Longobardos
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Os longobardos (Langobardi en latín e despois Lombardi por deformación despois do século VIII, agás en Italia meridional, que conserva o nome de langobardi ata o século XII) era un pobo xermánico, chegado do mar Báltico, que pertencía máis especificamente ao grupo dos xermanos do Elba, mais orixinario de Escandinavia meridional segundo a súa propia tradición oral narrada polo seu historiador Paulo Diácono a finais do século VIII. Este pobo, baixo a dirección do seu rei Alboíno, invadiu a Italia do Norte a partir do principio do ano 568.
Orixes e migración
editarOs longobardos (ou máis exactamente, Langobardos) son coñecidos desde había ben tempo polos romanos: en efecto, en 98, o historiador Tácito menciónaos xa na súa obra sobre os xermanos, Germania. Con todo, os longobardos fican varios séculos nas sombras e a súa historia anterior ao século V é moi mal coñecida, por non dicir descoñecida. O pobo longobardo non participa das invasións e migracións bárbaras dos séculos IV e V.
A súa propia tradición oral tardía (a Origo Gentis Langobardorum) describe como os longobardos abandonaron a súa Escandinavia, dirixidos por dous xefes irmáns, Ibor e Axio, e como se estableceron en Europa central. Explica tamén a etimoloxía do seu nome, os «Longas-Barbas»: este último llo daría o deus Wotan á pequena tribo dos Winilli (que significa simplemente os «Guerreiros»), despois de que as mulleres desta tribo lles cortaran os cabelos e que elas os usaran como barbas postizas; a estrataxema, inspirada por Freia, pretendía reforzar o número dos guerreiros da tribo confrontada a unha invasión de guerreiros vándalos, máis numerosos. Os longobardos considerábanse favoritos do deus Odín.
A obra ten como modelo o relato da migración dos godos (feito polo historiador deste pobo, Xordanes) e se cadra tamén relacionada co relato da migración dos anglos, os xutos e os saxóns á illa de Bretaña tal e como se fai na Crónica anglosaxoa. Tamén, o carácter mitolóxico da tradición longobarda obriga a considerar a hipótese da orixe escandinava e da etimoloxía dos longobardos coa máis grande das cautelas.
No século I, os longobardos están establecidos no curso inferior do Elba onde se enfrontan ao emperador Tiberio. No século seguinte, acadan o curso medio do Danubio. Así, en 167, están presentes en Pannonia onde permaneceron varios séculos. Cara a finais do século V, en efecto, obteñen nesta rexión un tratado do emperador Xustiniano, converténdose así en federados de Roma. Numerosos guerreiros longobardos serviron, a partir do ano 551, como mercenarios na Península Italiana contra os ostrogodos.
De Pannonia, destrúen o pequeno reino hérulo sobre o 505 e logo ocupan a provincia romana de Pannonia primeira (se cadra en 527) e finalmente a Pannonia segunda a partir de 547. Tras aliárense cos temíbeis xinetes ávaros, un pobo da estepa, que viña de chegar á rexión, baten aos xépidos, que intentan estender o seu reino (c. 567). Unha parte dos xépidos únense aos longobardos e séguenos a Italia, onde conservaron durante un certo tempo as súas propias leis. A partir de mediados do século VI, parece que algúns longobardos se converteran ao cristianismo, mentres que en paralelo traban coñecemento do arianismo (se cadra, a partir dos ostrogodos de Italia). En todo caso, a inmensa maioría dos longobardos son aínda pagáns.
Segundo as fontes, o seu rei Auboíno fai logo un acordo co khagan ávaro: durante 200 anos, os longobardos poderían retornar a Pannonia e recuperar o seu territorio. O conxunto dos longobardos, acompañados de xépidos, pero tamén de bandas saxoas, héruleas e mesmo ávaras, póñense en camiño para Italia onde a destrución do reino do gran Teodorico creara un verdadeiro baleiro político, militar e mesmo administrativo: preto de 25 anos de loita encarnizada entre bizantinos e ostrogodos arruinaran á rica Italia e a reconquista xustinianea parecía fráxil.
Os longobardos en Italia
editarA principios do ano 568, tras pasar a fronteira do Friúl, máis de 200 000 longobardos e os seus aliados invaden a chaira do Po mais, unha vez na península, chocan logo coas obras defensivas que rodean as cidades así como numerosas fortalezas romano-bizantinas. Tamén, como todo pobo bárbaro, os Longobardos prefiren o campo ás cidades e constrúen residencias rurais na fértil chaira do Po (as salae), postas baixo a dependencia dunha das farae (do xermánico fara: banda). Vivir en comunidade lonxe das cidades debía seguramente impedir unha asimilación rápida entre a numerosa poboación romana e preservar a cohesión nacional longobarda así como as calidades guerreiras dos seus homes.
