Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Beixo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Bico»)
Bico.
Gustav Klimt, O bico, 1907-1908.

Un beixo ou bico é unha caricia que unha persoa proporciona a outra aplicando os seus beizos sobre calquera parte do corpo desta, máis habitualmente as meixelas ou os beizos. Nas situacións de maior intimidade é común que os beixos se produzan entre as bocas das dúas persoas, que se acarician reciprocamente. Dada a cantidade de terminacións nerviosas presentes na zona dos beizos, os bicos son un modo extraordinariamente eficaz de provocarlle sensacións á persoa bicada, en particular as que teñen unha carga de tipo afectivo ou erótico.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

A palabra beixo ([bejʃo]) vén da voz latina basium, e esta á súa vez probablemente do grego bádzo, eu falo, ou de basko, baskaino, eu murmuro. Outra hipótese suxire unha orixe onomatopeica non confirmada. A palabra latina experimentou unha metátese do i, coa conseguinte evolución a través de *baisu > *baiso > *beiso > beixo. Noutras linguas deu voces similares, así beijo en portugués, bissou en francés, bacio en italiano ou beso en castelán. A palabra bico, por analoxía, é homónima do termo anatómico bico, que é sinónimo de peteiro, o extremo córneo exterior das bocas das aves e doutros animais[1].

Mecanismos

[editar | editar a fonte]
Antonio Canova, Psiche ravvivata dal bacio di Amore, 1793.

Fisioloxía

[editar | editar a fonte]

Un beixo é un acto bucal no que poden chegar a participar até 29 músculos, 17 deles relacionados coa lingua, e consumirse 9 miligramos de auga, 0,18 de substancias orgánicas, 0,7 de materias graxas, 0,45 de cloruro sódico, cun gasto enerxético de 6,4 calorías durante a fase máis intensa. Asemade poden pasar dunha boca á outra centenares de bacterias e millóns de xermes. Durante un bico a presión sanguínea increméntase, o corazón acelérase ata duplicar o seu ritmo normal, o sangue aflúe á pel en maior cantidade e aumenta a temperatura superficial do corpo[2][3].

Un embrión humano de só seis semanas ten unha boca definida, con dúas mandíbulas, beizos e lingua. Nas semanas anteriores ó nacemento o feto succiona as súas propias mans, de modo que cando nace xa está capacitado para mamar[3].

Pola súa posición no corpo, a boca e o órgano eróxeno máis próximo ó cerebro. En palabras de Jean-Luc Tournier, "non hai acto que permita unha implicación voluntaria do ser tan total como o beixo", e é así a causa da súa función primaria -a nutrición- e de que a boca permite entrar en contacto e establecer comunicación con outras persoas. A pel dos beizos é máis fina que a do resto do corpo, pero ademais disto os beizos están cheos de nervios e a actividade química do depósito nervioso facial do cerebro é intensa durante o beixo. Ademais os beizos teñen unha especial capacidade de atracción visual de tipo erótico. Para aproveitar esta capacidade, é frecuente, sobre todo entre as mulleres, a práctica de modificar o aspecto externo dos beizos mediante cosméticos, que lle aportan cores e texturas máis atractivas e un tacto máis suave. A lingua tamén é un órgano táctil. Está composta por unha serie de músculos intrínsecos -verticais, lonxitudinais e transversais- suxeita por músculos extrínsecos. Sobre a súa superficie distribúense os receptores dos sabores, as papilas gustativas, agrupadas segundo os sabores para os que están especializadas[2][3][4].

Psicoloxía

[editar | editar a fonte]

A finais da década de 1950, a Etoloxía (ciencia que estuda o comportamento dos animais) veu impoñerse sobre a psicoloxía experimental, que pretendía que a meirande parte do comportamento humano é aprendido. Os etólogos, con Konrad Lorenz á cabeza, demostraron que os patróns de comportamento tamén están sometidos a unha selección natural que deriva nunha evolución, de modo que moitas das actividades dos animais superiores son instintos abertos, é dicir, contan con elementos innatos e aprendidos. Bicar é un deles[3].

