Cartelle
Cartelle é un concello da provincia de Ourense, pertencente á Comarca da Terra de Celanova. Segundo o padrón municipal en 2014 tiña 2 944 habitantes (3 641 en 2003).
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | provincia de Ourense | ||||
Capital | Outomuro | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 2.521 (2023) (26,82 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 94 km² | ||||
Altitude | 360 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Jaime Sousa (2019–) | ||||
Eleccións municipais en Cartelle | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 32824 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 32020 | ||||
Demografía
editarCenso total | 2 944 (2014) |
Menores de 15 anos | 145 (4,92 %) |
Entre 15 e 64 anos | 1.474 (50,07 %) |
Maiores de 65 anos | 1.325 (45,01 %) |
Evolución da poboación de Cartelle Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
7.136 | 7.485 | 8.756 | 5.512 | 3.565 | 3.387 | 3.299 | 3.163 | 3.037 | 2.944 | 2.852 | 2.757 | 2.683 | 2.643 | 2.642 | 2.589 | 2.570 | ||
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Xeografía
editarO concello, de 93,94km², abrangue 12 parroquias. Está situado na cunca do río Arnoia, afluente do Miño. Está comunicado con Ourense e Celanova a través da estrada N-540. A capital está na aldea de Outomuro.
O territorio é unha superficie de erosión desenvolvida entre as máximas alturas, situadas no extremo noroeste, Coto de Novelle de 718 metros e ó nordés sitúase o Alto do Castro con 635 metros. Ao sur, o Val do río Arnoia é a unidade xeográfica fundamental cara ao que aflúen numerosos emisarios.
Trátase dun terreo escarpado e alterable, polo que os procesos de erosión evidéncianse na paisaxe; a abundancia de cursos de auga compleméntase cunhas multiplicidades de lombas e suaves montículos distribuídos por todo o territorio.
Climatoloxía
editarEn Cartelle, os veráns son curtos, cálidos e maiormente despexados e os invernos son fríos, mollados e parcialmente nubrados. Durante o transcurso do ano, a temperatura xeralmente varía de 4 °C a 28 °C e de cando en cando baixa a menos de -1 °C ou sobe a máis de 34 °C.
Historia
editarIdade Media
editarDurante o feudalismo e o antigo réxime estivo baixo influencia do mosteiro de Celanova. O castelo de Sande foi doado no século XII, concretamente no 1141[1], ao mosteiro por Afonso VII, sendo esta a primeira mención de Cartelle[1] e o abade do mosteiro acumulou os títulos de conde de Bande, marqués da Torre de Sande e capelán da Casa Real. Os monxes estimularon o cultivo do viñedo. En 1165[1] xorde de novo unha referencia documental a esta fortaleza con motivo da ofensiva emprendida por Afonso Henriques contra varias zonas do sur de Galicia.
Outra nova ó respecto data de 1218[1], ano no que o abade de Celanova establece un litixio contra Pedro Fernández, segundo a denuncia, presentada perante o monarca Afonso IX, o señor lesionaba continuamente os intereses do mosteiro ó exercer usurpación de bens e administrar xustiza sobre os vasalos pertencentes ós coutos do mosteiro.
Idade Moderna
editarDurante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o concello actual estaban divididas entre o poder eclesiástico e o señorial. Baixo os primeiros estaban o couto de Cartelle e as xurisdicións de Sabucedo dos Montes e Sande. Entre os segundos cómpre destacalo couto de Couxil e Couxeliño, rexido polo conde de Troncoso, e a xurisdición de Espiñoso, baixo a autoridade do conde de Monterrei.
Idade Contemporánea
editarCoa Constitución de 1812 creáronse as corporacións de Anfeoz, Cartelle, Espiñoso, Sabucedo e Sande que substituíron a administración señorial. Coa reforma de 1835 naceu o municipio que, en 1860, incorporou as parroquias de Espiñoso e Penela (pertencentes inicialmente a Vilanova dos Infantes). Este territorio estivo dende 1820 case sempre incluído no partido xudicial de Celanova; só entre 1965 e 1988 pertenceu ó de Ourense pola desaparición momentánea do primeiro[1].
No lugar de Muntián naceu en 1897 María Aurea Rodríguez Rodríguez[2], a que é considerada como a pioneira entre as intérpretes da gaita en Galicia ao ser a primeira muller documentada neste sentido e que ademais liderou o grupo de gaitas Os Maravillas de Cartelle.
