Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Benedetto Pistrucci

gravador de moeda e medallista italiano

Benedetto Pistrucci, nado o 29 de maio de 1783 en Roma e finado en Virginia Water, Surrey, Inglaterra, o 16 setembro de 1855, foi un gravador de moeda e medallista italiano coñecido particularmente polo deseño de San Xurxo e o Dragón que caracteriza os soberanos británicos de ouro, e pola medalla conmemorativa da Batalla de Waterloo.[1][2]

Modelo:BiografíaBenedetto Pistrucci

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento29 de maio de 1783 Editar o valor en Wikidata
Roma (Estados Pontificios) Editar o valor en Wikidata
Morte16 de setembro de 1855 Editar o valor en Wikidata (72 anos)
Englefield Green, Reino Unido (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Causa da mortemorte natural Editar o valor en Wikidata
Actividade
Lugar de traballo París
Londres Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónescultor, medallista Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
FillosCamillo Pistrucci, Elena Pistrucci, Maria Elisa Pistrucci Editar o valor en Wikidata
IrmánsFilippo Pistrucci Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDictionary of National Biography Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0685346 Editar o valor en Wikidata

Desde que en 1815 se trasladou a Gran Bretaña, foi naquel país onde exerceu a súa profesión artística e onde pasou o resto da súa vida. Alí chegou logo de colleitar fama en Italia como tallador de camafeos, patrocinado pola realeza, e ese prestixio valeulle para tomar contacto con persoeiros como William Wellesley-Pole (irmán máis vello do Duque de Wellington), o mestre de ceca da Real Casa da Moeda de Londres (Royal Mint), quen contratou a Pistrucci para o deseño das novas emisións monetarias, entre elas o soberano de ouro, que se cuñou por vez primeira en 1817.[1][2]

Retrato de Benedetto Pistrucci.
Retrato de Benedetto Pistrucci.

Tan talentoso como temperamental, Pistrucci rexeitou copiar o traballo doutros artistas e, cando en 1823 Xurxo IV esixiu que se modificase o seu retrato nos soberanos, por consideralo pouco satisfactorio, baseándose nun traballo previo de Francis Chantrey, Pistrucci negouse, polo que case foi despedido. A Royal Mint non o destituíu porque previamente lle confiara a produción dunha medalla de gran tamaño conmemorativa da Batalla de Waterloo (na que traballou durante 30 anos) e prescindir del implicaría malgastar varios anos de traballo e diñeiro. Pistrucci mantivo o seu posto na Ceca Real o resto da súa vida e, finalmente, completou o deseño da medalla de Waterloo en 1849, aínda por mor do seu gran tamaño (130 mm) non puido ser cuñada coa tecnoloxía da época e a súa cuñaxe tivo que agardar ata tempos moi recentes, para satisfacción dos coleccionistas.[1][2]

Traxectoria

editar

Primeira etapa en Italia (1783-1815)

editar
 
Camafeo de Benedetto Pistrucci (1800)

Benedetto Pistrucci naceu en Roma o 24 de maio de 1783, segundo fillo de Federico Pistrucci, xuíz do Tribunal Supremo dos Estados Pontificios, e de Antonia Greco. O seu irmán máis vello Filippo amosou inquedanzas artísticas desde moi novo, mais Benedetto gozaba dunha decidida inclinación ao estudo. O seu pai quería que ambos seguisen os seus pasos na carreira xudicial e enviounos a Boloña para iniciaren os estudos preparatorios, mais finalmente a familia viuse obrigada a mudarse a Roma en 1794 cando Napoleón invadiu Italia, e os irmáns matriculáronse no Collegio Romano.[3]

Napoleón puxéralle prezo á cabeza de Federico Pistrucci, xa que este procesara os rebeldes bonapartistas. Este feito obrigou a familia a abandonar Roma cando os franceses avanzaban cara a ela e establecéronse en Frosinone, no Lacio, onde os irmáns proseguiron os seus estudos.[3]