Sigmund Freud sostiña que o pracer co que o cativo mama do peito materno é reactivado ó descubrir actividades análogas, como chucharse o dedo ou bicar. Para Freud, este feito marca o inicio da fase oral, que é preludio da fase anal. Durante esta fase oral do desenvolvemento psíquico é característica a actividade sexual que se manifesta no uso dos beizos, e a súa resolución marca toda a vida sexual posterior. Nas súas Leccións introdutorias á psicanálise, Freud sinalaba que "o beixo pode ser cualificado de acto perverso, pois consiste na unión de dúas zonas bucais eróxenas e non na dos órganos sexuais opostos".[4][5].

Marco cultural

[editar | editar a fonte]
Suzuki Harunobu, detalle dun Shunga, ca. 1750.
Marcel Oosterwijk, De Kus, 2001.
Konstantine Makovskii, Картина, 1883.
Anónimo, grafito no muro de Berlín, sen data.
Lawrence Alma-Tadema, Ask Me No More, 1906.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Os primatólogos Jane Goodall e Biruté Galdikas observando os chimpancés de Gombe, en Tanzania, descubriron que os machos de menor rango do grupo a miúdo se agochaban submisamente e bicaban algunha parte do corpo do macho dominante. Como variantes deste comportamento estaba a de bicar a man doutro, que se pode dar entre o macho dominante e outro chimpancé acabado de chegar ou entre unha nai e un fillo. Outros científicos observaron xestos como o de tranquilizar a un fillo bicándoo na cabeza ou un fillo á nai na meixela ó chegar. En definitiva, o beixo preséntase como xesto pertencente ó repertorio da comunicación entre primates, o can é un indicio da antigüidade que pode ter entre os seres humanos[4].

Outras culturas

[editar | editar a fonte]

Tal como o coñecemos, o bico, que pode parecer unha práctica sumamente natural, e totalmente tributario dun contexto cultural moi concreto. É totalmente descoñecido nas culturas tradicionais de África, América, Oceanía e Australia, e tampouco é característico da China e o Xapón, aínda que tampouco totalmente alleo, especialmente da nai para os fillos. En moitos outros pobos, o beixo era un acto de natureza moi íntima, en ocasións máis que a cópula, polo que a súa manifestación pública era considerada tabú[2].

Nalgunhas culturas que non teñen como práctica habitual a de bicarse existen outro tipo de bicos que teñen a súa relevancia. Frecuentemente estas modalidades están relacionadas coa percepción de sinais olfactivas. A importancia do olfacto como vehículo transmisor de feromonas é coñecida. Sábese que os nenos son sensibles ó cheiro da nai e que saben recoñecela a través del. A captura do cheiro dun ser amado ten un poderoso efecto fetichista polo que ten de representación da persoa na súa ausencia. Os esquimós e outros pobos nórdicos practican un tipo de beixo consistente en fretar o nariz contra o doutra persoa. Formas análogas de bicarse existen en Siberia e Malaisia. Dende un punto de vista antropolóxico, este proceder é unha intromisión no espazo olfactivo do outro (a chamada proxemia olfactiva) que equivale a entrar na súa área de intimidade. Nesta mesma liña, en Australia hai pobos aborixes para os que o principal rito de benvida consiste en recoller a suor do corpo do anfitrión e aplicala sobre o do visitante, nun intento de transmitirlle a súa identidade olorosa[2].

Xa como práctica máis táctil que olfactiva, os tchouktches siberianos despídense dos seus seres queridos ou reencóntranse con eles pousando o nariz sobre a súa meixela para capturar o seu cheiro. Xa no Cáucaso, entre os adiguesios os estranxeiros pousaban os seus beizos ó chegar sobre o seo da muller do seu anfitrión, cerimonia pola cal pasaba a ser considerado fillo destes. Na Melanesia, entre as prácticas amatorias máis correntes están a de chucharse os ollos e ou beizos, morderse ata facerse sangue ou darse pequenas dentadas nas pestanas. Os ¡kung de Namibia teñen como práctica habitual o tocarse mutuamente os xenitais, pero o contacto entre estes e a boca é tabú. Consideran que os xenitais dunha muller poderían queimar a boca do home[2][3].