Patrimonio
editarPatrimonio relixioso
editarA igrexa de Santa Baia de Anfeoz[3] é barroca, cun grande campanario e pertencente no seu momento ao mosteiro de Celanova. Fíxoa en 1782 o mestre Baltasar Suárez. Portada con elaborado deseño barroco de pilastras, nichos con forma de vieira e frontón triangular. Capela maior con bóveda de crucería, aínda que do século XVIII. Atrio con muro de crucería que se enriquece cun peto de ánimas e dous cruceiros. Non falta un reloxo de sol. Retablo maior de 1807 do escultor José Fernández Prieto[4]. No seu muro hai un peto de ánimas[5] do mesmo estilo e que data do ano 1839. Neste peto de ánimas hai unha inscrición nas que as ánimas lembra o que somos, o que foron, o que son e o que serán nun futuro[6]
A igrexa das Marabillas[7], barroca, é de gran sinxeleza. A fachada principal atópase enmarcada en pilastras encostadas, sendo estas o único elemento ornamental. Sobre a porta sitúase un sinxelo frontón, lixeiramente insinuado nas súas volutas, en cuxo centro atopamos un nicho coa imaxe da Virxe. Na parte central elévase o campanario, de dous corpos e con contrafortes para alixeirar o seu peso, cuxo pulo vertical contribúe a dinamizar a fachada. O seu interior destaca pola sinxeleza. No retablo maior sitúase a imaxe da Virxe vestida de dama.
Igrexa de Sabucedo dos Montes[8]. Foi construída entre 1895 e 1924. Segundo moitos autores, a obra, abovedada constitúe un exemplo de estilo neogótico[9]. No seu interior destaca o retablo maior. Formaría coas igrexas do Santo Ángel no Couto e de Santiago das Caldas un terceto senlleiro pola súa localización e calidade[10]. A revista viguesa Vida Gallega[11], dedicoulle un artigo anónimo a finais de 1916 na que fai unha descrición da igrexa:
«La nueva y hermosa parroquial de Sabucedo de Montes será bendecida muy pronto, acaso en este mes. Es uno de los mejores templos orensanos. Mide 40 metros de largo, por 12 de ancho y 27 de alto. Es de estilo ojival y costó más de sesenta mil duros [300.000 de las antiguas pesetas]. Hará imperecedero en su país natal el nombre de aquel preclaro sacerdote que instado varias veces a ello no quiso ser obispo (…)»
Igrexa de San Miguel de Espiñoso[12]. É unha igrexa barroca construída en 1749 e ampliada en 1780. O seu corpo aparece cuberto cunha estrutura de cemento que substitúe a antiga cuberta de madeira. A capela maior presenta unha bóveda de crucería estrelada. A fachada finaliza cunha espadana e co escudo de armas dos Zúñigas e Biedmas. A decoración vexetal e a flor de lis nas partes inferiores dos capiteis estilizados das pilastras que flanquean a porta de entrada adscriben tipoloxicamente esta fachada ao Mestre Serapio. No seu interior conserva un retablo maior neoclásico así como dous retablos laterais, un neogótico con relevos do século XVIII e outro do século XIX e XX.
Igrexa de San Salvador de Sande[13]. Edificio dunha soa nave, dividida en catro tramos separados por arcos de medio punto con contrafortes exteriores e capela maior individualizada e con acceso a través dun arco de medio punto. Ata a súa recente reconstrución, a nave estaba cuberta por un interesante artesanado. Na actualidade loce parte do mesmo. Ao exterior, no cara norte ábrese unha porta lateral moi decorada. A fachada, que presenta torre dun só corpo con balaustrada que permite o acceso ao templo por unha porta entre pilastras, remarcada con molduras en liña crebada. O tímpano, recto no seu parte superior aparece seguido por unha xanela que ilumina a sancristía. No seu interior destaca o retablo maior, de Castro Canseco do primeiro cuarto do século XVIII.
