun home tan feio! [116].
  • Quen me dera estar na Creba/ e na Creba haber un piño,/ para ver o que se pasa/ esta noite en Portosiño [117].
  • Teño plantado un piñeiro/ por riba do meu tellado;/ cando o piñeiro der uvas/ estarei ó teu mandado [118].
  • Teño unha casa no monte,/ nun pinar, antre loureiros,/ teño paz e teño amores,/ estou vivindo no ceo [119].

A flor do sabugueiro utilízase para curar a erisipela (en Celanova) ou o sarampelo (en Lourizán (Pontevedra) [120].

Dado o cheiro desagradable das súas pólas e follas, utilízase como repelente de sapos, cóbregas, salamántigas e outros bechos diabólicos [121].

Refraneiro
  • Nin bo Pedro, nin bo burro negro, nin bo lameiro por riba do rego, nin de sabugueiro un bo vencello, nin de cuñado un bo consello.
Cantigueiro
  • Á túa porta, meniña,/ hai un pé de sabugueiro;/ cada vez que vén o cuco/ elí ten o paradeiro [122].

A casca de salgueiro utilízase para tinguir (encascar) as redes [123].

Refraneiro
  • En xaneiro xa a abella pon os pés no salgueiro.
Cantigueiro
  • Eu ben vin esta-lo melro/ dende salgueiro en salgueiro,/ casa eiquí, casa aculá,/ o melro xempre solteiro [124].
  • O lugar de Cabaleiros/ é un lugar moi sombrizo;/ prenden os amores nil/ coma o salgueiro no río [125].
  • O lugar de Zabariz/ é un lugar moi sombrizo;/ prenden os amores nil/ como o salgueiro no río [126].
  • Prinde, salgueiriño, prinde,/ prinde na fonte serea,/ tamén os meus ollos prinden/ nos olliños dunha nena [127].
  • Salgueiro prende de ponla/ i ameneiro de raíz,/ amores que fostes doutros/ para min xa non servís [128].
Cantigueiro
  • Señor San Bartolomeu/ feito de pau de sanguiño/ líbrame, santo bendito/ do lobo de Rianxiño [129].
Cantigueiro
  • A muller que ha de ser boa/ ha de ter o cu de pau,/ a barriga de cortiza/ i o nariz de bacallau [130].
  • A muller que ha de ser miña/ ha de ter o cu de pau,/ a barriga de cortizo/ e os peitos de bacallau [131].
  • A muller que ha de ser miña/ ha de ter o cu de pan,/ a barriga de cortizo/ i o nariz de bacallau [132].
  • Meu santo, San Antoniño,/ nacido no sobreiral,/ o pesebre do meu burro/ évos voso irmán carnal.
  • Se queres ter bo banastro, corta os bimbios no marzo [133].
  • Se queres ter un bo banastro, curta os bimbios en marzo [133].
  1. Castelao, Sempre en Galiza, Libro I, cap. XXXII.
  2. Constantino García González, s. v. árbol.
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 3,14 3,15 3,16 3,17 3,18 3,19 3,20 3,21 Eladio Rodríguez González, s. v. árbore.
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 4,12 4,13 Real Academia Galega 1913, s. v. árbore.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 E. Losada, J. Castro e E. Niño (1992).
  6. Pitelos son as estelas que se sacan da madeira.
  7. Desaconsella o matrimonio entre vellos.
  8. Xaquín Lorenzo Fernández, 45.
  9. Eladio Rodríguez González, s. v. ovo.
  10. San Urbano, 15 de maio.
  11. A Madalena celébrase o 22 de xullo.
  12. Xaquín Lorenzo Fernández, 108. No orixinal: avelairas. Xaquín Lorenzo engade que, a pesar do que di a cantiga, Lobeira si que é terra de abelairas.
  13. Xaquín Lorenzo Fernández, 71. No orixinal: avelairas.
  14. Xaquín Lorenzo Fernández, 87. No orixinal: avelar, sair.
  15. Gran Enciclopedia Galega, s. v. acivro.
  16. Real Academia Galega 1913, s. v. ano.
  17. 17,0 17,1 17,2 Eladio Rodríguez González, s. v. ano.
