Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Rorcual común

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rorcual común / Balea común
Balaenoptera physalus

Rorcual común nas costas de Alasca

Tamaño en comparación co dun humano
Tamaño en comparación co dun humano

Estado de conservación
En perigo
En perigo[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Cetacea
Suborde: Mysticeti
Familia: Balaenopteridae
Subfamilia: Balaenopterinae
Xénero: Balaenoptera
Especie: B. physalus
Nome binomial
Balaenoptera physalus
(Linneus, 1758)
Distribución do rorcual común
Distribución do rorcual común

Distribución do rorcual común

O rorcual común,[2] tamén coñecido como balea común,[3] Balaenoptera physalus (Linnaeus, 1758), é unha especie de mamífero mariño da orde dos cetáceos, suborde dos misticetos e familia dos balenoptéridos.

En tamaño, este animal é o segundo máis grande existente no planeta, tan só superado polo seu parente Balaenoptera musculus, o rorcual azul ou balea azul. Pode chegar a alcanzar unha lonxitude de 27 m.[4]

O seu corpo é longo e estilizado, dunha cor gris apardazada, menos na súa parte inferior, que é abrancazada.

Existen dúas subespecies diferenciadas:

  • Balanoptera physalus physalus, que ten o seu hábitat no Atlántico norte.
  • Balaenoptera physalus quoyi, de maior tamaño, que vive habitualmente en augas do océano Antártico.

Pode verse nos principais océanos do planeta, desde as augas polares ás tropicais. A especie está ausente soamente das augas próximas aos bloques de xeo dos polos e de certas áreas, relativamente pequenas, afastadas de mar aberto. A súa maior densidade de poboación encóntrase en augas frías e temperadas.[5]

Aliméntase principalmente de pequenos peixes que se agrupan en cardumes, luras, crustáceos como os misidáceos e de krill.

Como todos os demais misticetos, o rorcual común sufriu unha caza intensiva durante o século XX e está catalogado como unha especie en perigo de extinción. Case 750 000 destes rorcuais foron cazados no hemisferio Sur só entre 1904 e 1979,[6] e no ano 2003 tan só quedaban menos de 3 000 individuos nesa rexión.[7]

A Comisión Baleeira Internacional (CBI) (International Whaling Commission, IWC, en inglés) estableceu en 1986 unha moratoria na caza comercial desta balea,[8] aínda que algúns países como Islandia, Noruega e o Xapón continúan coa súa caza en determinadas épocas do ano.[9] A especie tamén é cazada por aborixes groenlandeses autorizados polo programa de Caza de Subsistencia Aborixe dirigido pola CBI.[10] Baixo este programa cazáronse 377 baleas en 2007, das cales 12 eran rorcuais comúns.[11] As colisións con naves e os ruídos procedentes da actividade humana nos océanos supoñen unha importante ameaza para a recuperación da especie.

Taxonomía e etimoloxía

[editar | editar a fonte]

B. bonaerensis (rorcual austral)

B. acutorostrata (rorcual albiblanco)

B. physalus (rorcual común)

B. edeni (rorcual tropical)

B. borealis (rorcual sei)

B. brydei (rorcual de Bryde)

B. musculus (rorcual azul)

Megaptera novaeangliae (yubarta)

Eschrichtius robustus (balea gris)

Un cladograma de cetáceos relacionados co rorcual común.
Véxase tamén: Evolución dos cetáceos.

Os taxonomistas coñecen o rorcual común desde o século XVII. Foi descrito por primeira vez por Frederik Martens en 1675 e posteriormente por Paul Dudley en 1725. Esas descricións foron utilizadas como base para a descrición da Balaena physalus de Carlos Linneo (1758).[12] O conde de Lacépède reclasificouno como Balaenoptera physalus a comezos do século XIX. O nome científico provén do termo grego physa, que significa soplar.

Os rorcuais comúns pertencen á familia Balaenopteridae, na que se inclúen a balea xibardo, o rorcual azul, o rorcual de Bryde, o rorcual boreal e o rorcual austral. A familia Balenopteridae diverxeu das outras familias da suborde dos Mysticeti durante o Mioceno medio.[13] Con todo, descoñécese cando se separaron entre si os membros desa familia. Comprobouse que ocasionalmente se producen cruces entre o rorcual azul e o común no Atlántico Norte[14] e no Pacífico Norte.[15] Recentes análises de secuenciación de ADN indican que o rorcual común está filoxeneticamente máis próximo da balea gris (Eschrichtius robustus) e a yubarta (Megaptera novaeangliae) que de certos rorcuais do xénero Balaenoptera, como os rorcuais alibrancos.[16][17]

Hai catalogadas dúas subespecies, cada unha delas con diferentes características físicas e vocais: B. p. physalus (Linneo, 1758), ou rorcual do norte, que se encontra no Atlántico Norte, e B. p. quoyi (Fischer, 1829), ou rorcual antártico, que se encontra no Hemisferio Sur.[18] A maioría dos cetólogos considera os rorcuais do Pacífico Norte como unha terceira subespecie aínda non catalogada como tal.[5] A escala global, estas tres subespecies raramente se mesturan entre si.

Descrición e comportamento

[editar | editar a fonte]
Patróns de coloración no rorcual común.

O rorcual común caracterízase polo seu gran tamaño e polo seu esvelto corpo. O tamaño medio de machos e femias da especie é de 19 e 20 metros respectivamente. Os rorcuais da subespecie do Hemisferio Norte alcanzan un menor tamaño que a subespecie antártica e as femias son de maior tamaño que os machos: a femia de maior tamaño capturada na Antártida mediu 27,3 m fronte aos 24,4 m do Ártico e o macho antártico de maior tamaño alcanzou os 24,4 m e no Ártico os 23,8 m.[19] Aínda non hai rexistros do peso dun espécime adulto, pero calcúlase que un adulto de 25 metros pesa arredor de 70 toneladas. Alcanzan a madurez física completa entre os 25 e os 30 anos, e viven unha media de 75 anos, aínda que hai rexistros que indican que estas baleas poden chegar a vivir até os 100 anos.[20][21] Un acabado de nacer mide aproximadamente 6,5 m de longo e pesa aproximadamente 1.800 kg.[21] O seu gran tamaño axuda á identificación do animal, aínda que ás veces é confundido co rorcual azul, co rorcual boreal e, en augas quentes, co rorcual de Bryde.

