Museo da Ceca de Roma
O Museo da Ceaca de Roma (en italiano: Museo della Zecca di Roma) é un museo numismático de titularidade pública dependente do Instituto Poligráfico e Ceca do Estado italiano. En outubro de 2016 instalouse nas propias instalacións da ceca pública italiana, no número 712 da rúa Salaria, en Roma.[1]
Museo da Ceca de Roma –– Museo della Zecca di Roma | |
---|---|
Entrada ao edificio do Museo da Ceca de Roma | |
Coordenadas | 41°56′37.08″N 12°30′28.22″L / 41.9436333, -12.5078389 |
País | Italia |
Cidade | Roma |
Inauguración | Fins do século XVIII |
Na rede | |
http://www.museozecca.ipzs.it | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Historia
editarAs orixes do museo están na adquisición de varias coleccións de moedas e medallas por parte da Cámara Apostólica (Camera Domini Papae) do Vaticano, a finais do século XVIII, o que deu lugar, en 1822, á constitución dun gabinete numismático en 1824 (Gabinetto Pontificio delle Medaglie) coa finalidade de conservar e restaurar as moedas antigas, e de facer copias das medallas dos pontífices.[2][3][4]
En 1870, a ceca vaticana foi absorvida polo Ministerio de Facenda italiano. O rei Vítor Manuel III, recoñecido coleccionista de moedas, incrementou os fondos numismáticos do gabinete por varias vías, entre as que cómpre salientar importantes doazóns. En 1911 o museo pasou a formar parte das instalacións da Ceca do Estado en Esquilino, Roma, que duispuxo unha sala para a exposición das moedas e as medallas, outra para a colección de reproducións en cera de Benedetto Pistrucci, e unha terceira para a colección vaticana.[2][4]
En 1962, unha parte da colección trasladouse á sede do Ministerio de Facenda na rúa XX Settembre.[2][4] En outubro de 2016 inaugurouse unha nova etapa do Museo da Ceca de Roma ao ser trasladado novamente, desde a anterior sede do ministerio ata a da ceca pública italiana, da que depende, na Via Salaria de Roma.[5]
Consonte a Lei 154 do 20 de abril de 1978, pola que se aprobou a unión da Casa da Moeda do Estado e o Instituto Poligráfico nunha única entidade (Istituto Polografico e Zecca dello Stato), as coleccións numismáticas do Museo da Casa da Moeda pasaron tamén a formar parte do acervo da nova entidade.[2][3]
Colección
editarA colección do museo componse de arredor de 20.000 pezas, entre moedas, medallas, artefactos de cuñaxe e moedelos en cera, tanto italianos como doutros países.[3][6][7]
Entre as moedas destaca unha rica mostra de pezas dos estados italianos e estranxeiros desde a Idade Media ata a actualidade, que tamén inclúe probas e proxectos. O núcleo da colección de medallas, que abrangue os artistas máis ilustres de todos os tempos, constitúeno as medallas pontificias.[3][6][7]
Tamén é moi salientable a colección de modelos de cera para medallas e camafeos, cuxo grupo máis numeroso (425 ceras) está representado polas obras de Benedetto Pistrucci. Estes modelos comprenden esbozos de moedas, medallas e camafeos adquiridos polo museo en 1912.[8] A grande sona deste gravador romano débese principalmente a unha das súas obras principais, o soberano de ouro británico, do que se exhiben estudos e esbozos orixinais.[3][6][7]
Tamén cómpre destacar os modelos en cera de Giuseppe e Francesco Bianchi; trátase de 96 exemplares, dos cales 15 están realizados por Giuseppe e os restantes polo seu fillo Francesco.[9]
Notas
editar- ↑ "Museo della Zecca, apre la fabbrica dei tesori italiani". En Ansa.it. 27 de outubro de 2016.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 "Storia della collezione". IPZS. Museo della Zecca.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Il museo". Museo della Zecca di Roma.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Staccioli, P. (1966).
- ↑ "Museo della Zecca, apre la fabbrica dei tesori italiani". Ansa.it. 27 de outubro de 2016.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 "Collezione online". Museo della Zecca di Roma.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 "Il Museo della Zecca". IPZS - Museo della Zecca.
- ↑ "I modelli in cera di Benedetto Pistrucci. IPZS - Museo della Zecca.
- ↑ "I modelli in cera di Giuseppe e Francesco Bianchi". IPZS - Museo della Zecca.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarBibliografía
editar- Staccioli, P. (1966). "Museo numismatico della Zecca Italiana". En I musei nascosti di Roma. Alla scoperta dei tesori dimenticati della città. Páxina 50. Roma. Newton Compton. ISBN 88-8183-417-0