  18. Fermín Bouza Brey 1929, 198. No orixinal: â noite, fora.
  19. 19,0 19,1 19,2 Xaquín Lorenzo Fernández, 86. No orixinal: no-atopei, quedalas.
  20. 20,0 20,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 88. Gaiás é un lugar da parroquia de Santa Cruz de Grou, e Facós da parroquia de San Vicente de Lobeira, ambas do mesmo concello de Lobeira. Xaquín Lorenzo engade que entre estas dúas aldeas só hai un regato que non precisa ponte para cruzalo.
  21. Xaquín Lorenzo Fernández, 109.
  22. 22,0 22,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 67.
  23. Eladio Rodríguez González, s. v. cuba.
  24. Gran Enciclopedia Galega, s. v. ameneiro.
  25. 25,0 25,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 93. No orixinal: rio.
  26. Saudade nº 4, xullo 1943, 30. No orixinal: d’amieiro.
  27. Xaquín Lorenzo Fernández, 140. No orixinal: de outros.
  28. Xaquín Lorenzo Fernández, 141.
  29. San Xens de Bamio é unha parroquia do concello de Vilagarcía de Arousa.
  30. Fermín Bouza Brey 1929, 186. No orixinal: mail-a, e a miña nai.
  31. Xaquín Lorenzo Fernández, 266.
  32. 32,0 32,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 145.
  33. Mariño Ferro (1985), 92 (citando a Lis Quibén).
  34. Xaquín Lorenzo Fernández, 45. No orixinal: de un. Este Rioseco ten que ser lugar da parroquia de Santa Mariña de Rioseco, concello de Calvos de Randín.
  35. Xaquín Lorenzo Fernández, 161.
  36. Xaquín Lorenzo Fernández, 34. O pau das culleres é o buxo, madeira empregada para outros útiles da cociña, e aquí se emprega ironicamente para denotar a madeira ruín do piñeiro.
  37. Vicente Risco, 341-342.
  38. Elixio Rivas Quintas (2001).
  39. Eladio Rodríguez González, s. v. chover.
  40. José María Pereda Álvarez (1953).
  41. Eladio Rodríguez González, s. v. maio.
  42. Eladio Rodríguez González, s. v. cereixa.
  43. San Xurxo, 24 de abril. Eladio Rodríguez González, s. v. abril.
  44. Eladio Rodríguez González, s. v. neno.
  45. Xaquín Lorenzo Fernández, 61.
  46. Xaquín Lorenzo Fernández, 62.
  47. Xaquín Lorenzo Fernández, 89. No orixinal: tua.
  48. Refírese, como a seguinte, á igrexa de Santa María de Iria Flavia, coñecida popularmente como Adina.
  49. Gran Enciclopedia Galega, s. v. Adina.
  50. Fermín Bouza Brey 1929, 162.
  51. Xaquín Lorenzo Fernández, 122. No orixinal: cume, veremolas.
  52. Xaquín Lorenzo Fernández, 130. No orixinal: comalas, no-está, quén, dálas.
  53. Elixio Rivas Quintas (1978).
  54. Xaquín Lorenzo Fernández, 131.
  55. Xaquín Lorenzo Fernández, 134. No orixinal: vela.
  56. Xaquín Lorenzo Fernández, 135.
  57. Xaquín Lorenzo Fernández, 157.
  58. 58,0 58,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 32.
  59. 59,0 59,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 84.
  60. Xaquín Lorenzo Fernández, 147. No orixinal: barrela, rua.
  61. Xaquín Lorenzo Fernández, 147. No orixinal: lavala, rua.
  62. Xaquín Lorenzo Fernández, 33.
  63. O pintasilvo ou pintasilgo é o xílgaro. Xaquín Lorenzo Fernández, 81. No orixinal: fuxínlle.
  64. ANÓNIMO: Saudade nº 4, xullo 1943, 29. No orixinal: qu’o, bítall’e (sic.
  65. Eladio Rodríguez González, s. v. muller.
  66. Xaquín Lorenzo Fernández, 35.
  67. Xaquín Lorenzo Fernández, 35. No orixinal: de ela.
  68. Xaquín Lorenzo Fernández, 35. No orixinal: ven.
  69. 69,0 69,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 71.
