Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Bidueiro

árbores caducifolias do xénero Betula da familia Betulaceae
Bidueiros (xénero Betula)

Bidueiro branco ou prateado (Betula pendula)
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Fagales
Familia: Betulaceae
Xénero: Betula
L.
Especies

Numerosas especies;
Lista de especies

Sinonimia
  • Betulaster Spach (1841).
  • Apterocaryon Opiz (1855).
  • Chamaebetula Opiz (1855).[1]

Os bidueiros son as diferentes especies de árbores caducifolias do xénero Betula da familia Betulaceae e da orde Fagales. As distintas especies son moi semellantes entre si. Árbore esvelta de casca alba asociada normalmente aos lugares frescos. En Galicia son moi comúns, concretamente a especie Betula alba.

Etimoloxía

editar

O termo galego bidueiro (en portugués vidoeiro ou bétula) vén do latín betūlla, adaptación do nome céltico betu. En Galicia deu como fitopónimo Biduedo.

Descrición

editar

Son árbores que medran altas e esveltas, entre 10 e 30 m, dependendo da especie. O crecemento é rápido. As follas son simples, alternas, serradas con algo de peluxe, romboidais de 3 a 6 cm, variando lixeiramente segundo a especie. A face superior adoita ser máis escura. As pólas son flexíbeis, a casca é lisa, cinsenta ou abrancazada, cunha características raias horizontais. Monoica, un mesmo exemplar ten flores masculinas e femininas, con candeas amarelas ou verdosas. O pole posúe tres poros, ten forma esferoidal, de 20 a 25 µm de diámetro e superficie finamente granulada. Froito en infrutescencia que madura no verán e que se diseminan polo vento.

Distribución e hábitat

editar

Espállanse por unha gran parte do hemisferio norte, en Europa (nos países nórdicos chegan a formar grandes bosques), en parte de Asia, América do Norte e o norte de África.

Requiren zonas asolladas, solos acedos e silíceos que posúan humidade de abondo.

En Galicia aparecen formando bidueirais ou coma unha das especies das fragas. Son moi frugais polo que acostuman colonizar terreos degradados, queimados, incluso os noiros de autoestradas. No sur de Galicia aparecen coma especie de ribeira, brañas ou lameiros. Tamén aparece coma ornamental.

Ecoloxía

editar

Os bidueiros relaciónanse con infinidade de especies. Serven de alimento a un gran número de lepidópteros como Colotois pennaria, Campaea margaritata, Mimas tiliae, Drepana binaria, Geometra papilionaria, Hemithea aestivaria ou Phalera bucephala.

Especies

editar

A listaxe a seguir non é completa e só se refire a unha clasificación pola súa orixe xeográfica. Para a clasificación taxonómica, véxase artigo Especies de bidueiro.

Bidueiros de América do Norte inclúen
Bidueiros de Asia
Nota: moitos textos estadounidenses confunden o B. pendula e o B. pubescens, malia seren especies diferentes con distinto número de cromosomas

Aplicacións

editar

Os bidueiros son árbores versátiles. Teñen gran valor ornamental pola súa casca prateada, e polo colorido que colle a súa follaxe no outono. O zume, a casca, as follas, a madeira e as poliñas empréganse para alimento, material de construción, tratamentos medicinais, lubrificantes, e outros usos prácticos. Os esquimós facían con eles vestidos, piraguas, cordas, pois a casca consérvase moi ben grazas á betulina, substancia case indestrutíbel.

En Galicia facíanse zocas, culleres, cuncas etcétera. No campo utilizábase a súa madeira adoito para as pezas do arado romano, xugos ou lareiros ou abaloiras (varas usadas para sacudir os froitos de castiñeiros). Coa madeira tamén se fan máscaras do Entroido. Co seu carbón fabricábase a tintura de imprenta. Nas escolas galegas utilizábanse varas desta árbore, polo que era coñecida coma “árbore da sabedoría”. Tamén con ramiñas facíanse vasoiras ou utilizábanse na malla. A casca impermeábel empregábase para a canalización de augas, coma polainas ou para facer pergamiños, que recibían o nome de librum. A súa brea empregábase para impermeabilizar as peles.

Incluso as follas teñen utilidade, pois son diuréticas e foron remedio contra as inflamacións renais e da vexiga e para desfacer os cálculos renais.