Concluída a súa formación académica, Pistrucci comezou a traballar, xunto co seu irmán, cun pintor chamado Mango, con quen axiña comezou a demostrar os seus dotes artísticos.[3] Mango faloulle a Benedetto do seu irmán, Giuseppe Mango, un gravador de camafeos establecido en Roma. Alcanzada a paz entre os Estados Papais e os franceses, a familia puido retornar a Roma e Benedetto comezou a traballar na arte de gravar camafeos, patrocinado por mestres como Stefano Tofanelli e o propio Giuseppe Mango. Cando Pistrucci se decatou de que Mango estaba a comercializar creacións súas como propias, e de que os seus camafeos se vendían como antigüidades falsificadas, comezou a gravar, como marca secreta, unha letra grega λ (lambda) nas súas obras.[4][5]

Convalecente na súa casa logo dunha liorta na que resultou apuñalado por un artista rival, Pistrucci aprendeu a modelaxe da cera.[6] Logo de recuperarse traballou co tallador de pedras preciosas Nicolo Morelli e tamén asistiu a clases nunha academia de arte en Campidoglio chamada Scuola del Nudo, onde en 1800 acadou o primeiro premio de escultura.[5][7]

A partir dos 15 anos, Pistrucci deixou de traballar con Morelli e estableceuse autonomamente como creador, xa que podía custear os seus estudos polos ingresos que lle xeraba a venda dos seus camafeos.[7]

Entre os seus clientes estaban dous dos principais comerciantes de arte de Roma, Ignazio Vescovali e Angelo Bonelli, así como as tres irmás de Napoleón: Elisa, Paulina e Carolina.[5] O recoñecemento de Pistrucci aumentou considerablemente cando gañou un concurso para facer un camafeo para Elisa, Grande Duquesa de Toscana; esta quedou tan impresionada polo seu traballo que lle ofreceu un espazo no seu palacio como estudio onde traballar.[4]

Este patrocinio ampliou o seu círculo de relacións e en 1802 casou con Barbara Folchi, filla dun comerciante de éxito, con quen tivo nove fillos.[5]

Ata 1814 continuou a traballar en Roma, producindo camafeos con retratos e pedras preciosas gravadas.[4]

Cando Angelo Bonelli regresou dunha viaxe exitosa a Gran Bretaña en 1814 propúxolle a Pistrucci que o acompañase nunha próxima viaxe, considerando que o seu futuro estaba alí.[5] Pistrucci estivo disposto, e despois de facer a provisión para a súa familia deixou Roma con Bonelli. Ese mesmo ano partiron, pasando primeiro por Perugia, onde residía o seu irmán Filippo, para se despedir del, aínda que se amosou disposto a acompañalos. Estando en Turín, Filippo amosoulle a Benedetto a súa desconfianza cara a Bonelli, o que se materializou na negativa dos irmáns de continuar na compaña do comerciante, cando os tres estaban xa en París, no mes de decembro París en decembro de 1814. Tras separaren os seus rumbos, Benedetto descubriu que era moi recoñecido na capital francesa e os irmáns decidiron quedar un tempo a traballar alí. Finalmente, chegaron a Gran Bretaña o 31 de decembro de 1815.[5][8]

Cumio da súa carreira en Inglaterra (1815-1819)

editar
 
Deseño orixinal de Pistrucci do reverso do soberano.
 
soberano de 1817, obra de Benedetto Pistrucci.

Na súa chegada a Dover, Pistrucci tivo dificultades na alfándega e logo de superadas, viaxou a Londres, onde tiña cartas de presentación para varias persoas, grazas ás que de camiño estableceu contacto con Charles Konig, responsable de minerais do Museo británico, A través de Konig, Pistrucci coñeceu o famoso naturalista, Joseph Banks. A súa sona en Londres acrecentouse cando interveu nun debate na casa de Banks acerca da autenticidade dun camafeo, para discernir se se trataba dunha antigüidade grega ou non, no que Pistrucci puido demostrar que realmente se trataba dunha obra súa, ao amosar a súa marca secreta.[9]

Banks presentou Pistrucci a George Spencer (segundo conde de Spencer) e á súa muller, Lavinia Spencer. Lavinia amosoulle a Pistrucci un modelo do San Xurxo e o Dragón obra de Nathaniel Marchant e encargoulle que o reproducise en estilo grego nun camafeo como parte da indumentaria do seu marido como Cabaleiro da Orde da Xarreteira. Pistrucci aceptou a encarga e realizou o camafeo, tomando como modelo para o San Xurxo un camareiro italiano do hotel Brunet's, onde estivera aloxado os primeiros días ao chegar a Londres.[10][11]

Joseph Banks encargoulle tamén a Pistrucci un camafeo, para o rei Xurxo III. Como o rei estaba doente e Pistrucci non puido visitalo para modelar o seu rostro, fíxoo tomando como modelo unha moeda bancaria de tres xilins e montouno en xaspe, traballo polo que cobrou 50 guineas. Banks amosoulle o camafeo ao mestre de ceca William Wellesley-Pole, quen se amosou impresionado pola calidade da peza. Naquel momento, en 1816, a Royal Mint estaba a preparar novas emisións de moedas de ouro e de prata como parte dun proceso de reorganización do circulante, e no mes de xuño o mestre de ceca decidiu contratar a Pistrucci para facer os modelos en pedra dunha nova moeda que, de seren aceptados, serían gravados en aceiro para os cuños polos empregados da casa de moeda.[11]

 
San Xurxo e o Dragón na media coroa de 1819

Pole fixo que Pistrucci crease tres retratos do rei en tamaños diferentes, dos que finalmente se usaron dous, un para o anverso da moeda de media coroa e outro para as de seis peniques e a dun xilin. Ambos os deseños foron modificados por Thomas Wyon, da Casa da Moeda, quen pasou os deseños a aceiro. O público rexeitou o busto que deu en chamar "cabeza de touro" da media coroa de 1816, e foi substituído por outro na cuñaxe de 1817. A crítica enfureceu a Pistrucci, quen culpou a Thomas Wyon de estragar o seu deseño, e dispúxose a aprender el mesmo as técnicas de gravado en aceiro.[12]

A maioría das fontes apuntan a que, logo de completar a encarga de Lady Spencer, Pistrucci suxeriulle a Pole que un motivo axeitado para os reversos dos soberanos (a nova moeda de ouro que se estaba a preparar) sería o de San Xurxo. No entanto, o numismático Kevin Clancy, no seu volume sobre a historia desta moeda, dubida de que esa sexa a orixe da idea de incorporar o San Xurxo e o Dragón nos soberanos, e mesmo de que a proposta saíse de Pistrucci.[13][14]

Cun custo de 100 guineas, Pistrucci creou o deseño dos soberanos e gravouno el mesmo, presentando o santo sobre o lombo dun corcel brioso que pisa o dragón ferido. San Xurxo ten unha lanza rota na súa man; parte está no dragón e parte no chan. O deseño orixinal de Pistrucci, utilizado para a circulación entre 1817 e 1819 (e reproducido pola Royal Mint en 2017), incorpora a fita da Orde da Xarreteira rodeando o santo e o dragón, co seu lema HONI SOIT QUI MAL Y PENSE.[14] A partir de 1818 fíxose común nos soberanos e tamén nas moedas de media coroa a figura do santo brandindo unha espada no canto dunha lanza. Clancy apunta a que este cambio se debeu ás constantes suxestións e presións de Pole sobre Pistrucci para que fose modificando o deseño ao seu gusto.[15] O resultado foi que a incorporación da espada en vez da lanza non foi ben aceptado polo público, que facía bromas acerca de como o santo podería vencer o dragón cunha arma tan pequena.[16]

O gravador xefe da Royal Mint era o pai de Tomas Wyon (do mesmo nome). Parece que á súa morte en 1817 Pole lle ofreceu o posto vacante a Pistrucci, cun salario de 500 libras anuais e unha residencia dentro das instalacións da Casa da Moeda. Porén, nese momento aprobouse unha lei baixo o reinado de Guillerme III que lles prohibía aos estranxeiros o exercicio dese cargo, polo que Pistrucci non se puido incorporar.[17] Isto foi moi mal recibido por Pistrucci e foi o xerme de moitas tensións no seo da ceca londiniense.[18]

En 1819, Pistrucci recibiu a encarga de deseñar unha medalla conmemorativa da Batalla de Waterloo, cunhas dimensións moi considerables: 5,3 polgadas; é dicir, 130 mm. O Goberno concibiuna para lla entregar aos xenerais vitoriosos e aos persoeiros salientables na derrota de Napoleón, a partir dunha idea do príncipe rexente (posteriormente Xurxo IV) pouco despois da batalla. Os honorarios totais de Pistrucci serían de 2.400 libras, e o pagamento inicial permitiulle levar a Londres a súa familia desde Italia. Inicialmente propúñase que a medalla fose gravada a partir dun deseño de John Flaxman, mais Pistrucci rexeitou gravar o traballo doutro artista e Pole permitiulle desenvolver un deseño propio, unha decisión que supuxo o alporizamento do gremio de artistas londinienses contra Pistrucci. O remate da medalla levoulle 30 anos.[5][19]

O conflito na Real Casa da Moeda (1820-1836)

editar
 
Soberano co busto que Xurxo IV consideraba pouco favorecedor.

