Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Rosendo de Celanova

nobre e relixioso galego
(Redirección desde «San Rosendo»)

Rosendo de Celanova, Rudesindus Guterri ou Rosendo Gutérrez, nado en São Miguel do Couto (Santo Tirso) o 26 de novembro de 907[1] e finado en Celanova o 1 de marzo de 977,[1] máis coñecido como san Rosendo, foi un nobre e relixioso galego, bispo de Mondoñedo, abade fundador do mosteiro de San Salvador de Celanova e administrador da Sé Iriense, foi unha figura política e relixiosa sobranceira no reino de Galicia durante o século X.

Modelo:BiografíaRosendo de Celanova

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento26 de novembro de 907 Editar o valor en Wikidata
Santo Tirso, Portugal Editar o valor en Wikidata
Morte1 de marzo de 977 Editar o valor en Wikidata (69 anos)
Celanova, España Editar o valor en Wikidata
Bispo de Dumio
927 – 951
← Sabarico II
Abade Mosteiro de San Salvador de Celanova
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónIgrexa católica Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónsacerdote católico Editar o valor en Wikidata
Orde relixiosaOrde de San Bieito Editar o valor en Wikidata
Enaltecemento
Día de festividade relixiosa1 de marzo Editar o valor en Wikidata
Familia
PaisGoterre Méndez Editar o valor en Wikidata  e Aldara de Celanova Editar o valor en Wikidata
IrmánsAdosinda Guterrez de Celanova
Froila Gutiérrez
Ermenesinda Gutiérrez Editar o valor en Wikidata

Figura relixiosa

editar

Fillo dunha santa, santa Ilduara, a súa vida está envolta en mito. Cun carisma espiritual recoñecido e o prestixio de pertencer a unha familia da alta nobreza galaica deu un pulo decisivo ao monacato no noroeste peninsular baixo a regra de San Bieito. A súa pegada notouse no mosteiro de Caaveiro, no de Lourenzá e no de Portomarín. Fundou o mosteiro de San Salvador de Celanova espello dos mosteiros galegos e dinamizador da cultura e o desenvolvemento dos reinos cristiáns no limiar do ano mil ademais de participar na fundación doutros cenobios.

Sucedeu ao seu tío Gaón na diocese de Mondoñedo (na sé vella de San Martiño de Mondoñedo), e tras un fecundo mandato e pór orde na institución, abdicou no seu sobriño para retirarse ao mosteiro da súa fundación, que deixara en mans de Fránquila, o abade de San Pedro de Rocas. Foi ponderado por monxes de Celanova polo seu carácter paternal e a súa solicitude cara ós febles e desvalidos. Morto en aura de santidade, foi recoñecido moi cedo como santo polo pobo galego e a Orde de San Bieito, antes da súa canonización por Roma.

Líder político

editar

Fillo dos poderosos aristócratas galegos Goterre Méndez e Ilduara Eriz (Santa Aldara de Celanova), foi a máxima figura da familia nobre galega emparentada cos reis de Galiza dende os tempos de Ordoño II e a princesa galega Elvira Menéndez.

Ordoño III, tal como consta no Tombo de Celanova, confioulle o goberno do territorio da actual Galicia de sorte que todos concorran alí a obedecervos nas cousas do noso servizo e canto dispoñades o cumpran sen escusa ningunha. Mediou nas loitas entre os reis Ordoño IV e Sancho I , ámbolos dous coroados en Santiago de Compostela. Cando Ordoño IV depón o bispo de Mondoñedo Arias I, Rosendo volveu a esa sé nun segundo pontificado (955-958). Durante o segundo reinado de Sancho I, o bispo de Iria-Santiago de Compostela, Sisnando, cae en desgraza. O Cronicón Iriense e a Historia Compostelá sosteñen que a diocese foi ocupada entón por Rosendo. Os reis galaico-leoneses confiáronlle o goberno dunha terra axitada pola rebelión e a conspiración da nobreza contra a figura monárquica e entre as familias nobres de Menéndez e Odoario.

Sendo Ramiro III un meniño, Rosendo protexeu os territorios galegos contra a invasión dos normandos de Gunderedo (968). No ano 943 dálle a liberdade á súa escrava Muzalla, que fora ama de leite súa[2]. En 969 asiste a un concilio no que subscribe a fundación do mosteiro de Lourenzá polo Conde Santo, no 974 confirma un privilexio de Ramiro III á Igrexa de Astorga e, nese mesmo ano, é o presidente e primeiro asinante das actas dun concilio en León ao que o acompañou o abade de Antealtares Pedro de Mezonzo e no que se decide a supresión do bispado de Simancas.

Finalmente, retirouse de xeito definitivo a Celanova onde segundo o cronista Ordoño se caracterizou pola defensa dos desvalidos, a súa dozura, misericordia e amor entrañables. Alí encontrou a morte no ano 977, tras ditar o seu denominado "testamento monástico" datado a 17 de xaneiro.

Veneración

editar

San Rosendo recibe veneración como santo na Igrexa católica, logo da súa canonización polo papa Celestino III en 1195. A súa festividade celébrase o 1 de marzo.

Corre a lenda de que San Rosendo, sendo aínda un simple frade, decidiu facer penitencia e colocouse un cilicio, mandou tirar a chave ó Eume e prometeu non quitarse tal trebello ata que aparecera a chave. Tempo despois, uns pescadores pediron aloxamento no convento e ofreceron uns salmóns ós frades. E ó abrir o seu salmón, Rosendo atopou a chave do seu cilicio [3].

Legado

editar
 
Capela prerrománica de San Miguel, único elemento arquitectónico conservado da fábrica orixinal do mosteiro de Celanova fundado por San Rosendo.
 
Rúa San Rosendo na Coruña.

O mosteiro de Celanova quedou como dono do antigo territorio que hoxe comprende os concellos da Bola, A Merca, A Arnoia, Barbadás, Cartelle, Celanova, Cortegada, Gomesende, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado e Rairiz de Veiga, desde o século X ata o XIX, mantendo foros e estendéndose fronte a outros señores feudais e outros mosteiros (mosteiro feminino de Ramirás e Santa Comba) tendo conflitos con eles (preito de 20 anos cos veciños de Refoxos pola suba dos foros e conflito co conde amarante pola barca de Filgueira). Asemade, ergueu priorados para controlar as súas posesións dándolle un pulo á agricultura na zona (obras de canalización e de crédito agrícola no 1020).

Actualmente o mosteiro de Celanova amosa unha obra propia do estilo Barroco e da construción orixinal só fica a capela prerrománica, lápida dun bispo do s. XI e o testemuño dun frade acerca das celas "de teito vermello e a torre de defensa do mosteiro"

No Museo Catedralicio da catedral de Ourense custodiase o coñecido como o "Tesouro de San Rosendo". Entre as pezas que o compoñen destaca o chamado Báculo de San Rosendo e un anel coa figura do deus Xúpiter tallada na pedra que talvez usou el. O tesouro inclúe tamén o Xadrez de San Rosendo, oito pezas (torre, bispo, cabalo e cinco peóns) labradas en seixo, que se contan entre as máis antigas conservadas en Europa.[4]

Logo da súa morte, Rosendo (Rudesindus) mantivo a súa importancia. Ao pouco de finar comezou espontaneamente un culto popular á súa figura que deu en ser recoñecido polo propio Vaticano, douscentos anos máis tarde o monxe Ordoño de Celanova escribiu a Vita Rudesindi (Vida de Rosendo). Deste xeito, foi canonizado no século XII. Seguramente a nivel popular xa había crenzas nos seus milagres e culto ás súas reliquias. A santificación contribuíu a pregoar a sona de Rosendo. A súa memoria incrementou e deulle moito prestixio a Celanova, xa que parte significativa dos tesouros das igrexas era posuír os restos de santos. A cabeza do santo foi para Roma completa. A existencia dunha fundación asistencial que leva o seu nome ou o xeito en que se lembra a súa figura ou se lle pon o seu nome a nenos despois de mil cen anos son boas mostras de como o legado do santo continúa vivo.

Galería de imaxes

editar


Dignidades da Igrexa católica
Predecesor:
Sabarico II
 Bispo de Dumio 
926 - 942
Sucesor:
Teodomiro de Dumio
  1. 1,0 1,1 "San Rosendo, obispo y abad". mercaba.org. Santoral. Consultado o 2023. 
  2. Pallarés Méndez, M. C.: "Ilduara, una aristócrata del siglo X". Seminario de Estudos Galegos, 1998.
  3. Vítor Vaqueiro, 423.
  4. Vila Fernández, Celia (2021). "El Tesoro de san Rosendo: reliquias de contacto en la Galicia Medieval" (en castelán). Universidade de Santiago de Compostela (Traballo fin de grao - Facultade de Xeografía e Historia da Arte): 30–33. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • VAQUEIRO, Vítor: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, ed. Galaxia, Vigo 2011, 423.

Ligazóns externas

editar