  70. Xaquín Lorenzo Fernández, 118. No orixinal: e máis.
  71. 71,0 71,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 127.
  72. Xaquín Lorenzo Fernández, 127. No orixinal: estóu.
  73. Refírese a unha capela dedicada a este santo, nuns cons de Rianxo. Fermín Bouza Brey 1929, 184.
  74. Fermín Bouza Brey 1929, 176.
  75. Eladio Rodríguez González, s. v. vinagre.
  76. Xaquín Lorenzo Fernández, 35. No orixinal: de ela.
  77. Gran Enciclopedia Galega, s. v. amarelo.
  78. Fermín Bouza Brey 1929, 175. No orixinal: pol-a.
  79. Fermín Bouza Brey 1929, 175. No orixinal: pol-a, chán.
  80. Xaquín Lorenzo Fernández, 67. No orixinal: miuda.
  81. Xaquín Lorenzo Fernández, 87. No orixinal: sólo, tí.
  82. A carranca é un colar ancho, con pugas de ferro cara fóra, que se lle pon no pescozo dos perros pastores para defendelos dos lobos. Xaquín Lorenzo Fernández, 118.
  83. Aníbal Otero Álvarez 1977.
  84. Martín Sarmiento: Catálogo de voces y frases de la lengua gallega.
  85. Rosario Soto Arias 2013.
  86. Xaquín Lorenzo Fernández, 55. No orixinal: botarelo.
  87. Xaquín Lorenzo Fernández, 66.
  88. Xaquín Lorenzo Fernández, 85. No orixinal: fora.
  89. Xaquín Lorenzo Fernández, 85. No orixinal: beillalo.
  90. Fermín Bouza Brey 1929, 203. No orixinal: n-unha.
  91. Xaquín Lorenzo Fernández, 88. Rubiás é lugar da parroquia de Cadós, no concello de Bande. Xaquín Lorenzo engade que non hai río nin regato entre as dúas localidades.
  92. Chámase repinaldo a unha variedade de mazá de forma alargada. Xaquín Lorenzo Fernández, 95.
  93. Xaquín Lorenzo Fernández, 107. No orixinal: tódola.
  94. Xaquín Lorenzo Fernández, 110. No orixinal: sigalas.
  95. Xaquín Lorenzo Fernández, 111. No orixinal: quena, quitóu.
  96. Xaquín Lorenzo Fernández, 124. No orixinal: de un.
  97. Refírese á ponte romana de Ourense, a Ponte Vella. Xaquín Lorenzo Fernández, 128. No orixinal: paséi.
  98. Xaquín Lorenzo Fernández, 155.
  99. Xaquín Lorenzo Fernández, 158. No orixinal: bermelliña.
  100. Xaquín Lorenzo Fernández, 158. No orixinal: bermelliña.
  101. Xaquín Lorenzo Fernández, 79. No orixinal: estalo.
  102. Xaquín Lorenzo Fernández, 104. No orixinal: ven, e máis.
  103. Fermín Bouza Brey 1929, 189. No orixinal: pol-o.
  104. Xaquín Lorenzo Fernández, 133.
  105. Vicente Risco 1962, 278.
  106. 106,0 106,1 106,2 Xaquín Lorenzo Fernández, 34.
  107. Xaquín Lorenzo Fernández, 34. O pau das culleres é o buxo, madeira empregada para outros útiles da cociña, e aquí se emprega ironicamente para denotar a madeira ruín do piñeiro.
  108. Marcial Valladares Núñez (1884). No texto: N'o medio, tèn, móitas, c'os.
  109. Xaquín Lorenzo Fernández, 46. Lémbrese a poesía de Federico García Lorca: "Yo me subí a un pino verde/ por ver si la divisaba,/ y sólo divisé el polvo/ del coche que la llevaba".
