Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Prehistoria

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa das primeiras migracións humanas, de acordo co ADN. Os números indican milenios antes da nosa era (precisión en debate).

A Prehistoria[1] é o período de tempo que vai desde o inicio da evolución humana até os primeiros testemuños escritos. Xa que o comezo da Prehistoria está marcado pola aparición do ser humano non se pode aplicar este comezo ao mesmo tempo en todo o mundo; en África pódese datar en torno aos dous millóns seiscentos mil anos, no Medio Oriente algo menos dun millón oitocentos mil anos, en Asia e Europa arredor dun millón de anos de antigüidade, no resto do mundo estaría por baixo dos 50.000 anos.

Prehistoria, historia e arqueoloxía

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Arqueoloxía.

Dende o punto de vista máis tradicional, considérase que a Prehistoria é unha especialidade científica que estuda, por medio da escavación, os datos deste período da Historia que precedeu á invención da escritura. Os restos arqueolóxicos son a principal fonte de información e para estudalos utilízanse numerosas disciplinas auxiliares, coma a física nuclear para efectuar datacións absolutas, a análise por espectrómetro de masas de compoñentes líticos, cerámicos ou metálicos, a xeomorfoloxía, a edafoloxía, a tafonomía, a trazaloxía, para as pegadas de uso, a paleontoloxía, a paleobotánica, a estatística non paramétrica, a etnografía, a paleoantropoloxía, a topografía e o debuxo técnico, entre outras moitas ciencias e técnicas. De maneira que hai un gran número de persoas que consideran a Prehistoria coma unha especialidade dentro da Historia, pero con moitas máis técnicas e disciplinas.

A metodoloxía de base para a obtención de datos na Prehistoria é a Arqueoloxía, polo que ata hai moi pouco Prehistoria e Arqueoloxía confundíanse constantemente. Nos ámbitos académicos da Europa continental, a Prehistoria é unha especialidade da Historia, sendo habitual que haxa departamentos de Prehistoria dentro das facultades de Historia e tamén é normal que o financiamento das investigacións corra a cargo de institucións de orientación humanística ou da propia administración estatal. En cambio, en América e nas Illas Británicas, a Prehistoria está supeditada á Arqueoloxía (Arqueoloxía procesual), a cal, á súa vez, se ve normalmente como unha especialidade da Antropoloxía, cuxo alcance, en calquera caso, non se limita ás fases preliterarias da Historia, senón a calquera período pretérito, aínda que sexa moi recente. Ademais, a organización dos departamentos de Arqueoloxía anglosaxóns adoita ser diferente ao asociarse a miúdo ás Ciencias Naturais, incluíndo laboratorios propios e sistemas de financiamento ligados a organismos enfocados a tales ciencias (en Estados Unidos, por exemplo, a National Science Foundation e en Gran Bretaña o Natural Environment Research Council) ou fundacións máis relacionadas co sector privado.[2]

Os últimos estadios da Prehistoria, a Protohistoria, englobarían, segundo algunhas interpretacións, os períodos sen escritura de certas culturas contemporáneas dos pobos históricos, cuxos textos dan unha información adicional sobre estes grupos ágrafos, e segundo outras, aquelas sociedades en proceso de formación dun estado, pero que non teñen escritura. Estas definicións son bastante limitadas, sendo a primeira escasamente útil fóra do ámbito europeo. Así, debido á complexidade do concepto, é pouco utilizado, e as culturas protohistóricas adoitan incluírse tanto no estudo da Prehistoria como nos primeiros momentos da Historia antiga.

Cronoloxía de aparición da especie humana
HolocenoPlistocenoPliocenoMiocenoNeolíticoPalelolíticoHomo sapiensHomo heidelbergensisHomo neanderthalensisHomo rhodesiensisHomo antecessorHomo erectusHomo floresiensisHomo georgicusHomo ergasterHomínido de DenisovaHomo habilisHomo rudolfensisAustralopithecus sedibaAustralopithecus africanusAustralopithecus garhi Australopithecus robustusAustralopithecus bahrelghazaliArdipithecus ramidusArdipithecus kadabbaAustralopithecus boiseiAustralopithecus afarensisSahelanthropus tchadensisAustralopithecus aethiopicusAustralopithecus anamensisOrrorin tugenensis
Escala en millóns de anos
As etapas das especies marcadas cun * son estimadas.
Fontes : [1] - [2] Arquivado 18 de agosto de 2009 en Wayback Machine. - [3] - [4]

Prehistoria en África

[editar | editar a fonte]

África é o berce da humanidade, e actualmente tamén o continente no que máis poboación continúa utilizando tecnoloxías prehistóricas. Resulta sinxelo concluír que a prehistoria de África é a máis longa e complexa de todo o mundo.[3] Pero isto non se viu sempre así, xa que durante o século XIX e ata mediados do XX se cría que a nosa orixe era asiática. Esta teoría debíase a que os fósiles de homínidos máis antigos dos que se tiña constancia daquela procedían de alí: o Home de Xava e o de Pequín. Tal visión cambiou radicalmente cos traballos realizados en África austral e oriental; os publicados a partir dos anos cincuenta do século XX remontaron a antigüidade dos fósiles africanos de Australopithecus e Homo a hai catro millóns de anos.[4]

África subsahariana

[editar | editar a fonte]

Na África subsahariana naceron e evolucionaron boa parte das especies de homínidos antepasados nosos. De alí saíu o Homo ergaster para colonizar Asia e Europa, o Homo antecessor cara á Península Ibérica e, finalmente, o Homo sapiens para estenderse por todo o mundo.[5] Posteriormente, no corazón do continente floreceron importantes culturas que foron decaendo, unhas pola súa propia dinámica interna e, outras pola continua sangría provocada pola explotación colonial e/ou escravista, que comezou na época dos cartaxineses, e foi perpetuada polos romanos, os árabes e os europeos (estes últimos a partir da Idade Moderna).

Paleolítico da África subsahariana

[editar | editar a fonte]

Na África subsahariana para o Paleolítico, adoita utilizarse a periodización anglosaxoa, aínda que esta obvia toda a fase de desenvolvemento correspondente ao xénero Australopithecus:

  • ESA (Early Stone Age o Idade da Pedra temperá) refírese ao período comprendido dende a aparición do primeiro membro do xénero Homo, hai máis de dous millóns e medio de anos, ata hai uns 200.000. Divídese en dúas etapas: olduvaiense e acheulense.
A garganta de Olduvai 2011.
A industria olduvaiense é a máis antiga do mundo. Aínda que recibiu o seu nome do sitio arqueolóxico epónimo de Olduvai, en Tanzania, os restos máis antigos atopados apareceron máis ao norte, en Etiopía, concretamente na conca do río Omo, onde a investigadora francesa Hélène Roche datou ferramentas talladas no río de Kada Gona (Rexión de Afar), por medio do potasio-argon, en 2,6 millóns de anos de antigüidade. A olduvaiense é unha industria composta, fundamentalmente, por cantos tallados e lascas. Atribúeselle normalmente ao Homo habilis ou ao Homo rudolfensis, aínda que segundo certos investigadores as especies máis intelixentes de Australopithecus (por exemplo o Australopithecus garhi) tamén puideron elaborar ferramentas, asunto que presenta numerosas controversias.
A industria achelense apareceu hai 1,5 millóns de anos, ao parecer ligada a unha nova especie humana, probablemente Homo ergaster,[6] aínda que existe un certo hiato evolutivo en canto aos fósiles deste período. O Achelense africano, sen dúbida o orixinario, caracterízase polo emprego do biface, o fendedor, o canto tallado, a raedeira, os denticulados e unha serie de técnicas e métodos relativamente avanzados, coma a técnica Levallois e as súas variantes africanas, que son moitas máis que as europeas.
  • MSA (Middle Stone Age ou Idade da Pedra intermedia), é o período que vai dende hai 200.000 anos ata hai 30.000. Desenvolvéronse industrias moi similares entre si, para as que se estableceron numerosas variantes rexionais baseadas, sobre todo, na influencia da materia prima local, que condicionou a tecnoloxía e a tipoloxía lítica.
En África oriental e austral (Pietersburg e Bambata) destaca o Stillbaiense, que se estende polo sur de África ata Rodesia e a zona oriental. Caracterízase polas raedeiras, as puntas triangulares, as puntas foliáceas bifaciais e as lascas laminares. Outra industria propia das chairas de Suráfrica é o Fauresmithiense, que ten un forte compoñente Levallois e pezas de tradición achelense coma bifaces, fendedores etc., pero de pouco tamaño. As industrias de África central son máis arcaicas, coma o Sangoense, que parece un Achelense tardío. É difícil atribuír grupos humanos a cada unha desas industrias; quizais as máis arcaicas correspondan a Homo rhodesiensis e as máis evolucionadas aos primeiros Homo sapiens, ou talvez a Homo sapiens idaltu ou outra subespecie, cuxos restos se documentan nos asentamentos de Border Cave e Klaisies River Mouth, Suráfrica, e en Herto, Etiopía.
  • LSA (Late Stone Age ou Idade da Pedra tardía) é o último período do Paleolítico da África subsahariana. As industrias típicas de África oriental son núcleos discoides, pezas foliáceas bifaciais e microlitos xeométricos. En África central viviu o Lupembiense, cuxos artefactos máis característicos son grandes pezas bifaciais e unhas puntas lanceoladas finamente talladas. No sur de África atopouse unha cultura aparentemente máis sofisticada, a Wiltoniense, de características microlíticas e laminares que se foi estendendo cara ao norte e perdurou ata épocas históricas, incorporando numerosas innovacións e chegando incluso a neolitizarse parcialmente. Por último, no Sahel hai industrias emparentadas co período anterior e con trazos protoneolíticos, como ocorre co Gumbiense de Etiopía, un pobo de pastores nómades que coñecían a cerámica. En moitos destes lugares tales tecnoloxías mantivéronse sen apenas cambios ata a expansión bantú ou ata a colonización europea, coma por exemplo, a cultura Gwisho.