Tras a morte de Xurxo III en 1820, Pistrucci preparou o novo busto para as emisións a nome de Xurxo IV. Ao rei non lle gustou o deseño porque apreciaba que o seu rostro estaba inchado, e o conflito entre ambos agudizouse pola medalla de proclamación, na que o monarca aparecía ao mesmo nivel que as representacións alegóricas dos seus reinos e, ademais, lucía un topete esaxerado para algúns.[20][21][22]

O soberano foi modificado para quitar a fita, e o santo xa non brandía a lanza, senón a espada, polo que se volveu moi similar aos soberanos que se seguen a cuñar no século XXI, non sendo pola falta dunha serpentina no casco de San Xurxo.[23] Esta versión do reverso foi cuñada desde 1821 ata 1825 e, a partir de aí, o deseño de Pistrucci estivo ausente dos soberanos ata 1874, xa despois da súa morte.[24]

Consciente da insatisfacción do rei Xurxo IV coa efixie da moeda, a Casa da Moeda gañou tempo.[25] A renuncia de Pole en 1823 privou a Pistrucci dun amigo e aliado dentro da institución.[26] O escultor Francis Chantrey preparara un busto do monarca que resultaba do seu agrado e ordenou que se colocase nos soberanos, mais Pistrucci negouse a gravar o traballo doutro artista, polo que a nova moeda foi gravada polo axudante de Pistrucci, Jean-Baptiste Merlen, e por William Wyon, entre 1823 e 1825. Pistrucci quedou totalmente excluído do traballo na moeda.[27] A Casa da Moeda considerou a posibilidade de despedir a Pistrucci, pero decatouse de que, se o facía, as 1.700 libras adiantadas dos seus honorarios e gastos pola medalla de Waterloo se perderían, e mantívoo no seu posto e cos seus emolumentos coa condición de que se concentrase en completar a medalla. Malia isto, en 1826 só completara unha parte dunha das súas faces.[28]

Segundo Clancy, aínda que o rexeitamento do deseño de San Xurxo e o Dragón do soberano despois de 1825 foi máis parte dun redeseño xeral da moeda que un ataque contra Pistrucci, "iso non pode enmascarar a sensación que este debeu sentir das mareas volvéndose contra el".[21]

 
Medalla de coroación de Xurxo IV.

Había na Royal Mint un conflito entre Pistrucci e William Wyon, que por veces involucraba tamén o axudante Jean-Baptiste Merlen.[29] Segundo o bibliógrafo británico Graham Pollard, no Oxford Dictionary of National Biography, "o temperamento de Pistrucci non fomentaba as boas relacións cos seus colegas na ceca; a inseguridade do seu posto nela aumentou por unha campaña nos xornais polos seus partidarios e os que defendían a William Wyon".[5] Pistrucci fixo unha solicitude a cada novo mestre de ceca quen se ía sucedendo na institución para que o nomease gravador xefe. En 1828, o mestre de ceca daquel momento, George Tierney, adquiriu un compromiso que non lle agradou a ninguén. Wyon foi nomeado gravador xefe e Pistrucci como medallista xefe, cos salarios dos dous primeiros postos de gravado divididos entre eles. Do salario de 350 libras que tiña Pistrucci, 50 libras estaban destinadas á contratación dun aprendiz, para o que nomeou, sucesivamente, dos dos seus fillos, mais a asignación detívose en 1830, cando se coñeceu que ambos residían no estranxeiro e que ao non teren a cidadanía británica non podían ser empregados da Royal Mint.[30] O acordo establecía que Pistrucci crearía as medallas que lle encomendasen os departamentos gobernamentais, cunha tarifa correspondente a cada medalla, á marxe do seu salario anual.[31][32]

