Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Neoclasicismo

(Redirección desde «Neoclásico»)

O neoclasicismo ou estilo neoclásico foi un movemento cultural, artístico e literario orixinado en Italia que se desenvolveu na Europa e nas súas colonias desde mediados do século XVIII como reacción ao estilo barroco e durou até ás primeiras décadas do século XIX, en que foi substituído polo Romanticismo. Asóciase coa recuperación da cultura clásica da Europa e as súas manifestacións máis notorias danse na arquitectura.

O rapto das sabinas de Jacques-Louis David

Contexto

editar

Durante o século XVIII realizáronse importantes achados arqueolóxicos, como os das cidades romanas de Herculano e Pompeia, sepultadas polas cinzas do Vesuvio no ano 79, en 1738 e 1748, respectivamente. Os investigadores máis relevantes son Winckelmann (Historia da Arte da Antigüidade), Stuard (Antigüidades de Atenas) e Lessing (Laocoonte).

O XVIII é o "Século da Razón": desenvólvese a corrente cultural chamada Ilustración, que pretende revisar a concepción do mundo e do home á luz da razón e da experiencia. Este movemento, que parte das transformacións ideolóxicas do Renacemento, vese potenciado polas revolucións políticas e económicas que se producen en Inglaterra no século XVII e pasan logo a Francia e dela ao resto do mundo.

Neste contexto, constitúese como obxectivo da arte exaltar o ben cívico, moral, a harmonía familiar, o ben común. A Roma republicana era o exemplo ideal deses valores e os revolucionarios franceses especialmente opoñen a nova arte neoclásica á barroca, á que asimilan coa aristocracia e os seus salóns. No período napeleónico, co estilo imperio, aprópiase a arte dos césares para expresar os valores da nova sociedade que se creara.

Xorden as Academias, que enfatizan o valor normativo do clásico, defenden o "bo gosto" e desprezan o Barroco. Este esgotara as súas formas no Rococó e o seu rexeitamento xera unha crítica estética que potencia a imitación da Antigüidade Clásica que se está a descubrir. O centro do Neoclasicismo é Francia.

Orixes

editar

Durante o Renacemento os pensadores europeos, especialmente os italianos, entraron en contacto coa antigüidade, que lles sorprendeu polas altas cotas ás que chegara en comparación coa Europa medieval. Naceu daquela o concepto de "arte clásica" que, uns séculos máis tarde, se define como as de Grecia e Roma no milenio que vai do século V a.C. até o século V d.C. (e talvez antes, se se inclúe Exipto. Os humanistas tiñan por "clásico" o producido na altura na que as civilizacións antigas do Occidente atinxiran o seu maior grau de perfección.

Esta admiración pola antigüidade greco-romana rexurdiu coa Ilustración francesa. Esta retomou os ideais de proporción, orde racional e beleza que aparecen, por exemplo, no De Architectura (Sobre a Arquitectura) de Vitruvio, redescuberto a finais da Idade Media pero confirmado agora polos novos descubrimentos arqueolóxicos.

Pero esa atracción por construír o fermoso e proporcionado (que xa se dera no Renacemento) compleméntase cun rexeitamento da decadencia aristocrática que se manifestaba no Barroco e no Rococó, así como do papel hexemónico da relixión, que eran o seu soporte ideolóxico. O Neoclasicismo glorifica as grandes virtudes civís da antigüidade, dá paso ao mundo pagán e agrégalle ciencia á emoción. É un movemento da clase media ilustrada, que prefire o normativo, disciplinado e austero, contra a aristocracia.

Producións

editar
 
Pazo de Raxoi, Santiago de Compostela.

Todos os países anti-napoleónicos parece como se preferisen o modelo grego, mentres que Francia se decantou polo romano. Wincklemann foi o primeiro en propor unha interpretación compositiva da arte grega; débeselle a el a concepción de que a arte ten historia. Para el, a imitación da arte antiga permite atopar a esencia da beleza, que en si se atopa na propia natureza. O arquitecto alemán Schinkel, autor do Teatro Real, proxectou deseñar Berlín como a Atenas moderna. O arquitecto escocés Robert Adam introduciu o Neoclasicismo en Gran Bretaña; foi en Escocia onde se mantivo máis puro, como se observa claramente en Edimburgo. En Londres, John Soane deseñou o Banco de Inglaterra e Robert Smirke o Museo Británico. O estilo neogrego foi substituído polo rexencia, cuxo maior exemplo son as fachadas de Regent Street (1812) en Londres (de John Nash) e o Royal Pavilion de Brighton (1815-1823).

En Francia, Claude Nicolas Ledoux deseñou un pavillón (1771) para a condesa du Barry e varias portas para París (1785-1789). Os arquitectos oficiais de Napoleón, Charles Percier e Pierre François Fontaine, tentaron transformar París imitando o estilo opulento da arquitectura imperial romana, como no Arco do triunfo do Carrousel ou nos Campos Elisios (1806), xa en época imperial.

Dentro deste movemento, atopámolo "Clasicismo romántico", que inda que neoclásico, ten algunhas diferenzas de matices. Acostúmase a confundir ambos pola súa semellanza. Dentro do Clasicismo romántico atopamos moitos destes arquitectos "neoclásicos", coma John Soane ou Schinkel.

O estilo neoclásico tivo dúas variantes nos Estados Unidos. Unha é o estilo federal e xurdiu entre 1780 e 1820 e foi inspirada na obra de Robert Adam. Foi moi promovida por Thomas Jefferson, quen consideraba que o neoclásico era o estilo perfecto para representar os ideais republicanos. Dous dos edificios máis notábeis son a Casa do Estado de Massachusetts, en Boston (1798) e o Capitolio, en Washington, baseada na Maison Carrée de Nîmes. A outra variante é o estilo neogrego, que floreceu na primeira metade do século XIX.

En España o Neoclásico atópase na Puerta de Alcalá de Madrid, obra do italiano Francesco Sabatini e no Museo do Prado, tamén en Madrid, de Juan de Villanueva; en Santiago de Compostela debe destacarse o Pazo de Raxoi, obra do enxeñeiro Carlos Lemaur. En Hispanoamérica destacan a Casa da Moeda de Santiago de Chile, o Palacio da Minería e a Fábrica de Cigarros en México e a igrexa de San Francisco en Cali, Colombia.

Ademais de na arquitectura, pódense atopar os ideais neoclásicos no pintor francés Jacques-Louis David, no escultor italiano Antonio Canova e nos escritores españois Gaspar Melchor de Jovellanos e Leandro Fernández de Moratín.