Idade dos Metais na África subsahariana

[editar | editar a fonte]
Escultura nixeriana do século XVI.

A metalurxia na rexión subsahariana non pasou polas clásicas fases do Vello Mundo, isto é (cobre, bronce e ferro, aparecendo só evidencias de fundición do ferro e nunhas datas moi temperás respecto a Europa. Ata mediados dos anos setenta do século XX relacionábase a expansión lingüística do grupo bantú por África central e austral (a partir do século V a. C. e á custa de, sobre todo, as linguas xoisanas) coa do metal. Pero os datos arqueolóxicos posteriores desmentiron este modelo de tradición colonialista. Así, as datacións máis antigas relacionadas con artefactos férreos sitúanse contra o 1800 a. C. no que actualmente é o deserto de Níxer. Sobre o 1300 a. C. para algúns puntos da África oriental, o 900 a. C. na zona do Congo e o 500 a. C. en Zambia e Cimbabue.[7]

O proceso lingüístico bantú está aínda lonxe de ser ben comprendido e os estudosos sosteñen diversas teorías acerca da súa xénese e desenvolvemento.[7] Pode ser que os Nok de Nixeria, que vivían nos vales dos ríos Níxer e Benue, e eran capaces de fundir e forxar o ferro hai 2.500 anos estean relacionados coa orixe dos bantús, aínda que non existen probas.

Aínda que a maioría dos grandes reinos de África centro-occidental mantiveron fortes lazos de dependencia comercial coas áreas islámicas do norte, xa históricas, as súas fontes narrativas seguiron estando baseadas nas tradicións orais. Existen noticias deles grazas aos viaxeiros e misioneiros musulmáns que alcanzaron o centro do continente e deixaron constancia nos seus escritos. Ese foi o caso dun xeógrafo que descubriu no século VIII o imperio de Ghana. Os rexistros orais puxéronos por escrito en árabe grazas a historiadores de Tombuctú, que durante o século XVII recolleron tradicións que se remontaban aos séculos XIII-XIV, relacionadas co imperio de Malí. En cambio, do imperio Monomotapa, que floreceu entre os séculos XI e XV grazas aos contactos comerciais cos musulmáns asentados na costa do océano Índico, non hai documentos escritos ata a chegada dos portugueses.[8]

Noroeste de África

[editar | editar a fonte]

A África mediterránea tivo, durante a Idade da Pedra, unha periodización equivalente á europea, Paleolítico e Neolítico. Despois, a influencia da civilización exipcia e a chegada de colonizadores fenicios aceleraron o ritmo evolutivo respecto a Europa.

Idade da Pedra no norte de África

[editar | editar a fonte]
  • O Paleolítico inferior e medio están ben representados desde datas moi remotas.[9] Así, hai numerosas evidencias do Olduvaiense e do Achelense, máis no Magreb que na zona do Nilo, podéndose engadir ás industrias líticas diversos tipos de restos humanos, coma a mandíbula de Ternifine, en Alxeria, que se podería atribuír ao Homo heidelbergensis ou o cranio de Jebel Irhoud, en Marrocos, de aspecto neandertaloide. Durante este período existe similitude entre os grupos norteafricanos e os de Europa occidental.
  • A cultura ateriense parece romper esa tendencia e separa a evolución técnico-cultural, e especialmente na zona do Sáhara, da dos seus veciños. Aínda que é similar ao musteriano nalgunhas das súas técnicas líticas, ten as súas propias particularidades, coma serían o costume de elaborar utensilios pedunculados ou unha cronoloxía que non se podería localizar nas fases da Prehistoria europea (48000 a. C.-30000 a. C., que o diferencian daquel, aínda que exista constancia da súa supervivencia durante polo menos dez mil anos máis).
Cranio tipo Mechta el-Arbi, con avulsión de incisivos.
  • A cultura iberomaurisiense é tamén exclusiva do norte de África, especialmente das costas magrebís. A súa prolongada cronoloxía solápase co Ateriense e parece abarcar o equivalente a todo o Paleolítico superior europeo, apreciándose nel unha clara evolución. Trátase dun complexo cultural con industria ósea ben desenvolvida e unha industria lítica a base de follas. Co tempo tendeu á microlitización, primeiro laminar e despois xeométrica, atestándose un emprego temperán da técnica do golpe de microburil. En canto aos restos humanos, destacan os de Mechta el-Arbi (Alxeria), de tipo cromanoide.
  • A cultura capsiense é outro grupo cultural de orixe claramente magrebí.[10] Os seus comezos sitúanse contra o 8000 a. C., dentro do Epipaleolítico local. Destaca pola abundancia de materiais, entre os que se encontran útiles laminares e microlíticos, algúns deles foliáceos de bela factura, xunto ás características botellas feitas con ovos de avestruz e os abundantes concheiros. A caza, a recolección e mais o marisqueo foron probabelmente as fontes principais de sustento. Cara ao quinto milenio convertéronse en semisedentarios, adoptando a gandaría, complementada cunha agricultura moi rudimentaria, e utilizando a cerámica. Por todo iso, nesta fase final fálase dun Neolítico de tradición capsiense.
Principais sitios arqueolóxicos do Iberomaurisiense e do Capsiense no Magreb.
Figuriña protodinástica de Maadi.
  • O Neolítico da zona do Nilo é particularmente avanzado, con dous focos principais situados respectivamente no Delta (Merimdé), e no alto Exipto (o Badariense).[11] Aínda que ámbalas dúas teñen as súas propias particularidades e diferenzas, comparten certos trazos que permiten soster que existían relacións entre elas. Tiñan grandes asentamentos completamente sedentarios, cunha economía baseada na agricultura e a gandaría. As súas cabanas, feitas con barro, pólas e canas, contiñan fogares, silos para o grao e tamén inhumacións en fosa con enxoval. A olería é variada, mostrando modelos monocromos e outros pintados, e o resto da cultura material é moi rica: hai coitelos de sílex cunha talla primorosa, que pode que sexan cerimoniais, paletas de xisto para a mestura de pigmentos, produtos para a confección de tecidos, puntas de frecha, ornamentos en pedras semipreciosas a miúdo importadas, estatuíñas de animais e persoas e, na etapa final, pezas de cobre. Estes grupos culturais inscríbense no chamado período predinástico de Exipto e son considerados como a etapa previa á entrada de Exipto na Historia.

O metal e a entrada na Historia do norte de África

[editar | editar a fonte]
  • No Nilo a eclosión da civilización exipcia iniciouse xa no IV milenio a. C. co xurdimento de numerosas cidades, os primeiros xeróglíficos e a aparición dos grandes estados (o Alto e o Baixo Exipto) no período chamado Protodinástico. Estes estados acabaron sendo unificados polo primeiro faraón, o rei Narmer, aproximadamente no 3150 a. C. Deste xeito, a zona oriental de África entrou moi cedo na Historia e, ademais, converteuse nun foco de irradiación cultural que non só afectou ao Mediterráneo, senón tamén a unha gran parte do continente africano.
Líbico representado nunha tumba exipcia.
  • O Magreb, en troques, é un caso moi diferente.[12] Mentres que durante o segundo milenio antes da nosa era boa parte do Mediterráneo comezaba a ser percorrido por navegantes en busca de materias primas coma o cobre e o ouro, o Magreb quedaba á marxe deste fluxo de contactos e intercambios económico-culturais. A etnia bérber, da que se descoñece a súa procedencia, aínda que os estudosos cren que a súa lingua ten orixes afroasiáticos, era predominante na rexión. A primeira noticia deste grupo humano procede de textos exipcios datados no 2300 a. C., onde se lles denomina «téhménow»; posteriormente cítanse no ano 1227 a. C. cando parece que atacaron o Delta, pero esta vez xa se lles denominou «libou», é dicir, libios. Dende entón os textos clásicos referíronse aos indíxenas do Magreb como pobos líbicos. Os seus restos funerarios compóñense de cistas baixo túmulo, dolmens (moito máis tardíos que os do occidente europeo) e, nos momentos finais, uns pequenos hipoxeos chamados «haouanets», por exemplo, os de Debbabsa, en Tunisia.
Dende finais do segundo milenio a. C. crese que os fenicios frecuentaban as costas do Magreb, fundando as primeiras factorías cara ao 1100 a. C. Estas foron Útica (preto de Bizerta) e Oea (nos arredores de Trípoli), aínda que a máis importante foi, sen dúbida, Cartago, no 814 a. C. A influencia exercida polos cartaxineses plasmouse na aparición, a partir do século V a. C., das primeiras monarquías indíxenas na propia Cirenaica (os colonos gregos falan do rei Battus, fundador da dinastía dos Batíadas), en Ghana e en Numidia, onde un dos seus reis, Masinisa, fíxose lendario polos seus cambios de bando na Terceira Guerra Púnica. Así mesmo, os púnicos introduciron tamén melloras agropecuarias, o ferro, o torno de oleiro, a cuñaxe de moeda e, finalmente, propiciaron a invención dun tipo propio de escritura: o «alfabeto líbico» ou tifinagh, que sobreviviu até hoxe entre certas tribos de tuaregs.
Inscricións en alfabeto líbico da cova de Tafira (Alxeria).

Prehistoria en Oriente Próximo

[editar | editar a fonte]

No ambiente coloquial, adóitase utilizar indistintamente as expresións "Oriente Medio" e "Oriente Próximo" para designar a rexión do Oriente máis próxima a Europa, que é sinónimo de Asia suroccidental. En calquera caso, dende o punto de vista histórico, Oriente Próximo denomina unha zona nuclear, a cal irradiou continuas innovacións e cambios que influíron decisivamente no desenvolvemento tecnolóxico e social de toda Eurasia.