Esta recomposición dos postos deixou a Pistrucci con pouco que facer na Casa da Moeda.[32] Creou varias obras, entre elas unha pequena medalla conmemorativa para o irmán do rei, Federico, en 1827, montada en aros, que se fixo moi popular nos ambientes da realeza.[33] Encargóuselle tamén unha medalla de coroación do rei Guillerme IV, logo da morte de Xurxo IV en 1830, pero Pistrucci negouse porque se lle esixía que gravase un busto deseñado por Chantrey e o rei non quixo posar para el.[34]

Entre 1830-1831 creou a medalla de servizo prolongado e boa conduta no exército, a primeira medalla do exército británico fóra de campaña. Este traballo levoulle doce meses.[30] Continuou tamén elaborando camafeos e traballando, paseniño, na medalla da Batalla de Waterloo. O biógrafo de Pistrucci, Michael A. March, relacionou o seu desánimo ao traballar na medalla de Waterloo co seu descontento polo seu posto na Casa da Moeda e co feito de que, ao concluíla, podería ser despedido. En 1836, o novo mestre de ceca, Henry Labouchere, declarou que cría que a medalla podería rematarse en 18 meses, e ofreceulle a Pistrucci un pagamento se aceptaba catro aprendices para acabala; Pistrucci rexeitou a proposta.[35]

Derradeiros anos (1837-1855)

editar
 
Medalla de coroación de Vitoria do Reino Unido (1838).

Pistrucci mantivo unha relación amigable coa princesa Vitoria de Kent, a sobriña e herdeira do rei Guillerme, á que lle confeccionou varios camafeos. Logo de que ela ascendese ao trono como Raíña Vitoria en 1837, Pistrucci foi o seleccionado para se encargar da súa medalla de coroación e contou coa disposición da raíña para posar en varias sesións. Aínda que a raíña estaba satisfeita, houbo algunhas críticas. Cando o tema foi obxecto de preguntas na Cámara dos Comúns, o mestre de ceca Labouchere declarou que Pistrucci puidera ter estado enfermo.[36] O representante do Partido Radical Joseph Hume opinou que o reverso non estaba mellor feito que as medallas baratas que se vendían polas rúas por un penique a unidade.[32]

En 1838, Pistrucci fixo o selo de prata do Ducado de Lancaster, utilizando un novo procedemento polo cal o punzón ou o cuño podían fundirse en metal directamente do molde orixinal de cera ou arxila, no canto de teren que gravarse á man.[37]

O ano seguinte, Pistrucci marchou a Roma para ocupar o posto de gravador xefe na ceca dos Estados Pontificios, pero regresou a Londres uns meses máis tarde, por considerar que o salario era demasiado baixo.[38]

A principios da década de 1840, a Oficina da Auditoría cuestionou a cantidade de diñeiro gastada en Pistrucci. En 1844, o daquela Mestre de Ceca, William Gladstone, restaurou o salario de Pistrucci de 350 libras e ofreceulle 400 adicionais para completar a medalla de Waterloo.[39] Pistrucci trasladou a súa residencia desde as instalacións da Royal Mint en Tower Hill ao municipio de Old Windsor, en Berkshire, e decidiuse a traballar de cheo na medalla. Porén, o traballo ralentizouse por mor das lesións causadas por unha caída, e non foi ata principios de 1849 cando presentou as matrices da medalla e se lle aboou o soldo restante de 1.500 libras.[40] Mais as matrices eran tan grandes que ninguén na Royal Mint estaba disposto a correr o risco de endurecelas e, probablemente, arruinar o traballo de tres décadas. Por ese motivo, só se realizaron impresións suaves, sen chegar a converterse en medallas de ouro, de prata e de bronce, como se pretendía.[19] De todas as maneiras, aínda que se chegasen a cuñar as medallas, case non habería ninguén a quen entregarllas, xa que dos seus destinatarios todos faleceran, bardante o Duque de Wellington.[39]

 
Cuñaxe de 1966 da medalla da Batalla de Waterloo, coa matriz acabada por Pistrucci en (1849).