Igrexa de Santa María de Cartelle. Datada no século XVIII, a igrexa de Santa María de Cartelle é de planta basilical con tres naves e outras tantas portas na fachada principal. No seu interior destaca un interesante retablo barroco. Posúe unha torre de planta cadrada con balaustrada de pedra e rematada en cupulín dun barroco culto. Nela a esfera do reloxo de Murua Vitoria. Atrio con cruces e pilastras barrocas. O retablo maior atribuíble a Castro Canseco con relevo da Coroación da Virxe. Outros retablos neoclásicos e neogóticos con imaxes de diversos estilos entre as que destacan a Inmaculada e San Antonio de Padua. Cruz procesional seguindo o modelo ourensán de tantas de fins do século XVIII e primeiras décadas do XIX, esta do prateiro Menéndez e datada en 1831.[4] A igrexa pertenceu aos templarios, e estivo baixo a xurisdición de Quiroga (Lugo).
Igrexa de Santa María de Mundil, foi construída entre os anos 1788 e 1791[14] e é o lugar onde foi soterrado o Padre Feijóo. Destaca a fachada barroca, dunha soa torre que se alza á dereita da fachada principal. A torre divídese en tres corpos, separados por balaustradas. A fachada principal posúe un curioso frontón, cuxas formas curvas contribúen á ornamentación do edificio.
Igrexa de Santiago de Penela. Amorno de cronoloxía indefinida, con fachada finalizada en espadana. O seu interior con cobertura de madeira. Destaca o retablo maior, de finais do século XVIII, barroco. Os retablos laterais se embuten dúas pequenas imaxes de San Pedro (un no lateral dereito e outro no esquerdo) que destacan pola súa talla; ambas son obra barroca da segunda metade do século XVII.
Igrexa de Santa María de Vilar de Vacas. Construída no século XVIII, xa que en 1718 se funda unha Capelanía nesta freguesía de advocación á nosa Señora da Compaixón. Posteriormente o templo foi reconstruído no século XIX. Ao exterior, é unha construción simple finalizada en espadana. No seu interior, cuberto totalmente de madeira destaca o retablo maior, obra barroca da segunda metade do século XVIII.
Igrexa de Santa María de Couxil. É unha Igrexa do século XVIII con cuberta de madeira e unha fachada simple con espadana de dous corpos. Ao exterior da igrexa, e cara ao final ao lado dereito, despois da sancristía destaca unha ara romana con inscricións incrustadas na edificación
Arquitectura
editarA ponte romana de Freixo[3] (Penela) está declarada monumento histórico-artístico dende 1984, ao ano seguinte foi incluída no “Inventario de Pontes Históricas de Galicia”, e puido ser un dos ramais secundarios da Vía Nova do itinerario de Antonino. É ademais, xunto coa do río Bibei, a única enteiramente romana que se conserva en Galicia[15]. As características construtivas da ponte son as seguintes[16]: uns 57 metros de lonxitude e 8 de altura máxima, catro bóvedas de medio punto coas seguintes luces: 4,73 m., 7,78 m., 7,70 m. e 4,74 m. e a utilización do denominado opus quadratum, de perpiaños (bloques de pedra) graníticos simétricos. Os seus piares ciméntanse directamente sobre o chan de lousa e posúen tallamares triangulares augas arriba. O seu cadeirado varía segundo a parte na que se sitúa, sendo moi uniforme en canto ás súas medidas e disposición nos estribos e no piar central. Nos intermedios utilízanse perpiaños de maiores dimensións e colocación máis aleatoria.
A Ponte Nova sobre o Arnoia é dos séculos XVI e XVII.
A torre de Sande é unha fortaleza medieval próxima xa ás terras do Ribeiro, declarada Ben de Interese Cultural no ano 1949. Foi doada ao mosteiro de Celanova por Afonso VII, alcumado O Emperador, en 1141. Próxima a ela está a Casa de Outeiro, do século XVIII. A Torre sufriu un prolongado proceso de deterioración que nos últimos anos ameaza de xeito importante con virse abaixo. De feito a Torre de Sande ten a día de hoxe a triste honra de ser, non só o único BIC do Concello, senón de figurar tamén na Listaxe Vermella do Patrimonio de Hispania Nostra[17].
Patrimonio natural
editarÁrea recreativa de Ponte Nova.[3] Enclave de gran beleza natural e paisaxística onde as augas do río Arnoia limitan os concellos de Cartelle e Ramirás.
Sendeirismo
editarEntre as rutas de sendeirismo do concello, destacan, entre outras:
- Ruta do río Gato.[18]
- Sinalizada: Si.
- Distancia: 6 Km. 700 m.
