Vilosidade intestinal
Vilosidade intestinal (na parede gastrointestinal do intestino delgado) | |
---|---|
Micrografía da mucosa do intestino delgado que mostra as vilosidades (metade superior da imaxe). Tinguidura de hematoxilina-eosina | |
Corte transversal de duodeno de gato. X 60. | |
Latín | villi intestinales |
Sistema | Sistema dixestivo |
As vilosidades intestinais[1] ou villi intestinais (en singular villus) son pequenas proxeccións con forma de dedo que se estenden no lume do intestino delgado desde a mucosa da parede gastrointestinal. Nos humanos cada vilosidade mide aproxinmadamente 0,5–1,6 mm de lonxitude, e na súa superficie ten numerosas proxeccións microscópicas chamadas microvilosidades (microvilli) que se proxectan desde os enterocitos que forman o seu epitelio, formando en conxunto o que se chama un bordo estriado ou bordo en cepillo. As microvilosidades teñen aproximadamente 1 µm de lonxitude, polo que son unhas mil veces máis curtas que as vilosidades. As vilosidades intestinais son moito máis pequenas que os outros grandes dobramentos que se encontran na parede interna intestinal chamadas válvulas conniventes ou de Kerkin.
As vilosidades incrementan a área da superficie interna da parede intestinal proporcionando unha moita maior superficie para a absorción. Unha maior área de absorción e a finura das súas paredes son útiles porque os nutrientes dixeridos (monosacáridos, aminoácidos, ácidos graxos) pasan ás vilosidades impermeables por difusión, a cal é efectiva só a curtas distancias. Por tanto, un incremento da superficie (en contacto co fluído do lume) diminúe a distancia que teñen que atravesar as moléculas de nutrientes, ao que incrementa a difusión. Os villi levan no seu interior capilares sanguíneos e vasos linfáticos (quilíferos) para facilitar a absorción, e estes están conectados a outros vasos que incorporan os nutrientes á circulación sanguínea xeral.
Función
[editar | editar a fonte]As vilosidades e microvilosidades incrementan a superficie de absorción intestinal aproximadamente entre 40 e 600 veces, respectivamente, proporcionando unha capacidade de absorción excepcionalmente eficiente dos nutrientes que están no lume intestinal unha vez dixerida a comida.[2]
Existen tamén algúns encimas dixestivos na superficie dos enterocitos das vilosidades, que axudan á dixestión. Os capilares que conteñen as vilosidades recollen os aminoácidos e azucres simples absorbidos e lévanos ao torrente circulatorio sanguíneo. Os vasos quilíferos (linfáticos ou lacteais) das vilosidades absorben os lípidos que quedan incluídos en partículas esféricas chamadas quilomicróns, que son lipoproteínas compostas de triglicéridos, colesterol e proteínas anfipáticas, e son levados polos vasos linfáticos, os cales desembocan finalmente no sangue.
As vilosidades están especializadas na absorción no intestino delgado, xa que teñen unha parede fina dunha soa célula de grosor, o que permite unha curta distancia de difusión. Teñen tamén un rico rego sanguíneo para manter un gradiente de concentración.[3]
Importancia clínica
[editar | editar a fonte]Atrofia vilosa
[editar | editar a fonte]En enfermidades do intestino delgado as vilosidades poden quedar esmagadas debido aos efectos de inflamacións, e ás veces poden desaparecer. Esta deterioración denomínase atrofia vilosa e a miúdo é unha característica da enfermidade celíaca.[4]
Estrutura
[editar | editar a fonte]Os enterocitos, xunto coas células caliciformes, son os tipos principais de células do epitelio das vilosidades do intestino delgado.[5]
Microanatomía
[editar | editar a fonte]-
Corte vertical dunha vilosidade de intestino delgado de can. X 80. (O epitelio columnar simple está sinalado á dereita, o terceiro desde a parte de arriba.)
-
Corte transversal dunha vilosidade de intestino humano. X 350.
a. A membrana basal aquí algo enrugada e separada do epitelio.
b. Vaso quilífero.
c. Epitelio columnar.
d. O seu bordo estriado.
e. Células caliciformes.
f. Leucocitos no epitelio.
f’. Leucocitos baixo o epitelio.
g. Vasos sanguíneos.
h. Célula muscular cortada. -
Sección transversal histolóxica das vilosidades do intestino delgado do íleo terminal humano.
-
Proxección en volume baseada en microtomografía computarizada (MicroCT) da mucosa do xexuno de polo. Bloque de volume virtual con vilosidades truncadas verticalmente en vista oblicua. Barra de escala = 0,2 mm.
-
Proxección en volume baseada en microtomografía computarizada da mucosa xexunal de polo. Corte virtual horizontal a través da vilosidade. Barra de escala = 0,2 mm.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para vilosidade.
- ↑ Andreas Bernkop-Schnürch (2009). Bernkop-Schnürch, Andreas, ed. Oral Delivery of Macromolecular Drugs - Barriers. Springer. ISBN 978-1-4419-0199-6. doi:10.1007/978-1-4419-0200-9.
- ↑ "Digestion: Digestive System, Enzymes, Absorption in the Small Intestine". Arquivado dende o orixinal o 2016-11-18. Consultado o 2014-12-30.
- ↑ "Causes". Coeliac UK (en inglés). Consultado o 12 de xullo de 2020.
- ↑ "Paneth cells (Cytokines & Cells Encyclopedia - COPE)".
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- C. W. Chan, Y. K. Leung and K. W. Chan (2014). "Microscopic anatomy of the vasculature of the human intestinal villus - a study with review". European Journal of Anatomy, 18 (4): 291–301.