Modalidades

[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente en Ucraína, os cativos collían a man de seus pais e poñíana entre as súas antes de bicar o seu dorso. En Moldova os nenos levaban dous dedos á fronte en sinal de respecto tras beixar a man dunha persoa maior. Dúas persoas que, por algún motivo, non se podían bicar as mans para saudarse, depositaban un bico en dous dedos da súa man para logo levalos á fronte. En Rusia, os mozos acabados de casados bicaban as pechaduras da igrexa na que casaran, e o mesmo facía o marido, ou na súa ausencia o criado, ante un parto difícil, para atraer sobre el as dores que habería de padecer a muller. Voltaire relata o hábito de que os cativos bicasen a man dereita da persoa que lles regalaba unha lambetada[2].

Arredor da morte existen ocasións nas que o beixo proporciona ó moribundo o contacto coa divindade. Bicar a cruz antes de morrer equivale a unirse a Cristo e deixarse penetrar por el, do mesmo modo que bicar o pan que se come é unha expresión de veneración a Cristo. Os familiares e os amigos do defunto despídeno bicándoo, nun xesto que significa o adeus e o perdón[2].

O beixamán

[editar | editar a fonte]

O hábito do beixamán podería remontarse á civilización sumeria, no IV milenio a.C. Facíase poñendo a man diante da boca ou ben erguendo a man coa palma volta contra a boca. Homero recolle este uso social na Odisea, onde conta como Príamo bicou a man de Aquiles pedíndolle que lle entregase o corpo de Heitor, ou como Eumeo bica a fronte, os ollos e as mans de Telémaco para darlle a benvida. Teofrasto relata que a xente derramaba aceite sobre pedras situadas nos cruces de camiños, se axeonllaba diante delas e lles mandaba un bico coa man. Máis adiante o beixamán foi sendo substituído por outros usos, tales como o de bicar os pés do soberano, ou a man as persoas de máis alto rango. Os prelados eran bicados no anel, ata que o Concilio Vaticano II reservou esa cerimonia ó papa de Roma. Entre as clases altas adóitase aínda bicar a man das mulleres[2].

Sobre isto último, o beixamán tiña unhas normas moi definidas. Estaba destinado ás mulleres respectables e nunca solteiras. Non debía facerse en lugares públicos e só se permitía cando era a muller a que ofrecía a man. Tampouco estaba ben visto facer esperar á dama, e sempre debía facerse sobre a súa man dereita, colléndoa coa man sen espida. Porén esta etiqueta tamén varía dun lugar a outro, pois en Hungría e Polonia o home ergue a man da muller, sen chegar a tocala cos beizos, mentres que nos países xermánicos este xesto se podía substituír pola expresión "Küss die Hand", que significa "bico a súa man"[2].

A Encyclopédie define o beixamán como "un formulario mudo para asegurar reconciliacións, pedir grazas, agradecer as xa outorgadas e demostrar veneración ós superiores".

Na antigüidade homérica os participantes nun banquete facían circular as súas copas para que todos mollaran os seus beizos, nun ritual de reafirmación da intimidade amistosa. Os romanos servían viño na copa propia, bebían uns poucos grolos e despois pasábana ó homenaxeado para que este a baleirase. Voltaire conta que, cando un cabaleiro inglés quería homenaxear a unha dama, debía botar ó lume algunha xoia da súa propiedade, e logo os demais comensais imitalo[2].

Hábitos actuais

[editar | editar a fonte]

O uso do beixo como saúdo entre persoas unidas por un vínculo afectivo varía moito dun lugar a outro. En Costa Rica adóitase dar un bico na meixela dereita, mentres que en España se dá un en cada unha, igual que na República Dominicana ou en Hungría. En Bélxica, Luxemburgo, os Países Baixos e Serbia danse tres bicos. Estes usos sociais están cambiando rapidamente co paso dunha xeración a outra[2].

O beixo na historia

[editar | editar a fonte]
Beixo entre un erastos e o seu eromenos, cerámica ática, ca. 480 a.C.
Wolfgang Sauber, Maria Magdalena salbt Jesus, século XVII.
Lucas Cranach o Vello, gravado de Passionary of the Christ and Antichrist, século XV-XVI.

O bico comezou a xeneralizarse entre os romanos arredor do ano 30 a.C. Ó principio estilábase só entre as persoas da aristocracia, pero ben pronto fíxose popular. Na época do emperador Domiciano, contra o final do século I, o beixo estaba tan estendido que Marcial se queixaba dicindo "en Roma non hai xeito de fuxir dos besuqueos da xente"[6].