Teñen lugar numerosos cercos, longos e difíciles tanto para os cercados como para os cercadores, mentres que unha parte da poboación italiana foxe cara ao nordeste, a Venecia e cara á costa lígur (rexión de Xénova). Finalmente, os longobardos apodéranse da cidade de Pavia (572) pero Rávena, última capital do imperio de Occidente, mantén a súa resistencia. Algunhas bandas armadas longobardas combatendo máis ou menos pola súa conta, infíltranse igualmente nos Apeninos, no Benevento e ata Provenza, de onde son expulsados polos francos.
Despois dos asasinatos de Alboíno (572) e do seu sucesor Cleph en 574, os longobardos suprimen a realeza -feito único para esta época- e fican sen rei durante dez anos, errando en bandas máis ou menos rivais a través de toda a península que someten a un baño de sangue e lume, dirixidas por trinta e cinco xefes militares, os «Duques». A organización da realeza longobarda en Italia, que ía durar ata a conquista franca de Carlomagno, ten as súas bases probablemente durante este período de anarquía: a coroa foi atribuída polos duques a un de entre eles, por elección.
O reino longobardo de Italia:
editar- Artigo principal: Reino longobardo.
Bizancio, Roma e os longobardos
editarUn conflito entre tres poderes caracteriza a historia do reino longobardo en Italia: o poder de Roma, sé apostólica; o poder bizantino, reliquia da tentativa de reconquista de Occidente emprendida polo xeneral Belisario baixo o reinado de Xustiniano, e o poder dos reis longobardos. Tamén, a situación política da península nunca foi realmente estábel baixo este últimos.
Contra Bizancio, os longobardos conquistan de primeiras as posesións meridionais que se converten nos ducados de Spoleto e de Benevento en 570 e 571. Despois dunha tímida tentativa de reconquista imperial levada a cabo en 590, os longobardos toman logo Xénova (baixo Rotario, en 650). O exarcado de Rávena (enclave bizantino constituído arredor da última capital do Imperio de Occidente), comunmente chamado Romania, segue a escapar ao seu control ata 751 e este, malia varias tentativas de parte destes últimos. Canto Venecia e a Nápoles, escapan ao xugo longobardo.
Nos séculos VII e VIII, as relacións dos longobardos coa Igrexa católica e, durante un período máis curto, coa aristocracia romana, son pésimas.
Roma, en principio oficialmente vinculada ao exarcado de Rávena e Bizancio, ve como o poder do papa é substituído polo dun emperador afastado e incapaz de intervir sobre a sorte dos seus súbditos peninsulares, mentres que a primacía da sé apostólica romana se afirma cada vez máis sobre os outros bispos da península.
Axilulfo foi o primeiro soberano longobardo a se converter á ortodoxia non sen comportar vivas resistencias ao seo do seu pobo. Os seus sucesores, en efecto, volven logo á herexía ariana e o rei ariano Rotario confisca os bens romanos do seu reino. O rei Ariperto (653–661) converteuse ao catolicismo pero decide ligarse á Igrexa de Aquilea que rexeita a autoridade papal sobre o Friúl. O rei Perctarito é o que ao final instala a ortodoxia romana no reino, sen que por iso mellorasen notoriamente as relacións políticas longobardas con Roma. En 698 ten lugar un acercamento baixo o reinado do rei Cuniperto: un concilio pon fin ao cisma de Aquilea e os bens de Roma son restituídos. Liutprando, no seu soño de gobernar toda a península italiana, aproveitouse das diverxencias entre Roma e Bizancio, daquela iconoclasta, para intentar facerse con Rávena.
Finalmente, Roma vólvese cada vez máis cara aos francos contra os longobardos que eran cada vez máis ameazadores, en principio sen éxito co papa Gregorio III, en 739 – 740. Con todo, o sucesor deste último, Zacarías, decide apoiar á familia carolinxia cando esta última usurpa a realeza ao último rei franco merovinxio, Khilderico III: este acontecemento maior fai envorcar as relacións entre longobardos e francos. Despois da toma de Rávena polos longobardos (751), en efecto, Aistolfo tenta tomar Roma. O papa Estevo III efectúa daquela unha viaxe á Galia en 754 para demandar a axuda de Pipino o Breve, novo rei dos francos. O rei efectúa entón dúas breves expedicións contra Aistolfo, en 754 e en 756, poñendo así a Roma e ao Papado baixo a súa protección. É probábel que o rei franco evitase debilitar demasiado aos longobardos a fin de os conservar como eventuais aliados.
O último rei dos longobardos foi Desiderius, ou «Desiderio», que reina ata marzo de 774. Este soberano de temperamento indeciso tenta contrerestar a influencia franca acercándose ao ducado de Baviera. En 772, Carlomagno responde á chamada de axuda do papa Estevo II, ameazado por Desiderio, e intervén en Italia na primavera de 773. Toma Pavia en marzo de 774 tras un cerco difícil pero nunha conquista rápida e sen resistencia notábel, poñendo así fin ao reinado de Desiderio e ao dominio longobardo sobre Italia. A falta de cohesión entre os diferentes duques longobardos é unha das principais causas das súas tres derrotas contra os francos.