A súa parte superior e mais os lados son de cor gris apardazada e a parte inferior é tirando a branco. Teñen un fociño puntiagudo, espiráculo dobre e un amplo e achatado morro. Dúas marcas en forma de V invertida de cor clara comezan tralos espiráculos e seguen polos lados en dirección á cola nunha diagonal que se inclina cara a parte superior até alcanzar a aleta dorsal; ás veces cúrvase cara a adiante no lombo.[4] Ten unha marca branca á dereita da mandíbula inferior e nas barbas do mesmo lado, mentres que o lado esquerdo é cincento ou negro.[22] A pesar de poder verse ocasionalmente nos rorcuais alibrancos, esa asimetría é universal no rorcual común e única entre os cetáceos, sendo unha das características clave para a identificación desta especie. Unha hipótese que intenta explicar o desenvolvemento desta asimetría considera que vén inducida pola preferencia da balea por nadar sobre o seu lado dereito cando sobe á superficie para lanzarse novamente á auga e por circular cara a dereita cando se encontra na superficie por enriba dunha presa. Por contra, outras baleas, en iguais circunstancias, móvense habitualmente cara a esquerda. Malia a existencia de varias hipóteses que intentan explicar esta asimetría, ningunha foi aceptada en círculos científicos.[23]

O rorcual ten unha serie de 50 a 60 e até 86 (cunha media de 64) pregos gulares ao longo da parte inferior do corpo que discorren dende a punta do queixo até o embigo,[24] o que permite que a área da gorxa se expanda enormemente durante a alimentación. Ten unha aleta dorsal curva e prominente (60–70 cm) que se encontra aproximadamente no último terzo do corpo.[24] As súas aletas son pequenas e afiadas e a súa cola é ampla, puntiaguda e cunha entalla no centro.[4]

Cando alcanza a superficie, a aleta dorsal faise visible inmediatamente despois de expulsar polos seus espiráculos un chorro de auga vertical e estreito que pode alcanzar seis metros de altura ou incluso máis.[25] Mentres se alimentan resoplan en sucesión rápida 5-7 veces, pero mentres viaxan ou descansan só o fan unha vez cada minuto ou dous. Ao efectuar a súa última inmersión elevan e arquean o lombo mostrando a súa característica aleta dorsal, pero xeralmente non sacan a cola fóra da auga. Despois somérxense a profundidades de 250 metros ou máis para alimentarse, ou só uns metros mentres viaxan ou descansan. As inmersións na zona de California e Baixa California duran uns 6 minutos, cun máximo de 17 minutos; viaxando ou descansando só se somerxen durante uns minutos cada vez.[21][26] Aínda que poden chegar a facelo, raramente saltan sacando completamente o corpo fóra da auga.[25]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

O encontro entre machos e femias acontece durante o invierno en mares temperados de latitudes baixas. O período de xestación dura de once meses a un ano. A cría destétase da súa nai seis ou sete meses despois de nacer, cando alcanza once ou doce metros de lonxitude, e sempre acompaña á nai até as áreas de alimentación de primavera e comezos de verán. As femias paren cada dous ou tres anos, sendo o habitual o nacemento dun único baleato, aínda que no inicio da xestación pode manter até seis fetos dos que só un chegará a termo. As femias alcanzan a madureza sexual entre os tres e os doce anos de idade.[21]

Alimentación

[editar | editar a fonte]
Vista aérea do rorcual común alimentándose.

O rorcual común é un animal filtrador que se alimenta de pequenos cardumes de peixes, de luras, de crustáceos como os misidáceos e de krill.[21] Aliméntase abrendo as mandíbulas mientres nada a unha velocidade relativamente alta pois segundo recentes estudos alcanza os 11 quilómetros por hora,[27] o que fai que engula máis de 70 metros cúbicos de auga en cada inxestión. Entón pecha as mandíbulas e empuxa a auga de volta cara a fóra a través das súas barbas, o que permite que a auga salga mentres retén as presas. Un adulto ten entre 262 e 390 (aínda que pode chegar ater máis de 400) barbas en cada lado da boca.[24] Estas barbas están compostas de queratina, que se esfiaña en pequenos pelos na punta, preto da lingua. Cada placa pode chegar a medir 76 cm de lonxitude e 30 cm de ancho.[4]

Somérxese de forma rutineira a profundidades de máis de 200 metros, onde executa unha media de catro «turradas», alimentándose de agregacións de krill. Cada trago prové a balea de aproximadamente 10 kg de krill.[27] Un rorcual pode consumir até 1.800 kg de comida ao día,[4] o que levou aos principais científicos á conclusión de que dedica aproximadamente tres horas cada día a alimentarse para satisfacer as súas necesidades enerxéticas. Se as aglomeracións de presas non son suficientemente densas, ou están localizadas en augas demasiado profundas, a balea ten que dedicar máis tempo ao longo do día á busca de alimento.[27] Tamén foron observadas rodeando cardumes de peixes a gran velocidade, comprimindo o cardume nunha bola e despois xirando de lado antes de engulir os peixes.[4]

Comportamento

[editar | editar a fonte]

O rorcual común é un dos cetáceos máis rápidos e pode manter velocidades de até 37 km/h,[21] téndose rexistrado velocidades superiores a 40 km/h, razón pola que recibe o apelativo de «galgo dos mares».[28][29] Son máis gregarios que outros rorcuais e adoitan vivir en grupos de seis a dez individuos, aínda que nas zonas de alimentación sexa posible observar até 100 exemplares xuntos.[20]

Vocalización

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Canto das baleas.