- Circular: Si.
- Dificultade: Alta.
O río Gato discorre por Cartelle por un estreito e profundo canón antes da súa confluencia co río Arnoia. En todo o seu percorrido poderemos ver varias mostras de muíños de auga dispostos sobre a súa beira. Pero hai un lugar que nos chamará a atención, a este lugar accédese pola senda do Río Gato e tan só é accesible a pé. Despois de atravesar o estreito carreiro coñecido como “Mal Paso”, descenderemos ata a beira do Gato. Nesta baixada xa poderemos apreciar numerosos socalcos abandonados e sen uso, froito dunha grande actividade outrora nas plantacións de viño e millo.
Hai que ter en conta que este lugar está completamente apartado da civilización e o seu acceso é dificultoso. Un dos motivos deste agocho era a ruta de contrabandistas que por este punto pasaba e que se dirixía a Portugal. É probable que os usuarios destes muíños tivesen case todo o necesario para pasar longas tempadas neste lugar e así permanecer sen ser vistos. No río veremos dous muíños chamados de Hermenegildo e Dous Herdeiros. Xunto aos muíños existe unha gran pedra que cruza o río e que era utilizada para o paso cara a O Montouto.
Uns metros máis arriba poderemos deleitarnos coa Fervenza do Río Gato que cando o río leva auga convértese nun bo espectáculo.
- Ruta do Santo.[19]
- Sinalizada: Si.
- Distancia: 4 Km.
- Circular: Non.
Nesta contorna de auga, pedra e terra transcorre a Ruta do Santo, que seguindo a marxe dereita do río Arnoia desemboca na capela dedicada a San Bartolomeu, onde se celebra unha romaría cada 24 de agosto.
A zona da ermida está rodeada de carballos centenarios que forman unha fermosa carballeira.
Os motivos pintados nesta natureza son diversos. Desde cervos a tigres a ollos que observan ou esferas que todo o envolven, a intervención artística de Pepe Álvarez, o pintor de Cartelle que encheu de cor a área recreativa da Pontenova hai máis de dez anos -con pintura ecolóxica e con consentimento do Concello de Cartelle- engade intensidade a unha contorna perfilada pola paz vexetal e o arrolo permanente da auga. Unha exposición ao aire libre que segue o que foi un antigo itinerario de pescadores e penetra -partindo da extremo da área recreativa, onde hai unha zona de baño e numerosas mesas á sombra dunha gran carballeira- nunha paisaxe no que carballos, castiñeiros, abeleiras e bidueiros vanse reflectindo nas augas do Arnoia e saen ao encontro do camiñante, ademais de pezas de etnografía en forma de pontes e muíños. Entre densos arboredos chégase á zona da Barca, onde hai un pequeno embarcadoiro e unha zona de baño. A capela, punto final do traxecto, está situada no que foi un antigo castro envolto por un fermoso contorno.
Economía
editarO concello viviu un forte retroceso demográfico na segunda metade do século XX debido especialmente á vaga migratoria que sufriu Galicia, a meirande parte dos emigrantes tiveron como destino os países do sur de América como Venezuela e Arxentina. Cabe destacar a figura de Castor Velo Cobelas[20], nado en Cartelle, e que chegou a ser Vicepresidente das mocidades galeguistas en Ourense, residiu en Vigo e exiliouse en Venezuela por mor da Guerra Civil.
Na actualidade, a sangría aminorou, e moita xente vai a diario traballar a Ourense no sector servizos.
Cartelle é un dos concellos da comarca con maior superficie de concentración parcelaria, o que permitiu a creación de explotacións gandeiras de maior tamaño e máis evolucionadas. Existen varias empresas da construción e aproveitamento de recursos forestais. Hai moito terreo de monte comunal.
Festas e tradicións
editarA festa das Marabillas é un dos principais actos marianos da provincia, unha imaxe da Virxe, acompañada de arcos florais, sae do santuario en procesión, feito que se remonta a 1646 e realízanse, ó mesmo tempo, a ofrenda e a poxa de produtos locais do campo[1].
Na parroquia de Sande destaca o seu Entroido, e máis concretamente o disfrace das Bonitas[21]. Esta vestimenta caracterízase pola súa vestimenta coidada, camisa branca, gravata encarnada, pantalón branco de algodón e envoltos en panos de seda. Dise que este entroido procede dos anos posteriores á guerra de Filipinas, de 1898, de onde se terían traído, ou imitado, precisamente a estética dos panos ou mantóns. Tamén levan polainas negras de coiro, cascabeis e na man unha vara de vimbio coa que impoñen a súa autoridade.
