Frida Kahlo
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Magdalena Frida Carmen Kahlo 6 de xullo de 1907 Cidade de México (México) |
Morte | 13 de xullo de 1954 (47 anos) Cidade de México (México) |
Causa da morte | broncopneumonía embolia pulmonar Flebite (pt) |
Lugar de sepultura | Coyoacán |
Relixión | Ateísmo |
Actividade | |
Campo de traballo | Pintura, diario e painting of Mexico (en) |
Lugar de traballo | Cidade de México San Francisco Detroit Nova York |
Ocupación | pintora |
Partido político | Partido Comunista Mexicano (pt) (1927–1951) |
Xénero artístico | Retrato pictórico, autorretrato e retrato |
Movemento | Surrealismo e realismo máxico |
Representante | Artists Rights Society |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Diego Rivera (1940–1954), morte Diego Rivera (1929–1939), divorcio |
Pai | Guillermo Kahlo |
Irmáns | Cristina Kahlo |
Descrito pola fonte | Enciclopedia soviética armenia Larousse Encyclopedia online (pt) Grandes Mestras das Artes (pt) , (p.411) |
Magdalena del Carmen Frida Kahlo Calderón,[1] nada en Coyoacán (Cidade de México) o 6 de xullo de 1907[2] e finada o 13 de xullo de 1954, foi unha recoñecida pintora e poetisa mexicana. Kahlo naceu e morreu en Cidade de México, no seu fogar coñecido como "La casa azul". A súa obra é considerada emblemática en México pola tradición indíxena. Igualmente, é valorada polo feminismo debido á súa comprometida representación da forma e da experiencia feminina. A súa vida estivo cruzada polo infortunio dunha enfermidade infantil, a poliomielite, e por un grave accidente na súa mocidade que a mantivo prostrada durante longos períodos. De feito, chegou a someterse até a 32 operacións cirúrxicas.[3] Levou unha vida pouco convencional, foi bisexual e entre os seus amantes atopábase Lev Trotski.[4] A súa obra pictórica xira tematicamente en torno á súa biografía e ao seu propio sufrimento.
En 1939 expuxo as súas pinturas en Francia grazas a unha invitación de André Breton. Este tentou convencela de que eran «surrealistas», aínda que Kahlo dicía que esta tendencia non correspondía coa súa arte, xa que ela non pintaba soños senón a súa propia vida. Unha das obras desta exposición (Autorretrato-O marco, que actualmente se atopa no Centro Georges Pompidou), converteuse no primeiro cadro dun artista mexicano adquirido polo Museo do Louvre. Até entón, Frida Kahlo pintara só no ámbito privado, e custoulle admitir que a súa obra puidese ter interese xeral. Aínda que gozou da admiración de destacados pintores e intelectuais da súa época como Pablo Picasso, Vasili Kandinski, André Breton ou Marcel Duchamp, a súa obra alcanzou fama e verdadeiro recoñecemento internacional despois da súa morte, especialmente a partir da década de 1970.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos (1910-1925)
[editar | editar a fonte]Familia e orixe
[editar | editar a fonte]Frida foi a terceira filla do fotógrafo Carl Wilhelm Kahlo, inmigrante alemán nacionalizado mexicano, e da súa segunda esposa, Matilde Calderón, unha indíxena mexicana.[5]>[6] As súas dúas irmás máis vellas foron Matilde (nada en 1899) e Adriana (nada en 1902). En 1906 naceu Guillermo, que sobreviviu só uns días, e en xuño de 1908, a irmá máis nova, Cristina. Ela foi a súa constante compañeira e a única das irmás que deixou descendencia. Frida tivo tres medias irmás máis vellas: Luisa (nada en 1894), María (nada en 1896 e finada aos poucos días de nacer) e Margarita, froito do primeiro matrimonio do pai con María Cardeña Espino (chamada tamén Sardeña nalgunhas fontes), falecida no parto de Margarita en 1898.[7][8]
Abondan as publicacións que sinalan ao pai de Frida como alemán de orixe xudeu-húngara[5][6] A máis difundida é a versión que recolle a biógrafa Hayden Herrera, quen afirma que os avós de Frida proviñan de Hungría, precisamente de Arad, unha rexión que hoxe en día pertence a Romanía, e establecéronse na cidade alemá de Baden-Baden, onde nacería o pai de Wilhelm no ano 1872.[9] Wilhelm, o pai de Frida, procedía de Pforzheim,[2] unha pequena cidade do estado de Baden-Württemberg, e tanto os avós —Jakob Wilhelm Kahlo e Henriette Kaufmann— coma os demais antepasados pertencían á burguesía local e eran de fe luterana. A investigación logrou establecer unha árbore xenealóxica con ascendentes verificados ata o ano 1597.[10][11][12]
Tras a morte da súa nai (a avoa de Frida) en 1878, e debido ás desavinzas coa nova esposa do seu pai, Wilhelm Kahlo embarcou en Hamburgo e chegou a Veracruz (México) en 1890. Como parte da ruptura coa súa familia, cambiou o seu nome polo equivalente en español: Guillermo.[2] O 15 de agosto de 1893 contraeu matrimonio con María Cardeña, de quen enviuvou catro anos máis tarde. O 21 de febreiro de 1898 celebrou o seu matrimonio eclesiástico con Matilde Calderón, a nai de Frida, unión lexitimada civilmente o 29 de setembro de 1904. Ese mesmo ano, tres anos antes do nacemento de Frida, a familia mudouse á localidade de Coyoacán, no centro xeográfico da Cidade de México, á coñecida como Casa Azul, o 247 da rúa Londres, actualmente o Museo Frida Kahlo.[13] A instancias de Matilde, as dúas irmás máis vellas de Frida (fillas do primeiro matrimonio de Guillermo Kahlo) estudaban internas na escola dun convento, de modo que só pasaban as vacacións na casa da familia Kahlo-Calderón.[14]
Infancia
[editar | editar a fonte]A vida de Frida estivo marcada desde moi temperá idade polo sufrimento físico e as doenzas. A primeira foi a poliomielite, que contraeu en 1913 cando tiña seis anos,[15] que a obrigou a permanecer nove meses encamada. Deixoulle, amais, unha secuela permanente: a perna dereita moito máis delgada que a esquerda. Animada polo seu pai e como parte da súa rehabilitación, Frida practicou diversos deportes, algúns pouco usuais para unha nena, como fútbol ou boxeo.
Con todo, a evidente limitación motriz e as constantes operacións cirúrxicas e tratamentos médicos fixeron que Frida se desenvolvese de modo diferente. De feito, con frecuencia víase impedida de relacionarse con outros nenos. Varios dos cadros que pintaría na súa vida adulta reflicten a temática da soidade da súa infancia. Un exemplo recorrente, Catro habitantes da Cidade de México (1938),[16] un óleo sobre metal de 32,4 x 47,6 cm, mostra unha nena sentada sobre unha superficie en altura e ataviada cun traxe de tehuana. A nena parece abandonada e triste, e chucha o dedo con desolación. Outro cadro dese mesmo ano, Nena con máscara de morte ou Ela xoga soa[17], que Frida pintou en dúas versións, mostra tamén unha nena duns catro anos cunha máscara de caveira. Malia tratarse aquí do Día dos Mortos, unha festa popular en México, tamén se comentou o sentimento de soidade que transmite esa nena, quen se supón que representa á propia Frida.
Mentres a ambivalencia de sentimentos de amor e odio caracterizou o vínculo de Frida coa súa nai, a relación co seu pai sempre foi de moito agarimo e proximidade. Fíxose aínda máis estreita tras a poliomielite de Frida, pois foi el quen a acompañou no proceso de rehabilitación. Frida, á súa vez, foi testemuña dos continuos e misteriosos desmaios do seu pai, para ela inexplicábeis. Tratábanse, ao parecer, de ataques epilépticos, secuela dunha lesión cerebral. Co tempo, Frida aprendeu a prestarlle asistencia nestas circunstancias e finalmente decatouse da súa causa. A experiencia compartida de enfrontarse a esas doenzas uniunos na solidariedade e na empatía.[18]
Mocidade
[editar | editar a fonte]Non se logrou identificar con exactitude a escola á que asistiu Frida antes de 1922. Sinalouse en reiteradas ocasións que foi alumna do Colexio Alemán até 1921 e que alí obtivo o graduado escolar.[19] Con todo, non figura nas actas do colexio, nin tampouco tiña ela fluidez en alemán, como ela mesma lle admitiu nunha carta en inglés de 1949 a Hans-Joachim Kahlo, cando tentaba pescudar sobre os seus devanceiros e a súa familia de Alemaña.[20]
En 1922 iniciou estudos na Escola Nacional Preparatoria da Cidade de México, unha prestixiosa institución educativa que daquela comezaba a admitir estudantes de sexo feminino. En efecto, estaban matriculadas só 35 mulleres, dun total de dous mil alumnos.[21] Naquel momento, Frida aspiraba a estudar medicina. Na escola coñeceu futuros intelectuais e artistas mexicanos, como Salvador Novo, e formou parte de Los Cachuchas, chamados así polas gorras que usaban. A este grupo só pertencían dúas mulleres: Carmen Jaime e a propia Frida. Os demais, todos homes, tiveron éxito intelectual ou profesional xa de adultos na sociedade mexicana: Agustín Lira, Miguel Lira, Alfonso Villa, Manuel González Ramírez, Jesús Ríos y Valles, José Gómez Robleda e quen se converteu no seu noivo, Alejandro Gómez Arias. Los Cachuchas autodefiníanse como un grupo político e crítico coa autoridade, e mobilizábanse contra as inxustizas e polas reformas do sistema escolar. A súa actividade e posición política calzaba nalgún espazo entre as ideas anarquistas e revolucionarias románticas.[22] Máis adiante, Frida plasmaría sobre a tea unha escena típica dos seus encontros con estes amigos. O óleo, pintado en 1927 e con estilo cubista, leva por título Los Cachuchas (ou, alternativamente,Si Adelita...) e transmite, con axuda de símbolos, a atmosfera grupal e os intereses dos membros do grupo[23]
Accidente e inicio da súa pintura (1925-1928)
[editar | editar a fonte]O 17 de setembro de 1925 sufriu un grave accidente cando o autobús no que viaxaba foi embatido por un tranvía e ficou esmagado contra un muro. Regresaba da escola á casa xunto con Alejandro Gómez Arias, o seu mozo de entón. A columna vertebral quedoulle fracturada en tres partes, e sufriu amais fracturas en dúas costelas, na clavícula e tres no óso pélvico. A perna dereita fracturouse en once partes, o pé dereito dislocouse, o ombreiro esquerdo desencaixouse e un ferro atravesouna desde a cadeira esquerda até saír pola vaxina. Respecto diso, Kahlo comentaba que sería esta a forma brutal na que perdera a virxindade. O aparatoso accidente levouna por diversos hospitais, ademais de inmobilizala durante un ano, no que permaneceu escaiolada. A medicina do seu tempo fíxoa pasar por múltiples cirurxías (polo menos 32 ao longo da súa vida),[3] corpiños de xeso e de distintos tipos, así como diversos mecanismos de «estiramento».[24]
A comezos de 1925, antes do accidente, traballara como aprendiz no obradoiro de gravado e imprenta de Fernando Fernández Domínguez, amigo do seu pai. Este, no medio do traballo, ensináballe a debuxar copiando gravados de Anders Zorn, pois crera detectar en Frida dotes artísticas.[22][25] Á parte desta experiencia, Frida non mostrara anteriormente ningún interese especial pola pintura, e tampouco pola materia de artes plásticas na escola. A batalla contra as secuelas da poliomielite facíana inclinarse máis ben polos deportes, xa que o exercicio físico aumentaba as súas posibilidades de recuperación. Tras o accidente, en cambio, trataba de moverse o mínimo para axudar á sanación. A pintura, entón, comeza a ocupar un lugar central na súa vida.[25] De feito, durante a convalecencia comezou a pintar con máis frecuencia. En setembro de 1926 pintou o seu primeiro autorretrato ao óleo, que dedicou a Alejandro Gómez Arias.[26] Nesta primeira obra emprendeu unha dinámica que continuaría o resto da súa existencia: reflectir nos seus cadros os sucesos da súa vida e os sentimentos que lle producían.[21]
En 1927, a súa pintura volveuse máis complexa. Ese mesmo ano pintou o Retrato de Miguel N. Lira, un óleo sobre lenzo de 99,2 X 67,5 cm que mostra o seu compañeiro cachucha nun fondo moi particular, cheo de obxectos e símbolos que aluden ao seu nome. Apenas un ano máis tarde realizou o retrato da súa irmá Cristina, cunhas liñas moi puras e uns tons moi suaves.[26]
Por esta época, Frida xa comezaba a frecuentar ambientes políticos, artísticos e intelectuais. A través de Germán de Campo, un dirixente estudantil moi admirado por Frida, coñeceu ao comunista cubano Julio Antonio Mella, exiliado en México coa súa parella, a fotógrafa Tina Modotti. Frida e Tina estabeleceron rapidamente amizade, e esta última empezou a levala ás reunións do Partido Comunista Mexicano. Xa formaban parte desta organización varios dos seus amigos cachuchas, e Frida tamén acabou por se incorporar formalmente.