Paleolítico en Oriente Próximo

[editar | editar a fonte]
  • Paleolítico inferior: a presenza do ser humano na zona está documentada en Dmanisi (Xeorxia), coa aparición duns restos denominados Homo georgicus, relacionados con Homo erectus e Homo ergaster; datados en 1.850.000 - 1.600.000 anos de antigüidade, apareceron acompañados dunha cultura material moi primitiva de tradición olduvaiense.
Os primeiros bifaces encontráronse en Ubeidiya (Israel), xunto a restos humanos moi antigos. O Achelense típico da zona comprendería dende hai algo máis de 800.000 anos até hai uns 150.000 anos.
  • Paleolítico medio: é moi similar ao de toda a cunca mediterránea, ocupada daquela polos neandertais, de tradición musteriana. O sitio arqueolóxico de Mugharet et-Tabun (Israel), ofrece unha secuencia case completa deste período: as industrias máis antigas son do Achelense final, seguidas de niveis con típicas industrias musterianas e, xa nos superiores, pezas laminares auriñacienses.
Os fósiles humanos coñecidos na base da secuencia temporal posúen trazos case idénticos aos primeiros Homo sapiens que aparecen na MSA africana, cunha antigüidade probada de entre 100.000 e 90.000 anos. En troques, os «Neandertais clásicos» son cronoloxicamente posteriores, datados a partir de 60.000 anos.[Cómpre referencia] Todo parece indicar que os seres humanos modernos chegaron a Oriente Medio dende África antes de que os neandertais chegaran dende Europa, e que se encontraron alí, posiblemente en convivencia durante miles de anos.
  • Paleolítico superior: parecen diferenciarse dous complexos tecnolóxico/estilísticos paralelos, ambos os dous con microlitos. Por un lado, estaría o Ahmariense, que se caracteriza por unha tecnoloxía laminar formada por pezas de dorso e coitelos, aínda que o fósil director é a punta de base retocada ou punta de El-Wad. Por outro, distinguiríamos o Auriñaciense levantino, procedente de Europa oriental e que se caracteriza por grandes lascas e grosas follas que servirían de soporte para raspadeiras, burís e follas con retoque escamento; destacarían ademais as folliñas de Dufour e mais a industria ósea.

Mesolítico en Oriente Próximo

[editar | editar a fonte]

Comezou ao finalizar a última glaciación. A caza e a recolección seguiron sendo básicas para a supervivencia humana (inventáronse o arco e as frechas) pero, nalgunhas rexións, os nómades fóronse transformando en semisedentarios, a caza especializouse nunhas poucas especies, intensificándose, e a recolección converteuse nunha actividade forraxeira organizada. Así xurdiron os grupos mesolíticos máis significativos da rexión: os natufienses, que vivían en pequenos poboados, asociados a silos, e posuían diversas ferramentas para a colleita e elaboración de cereais panificabeis.

Neolítico en Oriente Próximo

[editar | editar a fonte]
O Crecente Fértil.

Datado cara ao 8000 a. C. na rexión denominada Crecente Fértil, é dicir, Mesopotamia (hoxe Iraq) e Canaán (actualmente Siria, Israel e Palestina), onde se domesticaron algunhas das especies de animais básicas para dar lugar aos inicios da gandaría e comezouse a cultivar certas plantas sen as que non se entendería a agricultura. Ademais:

  • Modificáronse algunhas ferramentas, coma as machadas puídas.
  • Recombináronse elementos coñecidos para crear outros novos: a cerámica e os tecidos.
  • Fundáronse os primeiros poboados estables (sedentarización).
  • Por primeira vez producíronse alimentos e outros produtos en maior cantidade da necesaria, creando excedentes.
  • Produciuse un forte crecemento demográfico que favoreceu a conversión dalgunha aldea en proto-cidade: Xericó (Cisxordania).

Idade dos Metais en Oriente Próximo

[editar | editar a fonte]

Aínda que no Próximo Oriente o desenvolvemento da metalurxia do bronce coincidiu coa aparición de documentos escritos e o nacemento das primeiras civilizacións (deixando sen sentido tratar a Idade dos Metais coma unha etapa prehistórica global), a fase calcolítica segue a ser aínda prehistórica.

Idade do Cobre en Oriente Próximo

[editar | editar a fonte]

O Calcolítico ou Eneolítico é a Idade do Cobre (en grego cobre dise Χαλκός = «khalkós»). O cobre comezou a ser utilizado durante o Neolítico en forma de obxectos martelados a partir de pebidas de metal nativo. As primeiras evidencias corresponden á cova de Shanidar (montes Zagros, Iraq), onde se atoparon colgantes feitos con doas de cobre en niveis correspondentes ao 9500 a. C., ou sexa, do Neolítico inicial.[13] Empezou a ser fundido no sur de Anatolia e o Curdistán durante o VI milenio a.C. para realizar punzóns, agullas e adornos, mentres se seguían utilizando as mesmas ferramentas líticas (ou doutros materiais) do Neolítico, xa que os artefactos metálicos eran menos eficaces que os de sílex ou obsidiana.

En Mesopotamia a metalurxia do cobre e a do chumbo aparecen nos complexos culturais de Samarra (Iraq) e Tell-Halaf (Siria), cara a mediados do VI milenio a. C. En ambos empezárase a practicar a agricultura de regadío e elaboráronse cerámicas feitas a man de alta calidade. Os grupos halafienses construíron santuarios, realizaron pequenas esculturas e utilizaban selos. No sur mesopotámico destacan o sitio arqueolóxico de Eridu, onde se construíu un templo de pequeno tamaño, e El Obeid, que nos legou cerámica feita con torno, armas e adornos de metal, así como templos monumentais que anticipaban os posteriores cigurat.

Dende o 5000 a. C. en Ugarit (Siria) e dende o 4500 a. C. en Palestina e Biblos (Líbano) comezaron a manufacturarse pequenas cantidades de obxectos metálicos que no caso de Biblos non só foron de cobre senón tamén de ouro e prata.

A pesar de que os fósiles directores desta fase son os obxectos de cobre fundido, a metalurxia non é a principal innovación asociada con este período. Complexos procesos como a intensificación da produción, a especialización artesanal ou a estratificación social provocaron unha serie de fenómenos que desembocaron na aparición das primeiras sociedades complexas ou pre-estatais, que se transformaron durante o Bronce antigo en estados.

Prehistoria en América

[editar | editar a fonte]
Punta de lanza tipo Clovis en Novo México (Estados Unidos).
Artigo principal: Prehistoria de América.

A teoría máis aceptada é que o poboamento humano de América se produciu dende Siberia a través do estreito de Bering. Algúns datos apuntan a un poboamento moi temperán, polo menos dende hai uns 50.000 anos. Outros cren, en troques, que só hai probas para afirmar que os seres humanos chegaron hai uns 14.000 anos ou pouco máis. En calquera caso, o illamento de América respecto doutros continentes foi case absoluto (aínda que se sabe que houbo varias migracións ao longo da Prehistoria), o que xustifica que non se empregue a periodización tradicional, senón outra específica adecuada á realidade arqueolóxica deste continente. En 1958, os arqueólogos Gordon Willey e Philip Phillips propuxeron as seguintes etapas:

Período Lítico ou Paleoindio

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Paleoindio.

Podería equipararse ao Paleolítico Superior europeo, comprende dende a chegada dos primeiros americanos (cunha data variable, segundo o paradigma teórico defendido) até o comezo do Holoceno. Dentro deste período hai dúas fases:

  • Fase de cazadores-recolectores indiferenciados. Caracterízase por unha industria lítica arcaizante (cantos tallados, lascas musteroides ou bifaces); os restos son moi escasos pero poden pórse exemplos datados por riba dos 30.000 anos de antigüidade en todo o continente, dende Topper (nos Estados Unidos) até Pedra Furada (no Brasil), pasando por Tlapacoya (en México) ou Monte Verde II (en Chile).
  • Fase das Puntas de proxectil. Trataríase dunha cultura de tecnoloxía lítica moi avanzada e cunha economía baseada na caza de pezas de mediano e gran tamaño. Aparece hai uns 13.000 anos e caracterízase por diversos tipos de puntas de lanza foliáceas finamente elaboradas, as máis famosas son as da cultura clovis (Novo México), aínda que, por suposto, hai moitas máis. Destaca, pola súa situación xeográfica, a Cova Fell (en Terra do Fogo, Chile), cunhas puntas, chamadas de «cola de peixe», datadas no 7000 a. C.

Período Arcaico

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: período Arcaico de América.
Óso Sacro de Tequixquiac achado en México.

Arcaico Temperán

[editar | editar a fonte]

Cara ao VIII milenio a. C., a finais da última glaciación, os antigos americanos comezan a experimentar co cultivo de plantas e a crianza de animais, iniciando un longo proceso cara ás primeiras poboacións sedentarias. Esta transición foi máis no centro-noroeste do Perú e no sur de México (as dúas zonas nucleares fundamentais de América). Tamén aparecen os primeiros poboados estables e numerosas culturas que viven da explotación intensiva de recursos oceánicos dos que son os restos máis típicos os cuncheiros, grandes montóns de desperdicios de cunchas de moluscos. Progresivamente, as comunidades van dependendo cada vez máis dos produtos da agricultura, a gandaría e da pesca.

Arcaico Tardío

[editar | editar a fonte]

Á sedentarización séguelle un proceso de xerarquización das comunidades, aparecendo cara ao IV milenio a. C. as primeiras xefaturas extra-familiares que se van consolidando lentamente en autoridades políticas permanentes de aldeas que forman grandes rutas de intercambio económico por medio do coñecemento da astronomía e dos ciclos agrícolas.

Concretamente nos Andes sobresae a cultura de Caral (Perú), unha data inicial superior ao 2600 a. C.

Dúas vistas do sitio de Caral (Perú.)

Período Formativo

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: período Formativo de América.