Dende hai uns anos a Asociación de Veciños recuperou tamén as personaxes do oso e da vaca[22].
Cartelle na cultura popular
editar"Arre, burro, pra Sande, que anque o viño é pequeno, a medida é grande"[23]
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes de Cartelle.
-
Ponte romana de Freixo, en Penela.
-
Porta de acceso da Torre de Sande
Parroquias
editarLugares de Cartelle
editarPara unha lista completa de todos os lugares do concello de Cartelle vexa: Lugares de Cartelle.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Tomo VIII. El Progreso. 2005. pp. 82–83. ISBN 84-87804-10-1.
- ↑ Bará, Milagros. "María Aurea Rodríguez Rodríguez". Consello da Cultura Galega - Álbum de Galicia. Consultado o 17/12/2022.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "Concello de Cartelle". Consultado o 14/08/2020.
- ↑ 4,0 4,1 González García, Miguel Ángel (31/07/2022). "Miradas al Patrimonio de Ourense". Faro de Vigo. Consultado o 05/09/2022.
- ↑ Vaqueiro, Víctor (1998). Guía da Galiza máxica, mítica e lendaria. Ed. Galaxia. p. 110. ISBN 84-8288-205-8.
- ↑ Vaqueiro, Víctor (2003). Guía da Galicia máxica, mítica e lendaria. Galaxia. pp. 110 – 111. ISBN 84-8288-205-8.
- ↑ "Iglesia y Santuario das Marabillas". Galicia Máxica. 03/03/2016. Consultado o 14/08/2020.
- ↑ Fernández, Laura (12/12/2018). "La catedral de Sabucedo". La Región. Consultado o 16/08/2020.
- ↑ De los Ríos Conde, Alexander (12/12/2018). "Sabucedo de Montes (Cartelle), la mejor iglesia neogótica en el Ourense rural". Sabucedo de Montes. Consultado o 14/08/2020.
- ↑ Limia de Gardón, Xabier (8/10/2018). "O sobranceiro neogótico de Sabucedo de Montes". La Región. Arte et alia. Consultado o 08/08/2021.
- ↑ "Vida Gallega. Ilustración Regional" (76). 15/10/1916.
- ↑ "Historia, patrimonio y recursos turísticos de Cartelle". Mancomunidad de las Tierras de Celanova. Consultado o 14/08/2020.
- ↑ "Iglesia de San Salvador de Sande". Galicia Máxica. 3/3/2016. Consultado o 14/08/2020.
- ↑ García Iglesias, José Manuel (1998). Galicia hacia la modernidad; concreción de nuevos ámbitos en lo urbano y en lo rural, 1750-1900. Fundación Caixa Galicia. p. 250. ISBN 9788489231580.
- ↑ Cegarra, Basilio (1999). Guía e rutas de arte: Ourense. Tomo V. Ed. Galaxia. p. 95. ISBN 978-84-8288-328-1.
- ↑ De los Ríos Conde, Alexander (2016). "Ponte Freixo. Pura ingeniería romana entre Celanova y Cartelle". Consultado o 08/03/2021.
- ↑ "O único BIC do concello de Cartelle a en serio risco de derrubarse". Historia de Galicia. Consultado o 17/12/2022.
- ↑ "Ruta Río Gato". Consultado o 15/08/2020.
- ↑ "Pontenova en Ourense". Faro de Vigo. Consultado o 15/08/2020.
- ↑ Campos Álvarez, Xosé Ramón (2006). El exilio gallego en Venezuela y su papel en el asociacionismo (1940-1960). Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía. pp. 7–32. ISSN 1131-5989.
- ↑ Mouzo Riobó, Íñigo (11/02/2018). "Os outros entroidos de Galicia". Historia de Galicia. Consultado o 14/08/2020.
- ↑ "Las bonitas de Sande se alían para divulgar sus tradiciones". La Región. 18/02/2020. Consultado o 14/08/2020.
- ↑ Bande Rodríguez, Enrique (1982). Grial. Revista Galega de Cultura. Vol. 76. Ed. Galaxia. pp. 221–227.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cartelle |