En Escocia atopáronse enterramentos de hai séculos con cascas en perfecto estado.

Pola contra, a súa madeira é moi vulnerábel, utilizándose para facer pasta de papel e tinta de imprenta. A madeira traballábase con facilidade e se utilizaba para mangos de ferramentas e outros obxectos de pequeno talle, i é usada en Rusia para tallar as matrioscas, as famosas bonecas rusas, así como para fabricar esquís. A madeira tamén é excelente para o carbón. A casca, pola súa impermeabilidade, utilízase para fabricar zocas, canastras, caixas etc. Ademais ten propiedades febrífugas e se administra en po en infusión, soa ou acompañada con outra substancia medicinal. As pólas, por seren moi flexíbeis, empréganse en cestaría.

Por destilación, a casca subministra un óleo resinoso balsámico especial, que no norte de Europa é moi apreciado para a preparación do coiro magro (chamado “coiro de Rusia”), ao que comunica un arrecendo aromático moi característico, ademais de protexelo da acción dos insectos. O zume fervido é usado como enxaugadura bucal para as enfermidades da gorxa, ulceracións da boca, irritación das enxivas, e unha excelente loción detersiva para lastras e úlceras. Coas raíces faise unha pomada para a pel que axuda á cicatrización de feridas, grans, a raña, erupcións, ampolas e bóchegas da pel.

Este óleo, o mesmo que as follas de bidueiro, fornece un colorante amarelo. Os extractos do bido utilízanse tamén en domésticos coma o xabón ou xampú. O alcatrán de bidueiro, extraído da súa casca, emprégase coma lubrificante e con fins medicinais. Os abrochos de bidueiro crían uns fungos que se usaban nos países nórdicos para curar o alcoholismo.

As follas, especialmente secas, escorrentan as moscas e os tabáns que molestan as bestas. Tamén se utilizan as follas para facer té con propiedades diuréticas e para a obtención de extractos para tinturas e cosméticos. As follas delouradas son excelentes para as dores reumáticas. Axudan tamén á transpiración dos pés evitando maos cheiros. Outro uso que se dá ás follas frescas desta árbore é a xeito de fretas sobre os peitos das mulleres que aleitan os meniños, para aliviar a dor e conter o leite.

O zume do bidueiro bébese coma tónico ou se engade ao xarope de bidueiro, vinagre, cervexa, bebidas refrescantes e outros alimentos. O xarope de bidueiro non é doado de fabricar, o que o fai máis custoso ca outros xaropes empregados en alimentación, coma o de pradairo.

As poliñas do bidueiro, grazas á súa flexibilidade e dureza, foron utilizadas coma instrumento de flaxelación. Noutros tempos os mestres utilizábanas para se facer respectar.

No noroeste da Península Ibérica emprégase en plantacións lineais nas bermas das estradas en zonas con brétemas, xa que a casca alba dos toros salientan a escuridade.

Moitas das nacións indias de América do Norte estimaban o bidueiro pola súa casca, dado o seu peso lixeiro, a súa flexibilidade e mais a facilidade coa que se pode tirar a tona, polo que se empregaban para fabricar canoas. A casca ten un alto contido de betulín e ácido betulínico, con propiedades farmacéuticas, e outros produtos químicos utilizados na fabricación de lubrificantes industriais.

En Rusia, e especialmente en Siberia, o bidueiro empregouse durante séculos na construción de obxectos da vida cotiá, (por exemplo, canoas, xerras para cervexa, caixas, zapatos), así como tamén para enfeites de bixutería de gran beleza, mediante técnicas que foron perfeccionando durante os séculos.

Mitoloxía e simbolismo

editar

Os bidueiros tamén teñen a súa importancia espiritual en varias relixións antigas e modernas; ao bidueiro sempre se lle deu propiedades purificadoras en diferentes culturas ao longo da historia, en gran parte por mora os seus usos medicinais. As súas follas, flexíbeis mais rectas foron usadas para escorregar aos maos espíritos; no Xapón, as mikos, mulleres serventes dos templos shinto xaponeses, levaban a cabo danzas cerimoniais nas que azoutaban o ar coas pólas de bidueiro para espantar aos onis; en España e Italia plantábase bidueiro na entrada das cortes das bestas para escorregar os demos e ás pantasmas; os xamáns de América do Norte usaban as pólas de bidueiro para os exorcismos.