O conflito entre Pistrucci e William Wyon continuaba a finais da década de 1840 e mesmo chegou á prensa en varias ocasións, o que contribuíu ao mal ambiente no seo da Casa da Moeda. En 1848 constituíuse unha comisión real sobre a reforma da Royal Mint froito da cal se eliminaron os postos de gravador xefe (Wyon morreu en 1851) e de medallista xefe, co que Pistrucci quedaba como modelador e gravador da Casa da Moeda, cun salario á parte do que cobrara por cada traballo realizado.[41]

Pistrucci mudouse en 1850 de Old Windsor a Englefield Green, preto de Windsor, onde pasou a residir coas súas fillas Maria Elisa e Elena, ambas gravadoras de pedras preciosas.[42] Alí continuou aceptando encargas privadas de camafeos e medallas, ata o seu falecemento por causa dunha inflamación pulmonar o 16 de setembro de 1855. O seu corpo fopi soterrado no cemiterio de Christ Church, en Surrey.[43]

Valoracións da súa figura

editar

Pistrucci é lembrado fundamentalmente polos eu deseño do San Xurxo e o Dragón para os soberanos de ouro británicos, aínda que nos seus inicios foi motivo de controversia.[4][21] O director da Casa da Moeda cando se restaurou o deseño primitivo do soberano en 1871, Charles Fremantle, declarou a súa opinión de que era "case imposible sobrevalorar as vantaxes derivadas dun diseño tan artístico e ben executado".[44] En 1893, o deseño estaba xa novamente en todas as moedas de ouro británicas; a prestixiosa publicación do mundo artístico da época vitoriana The Art Journal sinalou sobre deseño de Pistrucci que "superara triunfante a proba do tempo".[45] O biógrafo de Pistrucci, Michael A. March, escribiu: "De feito, é un tributo que o seu marabilloso deseño siga a adornar as moedas de ouro da nosa actual Raíña Isabel II. É un dos mellores na nosa historia monetaria e, certamente, resistiu a proba do tempo. Oxalá continúe!".[46]

O deseño de Pistrucci tamén apareceu nunha moeda de prata non circulante de 20 libras en 2013 e nas moedas de media coroa nos períodos 1818-1823 e 1887-1900, e nos anos 1902 e 1951.[47][48]

Roderick Farey, na súa serie de artigos biográficos sobre Pistrucci, describiuno como "un italiano cunha disposición ardente que tivo numerosas discusións coas autoridades pero de cuxo enxeño ninguén podería dubidar, primeiro como creador de camafeos e logo como gravador e medallista".[4]

As súas controversias e a lentitude para completar as súas obras (sinaladamente a medalla de Waterloo) constituíron unha fonte para a crítica por parte de escritores posteriores. Howard Linecar, no seu libro sobre deseños e deseñadores de moedas británicos, escribiu: "non hai dúbida de que Pistrucci demorou a elaboración deses cuños como argumento a favor na negociación nos seus incansables esforzos para obter o posto de gravador xefe da Royal Mint.[49] Segundo Clancy, "do gran talento pode xurdir adoito a controversia e, ao longo da súa carreira, Pistrucci foi aclamado e vilipendiado en igual medida, mantendo unhas tensas relacións cos seus colegas, a máis salientable das cales foi co seu compañeiro gravador William Wyon". Craig concluíu: "á parte do deseño de San Xurxo e o Dragón, que daquela era menos estimado que agora (...) as obras deste artista para a Casa da Moeda foron un fracaso, e non así as súas encargas privadas".[50]

A medalla de Waterloo é considerada por moitos como unha obra mestra ao mesmo nivel que o San Xurxo e o Dragón.[19] Pollard considerou que esta medalla "amosa o dominio de Pistrucci dos tipos (ou figuras) dos camafeos, unha comprensión da linguaxe figurativa do Renacemento romano e unha apreciación do relevo esculpido antigo, aínda sendo os seus tipos sempre orixinais".[5] Marsh tamén eloxiou a medalla: "non se vira nunca antes unha peza mellor canto ao deseño e ao gravado. Contén no seu interior ata trinta medallas de tamaño habitual, o que por si mesmo é máis do que a maioría dos medallistas acadaron en toda a súa vida".[46]

Farey concluíu así o seu estudo acerca de Pistrucci:[51]

Benedetto Pistrucci discutiu doadamente cos seus compañeiros e perdeu traballo ao se negar en redondo a copiar os esforzos doutros artistas. Segue a ser unha figura enigmática, cuxo xenio está representado especialmente na medalla de Waterloo e sobrevive sen igual ata o día de hoxe na súa interpretación do San Xurxo e o Dragón.

