Xérridos
Xérridos | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Aquarius remigis adulto | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Subfamilias[1] | |||||||||||||||||
Os xérridos[2] (Gerridae) son unha familia de insectos da orde dos hemípteroos e da suborde dos heterópteros, coñecidos popularmente como zapateiros ou cabras de auga. As súas pezas bucais son de tipo perforador-succionador, e é característica a súa habilidade para deslizarse sobre a auga, distribuíndo o seu peso para aproveitar a tensión superficial da superficie da auga, polo que son comúns en ríos e lagos. Identificáronse máis de 1700 especies de xérridos, dos cales un 10% son especies mariñas.[3]
Malia que o 90% dos xérridos viven en augas continentais, o xénero mariño Halobates converte a esta familia Gerridae nun caso bastante extraordinario. O xénero Halobates foi estudado con detemento por primeira vez entre 1822 e 1883 cando Francis Buchanan White recolleu varios exemplares de distintas especies durante a Expedición Challenger.[4] Por aquel entón, Eschscholtz descubriu tres especies de Gerridae, o que atraeu atención sobre esta familia a pesar do escaso coñecemento sobre a súa bioloxía. Dende entón, os xérridos seguíronse estudando pola súa capacidade de patinar sobre a auga e polas súas interaccións sociais. Algúns Gerridae de pequeno tamaño confundíronse con outro tipo de insectos, os Veliidae; o trazo máis definitorio para distinguilos áchase nas diferenzas internas entre os seus aparellos reprodutores, polo que é practicamente imposible facelo a primeira ollada e precísanse tanto unha formación específica como instrumentos de análises adecuadas.
A familia Gerridae caracterízase polos seus pelos hidrófobos, as súas garras retráctiles preapicais e o seu corpo e patas esveltos.[5] Os pelos hidrófobos son pelos minúsculos que conteñen máis de mil micropelos por milímetro. Todo o seu corpo está cuberto por estes pelos, o que lles dá resistencia fronte a salpicaduras e pingas de auga.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Schuh R.T., Slater J.A. (1995). True Bugs of the World (Hemiptera: Heteroptera). Classification and Natural History. Cornell University Press, Ithaca, New York, USA. 336 pp.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xérridos.
- ↑ Aquatic insects: challenges to populations. CABI.
- ↑ Cheng, L. (1985). "Biology of Halobates (Heteroptera: Gerridae)". Annual Review of Entomology 30 (1): 111–135. doi:10.1146/annurev.en.30.010185.000551.
- ↑ Aquatic Insect Ecology: 1. Biology and habitat. Wiley & Sons.