Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Salario

(Redirección desde «Soldo»)

O salario, paga, haberes, soldada ou soldo[3] é a suma de diñeiro que recibe de forma periódica un traballador do seu empregador por un tempo de traballo determinado ou pola realización dunha tarefa específica ou fabricación dun produto determinado. O pago pode ser mensual, semanal ou diario e, neste último caso, recibe o nome de xornal, do termo xornada.

Evolución do salario e o desemprego en Lituania (2001-2009).
A relación entre salario e desemprego é inversa, o pleno emprego contribúe á mellora xeneralizada dos salarios, condicións de traballo, consumo e demanda agregada; cifras altas de desemprego supoñen o empeoramento dos salarios, así como do resto de indicadores.[1][2]

Legalmente, considérase salario a totalidade das percepcións económicas dos traballadores —en diñeiro ou en especie— pola prestación profesional dos servizos laborais por conta allea, xa retribúan o traballo efectivo, calquera que sexa a forma de remuneración, ou os períodos de descanso computábeis como de traballo.[4]

Polo tanto, exclúse ao traballador por conta propia (o autónomo). Así mesmo, o salario non só retribúe o "traballo efectivo" senón tamén os períodos de descanso computábeis como de traballo: descanso semanal, festas laborais, permisos retribuídos e as vacacións anuais.
A amplitude da noción legal de salario permite afirmar a existencia dunha presunción iuris tantum de que todo (a "totalidade") o que recibe o traballador se lle debe en concepto de salario.[5]

Etimoloxía

editar
 
Anotación de salarios diarios selados por un alto funcionario, en Ur, antiga cidade do sur de Mesopotamia.

O termo salario deriva do latín salārium, substantivo neutro derivado de salārius, "de, ou pertencente ao sal". A conexión semántica entre ambas as palabras é incerta. Nos séculos XVIII e XIX, varios autores propuxeron unha abreviación da locución salārium argentum ("prata salgada" ou "diñeiro do sal"),[6][7] pero esta frase non se encontra testemuñada. A etimoloxía popular máis estendida é aquela que explica esta locución como "diñeiro feito de sal", supoñendo que a paga dos soldados romanos consistía en sal debido ao seu alto prezo; esta afirmación non ten ningunha base histórica, debido tanto a que non se encontran rexistrados pagos feitos total ou parcialmente con sal na antigüidade clásica, como a que o valor do sal era moito menor que o dos metais preciosos cos que se acuñaban moedas. Algúns autores modernos propoñen no seu lugar que a frase podería significar "prata para comprar sal [e varios outros produtos]"; esta teoría é máis plausíbel, aínda que permanece sen unha comprobación clara.[8]

  1. Los componentes del pleno empleo. Una perspectiva macroeconómica, por Francisco Gómez García, ICE nº 2784, 2003
  2. David Anisi, Creadores de escasez. Del bienestar al medio, Alianza Editorial, 1995, ISBN 84-206-9434-7, pp. 40 e ss.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para salario.
  4. Artigo 26.1 do Estatuto de los Trabajadores (España).
  5. Ignacio, Garcia-Perrote Escartín (2017): Manual de Derecho del Trabajo (7ª edición). Valencia: Tirant lo Blanch. ISBN 84-9169-369-6, p. 420.
  6. Facciolati e Porcellini (1771). "4". Totius Latinitatis lexicon (en latín) (1 ed.). p. 15. Salarium, ii ...: proprie est annona salis, quae olim dabatur militibus. 
  7. Lewis e Short (1879). A Latin Dictionary (en inglés). Harper & Brothers. p. 1618. B. sălārĭum, ii, n. (sc. argentum; cf.: calcearium, congiarium, vestiarium, etc.); orig., the money given to the soldiers for salt, salt-money; hence, post-Aug. (v. Dio Cass. 52, 23, and 78, 22), in gen., a pension, stipend, allowance, salary (cf.: honorarium, annuum, merces, stipendium) 
  8. Gainsford, Peter (11 de xaneiro de 2017). "Salt and salary: were Roman soldiers paid in salt?". 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar