Leprechaun
Leprechaun/Leipreachán | |
---|---|
Personaxe de varias obras literarias e audiovisuais/ Folclore irlandés | |
Leprechaun típico | |
Creador(es) | Colectivo cultural irlandés |
Información | |
Nome orixinal | Véxase o apartado "etimoloxía"; O plural de "leprechaun" en inglés é "leprechauns", o plural de "leipreachán" en irlandés é "leipreacháin". |
Raza | Ser mitolóxico |
Sexo | Masculino (xeralmente) |
Estatura | Pequeno |
Especialidade | Esconder ouro, facer e arranxar zapatos |
Ocupación | Zapateiro |
Equipamento | Pote de ouro |
Inimigos | Calquera que queira o seu ouro |
Residencia | Illa de Irlanda (mitoloxía), trasladado a fóra da illa en diversas obras de ficción |
Nacionalidade | Irlandesa (mitoloxía) |
Status actual | Mito |
Un leprechaun (en irlandés: leipreachán, pronunciado [ˈlʲɛpˠɾʲəˌxaːnˠ] aproximado a "lep-ruh-kawn") é unha criatura fantástica propia da mitoloxía irlandesa. Adóitase representar como un home pequeno con barba, que leva un abrigo e un sombreiro, e que gosta de facer trasnadas. Segundo a cultura popular os leprechauns son criaturas solitarias que fan e remendan zapatos e que posúen unha pota de ouro ao final do arco da vella. Se son capturados por un ser humano teñen o poder máxico de conceder tres desexos a cambio da súa liberdade. Ao igual que acontece con outras criaturas fantásticas de Irlanda, os leprechauns están relacionados cos Tuatha Dé Danann.[1]
As representacións modernas dos leprechauns baséanse en gran medida en caricaturas e estereotipos despectivos dos irlandeses do século XIX.[2]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O termo angloirlandés "leprechaun" provén do irlandés antigo "luchorpán" ou "lupracán", a través de diversas formas en irlandés medio como "luchrapán" ou "lupraccán".[3][4]
Na Irlanda moderna, a grafía "leipreachán" é a máis común, pero existen numerosas variantes rexionais.
Significados e formas modernas
[editar | editar a fonte]O suplemento ao dicionario irlandés-inglés de O'Reilly, redactado por John O'Donovan, define "lugharcán, lugracán, lupracán" como "un espírito, un pigmeo; unha fada de tamaño diminuto, que sempre leva unha bolsa que contén un xelín".
Unha etimoloxía popular deriva a palabra de "leith" (metade) e "bróg" (zapato), reflectindo a representación común do leprechaun a traballar nun único zapato.[4]
Aparencia
[editar | editar a fonte]Os leprechauns tiñan orixinalmente unha aparencia diferente dependendo do lugar de Irlanda no que se atopasen.[5] Antes do século XX dicíase que os leprechauns vestían de vermello e non de verde. Samuel Lover, describe un leprechaun en 1831 do seguinte xeito:
... moi elegante no seu vestir, non obstante, leva un abrigo vermello de corte cadrado ricamente anoado con ouro, un sombreiro bicorne, zapatos e fibelas[6].
De acordo co dramaturgo irlandés William Butler Yeats, as criaturas solitarias como os leprechauns levan chaquetas vermellas mentres que as criaturas e fadas gregarias van de verde.
"A chaqueta dun leprechaun ten sete ringleiras de botóns para sete ringleiras de ollais. Na costa occidental de Irlanda dise que a chaqueta vermella está cuberta por outra de friso. No Ulster a criatura leva un bicorne e cando se sente infrecuentemente falcatrueira salta sobre unha parede e xira, equilibrándose na punta do sombreiro e cos talóns no aire."[7]
De acordo con David Russell McAnally,
"Mide tres pés de alto e viste unha pequena chaqueta vermella. Leva pantalóns vermellos cunha fibela en cada xeonllo, medias grises ou negras e un sombreiro bicorne, do estilo de hai un século, sobre unha face pequena, vella e murcha. Arredor do pescozo leva unha gorgueira isabelina e volantes de encaixe no pulso. Na salvaxe costa occidental, onde os ventos do Atlántico traen case constantemente choiva, prescinde da gorgueira e os volantes e leva un abrigo friso sobre a súa fermosa chaqueta vermella, así que, se non fora polo sombreiro bicorne, poderías pasar a carón dun leprechaun pola estrada e nunca saber se é el realmente."
Criaturas relacionadas
[editar | editar a fonte]O leprechaun está relacionado co clurichaun e co far darrig, que tamén son descritos como criaturas solitarias na mitoloxía irlandesa. O trasno da mitoloxía galega presenta semellanzas co leprechaun, pois tamén é anano, gosta das falcatruadas e adoita vestir de vermello.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Squire, Charles (1912). Mythology of the Celtic People. Londres. pp. 403. ISBN 0091850436.
- ↑ Venable, Shannon (2011). ABC-CLIO, ed. Gold: A Cultural Encyclopedia. pp. 196–197.
- ↑ "Leprechaun: a new etymology.". bill.celt.dias.ie. Consultado o 2021-03-04.
- ↑ 4,0 4,1 Windisch citado como "Cf. Windisch Gloss." no The Oxford English Dictionary s. v. "leprechaun", 2ª ed., 1989, OED Online "leprechaun", Oxford University Press, (requere suscrición) 16 de xullo de 2009.
- ↑ "Little Guy Style". Arquivado dende o orixinal o 29 de xullo de 2007. Consultado o 11 de marzo de 2016.
- ↑ De Legends and Stories of Ireland
- ↑ De Fairy and Folk Tales of the Irish Peasantry.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Leprechaun |
A Galipedia ten un portal sobre: Irlanda |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- McAnally, David Russell. Irish Wonders. Nova York: Weathervane Books, 1888.
- Yeats, William Butler. Fairy and Folk Tales of the Irish Peasantry. Londres: Walter Scott, 1888.