Os romanos distinguían tres tipos de beixos: oscula, basia e suavia, que se poden traducir como amizade, amor e paixón, respectivamente. O seu sistema xurídico tipificaba o crimen osculationis, os bicos non desexados entre persoas do mesmo rango social. A esta época remóntase a orixe dos bicos que rematan actualmente as cerimonias de casamento. É o mesmo tipo de bico que Romeo deposita sobre os beizos de Xulieta para "selar o inmortal contrato"[4].

Pobo de Israel

[editar | editar a fonte]

O Talmud distingue entre beixos de despedida, de respecto e de salutación. Nos libros históricos xudeus apenas hai mencións de bicos eróticos. Nos libros da Biblia menciónanse os beixos en escasas ocasións. De entre eles, o Cantar dos cantares é unha das primeiras expresións do goce corporal da literatura. Nel figuran referencias a bicos eróticos entre abondosas expresións de escenas de luxuria[4].

O beixo máis invocado é o amoroso, depositado sobre os beizos, pero tamén hai mencións a outros tipos de bicos sobre outras partes do corpo. Outros bicos son interpretados como de amizade, como aquel entre Jonatán e David. Os bicos entre pais e fillos están amplamente presentes, pois este era un modo moi aceptado de demostraren os homes o amor filial. Os beixos que Xob enviaba ós astros coa man son interpretados por algúns comentaristas bíblicos como un xesto idolátrico, pero outros ven nel o inicio do bico social na man, que no fondo tería unha orixe pagá. Xa antes de Xob, no Libro dos Reis, descríbese como os adoradores de Baal bicaban a súa imaxe na boca, como adoitaban facer os efraimitas con outras imaxes de animais. Tamén era habitual despedir ós mortos cun bico e, por suposto, hai ademais bicos sedutores e amorosos[6].

No Antigo Testamento é posible atopar certas pegadas deixadas pola orixe animista do beixo, nas que se evidencia o concepto de transmisión da alma e da vida a través da transmisión do alento. No xudaísmo o beixo ten unha connotación negativa ou, polo menos, cautelosa. O bico honorífico acéptase con dificultade, polo que hai de semellanza entre a postura de quen bica e a prostración de adoración pagá. Precisamente por temor do paganismo, evítanse os bicos das mulleres pagás como precaución ante os contaxios demoníacos. Ó contrario que os doutros deuses alleos, que son portadores de grazas, os bicos concedidos por Deus levan consigo a morte. É posible ver aquí unha reminiscencia animista, que cría que era posible recoller na boca a alma dunha persoa que expiraba o seu último alento. Por iso Deus beixa a Moisés no monte levándose a súa alma[7].

Idade Media

[editar | editar a fonte]

Durante toda a Idade Media, seguindo unha costume que a dicir de Tertuliano data do século II, adoitábase bicar os pés do papa o día da súa elección. Tamén beixábase os pés de bispos e reis, pero Gregorio VII, no século XII, reservou ese honor para os pontífices[6].

O beixo na arte

[editar | editar a fonte]
Burt Lancaster e Deborah Kerr en De aquí á eternidade, 1953.
Victor Jorgensen, Kissing the War Goodbye, 1945.
Auguste Rodin, O bico, 1898.

Segundo a enquisa Gallup, o terceiro beixo máis excitante da historia do cinema e un entre Deborah Kerr e Burt Lancaster no filme De aquí á eternidade (1953), na que se bican fogosamente nunha praia de Hawai, co concurso das ondas do mar batendo nas súas costas[3]. O primeiro bico interracial da historia do cine aparece en What happened in the tunnel (1903), de Edison. Nela un home aproveita a escuridade do túnel do tren para darlle un bico a unha muller, pero dállo por erro á súa criada negra. Trátase dunha escena cómica na que a graza nace dos sentimentos racistas imperantes na época. En Sunday, bloody sunday (1971), de John Schlesinger, un home bisexual (Murray Head) mantiña dúas relacións ó mesmo tempo, unha cunha muller (Glenda Jackson) e outra cun home (Peter Finch). Nunha escena os dous homes bícanse, representando nese xesto algo cotián. Polo que parece, esa normalidade resultou escandalosa na época[3].

