Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Aldara de Celanova

aristócrata galega dos século IX e X
(Redirección desde «Ilduara Eriz»)

Ilduara Eriz tamén coñecida como santa Ilduara e frecuentemente Aldara de Celanova[1][2][3] foi unha das aristócratas galegas máis importantes de finais do século IX e X.

Modelo:BiografíaAldara de Celanova
Biografía
Nacemento890 Editar o valor en Wikidata
Morte958 Editar o valor en Wikidata (67/68 anos)
Actividade
Ocupaciónaristócrata Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeGoterre Méndez Editar o valor en Wikidata
FillosAdosinda Guterrez de Celanova, Ermenesinda Gutiérrez, Froila Gutiérrez, Rosendo de Celanova Editar o valor en Wikidata
PaisEro Fernández Editar o valor en Wikidata  e Adosinda Editar o valor en Wikidata

BUSC: ilduara-m-948 WikiTree: Eris-1

Traxectoria

editar
 
San Miguel de Celanova, século X.

Filla dos condes de Lugo, Ero Fernandes e a súa muller Adosinda. Casada con Goterre Méndez, foi nai de Rosendo de Celanova. Os seus outros fillos foron Hermesinda, Froilán III (conde de Trastámara), Munio, Aloito e Adosinda.

Pertencía a unha estirpe emparentada cos reis galaico-leoneses. Era nora de Afonso III o Magno, cuñada do rei de Galicia Ordoño II, tía do rei de Galicia Sancho Ordóñez así como dos reis Afonso IV e Ramiro II.[4].

Tiña posesións ao longo do reino de Galicia, incluíndo as terras do Bierzo e o norte do actual Portugal. Exerceu poderes públicos nos condados de Ortigueira, Saviñao, Lor, Castillón, Quiroga e Caldelas e nas decanías de Ladra, O Páramo, Salnés, Tredóns, Sorga e Limia[5]. Salientou pola acertada administración dos seus dominios e o senso da xustiza no exercicio da súa autoridade.

Arredor do ano 890 casou cun dos máis importantes condes galegos, Goterre Méndez. A unión de ambas as familias supuxo a creación dun dos maiores patrimonios territoriais do Reino de Galicia altomedieval[6]. Residiu sempre en terras galegas, ben no condado portucalense ben na Galicia nuclear onde son de destacar Portomarín e especialmente Vilanova dos Infantes onde situou a casa-residencia principal da súa familia, alí fundou co seu fillo Rosendo o mosteiro de San Salvador de Celanova (centro monástico de primeira orde na Galicia do século X), ao que Ilduara doou parte do seu patrimonio[7]. No documento de doazón figuran como testemuñas o propio rei, bispos, abades e as mulleres e homes nobres máis importantes do momento.

O autor da Vita Rudesindi, xa do século XII, di que o conde de Galicia Goterre Méndez gozábase na beleza da súa santa esposa e narra os rogos de ámbolos dous, nos distintos santuarios do reino, para teren descendencia, algo que lle foi prometido a Ilduara nun doce soño na igrexa de San Salvador. No ano 912, o conde Goterre doou á súa esposa a metade dos seus bens, incluídos os futuros. Pola súa banda, o matrimonio obtivera doazóns dos reis de Galicia Ordoño II e Elvira Menéndez e do fillo daquel o rei de Galicia Sancho Ordóñez e a súa esposa a raíña Goto (ano 927).

Dunha fonda relixiosidade, fundou comunidades monacais ás que fixo grandes regalías e que foron o alicerce do monacato galego impulsado polo seu fillo. Gozou dunha cultura ampla, e administrou os seus bens de maneira igual que se fose un home para o que implicaba o seu xénero e a súa época. Malia a isto cando enviuvou retirouse ao mosteiro feminino de Santa María de Vilanova, que ela mesma fundara.

Xa finada, foi soterrada no mosteiro de San Salvador de Celanova, por petición do seu fillo, san Rosendo. A súa festividade segundo o santoral católico ten lugar o 21 de decembro.

Descendencia

editar
 
Anunciación a santa Aldara da concepción de san Rosendo no coro lígneo da catedral de Santiago de Compostela, hoxe no mosteiro de San Martiño Pinario.

Froito da súa unión con Goterre Méndez naceron dúas fillas, Adosinda e Hermesinda, e tres fillos, Munio, Rosendo e Froila. De entre todos eles destacou Rosendo, bispo da igrexa de Dumio e posteriormente santo.

Unha sobriña de Aldara, Aragonta González, será a segunda esposa do rei de Galicia Ordoño II. A primeira muller deste, Elvira, era irmá do seu home. Unha neta, Goto, será raíña de Galicia por ser esposa de Sancho Ordóñez.

  1. Sobre o nome de orixe xermánica Aldara referido a este personaxe histórico é ilustrativa a obra de Xosé Feixó Cid Dicionario galego dos nomes Ed. Xerais. Vigo 2003, páx.25. ISBN 84-9782-052-5
  2. Tamén identifica o nome galego de orixe xermánica Aldara con este personaxe a obra dirixida por Xesús Ferro Ruibal O teu nome Ed. Ir Indo. Vigo, páx. 19. ISBN 84-7680-216-1
  3. Xesús Ferro Ruibal e Ana Isabel Boullón Agrelo consideran como étimo para o nome Aldara: antigo nome galego de orixe xermánica, formado co elemento hild- "guerreiro"- e wars "sabio" e identifican expresamente Santa Aldara con Ilduara Eriz. Diccionario dos nomes galegos. Ed. Ir Indo. Vigo, 1992, páx. 110, ISBN 84-7680-096-7. Este libro, o 4 de xullo de 1992, foi asumido pola Real Academia Galega de maneira que cada entrada pode a efectos oficiais ser considerada un ditame.
  4. Hernández Figueiredo, San Rosendo, bispo de Mondoñedo, fundador de Celanova y pacificador de la Gallaecia. Ed. BAC. Madrid 2007, páx. 49. ISBN 978-84-7914-878-2
  5. A gran historia de Galicia IV, volume 2, Ed. La Voz de Galicia, 2007, páx. 95. ISBN 978-84-96931-00-8
  6. Pallares Méndez, María del Carmen, Ilduara, una aristócrata del siglo X. Ed. do Castro, Sada, 2004. páx. 87 e ss. ISBN 84-8485-140-0
  7. Andrade, J.M. O tombo de Celanova, Santiago de Compostela,1995

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar