Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Tamías

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Tamías (ταμίαι -ταμίας tamías, en singular-) era a denominación duns maxistrados da Antiga Grecia, particularmente en Atenas, cuxa función era a administración das finanzas públicas, ao modo de tesoureiros.

O termo deriva da raíz grega do verbo τέμνω (témno, "cortar") e indicaba orixinariamente ao escravo que cortaba a carne.

En Homero o tamías era un home libre, pero con funcións servís.

Na Grecia clásica, en torno ao século -V, o termo designaba aos tesoureiros das polis, particularmente en Atenas.

Na Antiga Roma utilizábase nos textos en grego para designar ao maxistrado romano que en latín se denominaba cuestor.

Os tamías de Atenas

[editar | editar a fonte]

A información dispoñíbel restrínxese fundamentalmente á cidade de Atenas: segundo Aristóteles nas épocas máis antigas había dez tamías que eran elixidos a sortes para un mandato anual, un por cada phile (tribo), entre os pentacosiomedimnoi (a primeira clase censitaria establecida por Solón). Á fronte do colexio dos tamías estaba un prítane[1].

Aínda que o nome do primeiro tamías non se recolle até o período -550 a -549, os tamías estaban previstos na constitución soloniana, dous pentacosiomedimnoi de cada tribo, número que se reduciu á metade na constitución de Clístenes[2].

O colexio dos tamías ocupouse, a partir dun decreto de Calias (cara ao -435), da xestión do tesouro de varios templos da Ática, encabezados polo do templo de Atenea, que desde a formación da liga de Delos se conservou inicialmente en Delos (entre o -478 e o -477), e desde o -454 fora transportado a Atenas e posto baixo a administración dos hellenotamiai ("tesoureiros da deusa"). A intención de Calias era que a súa administración polo colexio dos tamías permitise unha xestión centralizada do tesouro, ao xuntar o "da deusa", que até entón administraban os helenotamías, cos "tesouros dos outros deuses", procedentes dos outros templos da Ática.

Aínda no -385 / -384 o "tesouro da deusa" foi reconstituído, e non volve haber testemuños para todo o século -IV. O último texto que menciona aos tesoureiros da deusa é do -299/-298, mentres que os tamías, "tesoureiros dos outros deuses", non son citados máis tarde do -356/-355[3].

En torno ao -350 Eubulo creou un colexio de dezaseis maxistrados adscritos ao teoricón, cuxa vida foi breve: o feito de que se constituíu cos excedentes do orzamento da polis, sobre todo para subvencionar festas e espectáculos suscitou graves polémicas entre os partidarios da política pacifista filomacedónica (como o propio Eubulo), que desexaban mantelo, e os seus adversarios (Demóstenes), que pretendían que todos os esforzos debían concentrarse na preparación bélica.

No -339 o colexio dos tamías foi disolto por Demóstenes, que fixo fluír o excedente de caixa no fondo de guerra administrado por un único tamías.

  1. Constitución dos atenienses
  2. Athenian Officials 684-321 B.C. (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 0521526469. 
  3. Robert Develin

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Philipp August Böckh, Die Staatshaushaltung der Athener (L'economia pubblica degli Ateniesi), Berlin, 1851, II ed., p. 170- (riproduzione fotostatica: Gottingen: Duehrkohp & Radicke, 2001 ISBN 978-3-89744-023-4)