As carteleiras comezaron a incorporar os bicos nos títulos das películas: Kiss me Kate (1953), de George Sidney, ou Kiss of the Spider Woman (1985), de Héctor Babenco ofrecían unha imaxe bastante catastrófica do amor. Moitos beixos cinematográficos memorables contribuíron a cambiar o patrón social do que é aceptable. Sen ir máis lonxe, a finais da década de 1960 nun episodio de Star Trek ofreceu un casto beixo interracial entre dous dos protagonistas, que algunhas emisoras do sur dos Estados Unidos se negaron a emitir. Harold and Maude (1971), de Hal Ashby, presentaba un beixo entre un home de 28 anos e unha muller octoxenaria, non menos escandaloso que o de Sunday, bloody sunday[4].

No ano 2007, nunha votación no sitio web Lovefilm, especializado en cine, os internautas elixiron o mellor beixo da historia do cine. De resultas da votación, o primeiro posto foi para un bico entre dous homes, na película Brokeback Mountain, protagonizada por Heath Ledger e Jake Gyllenhaal. Audrey Hepburn e George Peppard, polo filme Breakfast at Tiffany's, levaron a segunda posición, mentres que o terceiro foi para Brad Pitt e Angelina Jolie en Mr. and Mrs. Smith. Un beixo entre mulleres, Selma Blair e Sarah Michelle Gellar en Cruel Intentions, acadou o cuarto posto[8].

Fotografía

[editar | editar a fonte]

En abril de 1950 Robert Doisneau, fotógrafo da revista Life, captou unha imaxe dunha parella de namorados (home e muller) nas rúas de París. Foi titulada O beixo no concello. A fotografía alcanzou unha popularidade sen precedentes como símbolo do que é -ou debe ser- un beixo romántico. En 1988 unha parella declarou que eles eran os protagonistas desa foto. Pouco despois reclamaron unha indemnización por terlle sido arrebatada a súa intimidade. O autor logrou demostrar que a parella fotografada eran en realidade dous modelos que foran pagados para pousaren. A sentenza a favor do fotógrafo supuxo a perda dunha icona do amor inocente e espontáneo[3].

Escultura

[editar | editar a fonte]

Outra grande icona do beixo é a escultura O beixo, de Auguste Rodin, rematada en 1898 e que agora se exhibe no Museo Rodin de París, aínda que se realizaron copias que actualmente están na Tate Gallery de Londres, na Karlsberg Glyptotek de Copenhaguen e no Museo Rodin de Filadelfia. existen moitas copias noutros lugares do mundo. Parece ser que Rodin non estaba moi conforme co resultado do seu traballo, pero o público recibiuno con entusiasmo cando o presentou no Salón de París. A escultura representa unha parella (home e muller) espida bicándose. O home suxeita cunha man o torso da muller e pousa a outra na súa nádega, mentres que a muller, coa cabeza volta cara a arriba, suxéitase cunha man da caluga del[3].

Outro escultor, o húngaro Constantin Brâncuşi, fixo unha serie de esculturas tituladas tamén O beixo. Brâncuşi desprezaba a carnalidade das esculturas de Rodin e optou por traballar a expresión do bico dun xeito xeométrico. A primeira da serie foi instalada en 1907 no cemiterio parisiense de Montparnasse, sobre a tumba dunha rapaza que se suicidara por un desengano amoroso. Os pais da finada non se mostraron moi conformes co resultado. De feito, aínda que a crítica valorou moi ben toda esa serie de esculturas, para o público non chegaron a converterse nunca nunha icona, seguramente por culpa da frialdade e a rixidez das súas formas[3].

Literatura

[editar | editar a fonte]

Poetas e novelistas teñen falado dos bicos moito máis do que podemos recoller aquí. Unha coñecida sentenza de Petronio di: "a vida é un bico". Catulo pide á súa amante un centenar de bicos, logo un milleiro, cada vez máis ata que perde a conta nun "labirinto de bicos". Séculos máis tarde, Robert Herrick pídelle á súa amada cada vez máis bicos ata que chega ós tres millóns, e logo propón volver comezar a conta. O contiño de fadas d'A Bela Dormente remata cun beixo que desperta de novo á moza do seu encantamento. Nalgunhas versións do mito de Pigmalión, a estatua cobra vida polo bico do soberano. Robert Frost describe o "amor dos beizos" como o contacto máis lene que el é capaz de aguantar, aínda que Ambrose Bierce vexa no beixo (kiss) unha palabra inventada polos poetas para que rime con "ledo"[4](bliss).

En Le cote de Guermantes, Marcel Proust reflexiona sobre o pouco axeitados que son os beizos para bicar. Para Proust, "un par de beizos, pensados para trasladar ó padal o sabor de todo o que estimule o seu apetito, han de contentarse, sen comprender os seus erros nin admitir as súas desilusións, con corretear pola superficie e deterse ante a barreira da impenetrable pero irresistible meixela"[4].

[editar | editar a fonte]

Prohibicións e permisos

[editar | editar a fonte]

Nos países occidentais nos que está xeneralizada unha moral puritana, existen rexións nas que os bicos son considerados indecentes ou están sometidos a regras morais ou mesmo legais. Nalgunhas zonas dos Estados Unidos está prohibido que un home beixe a unha muller no día do Señor. En Maryland non é legal bicar a ninguén durante máis dun segundo, que se amplía a tres minutos en Rhode Island e a cinco en Iowa. En Wisconsin o chamado french kiss (o bico con lingua) está prohibido pola lei. En Francia está prohibido tan só bicarse nos pasos a nivel das liñas de ferrocarril por motivos de seguridade viaria, como respondía a motivos de saúde pública a prohibición de bicarse no Londres de 1665, mentres a cidade estaba inmersa nunha praga de peste[2].

Continuando dentro dos Estados Unidos, no século XIX un médico de Ohio propuxo a prohibición dos bicos por consideralos unha ameaza para a saúde pública. En 1886 Samuel Adams, profesor de Medicina, publicou no Journal of the American Medical Association unha pormenorizada listaxe de todos os perigos para a saúde que se podían transmitir a través dun bico, entre os que se incluían o escorbuto, a difteria, o herpes, a tiña, a estomatite ulcerosa e diversas doenzas parasitarias. Advertía tamén que o hábito de bicar con frecuencia ós cativos podía inducirlles a chegada temperá da puberdade e a excitación anormal dos órganos sexuais, e tamén provocarlles irregularidades na menstruación. Xa máis recentemente, en 1991 a Organización Mundial da Saúde (OMS), con motivo do día mundial do SIDA, advertía do perigoso que é o chamado bico francés. O ano anterior declarara que o bico na meixela era seguro para a saúde[9].

Relixión e superstición

[editar | editar a fonte]
Ugolino di Nerio, A traizón de Cristo, 1324-1325.
Gebhard Fugel, San Martiño curando ó leproso, 1900.

Nos cultos antigos, sobre todo nos de orixe oriental, bicábase o altar e a imaxe da divindade ó entrar no templo. Se esa divindade se identificaba coa persoa do soberano, entón bicábanselle os pés. Este uso ten a súa orixe nas relixións de tipo animista. O beixo podía ser o vehículo de transmisión do alento vital, da alma. O seu obxecto erótico non aparece ata unha etapa moi serodia da cultura grega clásica, e xa como práctica amorosa. Entón os beixos son depositados na boca preferentemente, pero no uso do beixo como demostración de respecto prefírense os pés, as mans, o peito e os xeonllos. Igualmente bicábanse os obxectos que tiñan relación coas persoas ás que se quería honrar, é dicir, obxectos substitutivos. Asemade, cando a diferenza de rango social entre ambas persoas era demasiada, a de menor rango bicaba o chan que pisaba a de maior rango ou, simplemente, mandáballe un beixo[7].

Yannick Carré describe os tres elementos que compoñen os beixos salvíficos, e que se corresponden cos tres estados da materia: o sólido, o líquido e o gasoso. O sólido polo contacto da pel, o líquido pola acción da saliva e o gasoso pola transmisión do alento. No Novo Testamento o beixo é recoñecido como acto de purificación, como se aprecia no episodio da curación do cego de Betsaida por un bico de Xesús. Tamén a traizón de Xudas ó seu mestre consúmase mediante un beixo aplicado na súa meixela, como xesto de petición de perdón: "E quen llelo entregaba déralles sinal dicindo: ó que eu beixar, ese é; prendédeo. E de contado aveciñouse a Xesús e díxolle: salve, Mestre! E bicouno" (Mt 26, 48-49). O apóstolo recibiu en pago trinta moedas de prata.[2][10].