Sería o equivalente á Protohistoria europea, pero máis dilatada; inmediatamente despois desta fase aparecen as primeiras formas de escritura e as grandes civilizacións clásicas coma a dos Maias ou os Moche. Evidentemente, destaca pola aparición da agricultura, a gandaría, a cerámica entre o 4000 a. C. e o comezo da nosa era. Xorden tamén as primeiras sociedades xerarquizadas con formas de goberno relativamente complexas; de feito, hai grandes civilizacións coma a dos Olmecas en Mesoamérica e a Cultura Chavín en Suramérica, que chegan a dominar extensos territorios e a construír importantes centros urbanos en torno a santuarios dedicados ao deus Xaguar. Outras culturas salientabeis son as dos Anasazi e similares (Arizona), así como a dos construtores de Montículos de Norteamérica.

Amerindio Hupa.

Albor da historia americana

[editar | editar a fonte]

En América, a utilización de cobre nativo remóntase ao 900 a. C.; pouco despois comeza unha metalurxia auténtica, baseada no cobre e, sobre todo, no ouro e a prata. O bronce non aparece até pouco antes do ano 900. O ferro non se coñeceu até a chegada dos europeos. Máis arriba explícase como durante as fases finais dos olmecas, ao comezar a nosa era, naceu a escritura en Mesoamérica: estariamos, pois, entrando xa na Historia. Isto corrobórase co achado recente de certos obxectos extraídos de zonas onde tiveron lugar asentamentos olmecas (Tabasco e Veracruz, México) cunha datación mediante o carbono 14 que sitúa a súa orixe ao redor do ano 900 a. C. Estes elementos presentan glifos que, polas súas características, permitiron supor que o sistema de símbolos empregados foi a base da escritura maia, que alcanzou o seu meirande perfeccionamento entre o 200 e o 900 d. C.

Prehistoria de América
MaiasModernidadperíodo Posclásico de Américaperíodo Clásico de Américaperíodo Formativo de Américaperíodo Arcaico de Américaperíodo Arcaico de AméricaPaleoindioHistoriaMetalesNeolíticoMesolíticoPaleolítico

Prehistoria en Europa

[editar | editar a fonte]
Escavación do asentamento de Gran Dolina en Atapuerca. No nivel TD-10, onde se observa o maior grupo de escavadores, apareceron ferramentas do Paleolítico medio. No nivel inferior, situado debaixo das estadas, o TD-6, é onde se encontraron ferramentas do Paleolítico inferior.
Artigo principal: Prehistoria de Europa.

Europa, durante toda a súa Prehistoria, foi tributaria en boa parte das tradicións culturais de África e Oriente Próximo. Se exceptuamos a cultura [[|Musteriano|Musteriana]] e talvez a Auriñaciense, así como o desenvolvemento da arte paleolítica, o megalitismo, o vaso campaniforme ou a cerámica cordada, boa parte da evolución rexistrada durante esta fase é o resultado de importacións foráneas. Só o desenvolvemento da cultura clásica grecorromana (xa histórica) puxo a Europa á altura das grandes civilizacións doutros continentes.[14]

Idade da Pedra europea

[editar | editar a fonte]

A Idade da Pedra europea segue dividíndose en tres etapas, segundo as propostas de John Lubbock, que en 1865 separou o Paleolítico e o Neolítico. A estes uniúselle posteriormente o Mesolítico/Epipaleolítico, grazas ao descubrimento do Tardenoisiense por Gabriel de Mortillet, realizado entre 1885 e 1897.[15] A definición das tres Idades da Pedra foi precisada e enriquecida polas propostas de Henri Breuil en 1932. Dende entón, aínda que se revisaron as referencias e moitos conceptos erróneos, esta división apenas sufriu alteracións relevantes.

O Neolítico en Europa
  • O Neolítico chegou a Europa no sexto milenio a. C., procedente do Oriente Próximo e a través da Península balcánica e a conca Mediterránea, aínda que hai constancia xa no VII milenio a. C. de cronoculturas protoneolíticas nos Balcáns: trátase de pobos acerámicos, cunha agricultura rudimentaria e itinerante, con gandaría e numerosas pervivencias mesolíticas (caza, pesca e recolección, hábitats en covas, sen machadas puídas etc.). Aínda que os primeiros poboados sedentarios son moi pequenos, desenvolvéronse pronto asentamentos coma Sesklo ou Nea Nikomedia, ambos os dous sobre elevacións do terreo, con murallas e bastións e no seu interior construcións rectangulares cun vestíbulo de acceso nas que se atoparon cerámicas pintadas e figuriñas femininas.
No Mediterráneo occidental crese que houbo unha fase precerámica fundamentalmente gandeira e relacionada con hábitats en cova, previa á aparición duns grupos de carácter agrícola e gandeiro identificados tradicionalmente por un elemento característico, a cerámica cardial. Estas típicas cerámicas decoradas con impresións de cunchas de berberecho (Cardiidae) aparecen tanto na beira africana coma na europea do Mediterráneo, dende Dalmacia até a Península Ibérica (en cor verde crara no mapa).
A neolitización penetrou cara ao centro de Europa durante o quinto milenio a. C. e a través do Danubio; o seu fósil director é a chamada cerámica de bandas (cor parda crara no mapa), estendéndose a súa influencia dende o que hoxe é Hungría até os actuais Países Baixos. A cerámica de bandas está decorada en frisos superpostos con motivos diversos, destacando os meandros, as volutas e as formas angulosas. Os grupos que a utilizaban habitaban en poboados fortificados, algúns de gran tamaño (até 40 hectáreas).
Cara ao 4000 a. C. case toda Europa estaba neolitizada. Por esas datas empezaron a aparecer en varias rexións atlánticas (dende Portugal a Dinamarca) e de maneira máis ou menos simultánea, unhas estruturas colosais de carácter maioritariamente funerario (pero non unicamente), englobadas nun fenómeno denominado megalitismo. Este novo fenómeno cultural superou o ámbito neolítico, perdurando durante o Calcolítico e a Idade de Bronce, até o 1500 a. C.. Contra os momentos finais chegáronse a construír algúns dos monumentos máis impresionantes, coma as últimas fases de Stonehenge.
Os monumentos megalíticos foron interpretados como centros simbólicos e/ou rituais das poblacións do seu contorno, das cales se coñecen moi poucos datos: algunhas cabanas dispersas de madeira ou pedra, acumulacións de sílex, fosas e fogares, son as evidencias achadas. A excepción é o interesante poboado de Skara Brae, nas illas Orcadas (Escocia). Encontráronse tamén no norte e noroeste de Europa certos recintos delimitados por fosos sucesivos, terrapléns e estacadas, denominados campos atrincherados, que funcionarían, posiblemente, como espazos rituais complementarios dos megalitos.[17]
Menhir de
Saint-Macaire (Francia).
O dolmen de Axeitos, en Ribeira, Galiza.
Aliñamento de menhires en Carnac, Bretaña.
Os monumentos megalíticos son construcións formadas por grandes pedras de até varias toneladas de peso. Poderíanse diferenciar cinco clases de monumentos:
  • Menhir: unha gran pedra posta de pé que marcaría un lugar sagrado.
  • Aliñamento: un conxunto de menhires postos en fila.
  • Crómlech: un conxunto de menhires postos en círculo. Suponse que o aliñamento e mais o crómlech eran unha especie de templos ao aire libre
  • Dolmen: un monumento complexo onde eran enterrados os membros da comunidade. Constaba dun corredor de entrada e dunha cámara funeraria, ambos construídos con grandes laxes de pedra. Todo iso coberto por un montículo de terra e cascotes denominado túmulo. Todos os defuntos eran depositados na mesma cámara funeraria, xa que se trataba dun lugar de enterramento colectivo. Xunto aos cadáveres colocábanse ofrendas funerarias coma armas, comida e xoias, entre outros elementos.
  • Trilito: dúas pedras paralelas e verticais, non moi separadas entre si e unha horizontal posta sobre ela.

Idade dos Metais en Europa

[editar | editar a fonte]

Calcolítico europeo

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Idade do Cobre.

Até os anos 70 do século XX os modelos difusionistas establecían que a metalurxia chegou a Europa a través do Cáucaso e Anatolia no cuarto milenio a. C.. Pero as datacións de carbono-14 demostraron que a balcánica era case un milenio máis antiga que a dos seus supostos inspiradores e, así, investigacións posteriores estableceron que, cara ao 4000 a. C., na Península balcánica xurdira de maneira autóctona unha industria mineiro-metalúrxica do cobre asociada a unha rica ourivaría, nun contorno social que algúns autores chegaron a denominar a primeira civilización europea. Situados entre o Danubio e Tesalia, os focos principais foron Vinça, Gumelnitsa, Salcuta, Cucuteni e Tiszapolgar, contemporáneos dos complexos neolíticos gregos. Os grupos balcánicos estendéronse pola actual Serbia, Bulgaria, Romanía, Besarabia, Moldova, Ucraína e o resto da conca dos Cárpatos.[18]

Un segundo foco metalúrxico autóctono sitúase ao sur da Península Ibérica, en Los Millares (Almería, España) e Vila Nova (Portugal), desenvolvéndose a partir de finais do cuarto milenio a. C. e ao longo de todo o terceiro. Ambos os dous grupos mantiveron as tradicións megalíticas funerarias, aínda que a súa estrutura social foi, sen dúbida, moito máis complexa ca durante o Neolítico final: os dolmens almerienses pasaron a ser sepulcros de corredor con cámara de falsa cúpula, é dicir, auténticos tholoi, e apareceron impresionantes estruturas defensivas nas dúas zonas. Tamén aquí, o modelo difusionista relacionaba o aumento da complexidade social e tecnolóxica peninsular coa chegada duns míticos colonizadores orientais. E, ao igual que nos Balcáns, as datacións de carbono-14 estableceron que os materiais occidentais son moito máis antigos que aqueles. Ademais, os ídolos oculados, a cerámica acanalada ou pintada e as coladas de cobre peninsulares teñen características propias, diferentes dos supostos modelos orientais. A tese difusionista tivo que ser abandonada e o seu lugar foi ocupado por outra, evolucionista e local.[19][20]

Tamén a finais do cuarto milenio a. C. comezou a producirse un aumento da complexidade social no ámbito do mar Exeo. Aínda que os cambios que se produciron teñen un claro carácter interno,[21] non é menos innegable o importante papel que xogaron as redes de intercambio que conectaban o Exeo con Anatolia e Exipto.[22] Estas transformacións socio-económicas constitúen a base das posteriores culturas clásicas:

Expansión do Vaso Campaniforme.
III milenio a. C.:
Achados campaniformes centroeuropeos.
Vaso campaniforme ibérico (Tipo Ciempozuelos) do II milenio

A introdución do cobre no resto de Europa está asociada á extensión de dous grandes fenómenos, claramente diferenciados pero contemporáneos e que ás veces se solapan entre si: o vaso campaniforme e a cerámica cordada.