Primeiro matrimonio con Diego Rivera (1929-1939)
[editar | editar a fonte]Frida coñeceu a Diego Rivera a través de Tina Modotti. En 1922 xa tivera ocasión de observalo durante a realización do seu primeiro mural no Anfiteatro "Simón Bolívar" da Escola Nacional Preparatoria. En 1928 volvera coincidir con el en veladas e reunións ás que asistía con Tina Modotti, mais sen falaren. Un día visitouno de improviso, mentres este traballaba nuns murais para o edificio da Secretaría de Educación Pública, coa idea de mostrarlle os seus traballos. Diego, impresionado coa súa obra, animouna a seguir pintando. Desde entón foi constante convidado á casa dos Kahlo.
Contraeron matrimonio o 21 de agosto de 1929. A súa relación, amais do vínculo sentimental e artístico, incluíu relacións extramatrimoniais. Divorciáronse en 1939, mais volveron casar un ano despois.[27]
Hai quen describiron o matrimonio como "a unión entre un elefante e unha pomba", pois Diego era enorme e obeso mentres que ela era pequena e delgada. Frida, por mor das súas lesións, nunca puido ter descendencia, cousa que tardou moitos anos en aceptar.[28] De feito, en 1930, Frida quedou embarazada por primeira vez, mais debido á posición anómala do feto e ás secuelas do accidente de 1925, o embarazo tivo que ser interrompido no terceiro mes, segundo decidiu o médico Jesús Marín.
Malia as aventuras de Diego con outras mulleres, entre elas coa irmá de Frida, Cristina[29]), así como as infidelidades de Frida, a parella lograba complementarse en moitos aspectos.
Os traxes tradicionais mexicanos, consistentes en longos vestidos de cores, e a xoiería exótica, convertéronse, xunto ao seu aspecto teimudo, na súa imaxe emblemática. Diego amaba a súa pintura e foi o seu maior admirador; Frida, pola súa banda, foi a maior crítica de Diego.
Residencia nos Estados Unidos (1931-1934)
[editar | editar a fonte]O ambiente político de México volveuse complicado para a esquerda durante o goberno de Plutarco Elías Calles. Os encargos de murais a Diego Rivera iniciados polo ministro de educación José Vasconcelos paralizáronse. Como a súa fama e reputación crecera nos EUA, dende onde lle fixeron encomendas, Frida e el residiron alí entre 1931 e 1934, principalmente en Nova York e Detroit.[21]
En 1932 encargáronlle a Diego Rivera uns murais para un Museo de Detroit. En abril dese ano, Frida pintou Aparador nunha rúa de Detroit, moi influenciada polo pintor italiano Giorgio de Chirico. Crítica coa forma de vida estadounidense, reflectiuno nas pinturas dese período.[30] En agosto dese mesmo ano contemplou unha eclipse solar, que motivou a incorporación do dualismo noite/día a algúns dos seus cadros, o que se converteu nun elemento iconográfico frecuente na súa obra.[31]
Estando en Detroit, Frida sufriu outro aborto. Durante a súa recuperación, pintou o autorretrato Aborto en Detroit, nun estilo máis penetrante, inspirado nos retablos, pequenos cadros votivos da arte popular mexicana. Esta pintura era totalmente independente da que facía Diego Rivera. Este, consciente do valor da obra de Frida neste período, dixo:
Frida empezou a traballar nunha serie de obras mestras sen precedentes na historia da arte, pinturas que exaltaban a calidade feminina da verdade, a realidade, a crueldade e a pena. Nunca antes unha muller puxera semellante atormentada poesía sobre a tea como Frida nesta época de Detroit.[21]
Primeiras exposicións (1935-1939)
[editar | editar a fonte]Frida e Diego volveron a México en 1933. Amais doutras infidelidades anteriores, Rivera tivo un romance con Cristina, a irmá máis nova de Frida. Esta aventura afectou moito a Frida e supuxo un xiro determinante nas súas relacións de parella. Malia superaren as súas desavinzas, Frida iniciou relacións sentimentais tanto con homes como con mulleres durante o resto da súa vida. Rivera tivo fortes celos das relacións extramatrimoniais dela con outros homes, mais toleraba máis as relacións lésbicas de Frida.[21]
Entre 1937 e 1939, o revolucionario ucraíno Lev Trotski viviu exiliado, xunto coa súa esposa, na casa de Frida en Coyoacán. Frida terá un romance co líder comunista.[32] Tralo asasinato de Trotski a mans do axente da NKVD [Ramón Mercader]], Frida foi acusada dese homicidio. Por este motivo estivo baixo arresto, mais finalmente foi deixada en liberdade, do mesmo xeito que o seu marido.
