Támara Echegoyen
(2012) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Támara Echegoyen Domínguez 17 de febreiro de 1984 (40 anos) Ourense, España |
Actividade | |
Ocupación | regatista |
Deporte | vela |
Participou en | |
2016 | Vela nos Jogos Olímpicos de Verão de 2016 - 49er feminino (pt) (4ª) |
2012 | Xogos Olímpicos de 2012 |
2012 | Vela nos Jogos Olímpicos de Verão de 2012 - Elliott 6 m (pt) (1ª) |
Vela nos Jogos Olímpicos de Verão de 2020 - 49erFX (pt) (4ª) | |
Támara Echegoyen Domínguez, nada en Ourense o 17 de febreiro de 1984,[1] é unha regatista galega. Participou en catro Xogos Olímpicos (Londres 2012, Río de Xaneiro 2016, Toquio 2020 e París 2024). Na edición de Londres converteuse na primeira muller galega en gañar unha medalla de ouro olímpica, xunto á súa compañeira Sofía Toro.
Ademais, foi tres veces campioa do mundo da clase Vaurien (2001, 2002 e 2005), campioa do mundo de match race en 2013 e dúas veces campioa do mundo de 49er FX (2016 e 2020).
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Os seus pais puxéronlle de nome Támara, o antigo nome do río Tambre.[2][3] Nada en Ourense, mudouse pouco despois coa familia a Viascón, Cotobade. Comezou a navegar aos cinco anos pola ría de Pontevedra no Pombiña, o barco de seu tío Miguel. Empezou a competir en vela por influencia de seu irmán Adrián, quen practicaba ese deporte.[4]
Formouse no Real Club de Mar de Aguete, o Real Club Náutico de Sanxenxo, o Club de Mar de Vilagarcía, o Club Náutico de Castrelo de Miño e o Real Club Náutico de Vigo. Neste último tivo de mestre ao regatista Pablo Iglesias.[4] Comezou na clase Optimist, pasando logo ás clases Cadete e Vaurien. Nesta última proclamouse campioa de España, dúas veces campioa de Europa (2000 e 2004) e campioa do mundo feminina en Italia en 2001, formando parella con Alba Rego. Revalidou o título o ano seguinte en Póvoa de Varzim con Clara Giraldo.[5][6] En xullo de 2005 en Sanxenxo logrou o seu terceiro título mundial na clase Vaurien.[7][4]
Posteriormente pasou a competir na clase Laser e logo en 470. Foi preseleccionada para os Xogos Olímpicos de 2008, aínda que finalmente non se clasificou. En 2009 conquistou o primeiro campionato de España de match race individual e o ano seguinte obtivo o título por equipos, como patroa do Mexillón de Galicia, do Liceo Casino de Vilagarcía. Figuraban na tripulación a asturiana Ángela Pumariega e a coruñesa Sofía Toro.[8][9] Uns meses despois, co mesmo equipo, proclamouse campioa iberoamericana de 2010.[10] En 2011 revalidou o título español e conseguiu ademais o campionato de Europa.[4] En decembro dese ano disputou o Mundial da clase Elliott 6m, celebrado en Perth, Australia, onde acadou os cuartos de final.