Ao igual que outras baleas, os machos da especie emiten sons longos, altos e de baixa frecuencia.[21] As vocalizacións da balea azul e do rorcual común producen as frecuencias máis baixas coñecidas entre os animais.[30] A maioría dos sons son de frecuencia modulada (FM) de pulsos infrasónicos de 16 a 40 hertzs (o oído humano capta sons entre os 20 e 20.000 Hz). Cada son dura entre un e dous segundos e varias combinacións de sons se producen en secuencias de 7 a 15 minutos de duración. Esas secuencias repítense durante varios días.[31] O nivel das secuencias vocais está por enriba de 184 a 186 decibelios relativos a 1 micropascal (µPa) a unha distancia de referencia dun metro e poden detectarse a centenares de quilómetros de distancia.[32]

Cando os sons do rorcual común foron rexistrados por primeira vez por biólogos estadounidenses, os investigadores non se deron conta de que estes sons excepcionalmente altos, longos, puros e regulares eran producidos por baleas. Inicialmente investigaron a posibilidade de que os sons fosen debidos a un funcionamento defectuoso do equipo, fenómenos xeofísicos, ou incluso parte dun plan da Unión Soviética para descubrir submarinos inimigos. Finalmente, os biólogos demostraron que os sons eran vocalizacións dos rorcuais comúns.[30]

A asociación directa destas vocalizacións coa temporada reprodutiva da especie, sumado ao feito de que só os machos emiten os sons, suxire que ditas vocalizacións son demostracións sonoras efectuadas con fins reprodutivos.[33][34] Durante os últimos 100 anos, o drástico aumento do ruído nos océanos causado polo tráfico marítimo, pode ter freado a recuperación da súa poboación, impedindo a comunicación entre machos e femias sexualmente receptivas.[35]

Distribución e migración

[editar | editar a fonte]
Os rorcuais comúns poden alcanzar unha lonxitude de 27 metros.

Como moitas das grandes baleas, o rorcual común é unha especie con distribución cosmopolita. Pode verse nos principais océanos, desde as augas polares ás tropicais e en augas litorais e oceánicas.[36] A especie está ausente só nas augas próximas aos bloques de xeo de ambos polos e de áreas relativamente pequenas e afastadas dos grandes océanos, como o mar Vermello, o golfo Pérsico, o leste do mar Mediterráneo e o mar Báltico. A maior densidade de poboación encóntrase en augas temperadas e frías. En augas máis cálidas e nas rexións ecuatoriais a súa poboación diminúe considerablemente. Prefire as augas profundas, de gran produtividade biolóxica, máis alá das plataformas continentais ou zonas onde a caída da plataforma continental ten unha pendente moi pronunciada e evita as augas pouco profundas.[37]

O rorcual común do Atlántico Norte está amplamente distribuído, desde o golfo de México ao mar Mediterráneo, en dirección norte chega até os límites dos bloques de xeo árticos. Polo xeral son máis abondosos cara aos 30º de latitude norte, aínda que hai serias dúbidas sobre a súa distribución ao sur desa latitude pola dificultade que supón distinguir entre o rorcual común e o rorcual de Bryde.[38] Numerosos avistamentos feitos desde barcos levaron aos investigadores á conclusión de que a zona de alimentación durante o verán do rorcual común no Atlántico Norte se encontra principalmente entre as latitudes 41°20'N e 51°00'N, bordeando a costa a 1.800 m de distancia desta.[39]

A súa distribución no Pacífico Norte durante o verán abarca desde as proximidades das augas costeiras da zona central da Baixa California até o Xapón e chegando tan ao norte como o mar de Chukchi, bordeando o océano Ártico.[40] Encóntrase en maior número ao norte do golfo de Alasca e ao sur do mar de Bering entre maio e outubro, con algún movemento a través das illas Aleutianas de entrada e saída do mar de Bering.[41] Moitas baleas identificadas entre novembro e xaneiro no sur de California foron cazadas despois nunha área que vai desde a parte central de California até Oregón, Columbia Británica e o golfo de Alasca.[40] Rorcuais comúns foron observados alimentándose nas augas de Hawai a mediados de maio e varios avistamentos da especie producíronse na mesma zona durante o inverno.[42] Algúns investigadores suxeriron que as baleas emigran a augas hawaianas principalmente en outono e inverno.[43]

Aínda que sexan con certeza migratorios, movéndose estacionalmente desde áreas de alimentación en latitudes altas, onde se destribúen en verán, a latitudes baixas, onde pasan o inverno e se reproducen, o patrón xeral de migración destas baleas é difícil de determinar a causa da súa ampla distribución.[36] Lecturas acústicas con hidrófonos de escoita pasiva indican unha migración dos rorcuais comúns do Atlántico Norte en dirección ao sur que se produce en outono desde a rexión de Terra Nova e Labrador, pasando polas Bermudas e chegando até as Antillas.[44] Crese que unha ou varias poboacións de rorcuais permanecen todo o ano en latitudes altas movéndose por zonas costeiras, pero non dirixíndose até o sur a finais de outono.[44] No océano Pacífico, os modelos de migración son difíciles de entender. Aínda que algúns rorcuais estean aparentemente presentes no golfo de California todo o ano, hai un aumento significativo no seu número en inverno e primavera.[45] Os rorcuais antárticos migran estacionalmente desde zonas alimenticias en latitudes antárticas relativamente altas no verán, a áreas de latitudes baixas de parto e cría en inverno. A situación das áreas de cría de inverno aínda é descoñecida, xa que estas baleas tenden a migrar ao océano aberto, polo que as posicións exactas son difíciles de determinar.[5]

Poboación e tendencias

[editar | editar a fonte]
Rorcual común aproximándose.