O complexo do vaso campaniforme foi un fenómeno que afectou practicamente a toda a Europa prehistórica (salvo as zonas do leste e os Balcáns), pero dun modo desigual e mantendo unha gran diversidade. Supuxo a expansión da metalurxia do cobre ás áreas marxinais que aínda non coñecían este metal. O obxecto máis característico deste horizonte son os vasos de cerámica de forma acampanada, con decoración incisa ou impresa con motivos que varían en función das peculiaridades rexionais.

A cronoloxía do vaso campaniforme e a súa interpretación son controvertidas e xerouse ao respecto, e aínda hoxe, abundante literatura. Os últimos datos proporcionados pola revisión sistemática das datacións de carbono-14 en vasos campaniformes de toda Europa permitiron establecer que os máis antigos serían os encontrados na área do Baixo Texo, en Portugal, cunha cronoloxía que iría do 2900 ao 2500 a. C.[23] Segundo outros autores, a súa aparición situaríase, en troques, sobre o 2400 a. C., desaparecendo cara ao 1800 a. C.[24]

As tumbas asociadas ao horizonte campaniforme consisten en fosas individuais nas que se depositaba o cadáver en posición contraída cun enxoval que adoita constar da típica cerámica campaniforme e outros obxectos non menos característicos: puñais de lingüeta e subelas biapuntadas, brazaletes de arqueiro, puntas de frecha tipo Palmela, adornos en ouro de diversa entidade (diademas, pendentes) e botóns de óso perforados en V; sempre en contextos funerarios masculinos.[25]

Os grupos da cerámica cordada eran orixinarios, segundo algúns, das estepas euroasiáticas e, segundo outros, de Centroeuropa. Están relacionados coas linguas indoeuropeas e estendéronse por toda a Europa central, nórdica e oriental durante o terceiro milenio a. C.. Son tamén coñecidos como Kurgáns das estepas, da machada de combate ou dos sepulcros individuais. As súas características principais serían:

  • Os enterramentos individuais, nunha pequena cámara funeraria semisubterránea en forma de cabana de madeira cuberta por un túmulo ou kurgán. O cadáver era colocado en posición de decúbito supino, coas pernas dobradas e asperxido con ocre vermello.
  • O enxoval característico adoita incluír as denominadas cerámicas cordadas, isto é, decoradas con impresións de cordas, as machadas-martelo con enmangue directo, ou machadas de combate que parecen réplicas en pedra de pezas metálicas sumerias ou anatolias, gando sacrificado e, se o individuo era de alta posición social, pezas exóticas de clara influencia oriental, coma vasos e apliques de prata, adornos repuxados de ouro e algúns obxectos de cobre, entre outros. As grandes diferenzas entre uns enxovais e outros denotan a existencia dunha clara estratificación social.
  • Unha economía seminómade e pastoril, propia das estepas, que, a pesar de todo, deixou algúns poboados, coma o ucraíno de Mikailovska, no baixo Dniéper, de certa entidade urbana e con casas rectangulares.

Idade de Bronce en Europa

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Idade de Bronce.

O bronce é unha aliaxe de cobre e estaño que ten as vantaxes de fundirse a unha temperatura máis baixa e ser moito máis resistente. Descubriuse no Oriente Próximo a finais do IV milenio a. C. e penetrou en Europa a través dunha extensa rede de vías comerciais que percorrían todo o continente, comunicando a Península Ibérica ou o mar do Norte coas civilizacións orientais, xa plenamente históricas.

Bronce Antigo en Europa
[editar | editar a fonte]

Entre 1800 a. C. e 1500 a. C. aproximadamente, coincidindo coa plenitude do mundo minoico, Europa comezou a participar nas redes comerciais creadas pola demanda de materias primas por parte das civilizacións do Próximo Oriente e do Exeo. O ámbar do Báltico, o cobre do baixo Danubio e Huelva, o estaño de Cornualla e Galicia, o ouro de Irlanda, os metais preciosos de Andalucía e o acibeche de Gran Bretaña, eran intercambiados por armas e ferramentas de bronce, ornamentos de ouro e prata, ou perlas exipcias de faianza azul. Entre as culturas arqueolóxicas deste período destacarían a de Unetice, a dos túmulos armoricanos e a de Wessex. Nas illas británicas, durante esta época, seguiron tendo grande importancia os santuarios megalíticos denominados «henges», centros culturais coma o mesmo Stonehenge.

Machadas planas de bronce

A maior parte dos restos desta época son monumentos funerarios de tipo tumulario pertencentes, a xulgar pola alta proporción de armas e a gran riqueza dalgúns, ás oligarquías guerreiras locais, que debían coñecer o carro de combate e vivían en poboados fortificados. Os enxovais compúñanse, fundamentalmente, dos característicos puñais triangulares de pomo macizo, as machadas planas e as machadas-maza de combate de bronce; tamén aparecen ornamentos metálicos coma os brazaletes, as lúnulas ou pectorais, xerras de ouro ou prata repuxados, ámbar e perlas de faianza exipcias. Algúns túmulos chegan a ser tan ricos que motivaron que se lles denominase «tumbas reais»: as de Leki Male (Polonia) e Leubingen (Austria), dos grupos de Unetice; a de Kernonen (Francia), dos túmulos armoricanos; ou a de Bush Narrow (Inglaterra), pertencente a Wessex. En certas zonas do norte de Italia, os terreos pantanosos preservaron multitude de obxectos de coiro, piraguas de madeira, arcos de gran tamaño, rodas de carro e arreos en óso.

Na Península Ibérica, a partir de 1700 a. C. comezou a despuntar a denominada Cultura argárica, na área onde se desenvolvera a de Los Millares), aínda que daquela só cunha pequena área de influencia e numerosas pervivencias calcolíticas. É unha etapa temperá, chamada tradicionalmente «Fase A» na que destacan os enterramentos en cista cun enxoval que se quixo relacionar con influencias do Mediterráneo oriental, pero que terminou revelándose como autóctono.

Enterramento en cista típico da primeira fase da cultura de El Argar (Almería).
Bronce Medio en Europa
[editar | editar a fonte]
Armas típicas do Bronce Medio da Cultura dos Túmulos: espada de lingüeta, punta de lanza tubular e machada de talón.

O Bronce Medio transcorreu, máis ou menos, entre 1500 a. C. e 1200 a. C., o que significa que coincide co apoxeo da civilización micénica. Destaca en Centroeuropa a cultura dos Túmulos, un complexo que derivou de Unetice, con poboados non moi grandes, de vivendas de madeira, edificados sobre outeiros de fácil defensa e protexidos por murallas e foxos. Os enterramentos eran tumularios (de alí a súa denominación), con túmulos máis monumentais que na etapa anterior, a miúdo agrupábanse en grandes necrópoles e a incineración foi cada vez máis habitual. Na área da Península Itálica desenvolvéronse a cultura das Terramaras e a cultura Apenínica, ambas as dúas de forte influencia balcánica, así como a cultura Sícula, máis próxima ao mundo micénico, que xa colonizara as Illas Eolias nesa fase.

Unha das novidades máis notables respecto do Bronce antigo é a aparición de auténticas espadas con longas follas e sistemas de enmangue máis efectivos que os remaches: empuñaduras de lingüeta con mangos ás veces ricamente decorados con materiais perecedoiros coma coiro, óso e madeiras de diversos tons, que poden ter incrustacións de ouro e ámbar, e que, afortunadamente, se conservaron nalgúns exemplares da zona nórdica. Así mesmo aparecen puntas de lanza tubulares e machadas de talón.

No referente aos adornos metálicos, a súa variedade é innumerábel: brazaletes espiraliformes, nocelleiras, colgantes, alfinetes, aneis, pendentes, pasadores, broches etc. Mención especial merecen os torques retorcidos irlandeses, que dende a súa rexión orixinaria, se difundiron por toda Europa, recibindo o nome de Torques de Tara en honor a este santuario gaélico, o Outeiro de Tara. Unha obra excepcional, que supera o cualificativo de mero ornamento, é o Carro solar de Trundholm (chimpado como ofrenda ao fondo dun pantano en Dinamarca).

Torques de Tara.
Carro solar de Trundholm.

Na Península Ibérica a cultura de El Argar alcanzou naqueles momentos a súa fase de plenitude, desenvolvéndose no sueste da actual provincia Almería e zonas limítrofes.[26] O número de asentamentos localizados revela un forte aumento demográfico respecto da etapa millarense. Eran poboados fortemente protexidos, construídos en sitios altos facilmente defendíbeis, con grosas murallas e áreas restrinxidas tipo acrópole. Os enterramentos eran individuais e dentro das vivendas; mentres que na fase anterior se realizaban en cistas, nesta pasaron a ser en grandes ámboas ou pithoi, con enxovais moi diversos que delatan unha complexa estratificación social. Tal estratificación reflíctese tamén na organización interna dos poboados e na xerarquía urbana. Aínda que El Argar non chegou nunca a formar un auténtico estado, debeu xerar algunha forma política de carácter pre-estatal. As formas cerámicas argáricas son moi diferentes das do resto de Europa occidental, con vasos carenados e altas copas sen decoración. O resto do enxoval vai composto por brazaletes, doas de ámbar, espadas (tamén diferentes, pois manteñen o sistema de mango macizo suxeito con remaches), alabardas, brazaletes, ornamentos de ámbar, alfinetes e uns inconfundíbeis diademas de prata.