O xove soberano carolinxio, dada a importancia estratéxica de Italia para Igrexa, toma nesta ocasión o título de «rei dos longobardos», poñendo así a península baixo o seu control directo. Deduce igualmente unha parte do reino dos longobardos para a sé apostólica, acto que está na orixe da creación dos Estados Pontificios, que existiron ata mediados do século XIX. Así, o franco honra a promesa de protexer Roma como fixera seu pai ao Bispo de Roma.
É neste contexto cando o longobardo Paulo Diácono (nome verdadeiro Warnefried) puido participar no Renacemento carolinxio e cando a influencia do mosteiro de Bobbio acadou o reino dos francos.
En canto aos longobardos, conservaron as súas leis nacionais e acomodáronse mal que ben ao poder carolinxio. O nome de «Langobardorum» para designar o vello reino longobardo ficou en vigor ata o ano 817, data na que houbo un movemento para que a península retomase o seu nome de «Italia» para se converter no reino de «Italia» (do Norte).
Lista dos reis longobardos
editarNota: ata a súa entrada en Italia, os xefes longobardos son semilendarios; ignórase cal era exactamente o título que levaban ou mesmo se o tiñan, incluso se a tradición longobarda do reino de Italia lles atribúe o título de Duque.
Grandes invasións
editarReis míticos.
Reis históricos.
- século V: Lethuoc.
- segunda metade do século V: Hilduoc.
- segunda metade do século V: Goduoc.
- finais século V - c. 490 : Claffo.
- c. 490 - c. 510: Tatto.
- c. 510 - c. 539: Wacho.
- c. 539- c. 547: Valtari.
- c. 547 - c. 563: Audoíno.
Reis longobardos de Italia
editar- 568: Alboíno (rei desde 563 máis ou menos; asasinado).
- 572: Cleph (asasinado tras 18 meses de reinado).
- 574 - 584: supresión da realeza; anarquía.
- 584: Autario (ariano; restablece a realeza).
- 590: Axilulfo (católico en 603) .
- 616: Adaloaldo (bautizado en 603; derrocado, exiliado e asasinado).
- 626: Arioaldo (ariano).
- 636: Rotario (ariano).
- 652: Rodoaldo (ariano; asasinado).
- 653: Ariperto (católico).
- 661: Perctarito (católico; derrocado e exiliado) e Godeperto (ariano; asasinado).
- 662: Grimoaldo (usurpador; ariano, non moi católico en todo caso).
- 671: Garibaldo (ariano; exiliado e/ou asasinado tras tres meses de reinado).
- 671: Perctarito (restaurado; catolicismo relixión oficial do reino longobardo en 671; asasinado).
- 688: Cuniperto (asociado ao trono desde 678).
- 690: Alahis, duque de Brescia e Trento, usurpa o trono por breve tempo.
- 690: Cuniperto recupera o trono.
- 700: Liutperto.
- 700: Raghinperto.
- 702: Ariperto II.
- 701: Liutperto (segundo reinado; afógano).
- 703: Ariperto II (segundo reinado; afógano tras a súa derrota).
- 712: Ansprando.
- 712: Liutprando.
- 744: Hildeprando (reinado de seis meses).
- 744: Ratchis (abdica; exíliase coa súa familia no Monte Cassino).
- 749: Aistolfo (ou Aistulf).
- 756: Ratchis (segundo reinado).
- 757: Desiderio (morre recluído).
- 759: Adelchis (co-rei).
- 774: Carlos I o Grande («Carlomagno»), rei dos francos e dos longobardos.
Fontes da historia dos longobardos
editarA maioría dos nosos coñecementos a propósito da historia mítica e semimítica dos longobardos proveñen da "Historia dos longobardos" («Historia Langobardorum»), escrita arredor do ano 780 polo historiador Paulo Diácono ou dunha tradición oral nacional, posta por escrito a mediados do século VII: a Origo gentis langobardorum.
En fin, as Leges langobardorum, escritas a partir do Edicto de Rotario, foron modificadas e enriquecidas ata o século XI no ducado de Benevento e serviron de modelos para as leis da Idade Media italiana.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Gianluigi Barni, La Conquête de l'Italie par les Lombards, éd. Albin Michel, coll. «le mémorial des peuples», París, 1975.
- François Bougard (introdución e tradución), Paul Diacre, Histoire des Lombards, éd. Brepols, coll. «Miroir du Moyen Âge», París, 1998
- Pedro Herrera (introdución, tradución e notas), Pablo Diácono, Historia de los longobardos, ed. Servizo de publicacións da Universidade de Cádiz, Cádiz, 2006
Outros artigos
editar- Exarcado de Rávena.
- Estados Pontificios.
- Ducados longobardos.
- Ducado de Benevento.
- Ducado de Spoleto.
- Principado de Salerno.
- Principado de Capua.
- Arquitectura longobarda
- Moeda longobarda
Ligazóns externas
editar- Os longobardos, derradeiros bárbaros do mundo romano Arquivado 29 de novembro de 2010 en Wayback Machine. por Jean-Pierre Martin, Director de investigación no CNRS. (en francés)