Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Cyrus Edwin Dallin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaCyrus Edwin Dallin

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento22 de novembro de 1861 Editar o valor en Wikidata
Springville, Estados Unidos de América (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte14 de novembro de 1944 Editar o valor en Wikidata (82 anos)
Arlington, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaMount Pleasant Cemetery (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
ResidenciaTaylor-Dallin House (en) Traducir (1899–1944) Editar o valor en Wikidata
RelixiónUnitarismo Editar o valor en Wikidata
EducaciónAcademia Julian (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Altura174 cm Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoEscultura Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónescultor, arqueiro Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1890 Editar o valor en Wikidata - 1944 Editar o valor en Wikidata
EmpregadorUniversidade Drexel (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Membro de
Nacionalidade deportivaEstados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Deportetiro con arco Editar o valor en Wikidata
Participou en
1904archery at the 1904 Summer Olympics – men's team round (en) Traducir  (Medalla de bronce olímpica) Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables

Descrito pola fonteEncyclopædia Britannica
The Encyclopedia Americana (mul) Traducir Editar o valor en Wikidata
WikiTree: Dallin-20 Find a Grave: 28246064 Editar o valor en Wikidata

Cyrus Edwin Dallin, nado en Springville, Utah, o 22 de novembro de 1861 e finado en Arlington, Massachusetts, o 14 de novembro de 1944, foi un escultor e deseñador de moeda estadounidense.

Destaca polas súas representacións de nativos norteamericanos, cun coidadoso tratamento da súa anatomía e da súa indumentaria, o que os dotaba de grande autenticidade e dignidade.[1]

Ademais da súa actividade artística, Dallin dedicouse tamén ao tiro con arco, e mesmo competiu nos Xogos Olímpicos de Verán de 1904, que tiveron lugar en San Luís, nos que gañou a medalla de bronce na competición por equipos.[2][3]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

Cyrus E. Dallin naceu en 1861, nunha cabana de madeira en Springville, no daquela coñecido como territorio de Utah,[4] fillo duns pioneiros mormóns,[1] Jane Hamer e Thomas Dallin.[5][6][7]

A súa infancia transcorreu con moitas necesidades, facendo os labores habituais da vida agrícola,[8] preto dos asentamentos dos indios paiute e ute, que se achegaban á vila para comerciar, e esta proximidade marcou a súa carreira artística posterior.[9] De rapaz, modelaba lobos, antílopes, búfalos e outros animais salvaxes da súa contorna,[1] e segundo el mesmo, foi a comunidade indíxena a que espertou nel o interese pola arte:[10]

Hipnotizoume bastante a beleza das súas decoracións. Experimentaba emocións extáticas cada vez que vía un destes espléndidos homes cos seus magníficos atavíos.

En 1879, cando traballaba co seu pai nunha mina, uns mineiros viron algunhas das estatuíñas que Dallin elaborara con arxila e decidiron envialas á feira de Salt Lake City, xunto con outros dous debuxos do incipiente artista. Estas primeiras creacións foron moi apreciadas por dous ricos comerciantes, Blanchard e Lawrence, que decidiron impulsar os estudos de Dallin e sufragaron o seu desprazamento a Boston, na primavera de 1880, para que puidese estudar escultura con Truman Howe Bartlett.[11][12][13]

Anos máis tarde viaxaría a París, para ingresar na prestixiosa Académie Julian, onde, entre outros, estudou con Henri Chapu no curso 1888-1889.[12][13] En 1889 chegou a aprobar o exame de acceso á École des Beaux-Arts de París, aínda que non chegou a ingresar nesta institución académica.[14]

Carreira artística

[editar | editar a fonte]
Paul Revere (1885-1940).
Boston.[15]

En 1883, Dallin gañou a un concurso para esculpir unha estatua ecuestre de Paul Revere para a cidade de Boston. Os modelos expuxéronse na galería do Boston Art Club en abril de 1884 e o contrato para a elaboración do monumento asinouse en 1885. Aínda que as primeiras versións que Dallin presentou do seu modelo foron rexeitadas por diferentes motivos —o que ocasionou sucesivas prórrogas do contrato—,[16] a sétima versión que presentou foi finalmente aceptada en 1939, e a estatua acabou inaugurándose o 22 de setembro de 1940.[17][18][15] Con este traballo, Dallin gañou un concurso de arte ecuestre.[1]

En Boston, Dallin tivo como colegas a Augustus Saint-Gaudens e de John Singer Sargent.