Aínda que o mundo argárico se circunscribiu ás actuais provincias de Almería e Murcia, así como parte das de Málaga e Granada, toda a metade sur da Península Ibérica se viu afectada pola súa influencia, moi clara na cultura de Atalaia (sur de Portugal) e na cultura das Motillas (A Mancha). A medida que nos desprazamos cara ao norte, a influencia argárica faise máis difusa, aínda que se constatou que houbo relacións comerciais coas rexións setentrionais. Na zona galego-portuguesa parece que houbo grupos moi relacionados co mundo atlántico, como o demostran as súas manifestacións artísticas (os petróglifos) ou os atesouramentos (coma o tesouro de Caldas de Reis, Pontevedra,[27] con máis de 25 kg de obxectos metálicos fabricados con ouro aluvial da Península pero con paralelos bretóns e irlandeses,[28] e que está considerado a maior acumulación de ouro da Prehistoria europea).[29] Na Meseta hai unha serie de sitios arqueolóxicos (Los Tolmos de Caracena en Soria, Cogeces del Monte en Valladolid, Abia de la Obispalía en Cuenca, e outros máis) que permiten falar dun horizonte denominado Protocogotas (ou tamén Cogeces) que acusa, indistintamente, a influencia argárica e atlántica, sobre un substrato epicampaniforme.

Bronce final en Europa
[editar | editar a fonte]
Armas propias da Cultura dos Campos de Urnas.
  • O Bronce final (aproximadamente 1250 a. C. - 725 a. C.) vén determinado pola aparición e expansión dos campos de urnas por case todo o continente. O cambio no proceso funerario non se produciu de repente nin foi uniforme, detectándose os primeiros indicios de transición na Alta Baviera (Alemaña) pouco antes do 1200 a. C.[30] Este cambio relacionouse ao longo do tempo con pobos de invasores indoeuropeos, aos que algúns arqueólogos incluso lles adxudicaron a autoría de todas as convulsións que se produciron contemporaneamente no Mediterráneo oriental (caída de Micenas, dos Hititas, ataques dos pobos do mar a Exipto, destrución de Ugarit etc.). Actualmente poucos investigadores sosteñen que os grupos dos campos de urnas fosen un ente cultural homoxéneo; a opinión xeneralizada é que se tratou simplemente dunha moda que se expandiu por Europa debido a préstamos culturais ou, en certos casos, a movementos limitados de pobos. De feito, nalgunhas rexións o cambio no comportamento funerario foi o único que se produciu, detectándose unha clara continuidade coas estratexias económicas e sociais anteriores.[31] O feito de que o xerme desta nova moda ocupe o mesmo espazo xeográfico que a cultura dos túmulos (do Bronce Medio) e que a de Unetice (do Bronce Inicial), parece confirmar que realmente existe continuidade cultural. Por outro lado, o territorio ocupado polos campos de urnas non é unitario, ao estar formado por un conglomerado de culturas locais con particularidades rexionais específicas. Algunhas áreas europeas (sur da Península Ibérica, litoral atlántico e Escandinavia) quedaron á marxe.
Tumba da Cultura dos Campos de Urnas.
O rito funerario da cremación, aínda que minoritario, xa se practicaba en Europa e nesta fase xeneralizouse: tras a súa incineración, as cinzas do cadáver eran depositadas nunha urna cineraria e esta enterrada nun pequeno foxo, xunto a outras tumbas, constituíndo así as extensas necrópoles que dan nome a estes grupos. Estas urnas normalmente eran vasos de cerámica de forma bicónica, tapados cun cunco, aínda que podían ter formas diversas (ás veces, eran incluso réplicas en miniatura de casetas de cerámica). En ocasións, non se usaba urna. Os enxovais eran pobres en comparación con períodos anteriores e posteriores; só nos séculos IX e VIII a. C. reapareceron as tumbas principescas con ricos enxovais e complexas estruturas que as distinguían das demais.
Os poboados son moi similares aos do Bronce medio, pero con defensas reforzadas con terrapléns, estacadas e recintos amurallados de tapia e madeira; ademais as portas adquiriron forma de embude e se protexían con torreóns. No interior atópanse casas rectangulares de adobe con tellados de madeira e palla. Adoita haber numerosos silos e muíños de vaivén, evidenciando a importancia crecente da agricultura fronte ao pastoreo, aínda que este segue a ser fundamental, a xulgar pola abundancia de restos de gando bovino, ovino, porcino e equino. Continuouse comerciando co ámbar e o sal.
A cultura material inclúe os primeiros obxectos de vidro, seguramente incorporados do Próximo Oriente, e os grandes recipientes de bronce batido ou repuxado, con formas moi diversas e afastadas dos estereotipos orientais; entre eles encóntranse as sítulas (que tanto predicamento tiveron na posterior Idade de Ferro), ás veces cunha ornamentación moi sofisticada e que se converteron en obxectos de intercambio moi apreciados, e que tiñan unha función sen dúbida cerimonial. Outros elementos ornamentais comúns foron os torques, os brazaletes de costela e as fíbulas, de diversos modelos, coma as chamadas «de anteollos» (polo gran tamaño da súa dobre espiral). Entre as armas, hai unha enorme variedade: as puntas de frecha de sílex foron definitivamente substituídas por outras de bronce; seguíronse utilizando machadas de combate, con talón e aneis, alabardas e lanzas; apareceron armas defensivas coma as coirazas, os escudos e os cascos. Os modelos máis representativos de espada foron as de puño macizo coa garda en U, ben cun gran pomo discoide ou ben rematadas en antenas. A folla, polo xeral, era biselada, ás veces con rica decoración, e con silueta pistiliforme.
Pezas de bronce recuperadas dun acubillo no sur de Inglaterra.
Véxase tamén: Cultura dos Campos de Urnas.
  • O Bronce final atlántico é pouco coñecido: dáse o paradoxo de que apenas se escavaron asentamentos ou necrópoles, e, en troques, abundan os chamados acubillos (ou zulos de obxectos de bronce destinados ao refundido) onde se localizaron pezas dunha factura case perfecta. Os obxectos máis apreciados deberon ser as espadas, ao principio pistiliformes e ao final con folla en lingua de carpa. No sur das illas Británicas descubríronse varios poboados e, entre estes, destaca o de Itford Hill (Inglaterra), situado nunha localización elevada, con varias estacadas defensivas que protexían unha serie desordenada de vivendas de madeira e barro, de planta circular. As necrópoles evidencian a adopción da cremación, coas cinzas depositadas en urnas cinerarias ou directamente no chan de pequenos foxos baixo túmulo.
Nas rexións escandinavas adoptouse tamén a incineración como ritual funerario e apareceu unha industria metalúrxica máis diversa e orixinal que na zona atlántica. Á gran variedade de armas, hai que engadir os obxectos de toucador (navallas de afeitar, pinzas, alfinetes), os vasos de bronce batido con rodas (seguramente votivos ou cerimoniais, coma o de Skallerup), os conos de ouro repuxado que se exportaron por toda Europa (como é o caso do de Aventon, aparecido en Francia, pero elaborado en talleres escandinavos), as trompas de chapa de bronce e as fíbulas, case sempre de anteollos. Os poboados encontrados son moito máis abundantes que no Atlántico e estaban protexidos por defensas naturais e/ou artificiais. Desta época son a maioría dos petróglifos dos rochedos de Noruega e Suecia, nas rexións de Escania e Uppsala, destacando a zona de Tanum (declarada Patrimonio da Humanidade).
  • O mosaico cultural da Península Ibérica foi froito da converxencia de diversas tradicións:
A Península Ibérica no Bronce Final
No nordeste da Península penetrou a moda dos campos de urnas, que, co tempo, seguiu unha evolución independente, abarcando Cataluña e o baixo Aragón. Coñécense mellor as necrópoles que os poboados, destacando o de La Pedrera de Vallfogona (Balaguer, Lleida).
No noroeste dáse unha evolución similar á da Bretaña e das illas Británicas, polo menos no que se refire aos elementos materiais da cultura. Hai unha clara escaseza de lugares de hábitat e abundancia de obxectos de bronce: machadas de talón e aneis, caldeiros de chapa de tradición irlandesa, recipientes de ouro batido con motivos tipicamente escandinavos. As espadas eran pistiliformes ao principio e de lingua de carpa ao final.
No sur produciuse un certo estancamento respecto do período argárico. Destacan a cerámica de retícula brunida (con verniz vermello, brunida e decorada por dentro con motivos reticulados) e os enterramentos en cista, sen enxoval, cubertos con laxes decoradas denominadas estelas estremeñas (nelas represéntase esquematicamente o defunto con diversos obxectos como armas, broches, espellos e incluso carros). O ámbito ocupado por ambos os dous elementos coincide a grandes trazos co que máis tarde será o territorio de Tartessos.
Estela do Castro de Solana de Cabañas, en Logrosán (Cáceres)
Nas terras do interior peninsular destacan os grupos denominados de Cogotas I. A súa extensión supera os límites da Meseta Central, abarcando tamén o oeste do Cantábrico, parte de Aragón, da comunidade Valenciana e o curso medio do río Guadalquivir. O seu indixenismo parece probado, pois enlaza sen solución de continuidade coa fase do Bronce medio denominada Protocogotas e, a través desta, cos horizontes epicampaniformes e, incluso, co campaniforme tipo Ciempozuelos. A súa característica máis distintiva é o tipo de decoración da súa cerámica: trátase de vasos troncocónicos ou carenados con motivos de espiña de peixe incisos ou figuras abstractas realizadas polas técnicas excisa e de boquique, recheos de pasta branca. As xentes de Cogotas I habitaban pequenos poboados fortificados con vivendas cuadrangulares de adobe, así como covas. Os sitios arqueolóxicos máis abundantes desta fase cultural son os campos de foxos, recheos de refugallos arqueolóxicos dos que non se encontra explicación. Os enterramentos seguen a tradición campaniforme, é dicir, inhumacións en foxo, cun pequeno enxoval, como é o caso de San Román de Hornija (Valladolid).[32]

Nas Baleares, e sobre todo en Mallorca e Menorca, desenvolveuse a primeira fase da cultura talaiótica (que alcanzou a súa plenitude durante a Idade de Ferro), caracterizada pola arquitectura ciclópea nunha serie de edificios coma os talaiots (ou torres), as taulas e as navetas. Este fenómeno relacionouse coa cultura nuráxica de Sardeña. Coñécense poboados amurallados (coma o de Ses Paisses) que albergan talaiots, barrios de vivendas de cachotaría e inhumacións debaixo do piso; hai tamén construcións culturais en chanzos (talvez templos) e, incluso, acrópoles amuralladas en lugares de difícil acceso.