A falta de comprensión do seu modelo migratorio, unido ás investigacións de poboación que a miúdo son contraditorias, teñen como consecuencia que a estimación dos niveis demográficos históricos e actuais da especie sexan difíciles de realizar e controvertidos. Debido a unha longa historia de caza desta balea, os niveis de poboación antes da explotación son difíciles de determinar con exactitude, aínda que as estimacións son importantes para medir o índice de recuperación da especie.

Atlántico Norte

[editar | editar a fonte]
Imaxe dun rorcual común nun selo das Illas Feroe, emitido o 17 de setembro de 2001.

No Atlántico Norte, a Comisión Baleeira Internacional (CBI) distribúe os rorcuais en sete zonas demográficas distintas: Nova Escocia, Terra Nova e Labrador, Groenlandia occidental, Islandia-leste de Groenlandia, norte de Noruega, Illas Feroe-oeste de Noruega e Irlanda-España-Illas Británicas-Portugal. Os resultados das investigacións mediante o proceso de marcaxe de exemplares e a súa posterior recuperación, indican que un certo movemento se produce a través dos límites destas zonas demográficas, o que suxire que cada zona non é completamente inconexa e que un proceso de inmigración e emigración se produce entre elas.[39]

J. Sigurjónsson estimou en 1995 que a poboación total de rorcuais comúns preexplotación en todo o Atlántico Norte oscilaba entre 50.000 e 100.000 exemplares,[46] pero a súa investigación é criticada por non proporcionar datos de apoio e unha explicación do seu razoamento.[5] En 1977, D. E. Sergeant suxeriu unha poboación «primitiva» total de 30.000 a 50.000 exemplares en todo o Atlántico Norte.[47] Dese número, aproximadamente de 8.000 a 9.000 estarían localizados en Terra Nova e áreas de Nova Escocia, con exemplares pasando o verán en augas estadounidenses ao sur de Nova Escocia, que presumiblemente non foran tomadas totalmente en conta.[5][48] J.M. Breiwick estimou que o compoñente «explotable» (por enriba do límite de tamaño legal de 50 pés, é dicir, 15,24 m) da poboación de Nova Escocia era de 1.500 a 1.600 exemplares en 1964, reducido a tan só aproximadamente 325 en 1973.[49]

Realizáronse recoñecementos aéreos en augas canadenses desde principios dos anos 1970, dando como resultado de 79 a 926 rorcuais ao leste da zona de Terra Nova e Labrador en agosto de 1980,[50] e uns poucos centos no norte e na área central do golfo de San Lourenzo en agosto de 1995–1996.[51] Estimacións do número de rorcuais comúns en augas ao oeste de Groenlandia durante o verán sitúanse entre 500 e 2.000 exemplares,[52] e en 1974 Jonsgard considerou que os rorcuais comúns do oeste de Noruega e as Illas Feroe «sufriron unha mingua considerable durante os anos da posguerra, probablemente pola sobreexplotación».[53]

A poboación ao redor de Islandia parece que foi moito mellor. En 1981 determinouse que o seu número parecía que só sufrise unha pequena diminución desde principios dos anos 1960.[54] Inspeccións realizadas durante os veráns de 1987 e 1989 deron como resultado unhas estimacións de entre 10.000 e 11.000 rorcuais entre o leste de Groenlandia e Noruega.[55] Estes datos mostran unha recuperación substancial se comparamos cunha inspección de 1976 que daba unha estimación de 6.900 baleas, que foi considerada como unha diminución "leve" con respecto aos niveis de 1948.[56] As estimacións dos niveis demográficos na área de Illas Británicas-España-Portugal no verán variaron de 7.500 a máis de 17.000.[57][58]

En total, estímase que a poboación do Atlántico Norte está entre 40.000 e 56.000 exemplares.[14][59]

Pacífico Norte

[editar | editar a fonte]
Esqueleto de rorcual común.

A poboación histórica total do rorcual común do Pacífico Norte calcúlase que estaba entre 42.000 e 45.000 exemplares antes do comezo da caza de baleas. Deste número, estimouse que a poboación na parte leste do Pacífico Norte era de 25.000 a 27.000.[60] Cara 1975, a estimación demográfica diminuíra a unha cantidade entre 8.000 e 16.000 exemplares.[61][62] Inspeccións realizadas en 1991, 1993, 1996 e 2001 produciron unhas estimacións de entre 1.600 e 3.200 rorcuais en California e de 280 a 380 en Oregón e Washington.[63] O mínimo estimado para a poboación de California-Oregón-Washington, segundo a U.S. Pacific Marine Mammal Stock Assessments: 2005, era aproximadamente duns 2.500.[64] Os estudos preto das illas Pribilof no mar de Bering mostraron un aumento substancial da poboación local de rorcuais comúns entre 1975–1978 e 1987-1989.[65] En 1984 estimouse que a poboación total do Pacífico Norte era tan só un 38% da súa capacidade histórica.[66]

Rorcual antártico

[editar | editar a fonte]
Esqueleto do último espécime cazado na Rexión de Biobío, o 21 de maio de 1983. Actualmente exhibido na Universidade de Concepción (Chile).

Os datos sobre os niveis demográficos históricos e actuais do rorcual antártico son relativamente escasos. A estimación oficial da CBI da poboación do rorcual común no Hemisferio Sur previa á caza de baleas, era de 400.000 exemplares e a poboación en 1979 (ano do cesamento da caza de baleas antárticas a grande escala) era de 85.200.[67] Tanto as estimacións actuais como históricas deberían ser consideradas como estimacións pouco fiables, pois sábese que a metodoloxía e mais os datos utilizados no estudo eran incorrectos.[5] Outras estimacións calcularon que a poboación a finais dos anos 1980 e principios dos anos 1990 era duns 5.000 rorcuais e posiblemente de tan só 2.000 ou 3.000.[21] Desde 2006, non hai ningunha estimación cientificamente aceptada da súa poboación ou tendencias.[5]

Caza e explotación

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Caza de baleas.
Rorcual común cazado en Grays Harbor a comezos do século XX. Actualmente está en perigo de extinción.

Durante o século XIX, o rorcual común era cazado ocasionalmente por barcos baleeiros a vela, pero estaba relativamente seguro debido á súa velocidade e ao feito de que a miúdo se afundía cando o mataban. Así e todo, os barcos de vapor, introducidos a metade de século, e a invención de arpóns que explotaban ao impactar co animal posibilitaron matar e asegurar a captura de baleas azuis, rorcuais comúns e rorcuais boreais a escala industrial. Cando as baleas azuis sufriron unha sobrecaptura, a industria da caza de baleas volveu a mirada cara ao máis pequeno e aínda abundante rorcual común como substituto.[68] Foi cazado principalmente pola súa carne, graxa, aceite e barbas. Aproximadamente 704.000 rorcuais comúns foron capturados en operacións de caza de baleas antárticas entre 1904 e 1975.[69] Trala introdución de buques factoría con ramplas a popa en 1925, o número de baleas cazadas anualmente aumentou de forma considerable. Só en 1937 cazáronse máis de 28.000 e entre 1953 e 1961 cazáronse unha media duns 25.000 ao ano. Cara 1962, as capturas do rorcual boreal experimentaron unha alza cando os rorcuais comúns comezaron a escasear. Cara 1974 cazábanse menos de 1.000 rorcuais comúns cada ano. A CBI prohibiu a captura de rorcuais comúns do Hemisferio Sur en 1976.[69]

No Pacífico Norte, un número de aproximadamente 46.000 rorcuais comúns foi capturado por barcos baleeiros comerciais entre 1947 e 1987.[70] O coñecemento de que a Unión Soviética estivo envolta na matanza ilegal de baleas de especies protexidas no Pacífico Norte significa que os datos de capturas rexistrados son incompletos.[71] O rorcual común recibiu a protección plena fronte á caza comercial de baleas por parte da CBI no Pacífico Norte en 1976 e no Atlántico Norte en 1987, a excepción de pequenas capturas feitas por aborixes ou con fins de investigación.[21] Todas as poboacións ao longo do mundo figuran nunha lista de especies en perigro feita polo Servizo de Pesca e Vida Silvestre dos Estados Unidos, a Lista Vermella da Unión Internacional para a Conservación da Natureza e no Apéndice I (especies ameazadas de extinción)[72] do Convenio sobre o Comercio Internacional de Especies de Fauna e Flora Salvaxe Ameazadas (CITES).[1][21][73][74]

Arpón para a caza de baleas.

Este cetáceo aínda é cazado no Hemisferio Norte na zona de Groenlandia, conforme o procedemento establecido pola Comisión Baleeira Internacional no seu programa de «Caza de Subsistencia Aborixe».[10] A carne e outros produtos obtidos das baleas cazadas ao amparo deste programa comercialízanse no ámbito da economía local groenlandesa, pero a súa exportación é ilegal. A CBI estableceu unha cota de 19 rorcuais comúns por ano para Groenlandia pese á preocupación provocada pola incerteza dos actuais niveis demográficos da especie. A través deste programa cazáronse 377 baleas en 2007, das cales 12 eran rorcuais comúns.[11]

Islandia e Noruega non están afectadas pola moratoria da CBI da caza comercial de baleas porque ambos os dous países presentaron obxeccións á moratoria.[5] En outubro de 2006, o Ministerio de Pesca de Islandia autorizou a caza de nove rorcuais comúns en agosto de 2007.[75] No Hemisferio Sur, Xapón inscribiu o rorcual común no seu programa de Permiso Especial Antártico de caza de baleas nas tempadas 2005-2006 e 2006-2007 para a captura de 10 baleas por ano.[76] A proposta para 2007-2008 e as 12 tempadas seguintes incluía a caza de 50 rorcuais comúns por ano,[5] pero a finais de dita tempada en abril de 2008, non se ccapturara ningún exemplar.[77]

As colisións con barcos son unha das principais causas de mortalidade do rorcual común adicionais á súa caza. Nalgunhas áreas, estas colisións representan unha parte substancial das causas de varamentos nas costas de grandes baleas. A maioría das feridas serias ou letais son causadas por grandes e veloces barcos preto da plataforma continental.[78]

  1. 1,0 1,1 Reilly, S.B., Bannister, J.L., Best, P.B., Brown, M., Brownell Jr., R.L., Butterworth, D.S., Clapham, P.J., Cooke, J., Donovan, G.P., Urbán, J. & Zerbini, A.N. (2008). "Balaenoptera physalus". Lista Roja de especies protegidas (en inglés). UICN. Consultado o 30/1/2009. 
  2. Lahuertra e Vázquez (2000); p. 309.
  3. Díaz d'a Silva e Cartelle (2007), pp. 132.133.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 [https://web.archive.org/web/20071017214359/http://marinebio.org/species.asp?id=40 Arquivado 17 de outubro de 2007 en Wayback Machine. Balaenoptera physalus en Marine.bio. (en inglés)
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 5,8 Draft recovery plan for the fin whale (Balaenoptera physalus) (PDF) (en inglés). National Marine Fisheries Service. Silver Spring, Maryland. 2006. 
  6. "Fin whale (Balaenoptera physalus)" (en inglés). EDGE of Existence programme. Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2011. Consultado o 08 de outubro de 2013. 
  7. Goodlad, J. A.; Royal Scottish Geographical Society Staff (2003). "Section 7: The legacy of Bruce. Chapter: How many whales are left?". Scotland and the Antarctic (en inglés). Royal Scottish Geographical Society. ISBN 0904049043. 
  8. "Revised Management Scheme" (en inglés). International Whaling Commission. Arquivado dende o orixinal o 25 de xuño de 2012. Consultado o 08 de outubro de 2013. 
  9. Richard Black (19/5/2008). "Go-ahead for Iceland's whale hunt" (en inglés). BBC News. 
  10. 10,0 10,1 "Aboriginal Subsistence Whaling" (en inglés). Comisión Baleeira Internacional. Arquivado dende o orixinal o 01 de xullo de 2012. Consultado o 08 de outubro de 2013. 
  11. 11,0 11,1 "Aboriginal Subsistence Whaling catches since 1985" (en inglés). Comisión Baleeira Internacional. Arquivado dende o orixinal o 18 de xullo de 2012. Consultado o 08 de outubro de 2013. 
  12. Linnaeus, C (1758). Systema naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Tomus I. Editio decima, reformata. (en latín). Holmiae. (Laurentii Salvii). p. 824. 
  13. Gingerich, P. (2004). "Whale Evolution". McGraw-Hill Yearbook of Science & Technology. The McGraw Hill Companies. ISBN 0071427848. 
  14. 14,0 14,1 Bérubé, M.; A. Aguilar (1998). "A new hybrid between a blue whale, Balaenoptera musculus, and a fin whale, B. physalus: frequency and implications of hybridization". Mar. Mamm. Sci. (en inglés) 14 (1): 82–98. doi:10.1111/j.1748-7692.1998.tb00692.x. 
  15. Doroshenko, V.N. (1970). "A whale with features of the fin and blue whale". Izvestia TINRO (en ruso) 70: 225–257. 
  16. Arnason, U., Gullberg A. & Widegren, B. (1993). "Cetacean mitochondrial DNA control region: sequences of all extant baleen whales and two sperm whale species" (PDF). Molecular Biology and Evolution (en inglés) 10 (5): 960–970. 
  17. Sasaki, T.; et al. (2005). "Mitochondrial Phylogenetics and Evolution of Mysticete Whales" (PDF). Systematic Biology (en inglés) 54 (1): 77–90. doi:10.1080/10635150590905939. 
  18. Sistema Integrado de Información Taxonómica. "Balaenoptera physalus (TSN 180527)" (en inglés). 
  19. Guerrero, Urbán y Lorenzo, Las ballenas del Golfo de California, p. 257.
  20. 20,0 20,1 Martin, Anthony R. (1991). Whales and dolphins (en inglés). Londres: Salamander Books. ISBN 0-8160-3922-4. 
  21. 21,00 21,01 21,02 21,03 21,04 21,05 21,06 21,07 21,08 21,09 Fox, David (2001). "Balaenoptera physalus (fin whale)" (en inglés). Animal Diversity Web. Consultado o 18/1/2009. 
  22. Guerrero, Urbán y Lorenzo, Las ballenas del Golfo de California, pp. 256-257.
  23. Tershy, B. R.; D. Wiley (1992). "Asymmetrical pigmentation in the fin whale: a test of two feeding related hypotheses". Marine Mammal Science (en inglés) 8 (3): 315–318. doi:10.1111/j.1748-7692.1992.tb00416.x. 
  24. 24,0 24,1 24,2 Guerrero, Urbán y Lorenzo, Las ballenas del Golfo de California, p. 256.
  25. 25,0 25,1 Shirihai, H. y Jarrett, B. (2006). Whales, Dolphins and Other Marine Mammals of the World (en inglés). Princeton Field Guides. pp. 43–45. ISBN 978-0691127576. 
  26. Croll D. A., Acevedo-Gutiérrez A., Tershy B. R., Urbán-Ramírez J. (2001). "The diving behavior of blue and fin whales: is dive duration shorter than expected based on oxygen stores?" (PDF). Comp Biochem Physiol A (en inglés) 129 (4): 797–809. 
  27. 27,0 27,1 27,2 Lin, Brian (7 de junio de 2007). "Whale Has Super-sized Big Gulp" (en inglés). University of British Columbia. Arquivado dende o orixinal o 15/06/2007. Consultado o 19/1/2009. 
  28. "Fin Whale" (en inglés). nature.ca: Canadian Museum of Nature. Consultado o 21/1/2009. 
  29. Figueras, Antonio (9 de xaneiro de 2019). "Os ‘galgos dos mares’ e outros animais veloces". GCiencia. Consultado o 9 de xaneiro de 2019. 
  30. 30,0 30,1 Payne, Roger (1995). Among Whales (en inglés). New York: Scribner. p. 176. ISBN 0-684-80210-4. 
  31. "Finback Whales" (en inglés). Bioacoustics Research Program, Cornell Lab of Ornithology. Consultado o 21/1/2009. 
  32. W. J. Richardson, C. R. Greene, C. I. Malme y D. H. Thomson, Marine Mammals and Noise (Academic Press, San Diego, 1995).
  33. Croll, D.A.; Clark, C.W., Acevedo, A., Flores, S., Gedamke, J. y Urban, J. (2002). "Only male fin whales sing loud songs" (PDF). Nature (en inglés) 417 (6891): 809. doi:10.1038/417809a. 
  34. Watkins, W.; Tyack, P., Moore, K., Bird, J. (1987). "The 20 Hz signals of finback whales (Balaenoptera physalus)". The Journal of the Acoustical Society of America (en inglés) 82 (6): 1901–1902. doi:10.1121/1.395685. 
  35. Segelken, R. (19/6/2002). "Humanity's din in the oceans could be blocking whales' courtship songs and population recovery" (en inglés). Cornell University. Consultado o 21/1/2009. 
  36. 36,0 36,1 Guerrero, Urbán y Lorenzo, Las ballenas del Golfo de California, p. 260.
  37. Àlex Aguilar Vila; et al. (1997). "Rorcual común (Balaenoptera physalus)" (PDF). Inventario de los cetáceos de las aguas atlánticas peninsulares: Aplicación de la directiva 92/43/CEE (Departamento de Biología Animal. Facultad de Biología. Universidad de Barcelona): 73–82. 
  38. Mead, J.G. (1977). "Records of Sei and Bryde's whales from the Atlantic Coast of the United States, the Gulf of Mexico, and the Caribbean". Rep. int. Whal. Commn (en inglés). Spec. Iss. 1: 113–116. ISBN 0-906975-03-4. 
  39. 39,0 39,1 Mitchell, E. (1974). "Present status of Northwest Atlantic fin and other whale stocks". En W.E. Schevill. The Whale Problem: A Status Report (en inglés). Cambridge, MA: Harvard University Press. pp. 108–169. ISBN 0-674-95075-5. 
  40. 40,0 40,1 Rice, D.W. (1974). "Whales and whale research in the eastern North Pacific". En W.E. Schevill. The Whale Problem: A Status Report (en inglés). Cambridge, MA: Harvard University Press. pp. 170–195. ISBN 0-674-95075-5. 
  41. Reeves, R.R.; M.W. Brown (1985). "Whaling in the Bay of Fundy". Whalewatcher (en inglés) 19 (4): 14–18. 
  42. Mobley, J.R., Jr.; M. Smultea, T. Norris y D. Weller (1996). "Fin whale sighting north of Kaua'i, Hawai'i". Pacific Science (en inglés) 50 (2): 230–233. 
  43. Thompson, P.O.; W.A. Friedl (1982). "A long term study of low frequency sound from several species of whales off Oahu, Hawaii". Cetology (en inglés) 45: 1–19. 
  44. 44,0 44,1 Clark, C.W. (1995). "Application of US Navy underwater hydrophone arrays for scientific research on whales". Rep. Int. Whal. Commn (en inglés) 45: 210–212. 
  45. Tershy, B.R.; D. Breese y C.S. Strong (1990). "Abundance, seasonal distribution and population composition of balaenopterid whales in the Canal de Ballenas, Gulf of California, Mexico". Rep. Int. Whal. Commn (en inglés). Spec. Iss. 12: 369–375. ISBN 0-906975-23-9. 
  46. Sigurjónsson, J. (1995). "On the life history and autecology of North Atlantic rorquals". En A.S. Blix, L. Walløe y Ø. Ulltang. Whales, Seals, Fish and Man (en inglés). Elsevier Science. pp. 425–441. ISBN 0-444-82070-1. 
  47. D.E. Sergeant (1977). "Stocks of fin whales Balaenoptera physalus L. in the North Atlantic Ocean". Rep. Int. Whal. Commn (en inglés) 27: 460–473. 
  48. Allen, K.R. (1970). "A note on baleen whale stocks of the north west Atlantic". Rep. Int. Whal. Commn (en inglés) 20: 112–113. 
  49. Breiwick, J.M. (1993). "Population Dynamics and Analyses of the Fisheries for Fin Whales (Balaenoptera physalus) in the Northwest Atlantic Ocean" (en inglés). (tesis doctoral) Universidad de Washington, Seattle. 310 pp. 
  50. Hay, K. (1982). "Aerial line-transect estimates of abundance of humpback, fin, and long-finned pilot whales in the Newfoundland-Labrador area". Rep. Int. Whal. Commn (en inglés) 31: 373–387. 
  51. Kingsley, M. C. S. y Reeves, R. R. (1998). "Aerial surveys of cetaceans in the Gulf of St. Lawrence in 1995 and 1996" (PDF). Marine Mammal Science (en inglés) 17 (1): 35–75. doi:10.1139/cjz-76-8-1529. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de maio de 2015. Consultado o 08 de outubro de 2013. 
  52. Larsen, F. (1995). "Abundance of minke and fin whales off West Greenland". Rep. Int. Whal. Commn (en inglés) 45: 365–370. 
  53. Jonsgard, A. (1974). "On whale exploitation in the eastern part of the North Atlantic Ocean". En W.E. Schevill. The Whale Problem: A Status Report (en inglés). Cambridge, MA: Harvard University Press. pp. 97–107. ISBN 0-674-95075-5. 
  54. Rørvik, C.J.; J. Sigurjónsson (1981). "A note on the catch per unit effort in the Icelandic fin whale fishery". Rep. Int. Whal. Commn (en inglés) 31: 379–383. 
  55. Buckland, S.T.; K.L. Cattanach y Th. Gunnlaugsson (1992). "Fin whale abundance in the North Atlantic, estimated from Icelandic and Faroese NASS-87 and NASS-89 data". Rep. Int. Whal. Commn (en inglés) 42: 645–651. 
  56. Rørvik, C.J.; J. Jónsson, O.A. Mathisen y Å. Jonsgård (1976). "Fin Whales, Balaenoptera physalus (L.), Off the West Coast of Iceland. Distribution, Segregation by Length and Exploitation". Rit Fiskideildar (en inglés) 5: 1–30. ISSN 0484-9019. 
  57. Goujon, M.; J. Forcada y G. Desportes (1995). "Fin whale abundance in the eastern temperate North Atlantic for 1993.". Rep. Int. Whal. Commn (en inglés) 45: 287–290. 
  58. Buckland, S.T.; K.L. Cattanach y S. Lens (1992). "Fin whale abundance in the eastern North Atlantic, estimated from Spanish NASS-89 data". Rep. Int. Whal. Commn (en inglés) 42: 457–460. 
  59. Bérubé, M.; Aguilar, A., Dendanto, D., Larsen, F., Notarbartolo di Sciara, G., Sears, R., Sigurjónsson, J., Urbán-R, J. y Palsbøll, P.J. (1998). "Population genetic structure of North Atlantic, Mediterranean Sea and Sea of Cortez Fin Whales, Balaenoptera physalus (Linnaeus 1758): analysis of mitochondrial and nuclear foci". Molecular Ecology (en inglés) 7: 585–599. doi:10.1046/j.1365-294x.1998.00359.x. ISSN 1471-8278. 
  60. Ohsumi, S.; S. Wada (1974). "Status of whale stocks in the North Pacific, 1972". Rep. Int. Whal. Commn (en inglés) 24: 114–126. 
  61. Rice, D.W. (1974). "Whales and whale research in the eastern North Pacific". En W.E. Schevill. The Whale Problem: A Status Report (en inglés). Cambridge, MA: Harvard University Press. pp. 170–195. ISBN 0-674-95075-5. 
  62. Chapman, D.G. (1976). "Estimates of stocks (original, current, MSY level and MSY)(in thousands) as revised at Scientific Committee meeting 1975". Rep. Int. Whal. Commn (en inglés) 26: 44–47. 
  63. Barlow, J. (2003). "Preliminary estimates of the abundance of Cetaceans along the U.S. West Coast: 1991–2001" (en inglés). Administrative report LJ-03-03, available from Southwest Fisheries Science Center, 8604 La Jolla Shores Dr., La Jolla CA 92037. 
  64. Caretta, J.V., K.A. Forney, M.M. Muto, J. Barlow, J. Baker, B. Hanson y M.S. Lowry (2006). "U.S. Pacific Marine Mammal Stock Assessments: 2005" (PDF) (en inglés). U.S. Department of Commerce Technical Memorandum, NOAA-TM-NMFS-SWFSC-388. 
  65. Baretta, L.; G.L. Hunt, Jr. (1994). "Changes in the numbers of cetaceans near the Pribilof Islands, Bering Sea, between 1975–78 and 1987–89" (PDF). Arctic (en inglés) 47: 321–326. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de novembro de 2020. Consultado o 08 de outubro de 2013. 
  66. Mizroch, S.A.; D.W. Rice y J.M. Breiwick (1984). "The fin whale, Balaenoptera physalus". Mar. Fish. Review (en inglés) 46: 20–24. 
  67. Comisión Ballenera Internacional (1979). "Report of the sub-committee on protected species. Annex G, Appendix I". Rep. Int. Whal. Commn (en inglés) 29: 84–86. 
  68. "American Cetacean Society Fact Sheet: Fin Whale, Balaenoptera physalus" (en inglés). American Cetacean Society. Arquivado dende o orixinal o 27/09/2006. Consultado o 30/1/2009. 
  69. 69,0 69,1 Comisión Ballenera Internacional (1995). "Report of the scientific committee". Rep. Int. Whal. Commn (en inglés) 45: 53–221. 
  70. Barlow, J., K. A. Forney, P.S. Hill, R.L. Brownell, Jr., J.V. Caretta, D.P. DeMaster, F. Julian, M.S. Lowry, T. Ragen y R.R. Reeves (1997). "U.S. Pacific Marine Mammal Stock Assessments: 1996" (PDF) (en inglés). NOAA Technical Memo NMFD-SWFSC-248. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de febreiro de 2013. Consultado o 08 de outubro de 2013. 
  71. Yablokov, A.V. (1994). "Validity of whaling data". Nature (en inglés) 367: p. 108. doi:10.1038/367108a0. 
  72. "How CITES works" (en inglés). Convention on International Trade in Endangered Species of Wild Fauna and Flora. Arquivado dende o orixinal o 26/09/2011. Consultado o 14/3/2009. 
  73. "Species Profile for Finback whale" (en inglés). U.S. Fish & Wildlife Service. Arquivado dende o orixinal o 04/07/2015. Consultado o 27/9/2011. 
  74. "Checklist of CITES Species" (en inglés). UNEP-CITES. Consultado o 3 de setembro de 2018. 
  75. "Iceland to Resume Whale Hunting, Defying Global Ban (Update3)" (en inglés). Bloomberg.com. 18/10/2006. Consultado o 27/9/2011. 
  76. "U.S. Protests Japan’s Announced Return to Whaling in Antarctic" (en inglés). Bureau of International Information Programs, U.S. Department of State. 20/11/2006. Arquivado dende o orixinal o 20/04/2015. Consultado o 27/9/2011. 
  77. "Less food for hungry migrants" (en inglés). The Dominion Post. 21/6/2008. Consultado o 31/1/2009. (require subscrición (?)). 
  78. Laist, D.W.; Knowlton, A.R., Mead, J.G., Collet A.S. y Podesta, M. (2001). "Collisions between ships and whales" (PDF). Marine Mammal Science (en inglés) 17: 35–75. doi:10.1111/j.1748-7692.2001.tb00980.x. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de maio de 2013. Consultado o 08 de outubro de 2013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • National Audubon Society Guide to Marine Mammals of the World, Randall R. Reeves, Brent S. Stewart, Phillip J. Clapham e James A. Powell. Nova York: A.A. Knopf: Distribuído por Random House (2002). ISBN 0-375-41141-0.
  • Whales & Dolphins Guide to the Biology and Behaviour of Cetaceans, Maurizio Würtz e Nadia Repetto. Shrewsbury: Swan Hill (1998). ISBN 1-84037-043-2.
  • Encyclopedia of Marine Mammals, editores Perrin, Wursig e Thewissen. San Diego [u.a.]: Academic Press (2002). ISBN 0-12-551340-2.
  • Mercedes Guerrero Ruiz, Jorge Urbán Ramírez y Lorenzo Rojas Bracho (2006). Las ballenas del Golfo de California. México, D. F.: Instituto Nacional de Ecología de México. pp. 255–271. ISBN 968-817-761-X. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
En inglés