Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Wulfhere de Mercia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaWulfhere de Mercia

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacementoséculo VII Editar o valor en Wikidata
Morte675 Editar o valor en Wikidata
Rei de Mercia
658 (Gregoriano) – 675 (Gregoriano)
← Oswiu de NorthumbriaAethelred →
Rei de Mercia
658 – 675
← Peada de MerciaAethelred de Mercia → Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmonarca Editar o valor en Wikidata
Familia
FamiliaIclingas (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
CónxuxeErmenilda de Ely Editar o valor en Wikidata
FillosWerburgh, Coenred de Mercia Editar o valor en Wikidata
PaisPenda Editar o valor en Wikidata  e Cinevisa Editar o valor en Wikidata
IrmánsAethelred de Mercia
Peada de Mercia
Cinebura
Cinesvida Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDictionary of National Biography
Encyclopædia Britannica Editar o valor en Wikidata

Wulfhere, finado en 675, foi un rei de Mercia, reino situado no que hoxe constitúen as actuais Midlands inglesas, desde finais dos anos 650 até a súa morte en 675. Foi o primeiro rei cristián do reino de Mercia, aínda que non se coñece cando ou como se converteu ao cristianismo.

A súa chegada ao trono marcou o final do dominio de Oswiu de Northumbria sobre o sur de Inglaterra, e Wulfhere, de feito, expandiu a súa influencia por gran parte desa rexión. As campañas contra os saxóns de Wessex levaron a que o control de Mercia se estendese tamén por boa parte do val de Támese. Conquistou a illa de Wight e o val do río Meon, outorgando o control destas rexións ao rei Aethelwealh de Sussex. Tamén tivo influencia sobre os territorios de Surrey, Essex e Kent. casou coa raíña Eormenhild de Ely, filla do rei Eorcenberht de Kent.

O pai de Wulfhere, Penda, morreu en 655 na batalla de Winwaed, loitando contra o rei Oswiu de Northumbria. Un dos seus fillos, Peada de Mercia, converteuse en rei baixo o dominio de Oswiu, pero foi asasinado un ano máis tarde. Wulfhere chegou ao trono cando un grupo de nobres de Mercia organizaron unha revolta contra o goberno de Northumbria en 658, expulsando aos gobernadores de Oswiu.

Para o ano 670, ano da morte de Oswiu, Wulfhere era o rei máis poderosos de todo o sur de Gran Bretaña. De feito, foi o señor do territorio britano ao sur do río Humber desde comezos dos anos 660, aínda que non chegou a ser o señor de Northumbria, como si que chegara a ser o seu pai. En 674 enfrontouse ao fillo de Oswiu, Ecgfrith de Northumbria, pero foi derrotado.

Morreu, posibelmente por enfermidade, no ano 675. Foi sucedido como rei de Mercia polo seu irmán Aethelred. Eddius Stephanus, na súa biografía de Wilfrid de York, describe a Wulfhere como "un home de orgullosa mente e de vontade insaciábel"[1].

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Mercia no século VII

[editar | editar a fonte]
Reinos de Bretaña a finais do século VII.

A comezos do século VII, Inglaterra atopábase gobernada practicamente na súa totalidade polos anglosaxóns, pobos que chegaran a Britania durante o século V aproximadamente, provenientes da Europa noroccidental. O monxe Beda, que escribiu no século VIII, consideraba aos habitantes de Mercia descendentes dos anglos, un dos pobos invasores. Os saxóns e os xutos asentáronse no sur de Britania, mentres que os anglos quedaron no norte[2]. Coñécense poucos datos sobre as orixes do reino de Mercia, no que hoxe en día serían as Midlands inglesas, pero segundo as xenealoxías preservadas na Crónica anglosaxoa e na Colección anglia os primeiros reis serían descendentes de Icel e, por iso, coñécese á súa dinastía como Iclinga[3]. O primeiro rei de Mercia do que se dispón información histórica definida é Penda de Mercia, o pai de Wulfhere[4].

A obra Historia ecclesiastica gentis Anglorum de Beda ofrece a historia da Igrexa inglesa e, segundo esta, houbo sete gobernantes anglosaxóns que mantiveron un certo imperium ou preeminencia sobre o resto de reinos[5]. O quinto destes gobernantes foi Edwin de Northumbria, que morreu durante a batalla de Hatfield Chase loitando contra un exército de forzas combinadas entre as que se atopaba Cadwallon, un rei de Gwynedd, e Penda. No momento desta vitoria Penda probabelmente non era aínda rei de Mercia[6].

Tras a morte de Edwin, Northumbria quedou dividida nos seus dous reinos constituíntes durante un breve período de tempo. Un ano despois Oswald de Northumbria acabou coa vida de Cadwallon e reunificou os reinos, establecendo a hexemonía de Northumbria sobre o sur de Inglaterra[7]. Con todo, o 5 de agosto de 642 Penda matou a Oswald na batalla de Maserfield, que probabelmente tivo lugar en Oswestry, o noroeste dos Midlands[8]. Penda non figura como o rei señor sobre o resto de reis anglosaxóns, pero converteuse no máis poderoso de todos eles tras a derrota de Oswald[9]. Á morte de Oswald, por outra banda, Northumbria quedou dividida de novo: O reino quedou dividido en Bernicia, gobernado por Oswiu de Northumbria, e Deira, gobernado por Oswine de Deira[10].

A principal fonte histórica deste período é a xa citada obra de Beda, que foi acabada ao redor do ano 731. A pesar de estar enfocada na historia da Igrexa, a obra ofrece valiosa información sobre os primeiros reinos pagáns. No referente a outros reinos distintos da súa terra natal (Northumbria), como Wessex ou Kent, Beda contaba cun informante dentro do estamento eclesiástico que lle achegaba información adicional. Non parece que ese fose o caso, con todo, do reino de Mercia, do que se cita menos información que do resto[11]. Outra fonte deste período é a Crónica anglosaxoa, compilada ao final do século IX en Wessex. Trátase dunha crónica dun escriba anónimo que parece incorporar moita información recollida en períodos anteriores[12].

Wulfhere era fillo de Penda de Mercia. Beda fai mención do nome da raíña consorte, Cynewise, pero non menciona explicitamente os fillos que tivo ela. Doutra banda, posto que non se coñece que Penda tivese outras esposas, é probábel que Cynewise fose tamén a nai de Wulfhere[13][14]. A Crónica anglosaxoa indica que Penda tiña 50 anos de idade en 626, e atribúelle un reinado de trinta anos, pero isto suporía que Penda vivise até os oitenta, o que é moi improbábel se se ten en conta que se informa de que dous dos seus fillos (Wulfhere e Aethelred) eran mozos cando el morreu. Considérase probábel que Penda tivese 50 anos no momento da súa morte, en lugar de no do seu ascenso ao trono[15][16]. A súa data de nacemento descoñécese, pero Beda descríbeo como mozo no momento do seu ascenso ao trono (poida que estivese en metade da adolescencia). Penda entón podería haberse atopado avanzada na trintena no momento do nacemento de Wulfhere[17].

Non existen datos sobre a infancia de Wulfhere. Tivo dous irmáns, Peada e Aethelred, e dúas irmás, Cyneburh e Cyneswith, e tamén é posíbel que Merewalh (un rei menor de Magonsæte, un reino vasalo de Mercia) fose tamén o seu irmán[18][19][20].

Contraeu matrimonio con Eormenhild de Kent, aínda que non existe constancia en fontes contemporáneas da data do matrimonio nin dos fillos que tiveron. Non obstante o anterior, Coenred de Mercia, rei de Mercia entre 704 e 709, figura na crónica do século XII de Xoán de Worcester como fillo de Wulfhere[21]. Outro posible fillo é Berhtwald, outro rei vasalo que figura nas fontes como sobriño de Aethelred, e un terceiro, Werburga, que figura nun manuscrito do século XI como filla súa[22][23]. Existe unha historia do século XI na Catedral de Gloucester que menciona a outras dúas mulleres, Eadburh e Eafe, como esposas de Wulfhere, pero ningún destes casos é plausíbel[24].

Ascensión ao trono

[editar | editar a fonte]
O Reino de Mercia no seu momento de maior expansión (séculos VII a IX) en cor verde. A parte verde escuro mostra o núcleo orixinal do reino (século VI)[25]

No ano 655 Penda asediou a Oswiu de Northumbria nun lugar chamado Iudeu, cuxa localización se descoñece, aínda que puidese ser Stirling, en Escocia. Penda capturou como refén ao fillo de Oswiu, Ecgfrith, e Oswiu pagou un tributo como condición para que Penda abandonase o lugar. Non obstante, no camiño de volta a Mercia, Penda foi atacado por Oswiu, producíndose o enfrontamento nun río cuxa localización tamén se descoñece pero que no seu momento recibía o nome de Winwaed[26]. Penda morreu na batalla e foi decapitado e Oswiu dividiu Mercia en dúas metades, norte e sur[27]. A porción localizada máis ao norte foi mantida baixo o control directo de Northumbria, mentres que a outra parte quedou gobernada por Peada, o fillo de Penda, que contraera matrimonio coa filla de Oswiu, Ealhflæd, aproximadamente no ano 653[28].

Con todo, Peada non permaneceu no trono durante moito tempo. Foi asasinado durante a Pascua de 656, posibelmente coa axuda da propia filla de Oswiu[29]. Tras a súa morte o propio Oswiu gobernou a totalidade de Mercia. Na obra de Beda Oswiu aparece nunha listaxe como o sétimo e último rei en manter imperium (ou bretwalda na linguaxe da Crónica anglosaxoa) sobre o resto de reinos anglosaxóns[5]. Por entón, era común a existencia de relacións de vasalaxe entre os reinos, que a miúdo tomaba a forma dun rei menor baixo o dominio doutro máis forte. Oswiu, con todo, chegou máis lonxe que isto, até o punto de que instalou aos seus propios gobernadores sobre Mercia tras as mortes de Penda e de Peada. Con todo, o seu intento de controlar estreitamente o territorio do reino de Mercia fracasou en 658, cando tres líderes de Mercia chamados Immin, Eafa e Eadbert se rebelaron contra Northumbria. Beda informa que mantiveran a Wulfhere oculto, e que cando a súa revolta tivo éxito Wulfhere foi nomeado rei[30].

Suxeriuse que a revolta en Mercia tivo éxito debido a que Oswiu se atopaba nese momento ocupado loitando contra os pictos no norte de Britania. O seu sobriño, o rei picto Talorgan, morrera en 657[31].

A cuestión sobre canto control chegou a exercer Oswiu sobre os reinos do sur non está clara. Beda describe a existencia dunha relación de amizade e influencia entre Oswiu e Sixeberto II de Essex, do Reino de Essex, pero en xeral o esquema de poder no sueste era máis de dominación local, polo que a influencia que puidese exercer Oswiu é pouco probábel que fose demasiado forte[32][33]. En calquera caso, parece que Wulfhere ocupou a posición de Oswiu en moitos lugares[34].

Beda non inclúe a Wulfhere na lista de reis que exerceron imperium, pero os historiadores modernos consideran que foi durante o seu reinado cando comezou a escalada de poder do reino de Mercia cara á supremacía. Parece que foi o gobernante supremo de feito ao sur do río Humber desde comezos dos anos 660, aínda que non chegou a dominar Northumbria, como dera feito o seu pai[35].

Existe un documento coñecido como Tribal Hidage que podería datar do reinado de Wulfhere. Escrito nunha época anterior a que os pequenos grupos de persoas se reunisen en reinos maiores como o de Mercia, describe as xentes da Inglaterra anglosaxoa, xunto con estimacións do tamaño da terra que ocupaban. Dado que debeu ser creado despois de que a escritura chegase da man do clero cristián, o documento é probábel que fose escrito a mediados ou finais do século VII. É difícil, con todo, datalo de forma precisa, e non todos os estudosos están de acordo en que se compilase durante o reinado de Wulfhere: outras orixes que se suxeriron inclúen o reinado de Offa de Mercia ou de Edwin ou Oswiu de Northumbria[36][37].

Un rei converso

[editar | editar a fonte]

Aínda que Britania fora cristianizada durante o dominio romano, os grupos de anglosaxóns invasores eran pagáns e a Igrexa de Gran Bretaña quedou limitado aos reinos britanos sobreviventes en Escocia e Gales, xunto co reino de Domnonia, ao suroeste de Inglaterra. Con todo, cara ao final do século VI produciuse a chegada de misioneiros desde Roma que empezaron a converter aos anglosaxóns ao cristianismo. Este proceso de cristianización atopábase xa en pleno apoxeo durante o reinado de Penda, aínda que este permaneceu sendo pagán durante toda a súa vida[38]. Existen rexistros do bautismo doutros reis durante o seu reinado, como Cynegils de Wessex, que foi bautizado ao redor de 640, ou Edwin de Northumbria, que se converteu a mediados dos anos 620[39][40]. Con todo, reis posteriores como Cædwalla de Wessex son descritos nas fontes como pagáns antes do seu ascenso ao trono[41].

Beda escribe que despois de que Wulfhere se convertese en rei:

Mentres que o pai de Wulfhere rexeitou converterse ao cristianismo, e Peada aparentemente converteuse como condición para contraer matrimonio coa filla de Oswiu, a data e as circunstancias da conversión de Wulfhere descoñécense. Suxeriuse que puido adoptar o cristianismo como parte dun acordo con Oswiu[42]. Beda indica que dous anos antes da morte de Penda, o seu fillo Peada converteuse ao cristianismo, influenciado en parte polo fillo de Oswiu, Alchfrith de Deira, que casou coa irmá de Peada, Cyneburh. Peada fixo vir unha misión cristiá a Mercia, e é posíbel que fose entón cando Wulfhere se converteu[43]. O matrimonio de Wulfhere con Eormenhild de Ely levaría a Mercia a un estreito contracto cos reinos cristiáns de Kent e da Galia merovinxia, cos que estaban conectados por lazos de sangue e polo comercio. Os beneficios políticos e económicos do matrimonio poderían influír tamén na cristianización do reino de Wulfhere[44][45].

Na obra Vida de Wilfrido, de Eddius, recóllese a relación entre Wulfhere e o bispo Wilfrido de York. Durante os anos 667-9, mentres Wilfrido se atopaba en Ripon, Wulfhere convidábao frecuentemente a acudir a Mercia, cando necesitaba os servizos dun bispo. Segundo Eddius, Wulfhere recompensou a Wilfrido con "moitas extensións de terra", nas que Wilfrido "pronto estableceu a pastores como servos de Deus"[46].

Segundo a Crónica anglosaxoa, Wulfhere financiou un mosteiro na antiga cidade de Medeshamstede, a actual Peterborough. A entrega do mosteiro foi asinada por Wulfhere e Oswiu, así como por Sigehere e Sebbi, os reis de Essex[47].

Saxonia do Oeste, Saxonia do Sur, e o Reino de Hwicce

[editar | editar a fonte]
Mapa do sur de Inglaterra mostrando as localizacións ás que se fai referencia nas fontes máis antigas sobre Wulfhere. A localización exacta de Ashdown descoñécese.

En 661, Wulfhere aparece na Crónica anglosaxoa acosando Ashdown, en territorio dos saxóns occidentais. A tribo dos Gewisse, considerada o grupo étnico orixinal do que procedían os saxóns occidentais, parece que se asentaron nun principio na parte alta do val de Támesis, e os rexistros do século VI que sobreviviron móstranos activos na rexión. O rexurdir do reino de Mercia baixo Wulfhere colocounos baixo unha dura presión. Tamén a comezos desa década, os saxóns occidentais de Dorchester, nesa mesma área, dividíronse e comezaron unha nova rama en Winchester. Esta decisión é probábel que fose unha reacción ante o avance de Mercia cara ao corazón tradicional do territorio saxón, facendo que Dorchester se atopase perigosamente preto da fronteira. En poucos anos, a propia cidade de Dorchester sería abandonada; descoñécese a data exacta, pero é probábel que fose a mediados dos anos 660[48][49].

Ademais do ataque sobre Ashdown, Wulfhere saqueou en 661 a illa de Wight, Posteriormente outorgou o control tanto da illa como do territorio de Meonware ao seu afillado, o rei Aethelwealh de Sussex, dos saxóns do sur. Parece probábel que a dinastía gobernante na illa atopase estes acordos aceptábeis até certo punto, dado que os saxóns occidentais, baixo o mando de Caedwalla, exterminaron a toda a familia cando en 686 lanzaron o seu propio ataque sobre a illa[50][51]. Tras a conquista da illa, Wulfhere ordenou que o sacerdote Eoppa bautizase aos seus habitantes. Segundo a Crónica anglosaxoa, esta sería a primeira vez que o bautismo cristián chegase á illa[52].