Logo do seu matrimonio en 1891, regresou a Utah para traballar na escultura do anxo Moroni.[19] Ao non ser membro da Igrexa de Xesús Cristo dos Santos dos Últimos Días, xa que se convertera ao unitarismo, Dallin rexeitara inicialmente a oferta de esculpir o anxo Moroni para a agulla do templo de Salt Lake, pertencente a esa comuñón.[20] Máis tarde, no entanto, acabou aceptando a encarga e, logo da conclusión da estatua en 1893, dixo: "O meu anxo Moroni achegoume a Deus máis que calquera outra cousa que eu fixera".[21][22] Esta estatua converteuse nun símbolo da igrexa mormona e foi o modelo para outras estatuas de Moroni nas agullas dos templos da Igrexa de Xesús Cristo dos Santos dos Últimos Días.[23]

O anxo Moroni de Cyrus Edwin Dallin no cumio do templo mormón de Salt Lake City.[20]

Durante o ano 1894 foi profesor de modelaxe no Drexel Institute de Filadelfia, Pensilvania,[1] en tanto que concluía a súa estatua de Isaac Newton (1895) para a Biblioteca do Congreso.[24]

En 1897 viaxou a París para continuar a súa formación con Jean Dampt, e permaneceu nesa cidade durante case tres anos.[25] En 1889 fixo amizade coa destacada pintora europea Rosa Bonheur, e xuntos viaxaron a Neuilly, área metropolitana de París, para debuxar os animais e os personaxes do espectáculo Buffalo Bill Cody's Wild West Show no seu campamento.[13][26] No Salón de París de 1897 presentou unha estatuíña de Don Quixote.[25]

En 1899 seguinte, Dallin volveu a Arlington, Massachusetts, xunto coa súa muller e os seus fillos, e o ano seguinte presentou 14 das súas obras e fotografías doutras sete nunha exposición organizada polo St. Botolph Club, de Boston. [27]

Entre 1899 a 1941, Cyrus Edwin Dallin foi membro do claustro de profesores da Massachusetts Normal Art School —o actual Massachusetts College of Art and Design—, en Boston.[1] En 1912, foi elixido membro asociado da National Academy of Design, da que pasou a ser académico de número en 1930. Tamén foi membro da Sociedade Nacional de Escultura e da Asociación Nacional de Artes e Letras.[28]

Esculturas ecuestres de indíxenas

[editar | editar a fonte]

Estre as obras máis significativas de Dallin está unha serie de catro esculturas ecuestres de indíxenas: A Signal of peace ou The Welcome ("Sinal de paz" ou "A benvida"), de 1890; The Medicine Man ou The Warning ("O xamán" ou "A advertencia"), de 1899; Protest of the Sioux ou The Defiance ("Protesta dos siux" ou "O desafío", de 1904; e Appel to the Great Spirit ("Chamamento ao grande espírito") de 1908. Para Dallin a creación destas obras supuxo un medio de utilizar os estudos preliminares que realizara tras visitar o espectáculo do campamento de Buffalo Bill en Neuilly, Francia, na compaña de Rosa Bonheur, mentres estudaba en París en 1888.[1][29]

A Signal of Peace exhibiuse na Exposición Universal de 1893. William A. Coffin escribiu en The Nation, o 3 de agosto de 1893, que se trataba dunha das mellores obras amosadas polos americanos nesa mostra, e nela recibiu unha medalla e un diploma. Este monumento foi inaugurado en Lincoln Park en xuño de 1894.[36]

The Medicine Man presentouse no Salón de París de 1899, onde tivo un lugar de privilexio,[37] e na Exposición Universal de París de 1900, onde gañou unha medalla de ouro,[38] e logo instalouse no parque Fairmount de Filadelfia en 1903.[39]

A versión de tamaño natural de Protest of the Sioux amosouse na Exposición Universal de 1904, onde gañou unha medalla de ouro. O valente a cabalo que axita desafiante o puño ante o inimigo nunca foi fundido en bronce a tamaño natural e só se conserva en forma de estatuíña. No Museo de Arte de Springville, Utah, consérvase unha versión en bronce dun terzo de tamaño, fundida en 1986.[33][40]

