Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Asclepio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estatua do deus Asclepio, Museo Arqueolóxico de Atenas.

Asclepio[1] (en grego Ασκληπιός = Asklepios, en latín Aesculapius, de onde vén o nome alternativo Esculapio) era na mitoloxía grega o deus da medicina.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Era tido por fillo de Apolo e de Coronis (filla de Flexias, rei dos lapitas). Asclepio representa o aspecto curativo das artes médicas, mentres as súas fillas Aceso, Iaso, Hixía, Aglaea e Panacea (literalmente "que todo o cura") simbolizan o poder da limpeza, da menciña e da saúde.

Podía aparecer representado como unha simple serpe ou cobra; porén a representación máis frecuente era a dun home barbado, cuberto cun manto que deixaba un ombro ao aire, portando na man esquerda un caxato, arredor do cal se enrosca unha serpe, figuración que por veces é confundida co caduceo de Hermes. En ocasións figura aos seus pés un galo, símbolo da vixilancia.

Asclepio aprendeu a ciencia da curación so guía do centauro Quirón, que lle ensinou todos os secretos das plantas. Como médico acompañou aos argonautas na busca do vélaro de ouro. Mais Asclepio superaría ao seu mestre, pois non só sandaba, senón que mesmo comezou a resucitar os mortais. Tamaña ousadía tróuxolle a animadversión do deus do ultramundo, Hades. En castigo, un lóstrego lanzado por Zeus acabou coa súa vida. A súa tumba colócase en Epidauro, sobre a que se ergue un templo.

Despois da súa morte recibiu culto. O máis famoso dos seus santuarios foi o de Epidauro, no Nordeste do Peloponeso. Outros santuarios de sona foron o da illa de Cos, onde parece que Hipócrates, fundador da medicina racional, comezou a súa carreira; o de Trikala e o de Pérgamo, en Asia Menor, lugares onde se chegou a organizar un sacerdocio especializado, ausente na maior parte do mundo helénico. Para Elio Arístide (Discursos sagrados), Asclepio é o máis grande dos deuses e o máis querido dos mortais. A doutrina hermética transfórmao nun deus conservador do Universo.

En honra de Asclepio usábanse serpes non ritos de curación. Cobras non velenosas deixábanse en cestas no chan dos cuartos onde doentes e feridos durmían. A comezos do 300 a.C., o culto de Asclepio foi popularísimo. Os seus templos eran denominados asclepieion e os peregrinos acudían a eles para ser curados. Durmían toda a noite e contaban os seus soños a un sacerdote no día seguinte (incubatio). O sacerdote entón prescribía unha cura, a miúdo consistente nunha visita aos baños ou ao ximnasio. Lewis Farnell sostén que nalgún deses templos usábanse cans sagrados para lamber as feridas dos enfermos demandantes.

O orixinal e antigo xuramento hipocrático comezaba cunha invocación na que figuraba Asclepio: "Xuro por Apolo Curador e por Asclepio e por Hixía e Panacea e por todos os deuses...". Os eruditos manteñen que este xuramento non debeu ser redactado por Hipócrates, senón por outros da súa escola ou ben por seguidores de Pitágoras.

  1. "Asclepio". Diciopedia do século 21 I. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 212.