Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Biblioteca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Biblioteca Legado Ma Victoria Moreno, no IES G. Torrente Ballester de Pontevedra.

Biblioteca (do grego βιβλιοϑήκη, composto de βιβλίον, "libro", e ϑήκη "caixa, depósito"), na definición tradicional do termo, é un espazo físico en que se gardan libros. De maneira mais ampla, biblioteca é todo espazo (concreto, virtual ou híbrido) destinado a unha colección de informacións de calquera tipo, sexan escritas en papel (novelas, monografías, enciclopedias, dicionarios, manuais etc) ou dixitalizadas e almacenadas noutros tipos de soportes físicos, tales como CD, VHS, DVD ou bases de dados informatizadas. Máis recentemente, as bibliotecas enténdense como unha extensión máis alá das paredes físicas dun edificio, coa inclusión de material accesible por medios electrónicos, e proporcionando información e axuda a través do acceso a cantidades enormes de información e coñecemento por medio dunha gran variedade de instrumentos dixitais.

Por extensión, o termo biblioteca aplícase tamén a un conxunto de libros, ou ao moble onde se colocan libros.

A disciplina que rexe o funcionamento das bibliotecas é a Bibliotecoloxía, que é o conxunto de actividades técnicas e científicas que ten como finalidade o coñecemento da información, dos materiais en que se presenta e do lugar en que se fai uso dela, para con isto responder mellor en calidade e cantidade ás demandas de información que fai a sociedade.

O Emperador Constantino reuniu máis de 6900 volumes na biblioteca por el fundada en Constantinopla a cal contaba 100.000 á morte do Emperador Teodosio II e foi incendiada no ano 477.

Biblioteca de Celsus, en Efeso, Turquía.

As primeiras bibliotecas que se ten noticia son chamadas "minerais", pois os seus acervos estaban constituídos de tabletas de arxila; despois viñeron as bibliotecas vexetais e animais, constituídas de rolos de papiros e pergamiños. Estas eran as bibliotecas dos babilonios, asirios, exipcios, persas e chineses. Máis tarde, coa chegada do papel, fabricado polos árabes, comézanse a formar as bibliotecas de papel e, máis tarde, as de libro propiamente dito. Ata o momento, os historiadores cren que a biblioteca máis antiga foi do rei Assurbanipal (século VII a.C.), cuxo acervo estaba formado de placas de arxila escritas en caracteres cuneiformes. Pero ningunha foi tan famosa como a biblioteca de Alexandría, en Exipto. Tería de 40 a 60 mil manuscritos en rolos de papiro, chegando a posuír 700 mil volumes. A súa fama atribúese, ademais da a gran cantidade de documentos, aos tres grandes incendios de que foi vítima. Pero outras bibliotecas tamén tiveron grande importancia, como as bibliotecas xudaicas en Gaza, a de Nínive eu a biblioteca de Pérgamo, que foi incorporada á de Alexandría, antes da súa destrución. Os gregos tamén posuían bibliotecas, pero as máis importantes eran particulares de filósofos.

Na Idade Media, desde a invasión dos bárbaros, refuxiadas as ciencias e as letras nos mosteiros e catedrais como únicos centros do saber naquela época, a estes debe acudirse para achar bibliotecas na Europa occidental ata finais da Idade Media. Nos documentos dos séculos IX, X e XI, fálase con frecuencia de coleccións de libros que os bispos deixaban en testamento ás bibliotecas de igrexas e mosteiros e notoria é a solicitude que os monxes despregaban para conservalas e enriquecelas. Pero non adoitaban constar de moitos exemplares tales bibliotecas pois aínda a dos Papas no palacio de Aviñón que foi unha das máis completas no século XIV, só chegou a reunir uns 2000 códices. A primeira de que se ten noticia en España foi a de San Martiño de Dumio no seu mosteiro de Dumio (Portugal) cara ao ano 560, despois bispo de Braga; seguíronlle no século VII a de Santo Isidoro de Sevilla e as de San Braulio e Tajón en Zaragoza.

No século XIII, comezou a ter importancia a biblioteca nos palacios de reis e magnates seguindo en auxe de século en século e foron soados as de Afonso X o Sabio, Xaime II e sucesores en Aragón, brillando sobre todo a de Matías Corvino en Hungría, xa no século XV sen falar das episcopais e as pontificias.

Panorámica da biblioteca do Museo Británico en Londres.

Desde a invención da imprenta o número e o engrandecemento das bibliotecas foi en progresión crecente. Francia posuía só en París na época da revolución de 1793, máis de 1000 bibliotecas públicas, sobresaíndo a Biblioteca Nacional.

