Teísmo (filosofía)
O teísmo (do grego theós, "deus") é a crenza na existencia dun ou varios deuses. En contraste co deísmo, o termo describe a concepción filosófica de deus do teísmo clásico ou dos deuses das relixións politeístas.
O concepto contraponse co ateísmo, comunmente entendido como a negación da existencia de deus,[1] e co non teísmo, que rexeita a idea dun deus creador ou absoluto, aínda que pode recoñecer entidades espirituais doutro tipo. Por outra banda, o agnosticismo teísta defende a crenza en deus ou nos deuses, mais recoñecendo que é imposible demostrar a súa existencia.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]A palabra "teísmo" procede do grego theós ou theoi, que significa "deus" ou "deuses".[2] Foi utilizada por primeira vez polo teólogo inglés Ralph Cudworth (1617-1688).[3] Segundo a definición orixinal de Cudworth, os teístas "afirman que unha entidade ou mente cunha comprensión perfecta e consciente, que existe por si mesma dende toda a eternidade, foi a causa de todas as cousas".[4]
Clases de teísmo
[editar | editar a fonte]Monoteísmo
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Monoteísmo.
O monoteísmo (do grego mónos, "un, único") é a crenza na existencia dun só deus.[5] Exemplos de relixións monoteístas son o xudaísmo, o islam, o mandeísmo, o bahá'í, o sikhismo, o zoroastrismo, a relixión rastafari e algunhas seitas do hinduísmo.
Politeísmo
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Politeísmo.
O politeísmo é a crenza en varios deuses, normalmente reunidos nun panteón, xunto coas súas propias seitas e rituais. Este tipo de relixións está ben documentado ao longo da historia, dende a prehistoria e os primeiros rexistros exipcios e mesopotámicos até as relixións grega e romana antigas, o paganismo xermánico, eslavo e báltico, ou as relixións dos nativos americanos.
Exemplos de relixións politeístas aínda en activo son o daoísmo, a relixión popular chinesa, o xintoísmo, a santería, moitas das relixións tradicionais africanas,[6] e varias crenzas neopagás como a wicca, o neodruidismo, o romuva ou o dodecateísmo. O hinduísmo, popularmente concibido como politeísta, non pode adscribirse exclusivamente a esta categoría, xa que moitos hindús se consideran panteístas ou monoteístas.
Teísmo clásico
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Teísmo clásico.
Coñécese como teísmo clásico ás doutrinas que describen a Deus como un Ser Absoluto. Entre as ideas basilares deste tipo de crenzas están o emanacionismo e a simplicidade divina.[7][8] Existen tradicións de teísmo clásico en moitas das grandes relixións e filosofías, como o sufismo no islam, o visnuísmo no hinduísmo, o sikhismo ou o platonismo.
Panteísmo
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Panteísmo.
O panteísmo é a crenza de que a realidade, o universo e mais o cosmos son idénticos á divindade, unha sorte de ser ou entidade suprema. Neste sentido, o universo sería unha deidade creadora inmanente e eterna, en continua expansión e creación. Noutra interpretación, todas as cousas constitúen un deus inmanente que se manifesta como o universo.[9] Xa que logo, até os obxectos astronómicos forman parte dunha soa deidade. Cabe diferenciar o panteísmo do omnismo, a devoción por todos os deuses de todas as relixións.
O panteísmo nega a idea dun deus persoal ou antropomorfo,[10] preferindo outros modos de relación entre a realidade e o divino.[11] Poden atoparse elementos panteístas nas relixións e tradicións máis antigas. Porén, o termo foi cuñado polo matemático Joseph Raphson (c. 1668-c. 1715) en 1697.[12] O panteísmo popularizouse na cultura occidental como unha postura teolóxica e filosófica a partir da obra do filósofo holandés Baruch de Spinoza (1632-1677), que desenvolveu unha metafísica de carácter panteísta na súa obra mestra, a Ética demostrada segundo a orde xeométrica (1677).[13] Ideas semellantes foron defendidas polo filósofo e cosmólogo napolitano Giordano Bruno (1548-1600).[14]
Deísmo
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Deísmo.
O deísmo é a crenza na existencia dun deus creador do mundo, que nunca altera o seu plan orixinal para o desenvolvemento do universo. Deste xeito, a deidade preséntase na forma da providencia. Xa que logo, os deístas adoitan rexeitar os sucesos sobrenaturais aceptados por moitas relixións organizadas, como as profecías, os milagres ou a revelación divina. Pola contra, o deísmo defende que as crenzas relixiosas deben sustentarse na razón humana e na observación do mundo natural, que son as fontes que revelan a existencia dun creador.[15]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nielsen 2010.
- ↑ Mackintosh 1911, p. 744.
- ↑ Shores 1969, p. 266-267.
- ↑ Cudworth 1678, p. 267.
- ↑ Van Baaren 2024.
- ↑ Kimmerle 2006, p. 15.
- ↑ Feser 2017.
- ↑ Hart 2013.
- ↑ Reid-Bowen 2016, p. 70.
- ↑ Draper, Quinn & Taliaferro 2010, p. 340.
- ↑ Levine 1994, p. 44, 274-275.
- ↑ Thomson 2008, p. 54.
- ↑ Lloyd 1996, p. 24.
- ↑ Birx 1997.
- ↑ Harris 1924.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Birx, Jams H. (1997). "Giordano Bruno". The Harbinger (en inglés). Archived from the original on 27 de xullo de 2017. Consultado o 24 de xuño de 2024.
- Cudworth, Ralph (1678). The True Intellectual System of the Universe, vol. I (en inglés). Gould & Newman.
- Draper, Paul; Quinn, Phillip L.; Taliaferro, Charles, eds. (2010). A Companion to Philosophy of Religion (en inglés). Wiley. ISBN 9781444320169.
- Feser, Edward (2017). Five Proofs of the Existence of God (en inglés). Ignatius Press. ISBN 978-1-62164-133-9.
- Harris, William Torrey (1924). "Deism". Webster's New International Dictionary of the English Language (en inglés).
- Hart, David Bentley (2013). The Experience of God: Being, Consciousness, Bliss (en inglés). Yales University Press. ISBN 9780300167337.
- Kimmerle, Heinz (2006). "The world of spirits and the respect for nature: towards a new appreciation of animism". The Journal for Transdisciplinary Research in Southern Africa (en inglés) 2 (2). ISSN 2415-2005. doi:10.4102/td.v2i2.277.
- Levine, Michael (1994). Pantheism (en inglés). Psychology Press. ISBN 9780415070645.
- Lloyd, Genevieve (1996). Routledge Philosophy Guidebook to Spinoza and the Ethics (en inglés). Routledge. ISBN 978-0-415-10782-2.
- Mackintosh, Robert (1911). "Theism". Encyclopaedia Britannica (en inglés). Cambridge University Press.
- Nielsen, Kai (2010). "Atheism". Encyclopaedia Britannica (en inglés).
- Reid-Bowen, Paul (2016). Goddess as Nature: Towards a Philosophical Thealogy (en inglés). Taylor & Francis. ISBN 9781317126348.
- Shores, Louis (1969). Collier's Encyclopedia (en inglés). Crowell-Collier Educational Corporation.
- Thomson, Ann (2008). Bodies of Thought: Science, Religion, and the Soul in the Early Enlightenment (en inglés). Oxford University Press. ISBN 9780199236190.
- Van Baaren, Theodorus P. (2024). "Monotheism". Encyclopaedia Britannica (en inglés).