A comezos dos anos 670 morreu Cenwalh de Wessex e, poida que polo desgaste causado pola actividade militar de Wulfhere, o reino de Saxonia do Oeste se fragmentó e pasou a estar gobernado por unha serie de reis vasalos, segundo afirma Beda[53]. Eventualmente, todos estes reis menores serían derrotados e o reino reunificado, probabelmente por Cædwalla, ou quizais por Centwine. Unha década despois da morte de Wulfhere, os saxóns do oeste comendados por Cædwalla comezaron unha expansión agresiva cara ao leste, revertendo boa parte do avance de Mercia[54].

Ademais de ser o afillado de Wulfhere, o rei Aethelwealh de Sussex tamén estaba conectado co reino de Mercia pola vía matrimonial. A súa muller era a filla de Eanfrido de Hwicce, unha tribo cuxo territorio se atopaba ao suroeste de Mercia. Tiñan a súa propia familia real, pero parece que para aquela época xa se atopaban subordinados a Wulfhere: o matrimonio entre Aethelwealh e Eafe puido mesmo ter lugar na corte de Wulfhere, dado que se sabe que Aethelwealh se converteu nese lugar[55]. Ás veces considérase que o Reino de Hwicce foi unha creación de Penda, pero é igualmente probábel que o reino existise de forma independente a Mercia, e que fose a cada vez maior influencia na área de Penda e de Wulfhere a que expandise o poder de Mercia, e non tanto a creación dunha entidade separada[56][57].

Anglos e saxóns do leste

[editar | editar a fonte]

En 664 morreu o rei Aethelwald de Anglia Oriental, e foi sucedido por Ealdwulf, que reinou durante cincuenta anos. Non se coñece practicamente nada das relacións entre Mercia e o reino de Anglia Oriental durante este tempo; Anglia Oriental estivera dominado por Northumbria até entón, pero non existen evidencias que indiquen que o dominio continuou despois da chegada ao trono de Wulfhere. En 664 tamén se produciu a morte de Swithhelm de Essex, que foi sucedido polos seus dous fillos, Sigehere e Sebbi, que aparecen descritos por Beda no momento da súa chegada ao trono como "gobernantes (...) baixo Wulfhere, rei de Mercia"[44]. Unha praga dese mesmo ano causou que Sigehere e a súa xente abxurasen do cristianismo e, segundo Beda, Wulfhere enviou a Jaruman, bispo de Lichfield, para reconvertelos. Jaruman, doutra banda, non era o primeiro bispo de Lichfield, senón que Beda menciona a un predecesor, Trumhere, aínda que non se coñece nada das súas actividades ou de quen o nomeou para o cargo[58].

Parece que, á vista destes datos, que a influencia de Oswiu no sur se difuminara para esta época, se non antes, e que era agora Wulfhere quen exercía o seu dominio sobre a mesma. Isto é aínda máis claro que nos cinco anos seguintes, posto que nalgún momento entre 665 e 668 Wulfhere vendeu o mar de Londres ao bispo Wine, que fora expulsado do seu bispado en Saxonia do Oeste por Cenwealh. Londres estaba dentro do territorio de Saxonia do Leste por aquela época[34]. Das evidencias arqueolóxicas parece que por entón se comezou a expandir significativamente un asentamento de saxóns en Londres. O centro do Londres anglosaxón non estaba no mesmo lugar que o centro romano, senón ao redor dunha milla ao oeste. Poida que Wulfhere controlase a cidade na época na que comezou esta expansión[59].

Kent, Surrey e Lindsey

[editar | editar a fonte]

Eorcenberht era o rei de Kent no momento no que Wulfhere accedeu ao trono de Mercia, e as dúas familias conectáronse mediante enlaces matrimoniais cando Wulfhere contraeu matrimonio coa filla de Eorcenberht Eormenhild[60]. En 664 o fillo de Eorcenberht, Ecgberht, sucedeuno no trono de Kent. A situación de Kent á morte de Ecgberht en 673 non está clara nas crónicas. Parece que pasou un ano antes de que Hlothhere, irmán de Ecgberht, se convertese en rei. É posíbel que Wulfhere tivese certo interese na sucesión, posto que era o tío de dous dos fillos de Egberht: Eadric e Wihtred. Especulouse se Wulfhere puido actuar como gobernante de feito en Kent, no interregnum entre a morte de Ecgberht e a chegada de Hlothhere[61]. Outra conexión entre o reino de Mercia e o de Kent era a través de Merewalh, rei de Magonsæte e rei vasalo de Wulfhere. Merewalh, que puido ser o irmán de Wulfhere, estaba casado coa irmá de Hlothhere, Eormenburh[20].