Idade de Ferro en Europa

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Idade de Ferro.

Chamáselle Idade de Ferro ao período no que se desenvolveu a metalurxia do ferro, metal máis duro que a aliaxe de bronce e un dos elementos máis abundantes do noso planeta. Os primeiros artefactos de ferro fundido datan do III milenio a. C. e foron achados en Anatolia. A Europa comezaron a chegar a partir do 1200 a. C., durante o Bronce Final.

A pesar de que os minerais de ferro son moi abundantes, a súa siderurxia require unha tecnoloxía complexa e diferente á doutros metais coñecidos daquela (refinado, fundido, forxado e temperado), o que obstaculizou a súa difusión: durante moitos séculos o ferro foi máis un obxecto de prestixio que unha materia prima utilizada en ferramentas de uso habitual, polo que o bronce non foi desbancado rapidamente. O ferro non se xeneralizou en Europa até aproximadamente o ano 800 a. C. e na maior parte do continente esta fase finalizaría coa romanización, excepto no norte de Alemaña e en Escandinavia, onde persistiu representada nas culturas de Jastorf e viquinga, respectivamente (os viquingos até ao redor do ano 1000 da nosa era).

Liñas hipotéticas que representan a entrada na Historia das rexións mediterráneas.

Até o século VIII a. C. só o Mediterráneo oriental entraba dentro dos parámetros históricos. O ano 776 a. C. é subliñado polos antigos gregos como o da súa primeira Olimpíada, é dicir, o comezo da súa historia. Por esas mesmas datas, na Península Itálica, a cultura de Villanova, unha variante rexional dos campos de urnas, derivou na civilización etrusca. Os romanos sitúan a fundación da antiga Roma no 753 a. C.. Así naceron as civilizacións clásicas, cada unha das cales tiña o seu propio alfabeto, derivados todos do fenicio (tamén o ibérico). Á súa vez, o alfabeto fenicio é unha simplificación do cuneiforme que partiu dun vello silabario da cidade portuaria de Ugarit (actual Ras Shamra, ao norte de Siria), do segundo milenio. Posiblemente os fenicios foron así mesmo dinamizadores dos procesos locais que estaban dando lugar á formación en Andalucía de Tartessos, unha cultura da que se sabe pouco; entre outras cousas, pode ser que tivese o seu propio sistema de escritura, un amplo desenvolvemento social, cultural e pode ser que estatal. A xulgar polas fontes escritas, as exploracións fenicias comezaron a finais do segundo milenio, pero non hai constancia arqueolóxica até o século VIII a. C.. Por esas mesmas datas a primeira onda de colonizadores gregos estableceuse no Mediterráneo central, e, no século seguinte, unha segunda onda alcanzou a Península Ibérica (Empúries, Hemeroscopio, Mainake). A influencia de fenicios e gregos debeu ser fundamental non só para a difusión da metalurxia do ferro, senón tamén para o desenvolvemento dunhas sociedades que entraron así na Historia.

No resto de Europa acostúmase dividir este período en dúas grandes fases:

Hallstatt
[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Cultura de Hallstatt.

A cultura de Hallstatt (800 - 450 a. C.) ou Primeira Idade de Ferro en Europa Central, Francia e os Balcáns, considérase a herdeira dos campos de urnas. Esta sociedade estaba dirixida por unhas aristocracias guerreiras reflectidas claramente na riqueza das súas tumbas: algunhas, polo seu contido e a súa estrutura, resultan claramente principescas, con ricos enxovais depositados en grandes cámaras mortuorias de madeira. Nestas, o rito funerario predominante foi o da inhumación baixo túmulo, que se foi impondo paulatinamente sobre a incineración, aínda que esta continuou sendo habitual nas zonas periféricas (onde se acostuma falar de campos de urnas tardíos). Ao principio o uso do ferro era minoritario, pero a partir do século VII a. C. foise xeneralizando. Estes grupos mantiñan contactos comerciais co Mediterráneo e coas estepas do leste europeo, actuando, posiblemente, como intermediarios no comercio do ámbar e mais o estaño co mundo mediterráneo.

Artigo principal: Cultura de La Tène.

A cultura de La Tène (450 a. C. até a conquista romana) ou Segunda Idade de Ferro en Centroeuropa, Francia, norte de España e Illas británicas. O ferro xeneralizárase e a economía diversificárase, nacendo o que se denominou cultura céltica.[33] Os asentamentos estaban fortificados e a complexidade dalgúns deles é propia de centros proto-urbanos (que os romanos denominaban oppidum), cunha estratificación social ben diferenciada, e cunha cúspide ocupada pola nobreza guerreira. Estes aristócratas gustaban de ser inhumados en grandes tumbas con enxovais moi ostentosos que inclúen carros de guerra, adornos, xoias, armas e grandes vasos de cerámica importados de Grecia e Etruria. A tumba da princesa de Vix é o mellor exemplo.

A Península Ibérica durante a Idade de Ferro
[editar | editar a fonte]

A relación dos tartesios na Primeira Idade de Ferro e dos iberos na segunda con fenicios e helenos actuou de catalizador no desenvolvemento das súas respectivas sociedades, que poderían incluírse xa dentro da Protohistoria.