Unha parte imoportante dos modelos en cera de diversas moedas e medallas, así como de esbozos e proxectos en papel, foron aduiridos en 1912 polo Museo della Zeca di Roma, pertencente ao Istituto Poligrafico e Zecca dello Stato, en Roma, onde permenecen expostos.[52]

  1. 1,0 1,1 1,2 Forrer, L. (1906).
  2. 2,0 2,1 2,2 Forrer, L. (1909 -a-).
  3. 3,0 3,1 3,2 Marsh, M. A. (1996). Páxinas 3-4.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Farey, R. (2014 -a-). Páxina 51.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 5,8 Pollard, G. (2017).
  6. Marsh, M. A. (1996). Páxina 5.
  7. 7,0 7,1 Marsh, M. A. (1996). Páxina 7.
  8. Marsh, M. A. (1996). Páxinas 12-13.
  9. Marsh, M. A. (1996). Páxinas 13-15.
  10. Marsh, M. A. (1996). Páxina 15.
  11. 11,0 11,1 Farey, R. (2014 -a-). Páxina 52.
  12. Linecar, H. W. A. (1977). Páxinas 93-94.
  13. Clancy, K. (2017). Páxina 58.
  14. 14,0 14,1 Rodgers, K. (2017). Páxinas 43-44
  15. Clancy, K. (2017). Páxina 62.
  16. Farey, R. (2014 -a-). Páxinas 52-53.
  17. Craig, J. (2010). Páxinas 295-296.
  18. Linecar, H. W. A. (1977). Páxina 95.
  19. 19,0 19,1 19,2 Farey, R. (2014 -b-). Páxina 51.
  20. Peck, C. W. (1960). Páxina 390.
  21. 21,0 21,1 21,2 Clancy, K. (2017). Páxina 67.
  22. Marsh, M. A. (1996). Páxina 27.
  23. Lobel, R. (1999). Páxina 453.
  24. Rodgers, K. (2017). Páxinas 44-47.
  25. Rodgers, K. (2017). Páxina 44.
  26. Marsh, M. A. (1996). Páxina 28.
  27. Marsh, M. A. (2002). Páxina 12.
  28. Craig, J. (2010). Páxina 296.
  29. Linecar, H. W. A. (1977). Páxinas 97-98.
  30. 30,0 30,1 Craig, J. (2010). Páxina 297.
  31. Marsh, M. A. (1996). Páxina 57.
  32. 32,0 32,1 32,2 Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxina 489.
  33. Marsh, M. A. (1996). Páxina 35.
  34. Marsh, M. A. (1996). Páxina 39.
  35. Marsh, M. A. (1996). Páxinas 30 e 40.
  36. Marsh, M. A. (1996). Páxina 43.
  37. Marsh, M. A. (1996). Páxinas 44-45.
  38. Marsh, M. A. (1996). Páxinas 45-46.
  39. 39,0 39,1 Craig, J. (2010). Páxinas 298.
  40. Marsh, M. A. (1996).. Páxina 48.
  41. Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxinas 496, 502, 504.
  42. Forrer, L. (1909 -b-).
  43. Marsh, M. A. (1996). Páxinas 59-60.
  44. Clancy, K. (2017). Páxina 73.
  45. Clancy, K. (2017). Páxina 75.
  46. 46,0 46,1 Marsh, M. A. (1996). Páxina 61.
  47. Mussell, J. W. (2016). Páxina 234.
  48. Lobel, R. (1999). Páxinas 487-492.
  49. Linecar, H. W. A. (1977). Páxinas 96-97.
  50. Craig, J. (2010). Páxinas 298-299.
  51. Farey, R. (2014 -b-). Páxina 52.
  52. "I modelli in cera di Benedetto Pistrucci. IPZS - Museo della Zecca.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar


Predecesor:
Thomas Wyon, o Novo
Gravador xefe da Casa da Moeda de Londres (Royal Mint)
1821 - 1828
Sucesor:
William Wyon


Predecesor:
Conrad Küchler
 
Moedas da libra esterlina
Autores dos anversos

1817 - 1823
Sucesor:
Jean Baptiste Merlen