Surrey, segundo as crónicas, nunca chegara a ser un reino independente, pero si que era unha provincia baixo o control de distintos grupos en distintas épocas. Estivo gobernada por Ecgberht até comezos dos anos 670. Existe unha carta na que, nesa época, Wulfhere aparece confirmando unha concesión feita ao bispo Eorcenwald por Frithuwold de Surrey, un rei vasalo[62][63]. Probabelmente o propio Frithuwold estaba casado con Wilburh, a irmá de Wulfhere[62]. Esta carta, asinada en Thame, está datada entre 673 e 675, e é probábel que fose a morte de Ecgberht a que desencadease a intervención de Wulfhere. Unha testemuña chamada Friturico aparece nunha carta no reinado do sucesor de Wulfhere, Aethelred, facendo unha concesión ao mosteiro de Peterborough. A aliteración común nas dinastías anglosaxoas levou á especulación de que os dous homes procedesen dunha mesma dinastía, e que Wulfhere colocase a Frithuwold no trono de Surrey. Na carta aparecen como testemuñas tamén outro tres reis vasalos, chamados Osric, Wigheard e Aethelwold, pero os seus reinos non están identificados. Non obstante, a carta menciona Sonning, unha provincia no que hoxe é o leste de Berkshire, polo que poida que algún destes reis fose gobernante dos sunningas, os habitantes desa provincia. Isto suporía conluir que Wulfhere tamén dominaba a provincia naquela época[64].

A influencia de Wulfhere no territorio do reino de Lindsey, que se expandía polo que hoxe en día é Lincolnshire, coñécese grazas á información sobre a autoridade episcopal na zona. Sábese que polo menos un dos bispos de Mercia en Lichfield exerceu a súa autoridade aí: Wynfrith, que se converteu en bispo á morte de Chad en 672[44][62]. Ademais, sábese que Wulfhere outorgou terras en Lindey a Chad para un mosteiro[65]. É posíbel que Chad tamén tivese autoridade na zona como bispo, probabelmente non máis tarde do ano 669[44]. É posíbel que a base política para o control episcopal sobre Lindsey xurdise a comezos do reinado de Wulfhere, baixo o goberno dos bispos Trumhere e Jaruman, que precederon a Chad[44].

Derrota e morte

[editar | editar a fonte]

Cando Wulfhere atacou a Ecgfrith de Northumbria, un fillo de Oswiu, en 674, fíxoo desde unha posición de forza. A Vida de Wilfrido de Eddius di que Wulfhere puxo a todas as nacións do sur en contra de Northumbria. Beda non fai mención á loita, nin tampouco aparece na Crónica anglosaxoa pero, segundo Eddius, Ecgfrith derrotou a Wulfhere e obrigouno a render Lindsey e a pagar un tributo[66].

Wulfhere sobreviviu á derrota, pero perdeu parte do control que exercía sobre o sur de Inglaterra. En 675, Aescwine de Wessex, un dos reis dos saxóns occidentais, loitou contra el en Biedanheafde. Non se coñece nin o lugar onde tivo lugar esta batalla nin quen foi o vencedor. Henrique de Huntingdon, historiador do século XII que tivo acceso a versións da Crónica anglosaxoa que hoxe en día se perderon, cría que Mercia resultou vitoriosa tras unha "terríbel batalla", e remarca que Wulfhere herdaría "o valor do seu pai e do seu avó"[67][68]. Kirby, con todo, cre que Aescwine tivo suficiente éxito como para acabar co control de Wulfhere sobre Wessex[69].

Wulfhere morreu máis tarde ese mesmo ano, 675. A causa da morte, segundo Henrique de Huntingdon, sería unha enfermidade[68]. Para aquela época, a idade de Wulfhere mediaría a trintena. A súa viúva, Eormenhild, crese que se convertería máis adiante na abadesa de Ely, en Cambridgeshire[70].

Wulfhere sería sucedido no trono polo seu irmán Aethelred, que reinaría durante case trinta anos. Aethelred recuperou Lindsey do control de Northumbria poucos anos despois da súa chegada ao trono, pero non foi quen de manter o dominio que Wulfhere exercera sobre o sur de Inglaterra[69].