En 1938, o poeta e ensaísta do surrealismo André Breton cualificou a obra de Frida como surrealista, nun ensaio que escribiu para a exposición dela na galería Julien Levy de Nova York. Ela mesma declarou máis tarde: "Crían que eu era surrealista, pero non o era. Nunca pintei os meus soños, senón a miña propia realidade".[33]
En 1939 Frida Kahlo terminou o autorretrato As dúas Fridas, no que asimilaba a crise marital. Esta obra reflectía as súas dúas personalidades a través da separación entre unha Frida en traxe de tehuana, o favorito de Diego, e outra Frida, de raíces europeas, anterior ao seu encontro con el. Os corazóns das mulleres están conectados por unha vea, e a parte europea rexeitada de Frida Kahlo ameaza con perder todo o seu sangue. Ese mesmo ano expuxo en París, na galería Renon et Collea, convidada por Breton. A estancia na capital francesa levouna a relacionarse con Pablo Picasso.
Recoñecemento artístico (1939-1949)
[editar | editar a fonte]O 6 de novembro de 1939, Frida e Diego divorciáronse por causa das infidelidades, e Frida regresou temporalmente á súa casa de Coyoacán. Foi un período depresivo no que a artista botou man do alcol como xeito de aliviar os sufrimentos físico e psicolóxico. Neste período destacan dúas obras: As dúas Fridas e Dous espidos nun bosque.
O 24 de maio de 1940 produciuse un atentado infrutuoso por parte de David Alfaro Siqueiros contra Lev Trotski, tralo cal Frida foi detida pola policía durante algunhas horas. En agosto dese mesmo ano, Trotski foi finalmente asasinado, e Frida foi novamente interrogada pola policía.
Rivera viaxou a San Francisco en xuño de 1940 e no mes de setembro, Frida tamén se trasladou. Alí someteuse a unha nova cirurxía realizada por Leo Eloesser, quen xa a tratara dez anos antes, na primeira estadía da parella na cidade. Tras recuperarse da operación, viaxou a Nova York.
Despois do divorcio, Frida e Diego seguiron compartindo gran parte da vida social, artística e política que os unía. Dous meses despois da chegada de Frida, decidiron volver casar. O novo acordo, amigábel, consistiría en convivir, compartir gastos e continuar coa colaboración artística, e excluíron deste a vida sexual.[34]
Nestes anos, o recoñecemento artístico da obra de Frida foi en aumento, especialmente nos EUA. Participou en importantes exposicións colectivas no Museo de Arte Moderna de Nova York, no Instituto de Arte Contemporánea de Boston e no Museo de Arte de Filadelfia.[21] Porén, o empeoramento da súa saúde fai que as clases teñan que desenvolverse na súa casa. No 1946 recibe o Premio Nacional de Pintura.
En 1950 tivo que ser hospitalizada na Cidade de México e ficou internada durante un ano.[21]
Últimos anos (1950-1954)
[editar | editar a fonte]Desde agosto de 1948 e até o seu falecemento Frida Kahlo mantivo unha relación afectiva con Alexandre de Fisterra, con quen mantivo un intenso intercambio epistolar mentres el residiu en París, Ecuador e Guatemala, e a quen legou parte dos seus bens[35].
En 1953 organizouse na Cidade de México a única exposición individual en vida no seu país natal, na Galería de Arte Contemporánea, cun éxito rotundo. Nunha das críticas díxose que era «imposible separar a vida e obra desta persoa, as súas pinturas son a súa biografía».[21] A saúde de Frida estaba moi deteriorada e os médicos prohibíronlle concorrer a esta. Con todo, chegou nunha ambulancia e asistiu á súa exposición nunha cama de hospital. Os fotógrafos e os xornalistas quedaron impresionados. A cama foi colocada no centro da galería e Frida contou chistes, cantou e bebeu a tarde enteira. Ese mesmo ano tivéronlle que amputar a perna por baixo do xeonllo debido a unha gangrena. Isto sumiuna nunha fonda depresión que a levou a tentar o suicidio nun par de ocasións empregando os opiáceos prescritos. Durante ese tempo escribía poemas nos seus diarios, a maioría relacionados coa dor e o sufrimento.
En febreiro de 1954, Frida escribiu explicitamente no seu diario as súas ideas suicidas. Describía como unha gran tortura as dores físicas e psíquicas tras a amputación. Sinalou tamén que, aínda que continuaba pensando en acabar coa vida, o único que a retiña era Diego Rivera, a quen non desexaba abandonar porque ten "a vaidade" de crer que ela lle faría falta. O 19 de abril de 1954 ingresou no Hospital Inglés tras un intento de suicidio e, malia plasmar no seu diario a promesa de non recaer, o 6 de maio ten que ser hospitalizada de novo polo mesmo motivo. Con todo, o ánimo e a valentía acompañaríana até os últimos momentos. O 2 de xullo participou, dende unha cadeira de rodas, xunto a Diego de Rivera e Juan O'Gorman, nunha protesta contra a intervención estadounidense en Guatemala.[36]
Frida Kahlo morreu en Coyoacán o 13 de xullo de 1954, sen serlle realizada autopsia. Os seus restos foron velados no Palacio de Belas Artes da Cidade de México e cubriuse o seu féretro coa bandeira do Partido Comunista Mexicano, feito moi criticado pola prensa nacional. O seu corpo foi incinerado no Panteón Civil de Dolores e as súas cinzas consérvanse na Casa Azul de Coyoacán, lugar que tamén a viu nacer.
O seu último cadro tamén se exhibe na Casa Azul, un óleo sobre masonita que mostra varios cortes de sandías en tons moi vivos. Nun destes anacos, xunto á súa sinatura, pódese ler «VIVA LA VIDA. Coyoacán, 1954, México». As últimas palabras no seu diario foron: "Espero alegre a saída e espero non volver xamais".[37]
A Casa Azul de Coyoacán, onde repousan as súas cinzas, foi convertida en museo.
A súa obra pictórica
[editar | editar a fonte]Tanto os críticos da obra de Frida Kahlo como os seus biógrafos coinciden en sinalar que calquera intento de separar a vida persoal da súa obra resulta case imposible ao analizar a temática, a simboloxía e ata a técnica da obra da artista. Trátase de traballos de rumbo moi persoal e autobiográficos: Frida é suxeito e obxecto da súa pintura.
Difícil de clasificar univocamente nunha escola, a súa obra caracterízase por unha síntese de elementos expresionistas e surrealistas cunha temática popular.
A obra de Frida Khalo está profundamente influída pola súa experiencia vital, que se reflicte nas súas diversas etapas, o sufrimento das enfermidades, o accidente e as operacións e os diferentes abortos que sufriu causados polos danos do accidente. O seu inicio no mundo da pintura prodúcese pouco despois do accidente que a deixou prostrada na cama, é o seu período máis realista con algúns influxos da arte europea. Máis tarde, a obra de Diego Rivera vai facer que adopte un estilo máis sinxelo con cores máis brillantes e un certo relectindo o legado e inocencia das artes indíxenas, con certo toque naïf, representando ás súas obras as narracións da súa propia vida coa inclusión de símbolos e a exuberancia das flores, froitos e animais do país no espazo pictórico sen perspectiva, chegando pouco a pouco a un estilo relacionado co surrealismo, sen deixar nunca o realismo. Nos derradeiros anos da vida da artista a súa obra pasa a se converter nunha pintura con conceptos políticos. A súa arte convértese nun desafío constante contra a ideoloxía dominante. Sen dúbida a súa obra é a visión de si mesma, ela é o suxeito que pinta e o suxeito pintado e expresa todo o que sente,[38] e así todo está reflectido nos seus numerosos autorretratos, tema recorrente no seu traballo. A representación da súa propia dor é unha forma de fuxir e liberarse deses sentimentos. A súa pintura contén, e influída pola riqueza do seu simbolismo. A sensibilidade extrema da súa natureza repítese ao longo da súa obra, mentres que resignada pintaba as situacións de máis dor, tamén con resistencia expresa o seu valor en obras como Árbore da esperanza mantente firme.
“Desde nena, como se di comunmente, eu botara o ollo á caixa de cores. Non sabería explicar por que. Ao estar tanto tempo na cama, enferma, aproveitei a ocasión e pedinlla ao meu pai. Como un neno, a quen se lle quita un xoguete para darllo a un irmán enfermo, prestouma. Miña nai mandou facer un cabalete...se así pode chamárselle a un aparato especial que podía acoplarse á cama onde eu estaba, porque o corsé de xeso non me deixaba estar sentada. Así comecei a pintar o meu primeiro cadro."[39]
Algunhas das obras
[editar | editar a fonte]- Frida y Diego Rivera o Frida Kahlo y Diego Rivera,1931
- Henry Ford Hospital o La cama volando, 1932
- Autorretrato en la frontera entre México y los Estados Unidos, 1932
- Allá cuelga mi vestido o New York, 1933
- Lo que vi en el agua o Lo que el agua me dio, 1938
- El Guardián 1939
- El suicidio de Dorothy Hale, 1938/39
- Dos desnudos en un bosque o La tierra misma o Mi nana y yo, 1939
- Las dos Fridas, 1939
- Autorretrato con pelo cortado, 1940
- A columna rota, 1944
- Moisés o Núcleo solar, 1945.
- Árbol de la esperanza mantente firme, 1946
- El Venadito o El venado herido o Soy un pobre venadito, 1946
- El abrazo de amor de El universo, la tierra (México), Yo, Diego y el señor Xólotl, 1949
- Diego y yo, 1949
- El marxisme curará os enfermos c. 1954
Mito e lenda
[editar | editar a fonte]A importancia da súa obra pictórica, a complexidade da súa vida e a súa influencia na cultura mexicana da postrevolución, onde se xestou o movemento muralista encabezado polo seu esposo, foron moi estudadas desde múltiples perspectivas e hai publicados moitos estudos críticos sobre iso. A súa personalidade forxouse nunha traxectoria vital infestada de enfermidades que lle producían unha continua dor, así como nunhas relacións persoais con outras personalidades culturais de primeira orde. A súa obra reflicte esa traxectoria vital, a súa propia fantasía e a tradición popular mexicana, incluída a dos exvotos e a prehispánica. Para Araceli Rico, Kahlo é «o enfermo creador (que) experimenta o drama da súa existencia no rexeitamento aos demais, esforzándose por manter unha situación favorable á realización do seu traballo creativo». Kahlo admiraba a pintura revolucionaria e considerábaa necesaria no seu tempo, pero era consciente que a súa pintura non o era, así escribiu: «Os meus cadros están ben pintados, non con lixeireza, senón con paciencia. A miña pintura leva a mensaxe da dor. Creo que cando menos a unhas poucas xentes interésalles. Non é revolucionaria, para que me sigo facendo ilusións de que é combativa; non podo». Por tanto, a súa obra non pode asociarse ao nacionalismo revolucionario que practicaba o seu esposo Diego Rivera; máis ben trátase dunha obra arraigada na arte popular. Segundo A. Rico «observamos en Frida Khalo unha preocupación pola procura das súas orixes como individuo que pertence e empéñase en descubrir a tradición cultural. É así que nas súas composicións está a evocar todo un mundo de costumes, de crenzas, de obxectos, en fin, de maneiras de ser e de sentir». Un aspecto inquietante da súa obra é a frecuente disociación dela mesma en varios dos seus autorretratos, esta dualidade pode nacer tanto da súa propia historia como da fantasía do pobo mexicano.[40]