  110. Xaquín Lorenzo Fernández, 67. No orixinal: colgóu.
  111. Requeixo é lugar de San Mamede de Grou, unha parroquia do concello de Lobios. Xaquín Lorenzo Fernández, 108.
  112. Refírese, como a seguinte, á igrexa de Santa María de Iria Flavia, coñecida popularmente como Adina.
  113. Gran Enciclopedia Galega, s. v. Adina.
  114. Santa Baia é lugar de San Vicente de Lobeira, no concello de Lobeira. Xaquín Lorenzo Fernández, 119.
  115. O Pousadoiro é un monte entre Vilagarcía e Caldas de Reis. Fermín Bouza-Brey 1929, 162.
  116. Xaquín Lorenzo Fernández, 118.
  117. A illa da Creba pertence a Muros pero está fronte por fronte a Portosín (lugar de Porto do Son). Álvaro das Casas, en Nós 94, 15.10.1931, 192.
  118. Xaquín Lorenzo Fernández, 150. No orixinal: dér.
  119. Xaquín Lorenzo Fernández, 274. Recollida en Muros.
  120. Mariño Ferro (1985), 134. O mesmo autor recolle o uso en Asturias de cruces de sabugueiro para curar as escordaduras (px. 90).
  121. Mariño Ferro (1985), 131.
  122. Xaquín Lorenzo Fernández, 51. No orixinal: ven.
  123. Elixio Rivas Quintas (1978), 119; localizado en Malpica.
  124. Xaquín Lorenzo Fernández, 79. No orixinal: estalo.
  125. Xaquín Lorenzo Fernández, 119. Cabaleiros é o único lugar da parroquia de San Martiño de Grou, no concello de Lobeira. Porén, Xaquín Lorenzo afirma que é o nome que recibe a terra onde asenta a parroquia, formada polos lugares de Valdoi, Paraño, Mosteiro e Valoiro. Hoxe os tres primeiros lugares xa non existen (na Limia Baixa) e O Valoiro é lugar da parroquia de San Martiño de Grou de Lobios.
  126. Sabariz, lugar da parroquia de San Xes de Vilariño, no concello de Lobeira. Xaquín Lorenzo Fernández, 119.
  127. Xaquín Lorenzo Fernández, 136. No orixinal: de unha.
  128. Xaquín Lorenzo Fernández, 140. No orixinal: de outros.
  129. Refírese a unha capela dedicada a este santo, nuns cons de Rianxo. Rianxiño é un lugar da parroquia de Santa Comba de Rianxo. Fermín Bouza-Brey 1929, 184.
  130. Xaquín Lorenzo Fernández, 39. No orixinal: .
  131. Saudade nº 4, xullo 1943, 28. No orixinal: tel-o, .
  132. É posible un erro na recollida da cantiga de pan por pau.
  133. 133,0 133,1 No orixinal: bimbios.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008.
  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
  • CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 1931.
  • Alfonso Daniel R. Castelao: Sempre en Galiza (1938-1948), en Henrique Monteagudo (coord.): Obras, Tomo 2. Galaxia, Vigo 1999-2000.
  • GARCÍA GONZÁLEZ, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe, Verba, anexo 27, Universidade de Santiago 1985.
  • Gran Enciclopedia Galega, Ed. Silverio Cañada, Lugo 2003.
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
  • Losada, E., Castro, J. e Niño, E.: Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia 1992.
  • MARIÑO FERRO, Xosé Ramón: La medicina popular interpretada I. Xerais, Vigo 1985.
  • OTERO ÁLVAREZ, Aníbal: Vocabulario de San Jorge de Piquín, Verba anexo 7, Universidade de Santiago, 1977.
  • PEREDA ÁLVAREZ, José María: "Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega", en Douro Litoral 1953, 5ª série, VII-VIII, pp. 19-52.
  • REAL ACADEMIA GALEGA: Diccionario gallego-castellano, 1913-1928.
  • RISCO, Vicente: "Cultura espritual", en Historia de Galiza tomo I, 1962 (reed. Akal 1979, 255-777).
  • RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca 1978.
  • Elixio Rivas Quintas: Frampas III, contribución al diccionario gallego, 2001, no Dicionario de Dicionarios.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • Martín Sarmiento: Colección de voces y frases de la lengua gallega (1746-1770), ed. de J. L. Pensado Tomé, Universidad de Salamanca, 1970.
  • SOTO ARIAS, Mª Rosario: "Notas para un estudo dos refráns haxiocronolóxicos", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 347-370.
  • VALLADARES NÚÑEZ, Marcial: Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar 1884.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]