  1. Colgrave, Life of Bishop Wilfred, c. 20.
  2. Beda, HE, I, 15, p. 63.
  3. Yorke, Barbara, "The Origins of Mercia" in Brown & Farr, Mercia, pp. 15–16
  4. Barbara Yorke, "The Origins of Mercia" in Brown & Farr, Mercia, pp. 18–19
  5. 5,0 5,1 Beda, HE, II, 5, p. 111.
  6. Yorke, Kings and Kingdoms, pp. 103–4
  7. Kirby, Earliest English Kings, p. 83.
  8. Kirby, Earliest English Kings, pp. 88–90
  9. Yorke, Kings and Kingdoms, p. 105
  10. Yorke, Kings and Kingdoms, p. 78
  11. Yorke, Kings and Kingdoms, p. 100
  12. Simon Keynes, "Anglo-Saxon Chronicle", in Blackwell Encyclopedia, p. 35
  13. Stafford, Pauline, "Political Women in Mercia" in Brown & Farr, Mercia, p. 36
  14. Beda, HE, III, 24, pp. 183–5.
  15. Kings and Kingdoms, pp. 103–4
  16. Kirby, Earliest English Kings, p. 82.
  17. Kirby, Earliest English Kings, p. 113
  18. Kirby, Earliest English Kings, p. 93
  19. Swanton, Anglo-Saxon Chronicle, sub anno 656, p. 29
  20. 20,0 20,1 Yorke, p. 107, acepta como verdadeiro o relato que aparece na Vida de San Mildburh, que presenta a Merewalh e Wulfhere como irmáns.
  21. Kirby, Earliest English Kings, p. 128
  22. Yorke, Kings and Kingdoms, pp. 108
  23. Jane Roberts, "Hagiography and Literature: The Case of Guthlac of Crowland" in Brown & Farr, Mercia, p. 84
  24. Para máis detalles véxase Baker & Holt, Urban Growth, p. 18.
  25. Véxase Higham, English Empire, p. 149, figure 7; M. Lapidge (ed.), p. 517, map 9.
  26. Un posíbel candidato é o río Went, un afluente do río Don (véxase Kirby, Earliest English Kings, pp. 94–95); outras suxestións inclúen un afluente sen especificar do río Humber (véxase Swanton, Anglo-Saxon Chronicle, p. 29 n. 11).
  27. Kirby, Earliest English Kings, pp. 94–95
  28. Kirby, Earliest English Kings, p. 96
  29. Kirby, Earliest English Kings, p. 96; Beda, HE, III, 24.
  30. Beda, HE, III, 25; p. 183.
  31. Higham, Convert Kings, p. 245.
  32. Beda, HE III, 22, p. 178.
  33. Kirby, Earliest English Kings, p.96–7
  34. 34,0 34,1 Kirby, Earliest English Kings, p. 114–5
  35. Véxase, por exemplo, Higham, Convert Kings, pp. 249&–50; Keynes; Yorke, pp. 157–9; Williams, Kingship and Government, pp. 20–3.
  36. Higham, English Empire, p. 99.
  37. Peter Featherstone, "The Tribal Hidage and the Ealdormen of Mercia" in Brown & Farr, Mercia, p. 29
  38. Campbell, "The First Christian Kings", in Campbell, The Anglo-Saxons, pp. 45–6.
  39. Kirby, The Earliest English Kings, pp. 48–50.
  40. Kirby, The Earliest English Kings, p. 78.
  41. Kirby, The Earliest English Kings, p. 118.
  42. Higham, Convert Kings, p. 68.
  43. Beda, HE, III, 21, pp. 177–8.
  44. 44,0 44,1 44,2 44,3 44,4 Kirby, The Earliest English Kings, p. 114.
  45. Zaluckyj, Mercia, p. 37.
  46. Blair, The Church in Anglo-Saxon Society, p. 92.
  47. Anglo-Saxon Chronicle, sub anno 656; Zaluckyj, p. 38.
  48. Yorke, Kings and Kingdoms, p. 136.
  49. Kirby, The Earliest English Kings, pp. 58–9.
  50. Beda, HE, IV, 13, pp. 225–7.
  51. Kirby, The Earliest English Kings, pp. 115–6.
  52. Swanton, Anglo-Saxon Chronicle, sub anno 661, pp. 33–4.
  53. Kirby, The Earliest English Kings, pp. 52–3.
  54. Para a situación no momento da morte de Wulfhere, véxase Kirby, The Earliest English Kings, pp.& 115–6; para Caedwalla véxase ibid. pp. 118–21.
  55. Kirby, The Earliest English Kings, pp. 11–12.
