Varíola do mono
Varíola do mono | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Lesións cutáneas producidas polo virus da varíola símica. | |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A varíola do mono,[1] tamén coñecida coma varíola símica, varíola do pónxido, varíola do mico ou monkeypox (mpox), é unha doenza infecciosa causada polo virus monkeypox. Constitúe unha zoonose, isto é, afecta principalmente a animais. Os casos en humanos son raros e moi pouco frecuentes en Europa. A meirande parte dos casos prodúcense nos países de África central e occidental.
A doenza fíxose popular entre a poboación xeral por un gromo que afectou a centos de persoas no mundo en 2022.
Historia
[editar | editar a fonte]O primeiro caso da enfermidade describiuse na República Democrática do Congo no ano 1970, aínda que o virus xa se indentificara varios anos antes, no 1958, cando unha partida de monos experimentais fora trasladada de Singapur a Dinamarca.[2] Desde entón, a meirande parte dos casos producíronse nestes países, e os casos detectados en Europa era importados e autolimitados ao individuo e os seus achegados. Porén, dende maio de 2022, detectouse en varios países de Europa (sobre todo Italia, Portugal, España, Suecia e o Reino Unido) unha transmisión comunitaria e anormalmente maior. O 27 de maio de 2022 confirmouse o primeiro caso da doenza en Galicia, detectado na área sanitaria de A Coruña[3].
Causa
[editar | editar a fonte]A varíola símica é unha viriase provocada polo virus monkeypox ou virus da varíola símica, un virus do tipo ADN pertencente ao xénero Orthopoxvirus, da familia Poxviridae. Ao se tratar dunha zoonose, o virus habita nos organismos de diferentes animais, aos que pode causar dano. Existen varias especies animais que poden hospedar ao virus, principalmente varias especies de simios, aínda que tamén se atopou noutro tipo de animais coma ratas de Gambia, leiróns ananos africanos ou esquíos[4].
Síntomas
[editar | editar a fonte]A enfermidade pode non dar ningún tipo de síntoma até incluso nas tres primeiras semanas após do contaxio, o que se coñece coma período de incubación. Dita etapa adoita durar na meirande parte dos casos entre unha e dúas semanas.
Pasado ese tempo, comezarían a manifestarse os síntomas, que poden dividirse en dúas fases:
- Fase temperá ou período de invasión: o síntomas principais son a febre e a aparición de linfadenopatías, isto é, inflamación dos ganglios linfáticos. Ditas linfadenopatías son características desta doenza, e permiten diferenciala doutras doenzas similares coma o xarampón, a varicela ou a propia varíola (esta última, porén, considérase erradicada e só se conserva o virus en laboratorios). Outros síntomas nesta primeira fase poden ser a cefalea, as mialxias, a astenia ou a dor lumbar. Esta fase adoita durar unha semana.
- Fase tardía ou cutánea: entre un e tres días despois de aparecer a febre, comezan a saír na pel erupcións, pústulas, pápulas, vesículas e costras. A área corporal máis afectada é o rostro, que se afecta nun 95% dos casos, seguido das plantas das mans e os pés.
Diagnóstico
[editar | editar a fonte]Aínda que os signos e os síntomas compatibles coa varíola do mono poden dar un diagnóstico probable, o diagnóstico definitivo precisa dun diagnóstico molecular microbiolóxico a través dunha proba PCR.
Así, ante doentes con febre, cefalea intensa, artralxias e mialxias e exantema cutáneo vesicular ou pustular, estaría indicada a toma de mostras para a súa posterior análise. Habitualmente estas mostras recóllense do líquido ou exudado que emanan as lesións da pel.
Tratamento
[editar | editar a fonte]Coma case todas as enfermidades provocadas por virus, non existe un tratamento curativo eficaz. A terapia nos pacientes afectados pola varíola símica está dirixida a tratar e paliar os síntomas que esta produce.
No caso de que as lesións cutáneas sexan extensas e graves, estas teñen o risco de se sobreinfectar, isto é, de que sobre esa lesión se produza outra infección bacteriana. No caso de se producir, o tratamento adecuado sería o antibiótico axeitado para a bacteria identificada.
A hidratación abundante é fundamental nos casos nos que a extensión das lesións cutáneas sexa importante, xa que a pérda da integridade cutánea aumenta o risco de deshidratación.
Co gallo do brote de varíola símica de 2022, a Axencia Europea de Medicamentos (EMA), autorizou ou uso do medicamento tecovirimat, que orixinariamente fora deseñado para o tratamento doutra doenza, a varíola. O seu uso é experimental e non existen resultados sobre a súa eficacia ou seguridade.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Detección de casos da varíola do mono (Monkeypox) en Atención Primaria." (PDF). sergas.gal.[Ligazón morta]
- ↑ Moore, Marlyn (Maio de 2022). "Monkeypox". StatPearls.
- ↑ "Sanidade confirma o primeiro caso de variola do mono en Galicia". xunta.gal.[Ligazón morta]
- ↑ "Viruela símica". who.com.