En febreiro de 2012, de novo xunto a Sofía Toro e Ángela Pumariega, clasificou a España para os Xogos Olímpicos de 2012 de Londres, no campionato preolímpico en Cayo Vizcaíno (Miami), ao remataren na segunda praza.[11] Dous meses despois a Federación Española de Vela seleccionounas para navegar co barco español en Londres, na primeira ocasión en que a clase Elliott 6m era olímpica. Na capital británica gañaron 8 das 11 regatas da primeira rolda, eliminaron a Francia nos cuartos de final e a Rusia nas semifinais. Competiron na final fronte á embarcación australiana. Despois das primeiras catro regatas da final o resultado foi de 2-2. Na quinta e última regata, a decisiva, unha vitoria foi para o barco español. Deste xeito Támara Echegoyen e Sofía Toro converténronse nas primeiras mulleres galegas en gañar un ouro olímpico.[12]
En xuño de 2013, na cidade surcoreana de Busan, proclamouse campioa do mundo de Match race xunto a Sofía Toro, Eva González Moujir, Mariana Lobato e Lara Cacabelos.[13] Pasou logo a competir en 49er FX e en 2014 disputou o Campionato do Mundo desta especialidade xunto a Berta Betanzos. En febreiro de 2016, en Clearwater, EUA, gañou o Campionato do Mundo de 49er FX, de novo xunto a Betanzos.[14]
Cinco meses despois disputou os seus segundos Xogos Olímpicos, no Río de Xaneiro, en parella con Berta Betanzos na clase 49er FX e cunha pequena fractura nunha deda.[15] Logrou gañar 4 das 12 primeiras regatas e chegar colíder á regata final. Porén, o sétimo posto na derradeira carreira, que tiña valor dobre, deixouna ás portas das medallas, na cuarta posición.[16]
En 2017 converteuse na primeira muller española en participar na Volvo Ocean Race.[17] Fíxoo a bordo do Mapfre, co guipuscoano Xabier Fernández Gaztañaga como patrón. Acadou a segunda posición final despois de máis de 8 meses de navegación.[18]
En febreiro de 2020, en Geelong (Australia), gañou o seu segundo título mundial de 49er e conseguiu unha nova clasificación para os Xogos Olímpicos, xunto á catalá Paula Barceló.[19] Remataron a competición olímpica na cuarta posición con 89 puntos, a un só punto das neerlandesas Annemiek Bekkering e Annette Duetz, quen levaron o bronce.[20] En 2023 disputou por segunda vez a regata The Ocean Race, na embarcación liderada por Benjamin Dutreux e Robert Stanjek.[21]
Nos seus cuartos Xogos Olímpicos, en París 2024 foi a abandeirada da delegación española, pero non puido repetir os bos resultados das súas tres participacións anteriores. Competiu de novo na clase 49er FX xunto a Barceló, pero remataron a gran maioría das regatas na metade inferior da táboa, concluíndo no 12º posto na clasificación final. Con todo, despediuse dos Xogos cunha vitoria na última regata.[22]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]En 2013 recibiu o Premio á "Mellor deportista" da Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (MUDEGA) no marco da II Gala do Deporte Feminino Galego,[24] galardón que repetiu na edición de 2017.[25] Tamén en 2013 recibiu o Premio Nacional do Deporte á mellor deportista revelación, nun acto presidido pola Raíña Sofía de Borbón e os príncipes de Asturias, Felipe e Letizia.[26] En 2024 o Comité Olímpico Español elixiuna como abandeirada da delegación española nos Xogos Olímpicos de 2024 en París.[27]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ficha Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine. no COE
- ↑ Antelo, Iván (25 de febreiro de 2020). "Támara Echegoyen: «Lo importante de habernos caído es levantarnos con esta fortaleza»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 27 de xullo de 2021.
- ↑ Casanova, Jorge (12 de outubro de 2018). "Támara Echegoyen: «Nunca fui perezosa»" (en castelán). Consultado o 27 de xullo de 2021.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 "Del "Pombiña" a la gloria". Faro de Vigo (en castelán). 12 de agosto de 2012. Consultado o 27 de xullo de 2021.
- ↑ "Dos representantes del Náutico, campeonas del mundo". La Voz de Galicia (en castelán) (Vigo ed.). 2 de agosto de 2001. p. 34.
- ↑ "Dos viguesas triunfan en el campeonato mundial de vaurien". La Voz de Galicia (en castelán) (Vigo ed.). 6 de agosto de 2002. p. 35.
- ↑ "Tamara Echegoyen se adjudica el Mundial juvenil y femenino de Vaurien". La Voz de Galicia (Pontevedra ed.). 20 de xullo de 2005. p. 39.
- ↑ "Tamara Echegoyen presenta su candidatura preolímpica con el triunfo en Match Race femenino". La Voz de Galicia (en castelán) (Pontevedra ed.). 10 de novembro de 2009. p. 40.
