Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Vitamina B7

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Biotina»)
Estrutura da biotina

A biotina, vitamina H ou vitamina B7 é unha vitamina, estable á calor, soluble en auga e alcol e susceptible á oxidación, que intervén no metabolismo dos hidratos de carbono, graxas e aminoácidos e purinas. Biotina deriva do grego bios (vida).

Alivia dores musculares, o eccema e a dermatite e tamén axuda a combater a depresión e a somnolencia. É esencial para a síntese e degradación de graxas e a degradación de certos aminoácidos. Non se levaron a cabo estudos definitivos sobre os requirimentos de biotina pola falta de coñecemento sobre a dispoñibilidade dela nos alimentos e a contribución microbiana, pero recoñécese que unha inxesta segura e adecuada desta vitamina é de 200-300 μg diarios.

Hai tres formas de biotina: biotina libre (a única útil para os seres humanos), biocitina (e-biotina-L-Lisina) e dous sulfóxidos L e D da biotina.

A súa historia comeza aproximadamente no ano 1916, cando Bateman observou un cambio na saúde das ratas que eran alimentadas con clara de ovo crúa. Observou que as ratas así alimentadas, comezaban cunha síndrome caracterizada por descamación, dermatite intensa, alopecia (perda do pelo) e trastornos neuromusculares.

Non foi senón ata 1936 que dous investigadores, Kogl e Tonnis, illaron a biotina da xema do ovo. Pero que sucedía co observado por Bateman? Nesa mesma década atopouse na clara crúa do ovo unha glicoproteína chamada avidina que tiña a característica de unirse de xeito irreversible coa biotina (complexo avidina biotina) e este complexo ten a particularidade de non poder ser absorbido polo tracto gastro-intestinal dos mamíferos. Polo cal Bateman observara, por primeira vez nun medio controlado, un déficit severo de biotina e as súas consecuencias.

A biotina atópase na célula unida cun resto específico de lisina (un aminoácido) formando a biocitina; a biocitina únese covalentemente a certos encimas relacionados coa formación ou a utilización do dióxido de carbono exercendo así función de coencima: actúa na transferencia (aceptor e donador) de dióxido de carbono en numerosas carboxilasas:

Todas estas encimas son esenciais nos procesos de duplicación celular, por iso o observado por Bateman ; ao privar de biotina ás ratas, comezaron con déficit de encimas celulares afectando inicialmente aos tecidos de rápida reprodución ou mitose (pel, cabelos, células de recubrimento axónico).

Pode ser deficitaria en individuos que reciben alimentación parenteral total durante varios anos. Os síntomas provocan a deterioración das funcións metabólicas descritas, eccema, dermatite seca e descamativa, palidez, náuseas, vómitos, anorexia, gran fatiga e depresión.

A carencia de biotina é rara e poucas veces observada, xa que a mesma está amplamente distribuída na alimentación e os requirimentos diarios mínimos son baixos, entre 200 e 300 μg por día. Ademais crese que as bacterias intestinais terían a propiedade de formar biotina ou de transformar metabolitos inactivos da biotina en biotina libre.

A biotina atópase amplamente distribuída nos alimentos, principalmente en ril, fígado, xema de ovo, fungos, algúns vexetais (coliflor, pataca) e froitas (plátano, uva, sandía e amorodos), cacahuete, fermento, leite, améndoas, noces, chicharros secos, peixe, polo e na xelea real.

Que pasa coa clara do ovo e a avidina? Só se atopa avidina activa na clara crúa do ovo xa que ao sometela a cocción neutralízase, non así a biotina que soporta altas temperaturas sen modificacións, polo cal comer ovos cocidos proporciona de biotina sen avidina, pero ao comelos crus non hai inxesta de biotina por inactivación da mesma coa avidina.

Entre outros síntomas, do déficit de biotina atópanse tamén: colite, glosite atrófica, anorexia e anemia leve. Todas, relacionadas coas células que requiren de rápidas mitose.

As dietas baixas en colesterol e graxas tamén son baixas en biotina.

Sobredosificación

[editar | editar a fonte]

A flora intestinal é capaz de sintetizar gran cantidade de biotina. A eliminación fecal e urinaria, moito máis elevada que a inxesta dietética, indica a magnitude de síntese por parte da microflora.

A biotina non rexistra casos coñecidos de sobredosificación, xa que ao ser hidrosoluble, elimínase con facilidade por vía renal, en forma de biotina libre ou dous metabolitos inactivos Bis-norbiotina e biotina sulfóxido. Crese que as bacterias intestinais poderían xerar biotina ou que terían capacidade de reciclar metabolitos inactivos a biotina libre (isto último ten un baixo nivel de evidencia científica).

Nalgún momento, indicouse para o crecemento do cabelo ou as uñas quebradizas, isto non ten suficiente nivel de evidencia científica, pero si empírica.