Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Loita tradicional galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Demostración de loita tradicional galega en Santalla (2008).
Parte da serie sobre o
Pobo galego
Por país
Demografía de Galicia
Diáspora
Alemaña · Arxentina · Brasil · Cuba · Estados Unidos de América · Francia · México · Reino Unido · Suíza · Uruguai · Venezuela
Cultura
Arquitectura · Arte · Baile · Gastronomía · Literatura · Loita · Música · Mitoloxía · Relixión · Símbolos · Traxe
Linguas
Galego
Dialecto berciano
Xergas: Barallete · Verbo dos arxinas
Historia de Galicia

A loita tradicional galega é a forma de loita autóctona de Galicia. Tamén se designa cos termos tumba, chimpa, caiados, e coas expresións ir aloitar ou ir botar loitas entre outras.[1]

Considérase que as loitas autóctonas do norte da Península Ibérica evolucionaron dende as antigas loitas prerromanas, que se resistiron a morrer naquelas zonas de máis difícil acceso, e que foron influenciadas posteriormente polos pobos bárbaros. Esta hipótese vén apoiada, por exemplo, polos textos de Estrabón e pola gran similitude que hai entre estas loitas do pobo galego e outras de Irlanda ou de Gran Bretaña (Gouren, loita tradicional escocesa etc.).

Á marxe da súa posible orixe remota, podemos afirmar que a loita tradicional galega se mantivo viva ata mediados do século pasado. Posteriormente foi esmorecendo, e só nalgunhas zonas concretas se practicou de forma frecuente en tempos máis recentes. En canto a referencias escritas, xa Marcial Valladares, no seu dicionario do 1885 recolle o termo aloitar e defíneo como:

Luchar, agarrarse enredando y sin ánimo de ofender. Vese esto generalmente entre los mozos y mozas del campo

Tamén temos referencias en Rosalía. Neste exemplo, tomado do poema A probiña, que está xorda...!. de Follas Novas (1880), menciona tamén o feito de participaren mozos e mozas na loita::

Xa preto da media noite,
dan encomenzo as peleas;
Os mozos loitan coas mozas,
Medindo as forzas que teñan
E n’andan en cumprimentos
Para botarse por terra.

e outra mostra en Pardo Bazán, no conto El Molino (1900), onde ademais de narrar unha loita de xeonllos, afirma:

Esta costumbre de la lucha, que ya va desapareciendo, subsiste aún en algunhas comarcas galaicas […]. Luchan todavía las mozas entre sí, y hasta desafían al mozo, degenerando entonces la batalla en deleitable juego.

A parte destas referencias bibliográficas, en realidade a maioría do que nos queda hoxe da loita tradicional galega vén da recollida oral.

Características

[editar | editar a fonte]

A loita desenvolvíase coma un xeito de actividade lúdica asociada aos traballos do agro ou mariñeiros. En xeral pelexábase dentro dun círculo de tamaño variable (círculo vivo) de arredor dos catro metros de diámetro. No interior facíase habitualmente sobre unha base de monllos de palla cos couces para fóra mentres que nas zonas mariñeiras esta tiña lugar na area marcando o círculo con paus ou cunchas. Os obxectivos dos combates eran tres:

  • Tirar ao contrario de costas no chan.
  • Facelo renderse, inmobilizándoo no chan.
  • Chimpalo fóra do círculo vivo.

Entre as características que diferencian á loita tradicional galega doutras loitas tradicionais temos:

  • Tamén a practicaban as mulleres, loitando mozos con mozos, mozas con mozas e incluso mozos con mozas. Este último caso tiña un marcado carácter erótico.
  • Loitábase tanto en pé coma de xeonllos. Esta última versión dábase sobre todo cando as condicións do lugar non eran axeitadas para a loita en pé.

A loita hoxe

[editar | editar a fonte]
Loita tradicional galega nos IX Encontro dos Jogos Tradicionais Galego-Portugueses

Hoxe en día a loita é un deporte tradicional en proceso de recuperación. Lóitase por parellas e non se permite golpear, beliscar, agarrar os dedos ou en xeral facer calquera outro movemento que poida poñer en perigo a calquera dos contendentes. Os loitadores levan un pantalón resistente que se remanga ata os xeonllos e unha faixa arredor da cintura. Hai tres faixas que teñen o mesmo significado que os cintos das artes marciais: faixa gris prata, faixa castaña e faixa negra. Non se pode agarrar da roupa, excepto ao pantalón e á faixa.

Os obxectivos da pelexa son tirar ao contrario de costas, inmobilizalo no chan ou tiralo fóra do círculo vivo. O árbitro valora cada unha das accións de acordo a estes obxectivos segundo un sistema de puntuación establecido. Gáñase o combate nos seguintes casos:

  • Inmobilizando ao adversario no chan durante quince segundos.
  • Acadando unha maña da máxima puntuación. Isto implica tirar ao contrario fóra do círculo vivo completamente de costas e quedando o que executa a maña en pé.
  • Por superioridade técnica manifesta.
  • Por puntos ao rematar o tempo de combate.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]