Appeal to the Great Spirit converteuse nunha icona da arte estadounidense e é unha das obras máis famosas de Dallin. A versión a tamaño real fundiuse en bronce en París e gañou unha medalla de ouro no Salón de 1909. Instalouse fronte á entrada principal do Museo de Belas Artes de Boston en 1912.[35] Tamén hai outras versións máis pequenas da obra en diversos museos estadounidenses e na colección permanente da Casa Branca. En 1929, instalouse en Muncie, Indiana, unha versión a tamaño natural desta obra fundida en bronce, supervisada e aprobada persoalmente por Dallin, que moitos residentes consideran un símbolo da súa cidade.[41] En 1923 regalóuselle unha versión en xeso dun terzo de tamaño ao Central High de Tulsa, Oklahoma, e en 1985 ese xeso utilizouse para fundir unha versión en bronce dun terzo de tamaño, que agora se acha en Woodward Park, Tulsa.[42]

A moeda do tricentenario dos Peregrinos

[editar | editar a fonte]
½ dólar do Tricentenario dos Peregrinos (1920-1921).

Cando a Comisión do Tricentenario dos Peregrinos acadou a aprobación para a emisión dunha moeda de medio dólar do tricentenario da chegada dos Peregrinos, elaborou uns esbozos e encomendoulle a Dallin que completase o deseño e elaborase os correspondentes modelos en xeso do anverso e do reverso, traballo que concluíu en agosto de 1920,[43] e que contou coa aprobación da Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos.[44]

No seu anverso, a moeda presenta unha figura de medio corpo de William Bradford, gobernador da colonia de Plymouth, un personaxe a quen Dallin tamén lle dedicou unha escultura no mesmo 1920, titulada Governor William Bradford. Pola súa banda, no reverso represéntase o buque Myflower, no que viaxaron os Pais Peregrinos.[45][46] Os modelos de xeso presentados inicialmente por Dallin engadían as súas iniciais, CED, a modo de marca de gravador,[47] mais na versión finalmente cuñada elimináronse e, no canto delas, colocouse unicamente un D baixo o cóbado de Bradford, probablemente impreso con posterioridade nos cuños mediante un punzón utilizado normalmente para crear a marca de ceca D, propia da Ceca de Denver, aínda que a cuñaxe se produciu na Ceca de Filadelfia, en senllas tiraxes en 1920 e 1921.[48]

O historiador da arte Cornelius Vermeule considerou esta moeda de Dallin como "unha obra mestra na tradición conservadora",[49] e suxeriu que o retrato do anverso estaba influído por Augustus Saint-Gaudens e a súa escultura "O Puritano". Ademais, Vermeule considera que o barco do reverso supuxo un presaxio dos barcos —polo menos cinco— que aparecerían nas moedas conmemorativas estadounidenses da década de 1930: "Visto desde a popa sobre as ondas, o barco dos peregrinos é impresionante".[50]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Dallin casou con Vittoria Colonna Murray en xuño de 1891.[5][19] A parella fixou a súa residencia en Arlington, Massachusetts, en 1900, onde se criaron os seus tres fillos.[51]

Cyrus Edwin Dallin faleceu o 14 de novembro de en 1944 en Arlington Heights,[1] e foi soterrado no cemiterio Mount Pleasant de Arlington.[7]

O Museo de Arte Cyrus E. Dallin, chamado así na súa honra, en Arlington, Massachusetts.

Máis de sesenta obras de Dallin están recollidas no Museo Cyrus E. Dallin, da Jefferson Cutter House de Arlington, e moitas outras das súas esculturas están polos seus arredores.[52] Nesa cidade, unha escola de educación primaria leva tamén o seu nome.[53]

No Museo de Arte de Springville, na súa cidade natal, expóñense máis de 30 obras súas.[54] Nesa cidade, a Casa Dallin, situada en East Street, está inscrita no Rexistro Nacional de Lugares Históricos.[55]

Os documentos de Dallin áchanse nos arquivos de arte dos Estados Unidos do Instituto Smithsoniano.[56]