- ↑ "Echegoyen se proclama campeona de España de Match Race". Navegar (en castelán). 15 de marzo de 2010. Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2010. Consultado o 05 de febreiro de 2012.
- ↑ "La tripulación de la liceísta Echegoyen, campeona del Iberoamericano". La Voz de Galicia (en castelán) (Arousa ed.). 19 de setembro de 2010. p. 9.
- ↑ "Echegoyen y Toro clasifican a España para los Juegos Olímpicos". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de febreiro de 2012.
- ↑ Bruquetas, Antón (12 de agosto de 2012). "Las gallegas Sofía Toro y Támara Echegoyen conquistan el tercer oro para España en Londres 2012". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 27 de xullo de 2021.
- ↑ "Tamara Echegoyen, Sofía Toro y Lara Cacabelos ganan el Mundial en Corea". Faro de Vigo (en castelán). 10 de xuño de 2013. Consultado o 27 de xullo de 2021.
- ↑ "Echegoyen y Betanzos, campeonas del mundo" (en castelán). 15 de febreiro de 2016. Consultado o 27 de xullo de 2021.
- ↑ Alonso Lois, Paulo (19 de agosto de 2016). "El dolor oculto de Echegoyen". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 28 de xullo de 2021.
- ↑ "Echegoyen y Betanzos se quedan a las puertas de la medalla en 49er FX". El Correo Gallego (en castelán). 19 de agosto de 2016. Consultado o 27 de xullo de 2021.
- ↑ Méndez, Alexandre (2 de outubro de 2017). "Támara Echegoyen: «Espero ser la primera de muchas»" (en castelán). Consultado o 27 de xullo de 2021.
- ↑ "El Mapfre de Xabi Martínez y Támara Echegoyen se queda a las puertas de la historia". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de xuño de 2018. Consultado o 27 de xullo de 2021.
- ↑ "Támara Echegoyen e Paula Barceló prepáranse para Tokio en Lanzarote". 16 de xaneiro de 2021. Consultado o 3 de agosto de 2021.
- ↑ "A Echegoyen-Barceló y Botín-López Marra se les escapa la medalla". Marca (en castelán). 3 de agosto de 2021. Consultado o 3 de agosto de 2021.
- ↑ "Támara Echegoyen se une a GUYOT environnement-Team Europe en la próxima The Ocean Race con salida en Alicante" (en castelán). 12 de decembro de 2022. Consultado o 25 de xuño de 2024.
- ↑ "A pontevedresa Támara Echegoyen despídese de París 2024 sen opción ás medallas". 31 de xullo de 2024. Consultado o 1 de agosto de 2024.
- ↑ "Vigo rende homenaxe aos seus olímpicos e paralímpicos cun monumento". VigoÉ. 13/10/2016.
- ↑ "Ames acolle a II Gala do deporte feminino galego". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2021-02-20.
- ↑ "A Deputación, escenario da V Gala do Deporte Feminino Galego". Pontevedra Viva. Consultado o 2021-02-20.
- ↑ "Támara Echegoyen recibe en Madrid el Premio Nacional del Deporte a la mejor deportista revelación" (en castelán). 2 de decembro de 2013. Consultado o 28 de xullo de 2021.
- ↑ "A galega Támara Echegoyen será abandeirada do equipo olímpico español nos Xogos Olímpicos de París 2024". 26 de xuño de 2024. Consultado o 28 de xuño de 2024.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Támara Echegoyen |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Nados en Ourense
- Nados en 1984
- Regatistas de Galicia
- Regatistas olímpicos de Galicia
- Regatistas olímpicos de España
- Medallistas olímpicos de Galicia
- Medallistas olímpicos de ouro por España
- Medallistas olímpicos en vela
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de 2012
- Regatistas nos Xogos Olímpicos de 2012
- Regatistas nos Xogos Olímpicos de 2016
- Regatistas nos Xogos Olímpicos de 2020
- Regatistas nos Xogos Olímpicos de 2024