  56. Kirby, The Earliest English Kings, pp. 8–9.
  57. Yorke, Kings and Kingdoms, pp. 108–9.
  58. Beda, HE, III, 30, pp. 200–1.
  59. Robert Cowie, "Mercian London" in Brown & Farr, Mercia, pp. 198–9
  60. Kirby, Earliest English Kings, p. 43
  61. Kirby, Earliest English Kings, p. 115
  62. 62,0 62,1 62,2 Williams, Kingship and Government p. 21.
  63. Whitelock, English Historical Documents, p. 440.
  64. Kirby, Earliest English Kings, pp. 115&–6
  65. Simon Keynes, "Wulfhere", in Blackwell Encyclopedia, p. 490
  66. Colgrave, Life of Bishop Wilfred, c. 20; Kirby, Earliest English Kings, p. 116; Williams, Kingship and Government, p. 23.
  67. Diana E. Greenway, "Henry of Huntingdon", in Lapidge et al., Blackwell Encyclopedia of Anglo-Saxon England, pp. 232–3.
  68. 68,0 68,1 Henry of Huntingdon, sub anno 670.
  69. 69,0 69,1 Kirby, Earliest English Kings, pp. 116–7.
  70. Yorke, Kings and Kingdoms, p. 70.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Beda, Ecclesiastical History of the English People. Translated by Leo Sherley-Price, revised R.E. Latham, ed. D.H. Farmer. Londres: Penguin, 1990. ISBN 0-14-044565-X
  • Colgrave, B. (1927). The Life of Bishop Wilfred by Eddius Stephanus. Cambridge. 
  • Forrester, Thomas (1991). The Chronicle of Henry of Huntingdon. Felinfach: Llanerch Press. ISBN 0-947992-55-3. 
  • Swanton, Michael (1996). The Anglo-Saxon Chronicle. Nova York: Routledge. ISBN 0-415-92129-5. 
  • Whitelock, Dorothy (1968). English Historical Documents v.l. c.500–1042. Londres: Eyre & Spottiswoode. 
  • Baker, Nigel; Holt, Richard (2004). Urban Growth and the Medieval Church: Gloucester and Worcester. Gloucester: Ashgate. ISBN 0754602664. 
  • Blair, John (2006). The Church in Anglo-Saxon Society. Oxford: Oxford University Press. ISBN 0199211175. 
  • Campbell, John (1991). "The First Christian Kings". En Campbell, James; et al. The Anglo-Saxons. Penguin Books. ISBN 0-14-014395-5. 
  • Featherstone, Peter (2001). "The Tribal Hidage and the Ealdormen of Mercia". En Michelle Brown and Carole Farr. Mercia: An Anglo-Saxon Kingdom in Europe. Leicester: Continuum. ISBN 9780718502317. 
  • Higham, N. J. (1993). An English Empire: Bede and the early Anglo-Saxon kings. Manchester: Manchester University Press. ISBN 0-7190-4424-3. 
  • Higham, N. J. (1997). The Convert Kings: Power and religious affiliation in early Anglo-Saxon England. Manchester: Manchester University Press. ISBN 0-7190-4828-1. 
  • Keynes, Simon (2001). "Wulfhere". En Michael Lapidge. The Blackwell Encyclopedia of Anglo-Saxon England. Oxford: Blackwell Publishing. ISBN 0-631-22492-0. 
  • Kirby, D.P. (1992). The Earliest English Kings. Londres: Routledge. ISBN 0-415-09086-5. 
  • Williams, Ann (1999). Kingship and Government in Pre-Conquest England, c. 500–1066. Basingstoke: Macmillan. ISBN 0-333-56798-6. 
  • Yorke, Barbara (1990). Kings and Kingdoms of Early Anglo-Saxon England. Londres: Seaby. ISBN 1-85264-027-8. 
  • Zaluckyj, Sarah (2001). Mercia: The Anglo-Saxon Kingdom of Central England. Logaston: Logaston Press. ISBN 9781873827628. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  • "Wulfhere 1". PASE Index of Persons. The Prosopography of Anglo-Saxon England Database Project. 2005. Arquivado dende o orixinal o 28 de xullo de 2011. Consultado o 14 de xaneiro de 2006.