Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Popa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Extremo de popa dun mercante moderno (Popa espello)

Desígnase co nome de popa á terminación posterior da estrutura dun buque. Por extensión chámase tamén popa a toda a parte traseira dun navío considerando a este dividido lonxitudinalmente en tres partes iguais.

Por razóns funcionais, a popa sempre foi a localización do aparello de manobra do navío, en especial do temón (ou leme) e da respectiva roda do temón, que antes do desenvolvemento das tecnoloxías de movemento hidráulico non podían ser manobrados desde moi lonxe.

Por extensión, e para permitir maior proximidade á zona de manobra, ao mesmo tempo que aproveitaba a zona máis abrigada do navío e menos suxeita a balanceo, a popa pasou a ser a localización preferida para instalar os apousentos do capitán e dos oficiais. Iso levou a que o castelo de popa, nome polo que era designada a superestrutura localizada na traseira do barco, pasase a ser extremadamente elaborada, con grandes xanelas decorativas, lanternas, tallas e outros sinais da ostentación. Os pasaxeiros importantes eran acomodados no castelo de popa, séndolle servidas as comidas tamén alí.

Nos navíos de guerra, a concentración da oficialidade no castelo de popa transformouse nunha vulnerabilidade, xa que atinxir en batalla o castelo de popa cunha bordada era seguro que causaría baixas importantes. De aí que as tácticas navais de combate da época da navegación á vela privilexiasen o asalto ao castelo de popa.

Tradicionalmente é tamén na popa onde se coloca a bandeira de rexistro do barco (porén durante a navegación esta pode ser movida ao mastro principal) e onde se inscribe o nome e porto de rexistro da embarcación. Os antigos navíos tiñan á popa, sobre a bandeira, unha lanterna, por veces de grandes dimensións e valor decorativo, hoxe substituída por unha simple lámpada de sinalización sobre a bandeira.

Na primeira metade do século XIX a popa dos navíos foi sendo progresivamente arredondada, abandonándose os tradicionais castelos de popa. Coa chegada dos navíos movidos a hélice posterior, a popa transformouse nunha área de localización de equipamentos, o que deu pé á transferencia ao medio do navío dos aloxamentos do capitán e oficiais.

Os tipos máis comúns de popa son:

  • a popa de cruceiro
  • a popa de espello ou estampa

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]