Para Raúl Mejía, Frida Kahlo forxou o seu propio mito e lenda coa creación do seu propio personaxe que aparece na maioría da súa obra. Fortemente transgresora en moitas das normas e convencións do seu tempo, decidiu tamén ser a protagonista das súas pinturas. No canto de realizar un doce traballo, como podía esperarse dunha muller da súa época, construíu unha obra chea de singularidade cun forte contido dramático tanto nos temas como nas representacións de si mesma.[41]
Kahlo mostrouse nas súas pinturas coexistindo tanto coa vida como coa morte, especialmente nas súas frecuentes operacións cirúrxicas sendo constante a presenza da súa dor. En A columna rota o seu corpo aparece cuberto de cravos. Tamén se mostra como produtora de vida e enerxía, ou como fonte de amor e de sentimentos. O tema das relacións e o afecto aparece frecuentemente na súa obra, especialmente o seu grande amor Diego. Pero, sobre todo, é o personaxe que creou dela mesma o motivo principal e protagonista dos seus cadros. A súa mensaxe co paso do tempo segue mantendo toda a súa vixencia como un berro de denuncia contra a opresión.[41]
No seu diario que escribiu a partir dos 35 anos, relatou as súas vivencias tanto da súa última década como dos seus primeiros anos. Escribiu sobre os seus pensamentos, a súa sexualidade, a fertilidade, os seus sufrimentos físicos e psíquicos.[42]
Tamén contribuíu á creación do mito do personaxe de Frida a súa forma de vestir e de arranxarse, frecuentemente ataviada con vestimentas, colares e abelorios inspirados no folclore mexicano tanto precolombiano como do período colonial. Foi o seu marido, Diego Rivera, quen lle recomendou que se vestise así e dese esa imaxe. Outro factor complementario na formación do seu mito é a iconografía que creou dela na colección de fotografías que realizou o fotógrafo estadounidense Nicholas Muray, un dos primeiros en introducir a fotografía en cor nos Estados Unidos.
Símbolo do feminismo
[editar | editar a fonte]Na sociedade do seu tempo, onde a supremacía do masculino constituía o sentido común, a muller xogaba un papel que claramente a supeditaba ao home. Frida, a pesar de estar casada e de demostrar o grande amor que sentía cara ao seu marido, mostrouse autosuficiente e forte. Representouse na súa obra de maneira ambigua, con características sexuais andróxinas, con algúns trazos considerados como masculinos, esaxerando as súas cellas e o seu incipiente bigote.[41]
Foi das primeiras pintoras que expresou na súa obra a identidade feminina desde a súa propia óptica, rexeitando a visión do feminino que se debuxaba desde o tradicional mundo masculino. Ela foi unha das que contribuíron na formación dun novo tipo de identidade para a muller e é recoñecida, hoxe, por moitos, como un símbolo.[41] Frida Kahlo foi a perfecta heroína feminista dos anos 80: a súa primeira biografía, por Hayden Herrera, publicouse en 1983, cando Madonna e Cindy Sherman transformaban os seus experimentos sobre a autorrepresentación feminina nun espectáculo industrial e incrementábase o interese polo realismo máxico latinoamericano.[43]
O 8 de marzo de 2018, e para conmemorar o Día Internacional da Muller, a marca estadounidense de xoguetes Mattel anunciou que sacaba unha liña de bonecas Barbie chamada Sheroes, She (ela) e Heroes (heroína), e entre outras moitas personaxes inspiráronse na pintora como modelo desta liña. Con todo, a familia de Frida denunciou á empresa alegando que non tiñan permiso legal para reproducir a figura da artista.[44]
Influencias na cultura posterior
[editar | editar a fonte]Recepción na literatura
[editar | editar a fonte]Sen dúbida, foi a literatura o espazo onde a obra de Frida Kahlo tivo o maior impacto, principalmente nas últimas dúas décadas, inspirando a escritores de variados xéneros. A escritora mexicana Elena Poniatowska na súa obra Las siete cabritas («Diego estoy sola. Diego ya no estoy sola»[45] inclúe un conto no que intenta poñerse no lugar de Frida, narrando os seus pesares en primeira persoa. No xénero poético hai exemplos tamén noutras linguas e continentes, como amosa o libro de poesía de Pascale Petit, publicado en Londres baixo o título de The Wounded Deer. Fourteen Poems After Frida Kahlo. En cada un destes poemas, Petit refírese a un cadro diferente de Frida Kahlo.
Por último, hai unha ampla serie de novelas inspiradas na vida de Frida Kahlo, así como tamén na parella Frida e Diego e variadas biografías noveladas en varias linguas, como por exemplo: Barbara Krause (2000) Diego ist der Name der Liebe: das Schicksal der Frida Kahlo, Diego é o nome do amor: o destino de Frida Kahlo,[46] Rauda Jamis (2000), Bárbara Mujica (2003), J.M.G. Le Clezio (2002).
Recepción no cine
[editar | editar a fonte]Frida Kahlo foi interpretada nos seguintes filmes:
Ano | Filme | Director | Actriz |
---|---|---|---|
1984 | Frida, naturaleza viva | Paul Leduc | Ofelia Medina |
2002 | Frida | Julie Taymor | Salma Hayek |
Recepción na música
[editar | editar a fonte]O vocalista da banda estadounidense Red Hot Chili Peppers, Anthony Kiedis, dedicou a canción “Scar Tissue” a Frida.[47]
En 1994 aparece a canción "Pobre Frida" no álbum Transgresores de la Ley do grupo mexicano de rock e ska Tijuana No dedicada á pintora.
A cantante estadounidense Madonna reafirmou o seu gusto e admiración por Frida Kahlo, tal é o caso do seu vídeo de 1994 Bedtime Story no cal varias escenas están inspiradas nas famosas pinturas da artista.[48] En 2015 inspírase nunha fotografía tomada a Frida para a portada do seu álbum Rebel Heart.[49] Nese mesmo álbum é mencionada na canción "Graffiti Heart".
Tamén en 1994 o artista multidisciplinario mexicano Sergio Arau, ex integrante naquel entón do conxunto de rock Botellita de Jerez edita o seu segundo álbum como solista, onde aparece parodiando a obra unha obra de Frida na súa portada. O nome de dito álbum é Mi Frida... Sufrida
En 1995, o grupo Bandit Queen publica un álbum chamado " Hormone Hotel", cuxa portada é un retrato de Frida, ademais de conter un tema chamado precisamente "Frida Kahlo".
En 2007, a cantante galega Marta Sánchez, interpreta unha canción en homenaxe a ela titulada Frida y sus flores, que se inclúe no seu álbum Miss Sánchez.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Acta de nacimiento. Frida Kahlo" (PDF). Dirección General del Registro Civil de la Ciudad de México (en castelán). 4 de agosto de 1907. Consultado o 24 de setembro de 2012.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Salber 2006, p. 21
- ↑ 3,0 3,1 Herrera (1984), p. 62
- ↑ "La vida y la época de Frida Kahlo". pbs.org (en castelán). Consultado o 08-02-2019.
- ↑ 5,0 5,1 "El Corazón de Frida - Magdalena Carmen Frida Kahlo Y Calderón 1907-1954". Consultado o 4 de abril de 2017.
- ↑ 6,0 6,1 Rico, Araceli (1993). Frida Kahlo: fantasía de un cuerpo herido. Plaza & Valdes. p. 114. ISBN 9789688561164.
- ↑ "Guillermo Kahlo, * 1872 | Geneall.net". www.geneall.net.
- ↑ "Sansarae Pickett: Eso Es Frida Kahlo". 4 de decembro de 2011. Arquivado dende o orixinal o 04 de decembro de 2011. Consultado o 03 de febreiro de 2019.
- ↑ Herrera 2010, p. 29.
- ↑ Peter, Wolfgang. "Página de la ciudad alemana de Baden-Baden". www.bad-bad.de (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 04 de decembro de 2011. Consultado o 03 de febreiro de 2019.
- ↑ Cervantes, Instituto. "Exposición en el Instituto Cervantes de Múnich El padre de Frida – El fotógrafo Guillermo Kahlo.". www.cervantes-muenchen.de (en alemán). Arquivado dende o orixinal o 04 de febreiro de 2019. Consultado o 03 de febreiro de 2019.
- ↑ Franger & Huhle 2005, pp. 11-15.
- ↑ Franger & Huhle 2005, p. 24.
- ↑ Genschow 2007, p. 12.
- ↑ Salber 2006, p. 24
- ↑ "Cuatro habitantes de Ciudad de México". Arquivado dende o orixinal o 20 de agosto de 2014. Consultado o 17 de xullo de 2012.
- ↑ "Niña con máscara de muerte". Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2012. Consultado o 17 de xullo de 2012.
- ↑ Herrera 2010, pp. 28-29.
- ↑ García Sánchez, Laura (2004). Frida Kahlo. Genios del arte. Coordinación científica de Juan Ramón Triadó Tur. Madrid: Susaeta ediciones. pp. 11(a) 21(b). ISBN 84-305-3640-X.
- ↑ Franger & Huhle 2005, pp. 1-2.
- ↑ 21,0 21,1 21,2 21,3 21,4 21,5 21,6 21,7 Lucie Smith Edward (1999). Vidas de los grandes artistas del siglo XX. Frida Kahlo. Ediciones Polígrafa. pp. 206–208. ISBN 84-343-0882-7.
- ↑ 22,0 22,1 Trayectoria biográfica y artística en Frida. Edición conmemorativa, p. 236.
- ↑ "Si Adelita o Los Cachuchas, 1927". Arquivado dende o orixinal o 03 de febreiro de 2016. Consultado o 10 de xaneiro de 2016.
- ↑ Herrera 1984, p. 62.
- ↑ 25,0 25,1 Herrera 2010, p. 43.
- ↑ 26,0 26,1 Trayectoria biográfica y artística en Frida. Edición conmemorativa, p. 237.
- ↑ Amozorrutia, Alina (2008). 101 mujeres en la historia de México. México: Grijalbo. p. 115. ISBN 978-970-810-328-2. Consultado o 22 de outubro de 2011.
- ↑ Cordero Reiman, Karen; et al. (2007). Crítica feminista en la teoría del arte. México: Universidad Iberoamericana. p. 339. ISBN 978-968-859-633-3. Consultado o 22 de outubro de 2011.
Tibol, Raquel (2002). Frida Kahlo: una vida abierta. México: Universidad Nacional Autónoma de México. p. 165. ISBN 968-36-6766-X. Consultado o 22 de outubro de 2011. - ↑ Havesteen, Marianne; Hernández M., Estíbaliz (2002). Frida Kahlo y Diego Rivera. Gyldendal Uddannelse. p. 42. ISBN 87-02-00630-8. Consultado o 22 de outubro de 2011.
- ↑ Trayectoria biográfica y artística en Frida. Edición conmemorativa, p. 237.
- ↑ Trayectoria biográfica y artística en Frida. Edición conmemorativa, p. 240.
- ↑ Mitchel, Helen Buss (2006). Raíces de sabiduría. México: Litográfica Ingramex. p. 323. ISBN 978-970-686-498-7. Consultado o 22 de outubro de 2011.
- ↑ "Estudios románicos". 1 - volúmenes 16-17. Murcia: Departamento de Filología Románica de la Universidad de Murcia. 2007. Consultado o 22 de outubro de 2011.