Logo de 1789 fundáronse moitas bibliotecas en cada país. Na actualidade estas bibliotecas poden ser consultadas a través dos seus catálogos en liña a través de Internet.

Tipoloxía bibliotecaria

[editar | editar a fonte]

As bibliotecas pódense clasificar atendendo a varios criterios (usuarios, acceso, ámbito xeográfico etc.) pero as máis utilizadas son as que propón a UNESCO e a IFLA (International Federation of Library Associations):

Clasificación UNESCO

[editar | editar a fonte]
Sala de lectura da Biblioteca do estado de Vitoria, Australia
  1. Bibliotecas Nacionais: As denominadas "bibliotecas nacionais" están financiadas con fondos públicos e cumpren unha dobre finalidade: proporcionar material bibliográfico de investigación para calquera disciplina, e conservar e difundir o patrimonio cultural (referente a información rexistrada ao longo do tempo) de cada país. En xeral, cada Estado ten unha biblioteca que é considerada "nacional" e cuxos obxectivos son os antes apuntados. Por só citar algúns casos paradigmáticos, sirvan como exemplos a Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos, a Biblioteca Británica, a Biblioteca Nacional de España, a Biblioteca Nacional de Francia, a Biblioteca Nacional da Arxentina, a Biblioteca Nacional de México, a Biblioteca Nacional de Chile, a Biblioteca Nacional de Colombia e a Biblioteca Nacional de Venezuela.
  2. Bibliotecas de institucións de ensino superior: Son as bibliotecas das facultades, escolas e demais unidades académicas das universidades e centros de ensino superior difiren das bibliotecas de investigación. Están ao servizo dos seus estudantes e teñen que apoiar os programas educativos e de investigación das institucións en que se atopan integradas, das que obteñen, por regra xeral, o seu financiamento.
  3. Outras bibliotecas importantes non especializadas: De carácter científico e erudito, nin universitarias nin nacionais. Ex: Bibliotecas rexionais.
  4. Bibliotecas escolares: estas complementan os programas das institucións ás que pertencen, aínda que tamén dispón de libros non académicos para fomentar o hábito da lectura. Moitas contan con distintos medios audiovisuais e electrónicos. O seu financiamento procede das institucións escolares nas que están integradas.
  5. Bibliotecas especializadas: As bibliotecas especializadas están deseñadas para responder a unhas necesidades profesionais concretas. Por iso, adoitan depender de empresas, sociedades, organizacións e institucións específicas, que proporcionan aos seus empregados e clientes estes servizos durante o seu traballo. A formación do persoal dunha biblioteca especializada inclúe coñecementos tanto da materia que cobren os seus fondos como de biblioteconomía.
  6. Bibliotecas públicas: As bibliotecas públicas pretenden responder á ampla gama de necesidades que poden demandar os seus usuarios. Ademais de obras literarias clásicas, os seus fondos poden estar integrados por textos que proporcionan información sobre servizos sociais, obras de referencia, discos, películas e libros recreativos. Moitas delas patrocinan e organizan actos culturais complementarios, tales como conferencias, debates, representacións teatrais, concertos musicais, proxeccións cinematográficas e exposicións artísticas. Neste sentido, deben ser mencionados os servizos infantís, sección característica das bibliotecas públicas que promove sesións literarias, procura a existencia dunha pequena biblioteca infantil e, en ocasións, ata dispón de dependencias con xoguetes. Dado que o obxectivo das bibliotecas públicas é satisfacer as necesidades do maior número posible de cidadáns, tamén adoitan contar con máquinas de lectura e audición, así como con libros impresos en formatos especiais (por exemplo co sistema braille) para persoas que padecen problemas de visión. O financiamento destas bibliotecas procede dos poderes públicos locais.

Clasificación IFLA

[editar | editar a fonte]
O edificio Marie-Elisabeth Lüders acolle a nova biblioteca do Reichstag (Parlamento Alemán), unha das maiores do mundo.
  1. Bibliotecas xerais de investigación
    1. Bibliotecas Nacionais
    2. Bibliotecas parlamentarias
    3. Bibliotecas universitarias
    4. Outras bibliotecas de información xeral.
  2. Bibliotecas especializadas
    1. Administración ou Dereito Administrativo
    2. Arte
    3. Bioloxía
    4. etc.
  3. Bibliotecas ao Servizo do Público en xeral
    1. Infantís
    2. Para cegos
    3. Para persoas discapacitadas
    4. Para minorías culturais
    5. Públicas
    6. Escolares

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]