Peltre
O peltre é unha aliaxe tradicionalmente constituída por entre o 85 % e o 99 % de estaño e o resto de antimonio, cobre, cinc e bismuto, e ás veces, menos comunmente hoxe en día, chumbo. Ás veces incorpórase tamén unha pequena cantidade de prata.[1]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]A palabra peltre probabelmente deriva da inglesa pewter, que quizais sexa unha alteración da voz spelter, termo empregado en inglés para denominar ás aliaxe de zinc, e que orixinariamente era un sinónimo popular de zinc.[2]
Características
[editar | editar a fonte]É un material maleábel, mol e de cor branca, con algunha similitude á prata, pouco reactivo, e que funde entre os 170 e os 320 °C,[3] polo que a súa utilización para adornos é moi común. Durábel, co tempo adquire unha interesante pátina e pode dárselle dureza se se lle agrega unha pequena porcentaxe de chumbo, que lle dá, ademais, unha tonalidade azulada. O seu aspecto é brillante, puído e parecido á prata, e que, ao igual que este metal, tende a ennegrecerse por efecto da oxidación se non recibe un tratamento químico.
Tipos
[editar | editar a fonte]Tradicionalmente hai tres tipos de peltre:
- Fino. Material de cubertos. Composto de 96-99 % de estaño e 1-4 % de cobre.
- Trifle. Tamén para cubertos e louza rústica. Composto de 92 % de estaño, 1-4 % de cobre e máis do 4 % de chumbo.
- Lai. Tamén chamado Lei. Normalmente non é utilizado en cubertos, por conter máis do 15 % de chumbo e pequenas cantidades de antimonio.
O peltre era o material que utilizaban os famosos picheleiros de Santiago para fabricaren os picheis e outros utensilios de cociña, artísticos ou empregados para o culto nas igrexas. Esta substancia, así mesmo, foi utilizada en 1827 por Joseph Nicéphore Niépce para tomar a súa primeira fotografía, a titulada Vista dende a ventá en Le Gras.[4]
Historia
[editar | editar a fonte]O peltre comezou a usarse a comezos da Idade de bronce no Oriente Próximo e na China. A peza máis antiga de peltre encontrouse nunha tumba do antigo Exipto de 1450 a.C. Este material foi estendido por toda Europa polos romanos, que o utilizaban, entre outros usos, para a construción de acuedutos.
Durante a Idade Media o peltre creceu en popularidade para a fabricación de adornos, e substituíndo as louzas de madeira nas casas acomodadas. Así mesmo, nas igrexas máis pobres era utilizado como substituto da prata. Probabelmente o uso do peltre foi causa na época romana e na Idade Media, de numerosos casos de saturnismo (intoxicación por chumbo).
Durante os séculos XVIII e XIX gozou de gran popularidade nos Estados Unidos para a fabricación de vaixelas adicadas a casas de clase media e alta. Tamén, nese país serviu en 1776 para a cuñaxe dunha das súas primeiras moedas durante a Guerra de Independencia, o coñecido como dólar Continental.[5][6][7]
Hoxe en día, e popularmente, tamén se chama peltre aos utensilios de metal bañados cunha capa cerámica ou esmalte cerámico, xeralmente branco.
-
Prato de peltre.