Coa mesma finalidade zoscábase tamén coas pólas de bidueiro a delincuentes e dementes. Segundo a mitoloxía cristiá dise que o bidueiro medra á entrada do Paraíso. A Inquisición medieval flaxelaba aos culpados de crimes menores coas pólas de bidueiro e os inquisidores acostumaban portalas coma un látego cando paseaban pola vila, até o punto de asociar o bidueiro á Inquisición, chegando a ter a súa propia linguaxe dentro desta a través da árbore; unha muller que portase na vila unha flor ou unha folla de bidueiro era intocábel por ter o favor romántico dun inquisidor e non a podían acusar de herexía, bruxaría, meigaría, nin prostitución ou adulterio; e as casas que enfeitaban a súa entrada cun ramallo de bido eran familias achegadas aos xuíces. Así mesmo o símbolo do arcanxo Azrael, o anxo entre os xudeus e musulmáns, é un bidueiro.

Na antiga Roma, o bidueiro era símbolo de poder e autoridade; coma co loureiro, empregaban as súas pólas para enfeitar as cabezas das persoas importantes, denominándose fasces, de onde ven o vocábulo fascista.

En Rusia ten unha grande importancia a presenza do bidueiro, protagonista de innumerábeis cantigas, contos, poesías, imaxes pictóricas, ditos ou refráns, asociado coa pureza, as mulleres, a mocidade e a maternidade. Entre os poemas máis célebres están os de S. Yesenin como aquel que di: «Bidueiro branco baixo a miña xanela á que a neve cubriu coma se fose prata» ou «Sorriron os adurmiñados bidueiros, ao despeitear as súas trincas de seda»; poemas que sempre tenden a enxalzar a brancura do seu toro, concepto que vén da propia etimoloxía indoeuropea da palabra que significa tanto brillante coma branco ou albo, polo que tamén é un símbolo das doncelas. Antigamente en Rusia tamén existía unha deidade vencellada co bidueiro chamada Bereguinya, deusa dos espíritos e de todas as riquezas da terra. Máis tarde esta árbore transformaríase no símbolo feminino para a festividade que celebraba en marzo, unha festa chamada Siemika.

No Xapón ademais de ter a súa función nos rituais xintoístas como xa se ten mencionado, tiña unha función coma linguaxe do amor nas mulleres: cando unha muller portaba unha flor de bidueiro significaba que estaba dispoñíbel e lle agasallar dita flor a un home era unha declaración romántica; unha poliña espida significaba que a relación non podía levarse a cabo; as raíces que estaba casada; as follas que malia estar casada, estaba aberta a unha relación fóra do matrimonio.

Para os celtas era unha árbore sagrada; era a árbore do comezo, símbolo da renovación, das novas oportunidades, o que torna a nacer. Isto débese a que é unha das primeiras árbores que bota follas novas na primavera. O seu mes lunar é o do vinte e catro de decembro até o vinte de xaneiro. En Galicia mantívose o espírito sagrado celta até hai pouco.

  • Miña nai quere unhas zocas
    Branquiñas de abidueira;
    Mándemas vir de Vilalba,
    Daquilas que hai de chinela
    .
  • Meu Santo San Fins do Castro,
    Que lle dás aos teus romeiros?
    Auga da túa fontiña
    Sombra dos teus bidueiros.

Nome común

editar

Bido, bidioira, bídalo, bedulo, beduleira, bedul, bedugo, bedueiro, bedueira, albelo, abineiro blanco, abiduleiro, abidul, abidueiro, abidueira, abeduro, abedulo, abedul, abedugo, abedueiro e abedueira[2].

