Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Teeteto (diálogo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Teeteto (diálogo)
Título orixinalΘεαίτητος
Autor/aPlatón
LinguaGrego antigo
Xénero(s)diálogo
Na rede
BNE: XX3383758
editar datos en Wikidata ]

Teeteto é un diálogo escrito por Platón que trata sobre a natureza do saber (a ciencia). Dentro da obra deste filósofo adoita situarse o Teeteto nun grupo de diálogos posteriores á publicación da República.[1]

Datación e situación relativas na obra platónica

[editar | editar a fonte]

Considérase o Teeteto como un dos diálogos tardíos de Platón. Existe unha gran proximidade estilística e temática entre o Teeteto e o Parménides; ambos os diálogos serían escritos en 369/368 a.C.

Sócrates refírese á ocasión na que coñeceu aos filósofos eleáticos Parménides e Zenón. Os especialistas sosteñen que este encontro é ficticio, e que a referencia só pode apuntar á situación dramática do Parménides, polo que este último diálogo sería escrito pouco antes.[2][3]

O final do Teeteto —Sócrates debe interromper o diálogo para dar conta da súa acusación, pero promete retomala ao día seguinte— dá pé para que no Sofista, o interlocutor de Sócrates recorde que se reencontran, cumprindo co acordado o día anterior.

Ademais, ambos os diálogos son protagonizados polos mesmos interlocutores (Sócrates, Teodoro de Cirene e Teeteto) aos que se engade o Estranxeiro Eléata no Sofista. Este último personaxe cobra un valor fundamental tamén no Político.

Desta maneira viuse que o mesmo Platón vincula estes catro diálogos e dá unha orde de lectura para os mesmos: 1º Parménides, 2º Teeteto, 3º Sofista e 4º Político.[2]

Situación dramática e personaxes

[editar | editar a fonte]

O diálogo comeza cunha breve introdución na que dous personaxes vinculados co círculo socrático, Euclides de Megara [4] e Terpsión, se encontran e intercambian observacións sobre unha batalla que se librara recentemente en Corinto, e sobre o destino dun dos cidadáns que participaran nela: o eminente matemático ateniense Teeteto.

A continuación, Euclides pide a un escravo que lea un manuscrito no que el rexistrara todos os detalles dunha conversa mantida entre Sócrates, o matemático Teodoro de Cirene e o seu discípulo Teeteto, daquela un mozo. Servíralle como fonte o relato do mesmo Sócrates.[5]

O resto do diálogo consiste na lectura directa deste escrito, que relata o encontro entre o filósofo e os dous matemáticos xusto o mesmo día en que o primeiro debía dar conta da acusación que se formulara contra el, e que o levaría máis tarde á morte.[6]

Estrutura do diálogo e contido

[editar | editar a fonte]

Omitindo as longas e importantes digresións que contén, o diálogo trata sobre a natureza do saber. Nel ensáianse tres definicións: o saber é percepción; o saber é opinión verdadeira, e o saber é opinión verdadeira acompañada dunha explicación. Sócrates termina por recoñecer que ningunha das tres definicións é adecuada, o que lle dá ao diálogo o seu carácter aporético, é dicir, que non resolve o problema que o suscitou.[7]

O problema central do diálogo xorde deste carácter, e de que non apela, para resolver a aporía, á teoría das formas, un trazo máis que vincula este diálogo con aqueles da madurez de Platón, nos que trata dita teoría de maneira crítica.[8]

  1. Jaeger, Werner Wilhelm: Paideia, III, 707.
  2. 2,0 2,1 Santa Cruz, Mª Isabel, Introducción al "Parménides", p. 9.
  3. Vallejo Campos, Álvaro, Introducción al "Teeteto", p. 139.
  4. Euclides de Megara foi un filósofo socrático grego que viviu ao redor de 400 a.C. e fundou a escola megárica. Os tradutores medievais a miúdo confundírono co matemático Euclides de Alexandría.
  5. Vallejo Campos, Álvaro, Introducción al "Teeteto", p. 145.
  6. Jaeger indica que este encontro de Sócrates con Teeteto é igual de ficticio que o encontro de Sócrates, Parménides e Zenón no Parménides. Paideia, III, p. 709.
  7. Vallejo Campos, Álvaro: Introducción al Teeteto, p. 146.
  8. Vallejo Campos, Álvaro: Introducción al Teeteto, p. 142.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Jaeger, Werner Wilhelm (1942): Paideia, Die Formung des Griechischen Menschen. Ed. traducida ao español de Joaquín Xirau Palau (1962): Paideia: los ideales de la cultura griega, 2ª ed. Madrid: Fondo de Cultura Económica. ISBN 950-557-175-5.
  • Platón (2003): Diálogos. Obra completa en 9 volumes. Volume V: Parménides. Teeteto. Sofista. Político. Madrid: Editorial Gredos. ISBN 978-84-249-1279-6.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]