O beixo na boca, o osculum pacis, formaba parte do cerimonial da misa, e tiña a súa orixe nas recomendacións de Paulo e Pedro nas súas epístolas: "saudádevos os uns ós outros con ósculo santo" (1 Corintios 16, 20); "Saudade a todos os irmáns con ósculo santo" (1 Tesalonicenses, 5, 26). Segundo san Cirilo, "este bico significa, pois, que as almas se unen e desterran todo0 resentimento". Para Agostiño de Hipona, "igual que os bicos se aproximan ós beizos de teu irmán, igualmente o teu corazón non debe afastarse do seu corazón". Este bico da paz non se daba só durante o bautizo, a confesión, a ordenación ou o funeral, senón tamén durante os casamentos, cando o presbítero bicaba á muller acabada de casar[2].

A concepción do bico como acto purificador mantense no relato da curación dun leproso por parte de San Martiño dándolle un bico na boca. Neste proceder a saliva era considerada unha "perfumada unción". Esta práctica era corrente na Idade Media, pero os beixos non se depositaban na boca, senón sobre as pústulas dos leprosos, tal e como testemuñou Flaubert máis tarde, nun coñecido relato. Bicar ós leprosos de forma ostentosa púxose de moda entre os ascetas medievais e a nobreza relixiosa. Os cabaleiros cruzados bicaban as feridas dos leprosos de Terra Santa con envexa deles, pois estaban máis preto de Cristo[2][3].

Tamén na Idade Media existía a crenza de que as meigas eran iniciadas no seu ministerio mediante beixos. Segundo o papa Gregorio IX, primeiro tiñan que chuchar a boca, a lingua e o cu dun sapo, e logo o rostro dun ser misterioso que estaba máis morto que vivo. Despois celebrábase unha festa durante a cal as iniciadas tiñan que beixarlle o cu a un gato que camiñaba coa cola ergueita, e despois apagaban as luces e entregábanse "á máis horrenda sexualidade, sen ter en conta o xénero. O Malleus maleficarum, ou "Martelo das bruxas", de 1486, que se converteu no manual dos inquisidores, aclaraba que "toda bruxería provén da luxuria carnal, que nas mulleres é insaciable", pero tamén que a cópula co Diaño era dolorosa, dado o extraordinario tamaño do seu pene, de xeito que o único pracer da bruxería era o beixo[3].

  1. etimologias.dechile.net (ed.). "Etimología de beso" (en castelán). Consultado o 03/01/2011. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 MONTANDON, A. (2007). El beso: ¿qué se esconde tras este gesto cotidiano?. Siruela. ISBN 84-9841-143-2.  (en castelán)
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 BLUE, A. (1998). El beso : de lo metafísico a lo erótico. Editorial Kairós. ISBN 84-7245-386-3.  (en castelán)
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 SIMS, M. (2004). El ombligo de Adán. Editorial Critica. ISBN 84-8432-575-X.  (en castelán)
  5. FREUD, S. (1916-1917). www.depsicoanalisis.com.ar, ed. "Lecciones introductorias al psicoanálisis". Arquivado dende o orixinal o 28/08/2008. Consultado o 02/01/2011.  (en castelán)
  6. 6,0 6,1 6,2 VV.AA. (sen data). Obras completas de Juan Antonio Monroy, vol. VI. Editorial Clie. ISBN 84-8267-120-0. 
  7. 7,0 7,1 BOSCIONE, F. (2004). Los gestos de Jesús: la comunicación no verbal en los Evangelios. Narcea Ediciones. ISBN 84-277-1480-7.  (en castelán)
  8. www.terra.com, ed. (19/02/2007). "Beso Gay es elegido como el mejor de la historia del cine". Consultado o 02/01/2011.  (en castelán)
  9. SKRABANEK, P. (1999). La muerte de la medicina con rostro humano. Ediciones Díaz de Santos. ISBN 84-7978-389-3.  (en castelán)
  10. CARBALLOSA, E. (2010). Mateo: La revelación de la realeza de Cristo, Vol. 2. Editorial Portavoz. ISBN 0-8254-1129-7.  (en castelán)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Karen Harvey (ed.), The Kiss in History (Manchester, Manchester University Press, 2005) (en inglés).

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]