Galería de imaxes

editar
  1. "Bidueiro". Royal Botanic Gardens, Kew: World Checklist of Selected Plant Families. Consultado o 26 de decmebro de 2009. 
  2. "Bidueiro (Betula pendula Roth)". Atlas Lingüístico Galego. Consultado o 9 de setembro de 2016. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar
  • Alan Mitchell, A Field Guide to the Trees of Britain and Northern Europe, William Collins Sons & Co. Ltd., 1974 – ISBN 0 00 212035 6.
  • Benigni, R; Capra, C; Cattorini, P. Piante Medicinali. Chimica, Farmacologia e Terapia. Milán: Inverni & Della Beffa, 1962, pp. 141–3
  • Bernard Bertrand, Le Bouleau, l'arbre à la peau d'argent, 01/10/2007, Terran (Editions de) - ISBN 978-2-913288-71-3
  • Bézanger-Beauquesne, L; Pinkas, M; Torck, M. Les Plantes dans la Therapeutique Moderne. 2ª. París: Maloine, 1986, pp. 106–7
  • Bézanger-Beauquesne, L; Pinkas, M; Torck, M; Trotin, F. Plantes Médicinales des Regions Tempérées. París: Maloine, 1980, pp. 70–1.
  • Carnat A, Lacouture I, Fraisse D et al. Standarization of the Birch Leaf. Ann Pharm Fr, 1996; 54(5): 231-5.
  • Demirci B, Baser KH, Ozek T et al. Betulenols from Betula Species. Planta Med 2000; 66(5): 490-3.
  • European Scientific Cooperative On Phytotherapy (E.S.C.O.P.). Monographs on the medicinal uses of plant drugs. Fascicle I: Betulae folium (Birch Leaf). Marzo de 1996, 4 pp.
  • Falinski J.B. – Mortier F. 1996. Biodiversité et gestion durable des forêts en Europe. Nº especial de 1996 de Revue Forestière FranV aise , pp89–116
  • Fernández, M; Nieto, A. Plantas Medicinales. Pamplona: Ediciones Universidad de Navarra, 1982, p. 43.
  • Jacques Brosse, Larousse des Arbres et des Arbustes, Larousse-Bordas, 2000 – ISBN 2 03 505172 X.
  • Lastra, JJ; Bachiller, LI. Plantas Medicinales en Asturias y la Cornisa Cantábrica. Xixón: Ediciones Trea, 1997, pp. 87–9.
  • Loew, D; Heimsoth, V; Kuntz, E; Schilcher, H. Fitofármacos, farmacología y clínica de los "diuréticos vegetales". En: Diuréticos: Química, farmacología y terapéutica, incluida fitoterapia. Barcelona: Salvat, 1991, pp. 233–259.
  • Mulet, L. Estudio Etnobotánico de la Provincia de Castellón. Castellón: Deputación Provincial, 1991, pp. 86–7.
  • Paris, RR; Moyse, M. Précis de Matière Médicale. Tome II. París: Masson, 1967, p. 92.
  • Peris, JB; Stübing, G; Vanaclocha, B. Fitoterapia Aplicada. Valencia: M.I. Colexio Oficial de Farmacéuticos, 1995, pp. 105–6.
  • P. FONT QUER in Collect. Bot. (Barcelona) 1: 261-314 (1947);
  • PDR for Herbal Medicines. Medical Economics Company, Montvale. Second Edition, 2000; pp 78–80.
  • Roger Phillips, Trees in Britain, Europe and North America, Pan Books, 1978 – ISBN 0 33 025480 4
  • Salminen JP, Ossipov V, Haukioja E et al. Seasonal variation in the content of hydrolysable tannins in leaves of betula pubescens. Phytochemistry 2001; 57(1): 15-22.
  • Van Hellemont, J. Compendium de Phytotherapie. Bruxelas: Association Pharmaceutique Belge, 1986, pp. 65–7.
  • Vasilenko IK, Semenchenko VF, Frolova LM et al. The pharmacological properties of the triterpenoids from birch bark. Eksp Klin Farmakol 1993; 56(4): 53-5.
  • Villar, L; Palacín, JM; Calvo, C; Gómez, D; Montserrat, G. Plantas Medicinales del Pirineo Aragonés y demás tierrras oscenses. 2ª. Huesca: Deputación Provincial, 1992, p. 48.
  • Wichtl, M. Herbal Drugs and Phytopharmaceutical. A Handbook for Practice on a Scientific basis. Stuttgart: Medpharm Scientific Publishers, 1994, pp. 106–8.
  • Zaragozá F, Ladero M, Rabasco AM et al. Plantas Medicinales (Fitoterapia Práctica). Segunda Edición, 2001. pp 136–8.

Ligazóns externas

editar