En Galicia: pichel e picheleiros
[editar | editar a fonte]En galego denomínase pichel a unha xerra alta, de sección circular, máis ancha na base ca no colo, xeralmente de estaño e cunha tapa unida á asa.[8] Sarmiento indicou que esta xerra, feita de estaño ou peltre, tiña unha capacidade de case medio azume (aproximadamente un litro), e que en francés se chamaba picher, en italiano pittaro, e en inglés, segundo Howell e Skinner, pitcher.[9]
Na cidade de Santiago de Compostela, que tiña unha longa tradición de grandes artesáns prateiros e acibecheiros, os picheleiros eran artesáns que facían picheis, e tamén outros diversos trebellos de cociña. Para esta tarefa, servíanse do estaño, abundante en Galicia, un metal moito menos nobre que a prata e, polo tanto, bastante máis barato. A industria do estaño en Compostela tivo unha importancia capital, tal e como indica Eladio Rodríguez no seu dicionario:
Los picheleiros constituyeron en Santiago desde mucho antes del siglo XV una floreciente industria... Los picheleiros no se limitaban a hacer jarras y vasijas, sino que fabricaban platos grandes y pequeños, vinajeras, cálices, custodias, copones, linternas, fuentes, escudillas, saleros, salseros, tazas, candeleros, asas, xarneiras, cruces y picheles redondos, cuadrados, grandes y pequeños. Para poder ejercer púlicamente el oficio y poner tienda, requeríse licencia previa, título o carta de exame expedida por el consejo de Santiago...[10]
Usos na actualidade
[editar | editar a fonte]Na actualidade, as aliaxes de estaño-chumbo utilízanse principalmente para a soldadura. Estas foron prohibidas nas latas de conservas, xa que foron fontes de envelenamento por chumbo, especialmente cando o alimento estaba en contacto con ácidos (limón, concentrado de tomate, vinagre etc).
As proporcións das aliaxes de soldadura varían, pero adoitan ser de ao redor do 63 % de estaño e o 37 % de chumbo; tamén poden conter cobre, antimonio ou bismuto. As aliaxes de estaño-chumbo aínda se utilizan en grandes cantidades na fabricación de órganos.
As aliaxes estaño-chumbo 60/40 eran moi utilizadas en electrónica para a soldadura en placas de circuítos impresos, pero o uso do chumbo foi prohibido pola Directiva RoHS da CE. Agora utilízanse novas aliaxes a base de estaño nas que a temperatura de fusión é máis alta.
Saúde e medio ambiente
[editar | editar a fonte]O manexo frecuente de produtos de peltre coas mans, especialmente en condicións ácidas, ou baixo a forma de partículas, ou a inhalación dos seus vapores, son perigosos para a saúde e o medio ambiente. A combustión destas aliaxes (en incineradores, nos incendios) é fonte de fumes e vapores, cinzas ou escouras tóxicas, e eventualmente de contaminación da terra, o solo ou a auga (en contextos ácidos).[Cómpre referencia]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Peltre". No Dicionario da Real Academia Galega.
- ↑ Skeat 1893, pp. 438–439.
- ↑ Campbell 2006, p. 207.
- ↑ Landscape in Saint-Loup-de-Varennes (1827) en Niépce’s Catalog of Works. Prints presently in existence. 1. Landscape in Saint-Loup-de-Varennes (1827) (en inglés) Consultada o 29 de marzo de 2015.
- ↑ "1 Dollar "The Continental Dollar" (pewter)". Numista.
- ↑ Hudgeons, M. et al. (2014). "1776 Continental Currency". En Official Blackbook price guide to United States Coins. Random House. Nova York. ISBN 978-0-375-72348-3
- ↑ "Continental Currency". Professional Coin Grading Service.
- ↑ pichel no dicionario da RAG.
- ↑ Martín Sarmiento (1746-1770): Colección de voces y frases de la lengua gallega, ed. de J. L. Pensado Tomé (U. de Salamanca, 1970). En Antón Santamarina (ed.) Dicionario de dicionarios.
- ↑ Eladio Rodríguez (1963): Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Tomo III. Entrada: picheleiro. Vigo: Galaxia.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Peltre |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Campbell, Gordon (2006): The Grove encyclopedia of decorative arts (illustrated ed.), Oxford University Press, ISBN 978-0-19-518948-3.
- Hull, Charles (1992): Pewter, Osprey Publishing, ISBN 978-0-7478-0152-8.
- Skeat, Walter William (1893): An etymological dictionary of the English language (2nd ed), Clarendon Press.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Lead Poisoning and Rome en Essays on the History and Culture of Rome (en inglés) Consultada o 29 de marzo de 2015.