- ↑ Billeter, Erika (compiladora) (1989) [1988]. Das Blaue Haus. Die Welt de Frida Kahlo [La casa azul. El mundo de Frida Kahlo] (en alemán). Dirección editorial de Christoph Vitali (1ª ed.). Fráncfort, Bonn e Wabern-Bern (Suíza): Schirn Kunsthalle Frankfurt y VG Bildkunst Bonn. p. 256. ISBN 3-608-76279-5.
- ↑ Lema, Rafael (Novembro de 2022). "Alejandro Finisterre, o grande amor galego de Frida Kahlo". Luzes (109): 66–71.
- ↑ Tibol, Raquel (1980). Frida Kahlo. Über ihr Leben und ihr Werk (en alemán). Fráncfort: Neue Kritik. pp. 43-46.
- ↑ "Últimas palabras del diario de Frida Kahlo". www.fridakahlofans.com. Arquivado dende o orixinal o 28 de febreiro de 2009. Consultado o 06 de febreiro de 2019.
- ↑ Bartra, Eli (1994) pàg.73-75
- ↑ Frida Kahlo: El diario de Frida Kahlo. Un íntimo autorretrato. Introdución de Carlos Fuentes, Editorial Debate, 2002. ISBN 84-7444-918-9
- ↑ Rodríguez Prampolini, en Presentación de "Frida Khalo. Fantasía de un cuerpo herido" (1993), pp. 9-13.
- ↑ 41,0 41,1 41,2 41,3 Mejias (2006), pp. 84-97
- ↑ Kettenmann (1999), p. 61.
- ↑ "ICONOS: Kahlomanía".
- ↑ "8M: lanzan una Barbie inspirada en Frida Kahlo y la rechazan sus familiares" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2018. Consultado o 8 de marzo de 2018.
- ↑ Poniatowska, Elena (2000). Las siete cabritas. México: Era. ISBN 968-411-498-2.
- ↑ Krause, Barbara (1992). Diego ist der Name der Liebe : das Schicksal der Frida Kahlo. Neues Leben. ISBN 3-355-01350-1.
- ↑ Notimex. "Participa Anthony Kiedis en campaña para promover o voto". Periódico Digital (en castelán). Consultado o 22 de outubro de 2012.
- ↑ Dolores Mateos (19 de marzo de 2013). "Frida Kahlo la inspiración de Madonna". masaryk.tv. Consultado o 22 de setembro de 2013.
- ↑ "Madonna se inspira en Frida Kahlo para 'Rebel Hearth'". musica.univision.com. 24 de decembro de 2014. Consultado o 26 de decembro de 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Frida Kahlo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Amozurrutia, Alina (2011). 101 mujeres en la historia de México: Todo lo que un mexicano debería saber (epub) . Grijalbo.
- Barragán, Elisa.: Diego Rivera y los Escritores Mexicanos, Antología Tributaria, Universidad Nacional Autónoma de México, 1986.
- Del Conde, Teresa: Frida Kahlo. La pintora y el mito, UNAM, Instituto de Investigaciones Estéticas, México, 1992.
- Herrera, Hayden (1984). Frida: una biografía de Frida Kahlo. México: Diana. ISBN 978-968-131-684-6.
- Jamis, Rauda: Frida Kahlo. Autorretrato de una mujer, México, Editorial Diana, Edivisión, 1987
- Genschow, Karen (2007). "Wirkung". Frida Kahlo - Leben, Werk, Wirkung [Frida Kahlo - Vida, obra, impacto] (en alemán) (1ª ed.). Fráncfort del Meno: Suuhrkamp. p. 120. ISBN 3-518-18222-6.
- Herrera, Hayden (1984). Frida: una biografía de Frida Kahlo. México: Diana. ISBN 978-968-131-684-6. Consultado o 22 de outubro de 2011.
- Herrera, Hayden (2010) [1983]. Frida a Biography of Frida Kahlo [Frida Kahlo. Ein leidenschaftliches leben] (en alemán) (4ª ed.). Fráncfort del Meno: Fischer Taschenbuch Verlag. ISBN 978-3-59618037-0.
- Kahlo, Isolda P. (2004). Frida íntima. Ediciones Dipon y Ediciones Gato Azul.
- Kettenmann, Andrea (1999). Frida Kahlo (PDF). Taschen. ISBN 3-8228-6548-6. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de agosto de 2017. Consultado o 04 de febreiro de 2019.
- Lozano, Luis-Martín (2007). Frida Kahlo: El Círculo De Los Afectos. Bogotá: Cangrejo. ISBN 978-9588296166.
- Mejía Moreno, Raúl (2006). "El simbolismo en la obra de Frida Kahlo. "Frida el ser doble o Rebis la piedra filosofal"". El artista: revista de investigaciones en música y artes plásticas (3): 82–98. ISSN 1794-8614.
- Rodríguez Prampolini, Ida (1993). "Presentación". En Rico, Araceli. Frida Khalo. Fantasía de un cuerpo herido. 1993 Plaza y Valdés. ISBN 968-856-116-9.
- Salber, Linde (2006). Frida Kahlo (en castelán). Madrid: Edaf. ISBN 978-84-414-1769-4.
- Smith Edward, Lucie (1999). Vidas de los grandes artistas del siglo XX. Frida Kahlo. Ediciones Polígrafa. ISBN 84-343-0882-7.
- VV.AA. (2007). Frida (Segunda edición conmemoración de los 100 años del nacimiento de Frida Kahlo ed.). México: Océano. ISBN 978-970-777-341-7.
- VV.AA. (2010). Frida Kahlo. Sus fotos. Editorial RM. ISBN 978-84-92480-74-6.
- Franger, Gaby; Huhle, Rainer (2005). Fridas Vater. Der Fotograf Guillermo Kahlo [El padre de Frida. El fotógrafo Guillermo Kahlo] (en alemán). Incluye textos de Juan Coronel Rivera, Cristina Kahlo Alcalá, Helga Prignitz-Poda y Raquel Tribol (1ª ed.). Múnich: Schirmer-Mosel. ISBN 3-8296-0197-2.