  • A denominada cultura castrexa desenvolveuse no noroeste peninsular. Durante moito tempo pensouse que estes grupos culturais eran célticos, pero agora crese que as achegas hallstátticas son menores que as atlánticas e, incluso, que as mediterráneas. A súa característica distintiva é a presenza de poboados fortificados, situados en lugares altos, con varios cintos de muralla concéntricos e, no interior, numerosas casas de pedra circulares, sen organización urbanística, aos que se denomina castros). Desenvolveron unha cerámica propia que comparte certos paralelismos coas olarías da Meseta; potenciaron a metalurxia do bronce en detrimento da do ferro; e presentan diversas manifestacións escultóricas, coma os guerreiros lusitanos e as casas cerimoniais ornadas con portadas laboriosamente esculpidas denominadas pedras formosas, nas citânias portuguesas, en edificios cuadrangulares con función relixiosa controvertida: quizais lugares de culto aos mortos, baños purificadores ou fornos para a incineración de cadáveres.[34] A economía era agropecuaria, pero tiñan un gran peso a recolección de froitos silvestres, a pesca e o marisqueo. A cultura castrexa galego-portuguesa tivo unha longa pervivencia durante o proceso de romanización peninsular, sendo unha das zonas que máis se resistiron e que mellor mantiveron as súas tradicións.
Véxase tamén: Cultura castrexa.
  • O interior da Península foi considerado tradicionalmente un territorio de influencia céltica, mais hoxe sábese que a Meseta Central mantivo, dende o primeiro momento, unha forte tradición local e nunca chegou a desenvolverse un horizonte de campos de urnas, aínda que é imposible negar a influencia céltica.[Cómpre referencia] Destacan tres grandes grupos culturais previos ao mundo celtibérico (protohistórico ou prerromano):
O primeiro deles é o chamado Facies Soto de Medinilla, asentado no Douro medio e que mesturaba aspectos intrusivos de xentes foráneas con outros locais. Trátase dunha cultura agrícola, baseada no cultivo do trigo, que a pesar da súa cronoloxía, (século VIII a. C. - século V a. C.), apenas puido coñecer o ferro.
Algo máis tardía é a cultura dos Castros de Soria e Guadalaxara (séculos VI e V a. C.), que neste caso é de carácter pastoril e con hábitats fortemente defendidos, o que nos indica tempos de crise.[35] O ferro comezou a ser máis abundante nesta época, posiblemente porque se descubriron minas no Moncayo. As necrópoles de campos de urnas achadas no oriente da meseta teñen tumbas de guerreiros cun abafador repertorio de armas de influencia hallstática, ás que se incorporaron elementos da tradición local. Destacan as cachas de óso, os pomos con antenas atrofiadas ou en forma de T, e fastuosas vaíñas adornadas con discos, todo iso con incrustacións e nielos de prata con complexos motivos decorativos. Sen dúbida, á marxe da súa utilidade bélica, tratábase de obxectos que exhibían o rango social dos seus portadores.
Por último destaca Cogotas-II (séculos V a III a. C.), que foi asociado a unha economía pastoril e agrícola estendida por toda a Meseta. Son característicos os seus castros fortemente protexidos por sistemas defensivos até entón descoñecidos: murallas ciclópeas en varios recintos sucesivos cada vez máis inaccesibles; portas con entradas desviadas para expoñer os posibles atacantes aos arqueiros; grandes extensións de pedras fincadas para repeler os ataques da cabalaría. Os castros de Las Cogotas, Las Merchanas ou Sanchorreja son excelentes exemplos. Os elementos materiais parecen enlazar coa tradición de Soto de Medinilla, excepto en pequenos detalles (sobre todo nos excelentes obxectos metálicos de prestixio), aínda que no castro de La Mota en Medina del Campo, é posible establecer unha continuidade estratigráfica entre a facies del Soto de Medinilla e o horizonte de Cogotas II.[36] A miúdo, o horizonte de Cogotas II asóciase ao poboo dos vetóns e acostuma recibir o nome de cultura dos Verracos.
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para prehistoria.
  2. Johnson, Mathew (2000). Teoría arqueológica: una introducción. Barcelona: Ariel. p. 56. ISBN 84-344-6623-6. 
  3. Gómez-Tabanera, José Manuel (1988). "Las culturas africanas, tomo 14". Historias del Viejo Mundo. Historia 16, Madrid. ISBN 84-7679-101-1. 
  4. Iniesta (1998), pp. 36–37
  5. (Fullola 2005, pp. 74-75)
  6. Carbonell, Eudald y Corbella, Josep (2000). "Segunda parte: Los humanos". Sapiens. El largo camino de los homínidos hacia la inteligencia. Barcelona: Península. ISBN 84-8307-288-2 (páxina 68). 
  7. 7,0 7,1 Iniesta, Ferran (1 de xaneiro de 1998). Kuma: historia del África negra. Bellaterra. pp. 74–78. ISBN 9788472901018. 
  8. Diversos autores (1995). "Vol.6: Estados y sociedades en Europa y África. Grecia, Roma, celtas y vikingos". Atlas culturales de la humanidad. Debate (primeira ed.). Madrid. p. 114. ISBN 84-7444-833-6. 
  9. Gragueb, Abdelrrazak y Mtimet, Alí (1989). La Préhistoire de Tunisie et au Maghreb. Les Guides Alif Editions de la Mediterranée, Tunis. ISBN 9973-716-10-8. 
  10. Tixier, Jacques (1976). Le campement préhistorique de Bordj Mellala, Ouargla, Algérie. Paris, Éditions du CREP. 
  11. Strouhal, Eugen (1992). Life of the Ancient Egyptans. University of Oklahoma Press. ISBN 0-8061-2475-X. 
  12. Tarradell, Miquel (1979). "África del norte entra en la Historia". La Prehistoria, nacimiento y primeras fases de la civilización. Las ediciones del Tiempo: Difusora internacional. ISBN 84-7368-022-7 (páxinas 228-239). 
  13. Eiroa, Jorge Juan (1996). La Prehistoria. La Edad de los Metales. Ediciones Akal (primeira ed.). Madrid. p. 12. ISBN 84-7600-981-X. 
  14. Renfrew, Colin (1986). El alba de la civilización. La revolución del radiocarbono y la Europa prehistórica. Ediciones Istmo, Madrid. ISBN 84-7090-166-4. 
  15. Rozoy, Jean-Georges (1994). "Les sites éponymes du Mésolithique". Bulletin de la Société Préhistorique Française. Tomo 91 (Número 1). ISSN 0249-7638. 
  16. Se hace camino al andar Arquivado 15 de agosto de 2011 en Wayback Machine. (sobre a expansión dos seres humanos modernos) por Juan Luis Arsuaga
  17. González Marcén, Paloma; Lull, Vicente; Risch, Robert (1992). Arqueología de Europa, 2250-1200 a. C. Una introducción a la "Edad del Bronce". outros Síntesis (primeira ed.). Madrid. p. 57. ISBN 84-7738-128-3. 
  18. Delibes, Germán; Fernández-Miranda, Manuel (1993). Los orígenes de la civilización. El Calcolítico en el Viejo Mundo. outros Síntesis (primeira ed.). Madrid. pp. 49–52. ISBN 84-7738-181-X. 
  19. Delibes, Germán; Fernández-Miranda, Manuel. Los orígenes de la civilización. El Calcolítico en el Viejo Mundo. pp. 169–171. 
  20. Gilman Guillén, Antonio (1999). "Veinte anos de Prehistoria funcionalista en el sueste de España". Boletín del seminario de estudios de Arte y Arqueología (BSAA) (65): 77. 
  21. Delibes, Germán; Fernández-Miranda, Manuel. Los orígenes de la civilización. El Calcolítico en el Viejo Mundo. pp. 65–73. 
  22. González Marcén, Paloma; Lull, Vicente; Risch, Robert. Arqueología de Europa, 2250-1200 a. C. Una introducción a la "Edad del Bronce". p. 51. 
  23. J. Muller y S. van Willigen, New radiocarbon evidence for European Bell Beakers and the consequences for the diffusion of the Bell Beaker Phenomenon, en Franco Nicolis (ed.), Bell Beakers today: Pottery, people, culture, symbols in prehistoric Europe (2001), pp. 59-75.
  24. p144, Richard Bradley The prehistory of Britain and Ireland, Cambridge University Press, 2007, ISBN 0-521-84811-3
  25. Delibes, Germán; Fernández-Miranda, Manuel. Los orígenes de la civilización. El Calcolítico en el Viejo Mundo. pp. 150,189. 
  26. Lull, Vicente (1983). La «Cultura de El Argar» (un modelo para el estudio de las formaciones económico-sociales prehistóricas). Madrid: Akal editor. ISBN 84-7339-660-X. 
  27. "Noticias. El tesoro de Caldas de Reyes". Boletín de la Real Academia Galega (264): 332–333. Arquivado dende o orixinal (GIF) o 06 de setembro de 2014. Consultado o 19 de octubre de 2012. 
  28. "La P. Ibérica durante el Bronce Antiguo y Medio (España)". Artehistoria. Arquivado dende o orixinal o 29 de febreiro de 2012. Consultado o 23 de octubre de 2012. 
  29. Deputación Pontevedra (ed.). "Orfebrería antigua". Museo de Pontevedra (en gallego e inglés o espanol). Arquivado dende o orixinal o 29 de outubro de 2013. Consultado o 19 de octubre de 2012. 
  30. Blasco, Mª Concepción (1993). El Bronce final. outros Síntesis (primeira ed.). Madrid. pp. 28–29,67–69. ISBN 84-7738-195-X. 
  31. (Fullola 2005, pp. 200-201)
  32. Fernández Manzano, Julio (1985). "Capítulo IV. La Etapa de Apogeo (1200-1700 a. de C.).". Historia de Castilla y León. volume 1: la Prehistoria del valle del Duero. Ámbito Ediciones, Valladolid. ISBN 84-86047-45-5. 
  33. Hatt, Jean-Jacques (1976). Los Celtas y los Galo-Romanos. outros Juventud S.A., Barcelona. ISBN 84-261-5817-X. 
  34. Cardozo, Mário (Novena edición, 1986). Citânia de Briteiros e Castro de Sabroso. Edição da Sociedade Martins Sarmento. Guimarães. 
  35. Romero Carnicero, Fernando (1985). "Capítulo V. La Primera Edad del Hierro: el afianzamiento de la sedentarización y la explotación intensiva del medio". Historia de Castilla y León. volume 1: la Prehistoria del valle del Duero. Ámbito Ediciones, Valladolid. ISBN 84-86047-45-5. 
  36. Martín Valls, Ricardo (1985). "Capítulo VI. La Segunda Edad del Hierro. Las culturas Prerromanas". Historia de Castilla y León. volume 1: la Prehistoria del valle del Duero. Ámbito Ediciones, Valladolid. ISBN 84-86047-45-5. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Brézillon, Michel (1969). Dictionnaire de la Préhistoire (en francés). París: Librairie Larousse. ISBN 2-03-075437-4. 
  • Clairborne, Robert (1977). Los primeros americanos. Serie: Libros TIME-LIFE (en castelán). Ciudad de México: Lito Offset Latina, S.A. /Time- Life International. 
  • Clark, John E. (coord.) (1994). Los olmecas en Mesoamérica (en castelán). Ediciones del Equilibrista S.A. Ciudad de México / Madrid: El Equilibrista / Turner. ISBN 968-7318-22-8. 
  • Conrad, Geoffrey W. (1984). "Los incas". En Cotterell, Arthur. Historia de las Civilizaciones antiguas (II): Europa, América, China, India. (en castelán). Barcelona: Crítica. ISBN 84-7423-252-X. 
  • Fullola, Josep Mª; Nadal, Jordi (2005). Introducción a la prehistoria. La evolución de la cultura humana (en castelán) (1ª ed.). Barcelona: UOC. ISBN 84-9788-153-2. 
  • Hamblin, Dora Jane (1975). Las primeras ciudades. Serie: Libros TIME-LIFE (en castelán). Barcelona: Time- Life International / Salvat Editores. 
  • Iniesta, Ferrán (1998). Kuma. Historia del África subsahariana (en castelán) (1ª ed.). Barcelona: Edicions Bellaterra. ISBN 84-7290-101-7. 
  • Menéndez, Mario; Jimeno, Alfredo; Fernández, Víctor (1997). Diccionario de Prehistoria. Colección: Alianza Universidad (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-2888-3. 
  • Pericot García, Luis; Maluquer de Motes, Juan (1970). La humanidad prehistórica (en castelán). Estella (Navarra): Salvat. 
  • VV.AA. (1996). Historia de las Civilizaciones, Tomo I: El Amanecer de la civilización. Colección: Grandes Obras Larousse (en castelán). Barcelona: Larousse. ISBN 84-89049-21-1. 
  • Vitale, Luis (1991). Historia de nuestra América. (en castelán). 1. Los pueblos originarios. Santiago de Chile: Ediciones CELA (Centro de Estudios Latinoamericanos). OCLC 657021947. 
  • Vives, Pedro A. (coordinador). (1990). América entre nosotros (catálogo da exposición). (en castelán). Madrid: Sociedad Estatal Quinto Centenario. ISBN 84-86956-07-2. 
  • Wernick, Robert (1975). Los constructores de megalitos. Colección: Orígenes del hombre. Barcelona: Salvat. 
  • Wikibooks (2006). Introduction to Paleoanthropology (en inglés). 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
Prehistoria do Vello Mundo
Idade da Pedra Idade dos Metais
Paleolítico Mesolítico
Epipa-
leolítico
Neolítico Idade de Cobre (agás África subsahariana) Idade de Bronce (agás África subsahariana) Idade de Ferro
Paleolítico inferior Paleolítico medio Paleolítico superior