National Broadcasting Company
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde agosto de 2015.) |
A NBC (pronunciado en inglés /'εn.'bi.'si/) é unha empresa estadounidense de televisión e medios de comunicación. É propietaria de cadeas de televisión, produce programas de televisión, e foi propietaria e operou emisoras de radiodifusión nos Estados Unidos, posúe varias cadeas de televisión por cable e por satélite e investimentos en activades multimedia, Internet e televisión por cable. NBC é unha división da empresa NBC Universal, que á súa vez é propiedade da General Electric Company e de Vivendi.
Historia da NBC Televisión
editarA NBC foi creada o 9 de setembro de 1926 pola Radio Corporation of America (RCA) e comezou as súas emisións o 15 de novembro de 1926. A NBC operaba nas estacións de radio de RCA, General Electric Company (GE), Westinghouse Electric and Manufacturing Company e American Telephone and Telegraph (AT&T).
O 1 de xaneiro de 1927 a NBC realizou a súa primeira emisión da costa do Atlántico á costa do Pacífico. Así mesmo, comezaron as emisións da segunda rede de NBC, o Blue Network (literalmente, "rede azul"), mentres que a rede inaugurada en 1926 pasou a chamarse "Red Network" ("rede vermella"). A Red Network emitía os programas populares mentres que a Blue Network emitía unha programación máis cultural. Ademais, durante un curto período de tempo existiu o Orange Network ("rede laranxa"), que ao principio da década de 1930 pasou a chamarse "Pacific Network" ("rede do Pacífico"), e que combinaba as programacións de Red e Blue Networks para os oíntes da costa oeste dos Estados Unidos. Mentres tanto, a rede internacional de onda curta chamábase "White Network" ("rede branca").
No ano 1933 a NBC pasou a ocupar a súa localización actual no edificio chamado RCA Building (actualmente, GE Building) no número 30 do Rockefeller Praza. E o 30 de abril de 1939 comezaron as primeiras emisións regulares de televisión de NBC, obtendo en 1941 a primeira licenza de televisión a estación de televisión WNBT (agora WNBC-TV). WNBT comezou as súas emisións o 1 de xullo de 1941. En 1941, a Federal Communications Commission (a Comisión Federal de Comunicacións) decretou que ningunha compañía podía operar máis dunha rede de radio, e a NBC foi obrigada a desfacerse dunha das súas redes. Finalmente, en 1943, a NBC vendeu o Blue Network ao millonario Edward John Noble, sendo renomeado en 1945 "American Broadcasting Company" (ABC). O 17 de setembro de 1946 volveu a comezar o servizo de televisión de NBC. O 14 de xaneiro de 1952, comezou a televisión matinal co programa Today, un programa de novas presentado na mañá. En 1953, a NBC emitiu o primeiro programa de televisión en cor en sistema NTSC, desenvolvido por RCA, e pasou a emitir totalmente en cor en 1965. Posteriormente, en 1984, a NBC comezou a emitir en estéreo e, en setembro de 1988 finalizou a venda da súa cadea de radio e as súas emisoras de radio a Westwood One abandonando o mundo da radio e concentrándose exclusivamente en televisión (posteriormente, NBC Radio foi fusionada con Mutual sendo ambas pechadas a principios de 1998 e ese mesmo ano Westwood One comprou CBS Radio).
A década dos 90 significou a expansión de NBC no mercado de cable e nos mercados internacionais. O 17 de abril de 1989 lanzou a cadea por cable Consumer News and Business Channel (CNBC). Posteriormente, o 21 de maio de 1991, fusionou CNBC co Financial News Network (FNN), cambiando o nome a, simplemente, CNBC. En 1993 comprou a cadea europea SuperChannel (renomeada NBC SuperChannel e actualmente NBC Europe) e, en xullo de 1996, xunto a Microsoft, creou a cadea de información continua MSNBC. Tamén en 1996, NBC creou CNBC Europe, NBC Asia e CNBC Asia, e, en 1998, firmou unha alianza con Dow Jones & Co. para combinar as súas cadeas financeiras en Europa e Asia. No 2002, NBC adquiriu a cadea hispana Telemundo e a cadea de televisión por cable Bravo.
En 2003 fixéronse unhas estimacións segundo as cales o sinal da NBC alcanzaba o 97,17% dos domicilios norteamericanos, alcanzando 103.624.370 lares nos EUA. A NBC posúe 207 VHF e UHF filiais transmisoras e retransmisoras da súa programación ao redor dos Estados Unidos e os seus territorios ultramarinos. O canal tamén se recibe a través da América Latina e do Caribe vía TV con cable e por Satélite.
O canal transmitiu series moi famosas, como Friends, Will & Grace, ER/Plantón Médico, Scrubs, e o aclamado Saturday Night Live, entre outros.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- páxina web oficial (en inglés).