Por outra banda, os Beach Boys basearon o logotipo do seu selo discográfico Brother Records na escultura de Dallin Appeal to the Great Spirit.[57][58] En 2020, o Museo de Arte Hood, do Dartmouth College de Hanover, New Hampshire, encargoulle unha obra ao artista cree Kent Monkman, que pintou The Great Mystery, unha interpretación de Appeal to the Great Spirit, con tamaño aproximado da metade da orixinal de Dallin.[59]

Entre 2017 e 2020, un cabalo de carreiras chamado Cyrus Dallin participou nas competicións hípicas do Reino Unido.[60]

Escolma de obras

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 "Cyrus Dallin". Askart.com
  2. "Cyrus Dallin". Olympedia.org
  3. "Cyrus Edwin Dallin". Olimpics.com
  4. Downs, W. W. (1899). Páxina 1.
  5. 5,0 5,1 "Cyrus Edwin Dallin". Utah History Encyclopedia (UEN.org).
  6. "Thomas and Jane Hamer Dallin Family". Digital Collections. BYU Library.
  7. 7,0 7,1 "Cyrus Edwin Dallin". Findagrave.com
  8. Downs, W. W. (1899). Páxina 2.
  9. Downs, W. W. (1899). Páxinas 4-5.
  10. May, S. (1912). Páxina 408.
  11. Downs, W. W. (1899). Páxina 5.
  12. 12,0 12,1 Francis, R. (1976). Páxinas 27-28.
  13. 13,0 13,1 13,2 May, S. (1912). Páxina 413.
  14. Downs, W. W. (1899). Páxina 9.
  15. 15,0 15,1 "Paul Revere, (sculpture)". Art Inventories Catalog. Smithsonian Institution (SI.edu).
  16. Downs, W. W. (1899). Páxinas 6-9.
  17. "Paul Revere Monument". Paul Revere Heritage Project (Paul-revere-heritage.com).
  18. "Boston Waited 56 Years For This Famous Statue". En Daily Boston Globe. 15 de setembro de 1940. Páxina A1.
  19. 19,0 19,1 Downs, W. W. (1899). Páxina 12.
  20. 20,0 20,1 "Angel Moroni, (sculpture)". Art Inventories Catalog. Smithsonian Institution (SI.edu).
  21. Levi, E. Y. (1953). "The Angel Moroni and Cyrus Dallin". En Improvement Era. Abril. Páxina 234.
  22. "Sculptor's Works Top Temple Towers Worldwide". The Church of Jesus Christ of Latter-Days Sants (Churchofjesuschrist.org).
  23. Broder, P. J.; McCracken, H. (1974). Bronzes of the American West. Harry N. Abrams, Nova York. ISBN 978-0-8109-0133-9
  24. Downs, W. W. (1899). Páxinas 15-16.
  25. 25,0 25,1 Downs, W. W. (1899). Páxina 16.
  26. Francis, R. G. (1976). Páxinas 27, 39-40.
  27. Sculpture by Cyrus E. Dallin 1900. St. Botolph Club. 1900.
  28. Exhibition of American Sculpture. Catalogue. The National Sculpture Society. 1923. p. 43.
  29. May, S. (1912). Páxinas 413-414.
  30. "A Signal of Peace, Chicago, Illinois, from the series The American Monument". Smithsonian Institution (SI.edu).
  31. "The Medicine Man, (sculpture)". Art Inventories Catalog. Smithsonian Institution (SI.edu).
  32. "The Protest, (sculpture)". Art Inventories Catalog. Smithsonian Institution (SI.edu).
  33. 33,0 33,1 May, S. (1912). Páxina 412.
  34. "Appeal to the Great Spirit, (sculpture)". Art Inventories Catalog. Smithsonian Institution (SI.edu).
  35. 35,0 35,1 "The Appeal to the Great Spirit. Cyrus E. Dallin". En Art and Progress. Xuño de 1913.
  36. Downs, W. W. (1899). Páxinas 10-12.
  37. Downs, W. W. (1899). Páxina 18.
  38. "Cyrus Dallin". Bronze Gallery (Bronze-gallery.com).
  39. May, S. (1912). Páxina 414.
  40. Newman, A. (2023). "Cyrus Dallin Part Two". Anart4life.com
  41. "Appeal to the Great Spirit". City of Muncie (Cityofmuncie.com).
  42. "Appeal to the Great Spirit, (sculpture)". Art Inventories Catalog. Smithsonian Institution (SI.edu).
  43. Slabaugh, A. R. (1975). United States Commemorative Coinage (2ª ed.). Whitman, Racine. ISBN 978-0-307-09377-6. Páxina 43.
  44. Taxay, D. (1967). An Illustrated History of U.S. Commemorative Coinage. Arco, Nova York. ISBN 978-0-668-01536-3. Páxinas 48-51.
  45. "½ Dollar Pilgrim Tercentenary". Numista.com
  46. "Pilgrim Tercentenary Half Dollar". United States Mint (USMint.gov).
  47. Swiatek, A. (2012). Encyclopedia of the Commemorative Coins of the United States. KWS, Chicago. ISBN 978-0-9817736-7-4. Páxina 115.
  48. Bowers, Q. D. (1991). Commemorative Coins of the United States. A Complete Encyclopedia. Bowers and Merena Galleries, Wolfeboro. ISBN 978-0-943161-35-8. Páxina 142.
  49. Vermeule, C. (1971). Numismatic Art in America. Harvard University Press. ISBN 978-0-674-62840-3. Páxina 160.
  50. Vermeule, C. (1971). Páxinas 161-162.
  51. May, S. (1912). Páxina 415.
  52. "The Museum". Cyrys Dallin Art Museum (Dallin.org).
  53. "Dallin Elementary School". Dallin.arlington.k12.ma.us
  54. "Springville Museum of Art". SMOFA.org
  55. "Dallin House". National Register Information System. National Register of Historic Places (Npgallery.nps.gov). 14 de marzo de 1994..
  56. "Cyrus Edwin Dallin papers, circa 1878-circa 1970". Archives of American Art. Smithsonian Institution (SI.edu).
  57. Proebe, L. (1995). "The Beach Boys' Brother Records Logo". En Priore, D. (ed.). Look, Listen, Vibrate, Smile!. Last Gasp. Páxina 141. ISBN 0-86719-417-0
  58. White, T. (2000). "The Beach Boys: Sons of the Pioneers". En Billboard. Vol. 112. Nº 10. 4 de marzo. Prometheus Global Media.
  59. Powell, J. (2023). "Kent Monkman: The Great Mystery". En Hood Museum. 31 de marzo.
  60. "Cyrus Dallin". Thoroughbred Database. Pedigree Online (Pedigreequery.com).
  61. "Lafayette (model for colossal statue)". Americanart.si.edu
  62. "Sir Isaac Newton, (sculpture)". Art Inventories Catalog. Smithsonian Institution (SI.edu).
  63. "The Picket - Hanover, PA". Waymarking.com
  64. "Soldiers and Sailors Monument, (sculpture)". Art Inventories Catalog. Smithsonian Institution (SI.edu).
  65. "The Scout, (sculpture)". Art Inventories Catalog. Smithsonian Institution (SI.edu).
  66. "The Scout. Cyrus E. Dallin". En The American Magazine of Art. Setembro de 1916.
  67. May, S. (1912). Páxina 411.
  68. "The Pennsylvania State Memorial: Winfield Scott Hancock, (sculpture)". Art Inventories Catalog. Smithsonian Institution (SI.edu).
  69. "Alma Mater, (sculpture)". Art Inventories Catalog. Smithsonian Institution (SI.edu).
  70. "William Bradford, (sculpture)". Art Inventories Catalog. Smithsonian Institution (SI.edu).
  71. "Massasoit, (sculpture)". Art Inventories Catalog. Smithsonian Institution (SI.edu).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Burns, E. (2018). "Political Contestation in Cyrus Dallin's American Indian Monuments". En Archives of American Art Journal. Vol. 57. Nº1. Páxinas 4-21.
  • Francis, R. G. (1976). Cyrus E. Dallin Let Justice Be Done. Cyrus Dallin Art Museum.
  • Downs, W. W. (1899). "Cyrus E. Dallin, Sculptor". En Brush and Pencil. Vol V. Nº1. Outubro. Páxinas 1-18.
  • Hodges, K. T. (1924). "Dallin the Sculptor. His Indian Stories in Marble". En The American Magazine of Art. Vol. 15, Nº 10. Outubro. Páxinas 521-527.
  • May, S. (1912). "The Work of Cyrus E. Dallin". En The New England Magazine. Vol. XLVIII. Nº 3. Novembro de 1912. Páxinas 408-415.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]