Wikipedia:Artigo destacado/xuño 2022
Rosa Luxemburg, (en polaco: Róża Luksemburg e tamén Rozalia Luxenburg), nada en Zamość (Imperio Ruso) o 5 de marzo de 1871 ou 1870 e finada en Berlín o 15 de xaneiro de 1919, foi unha militante socialista e teórica marxista polaca de orixe xudía, nacionalizada alemá. Foi membro do partido da Socialdemocracia do Reino de Polonia e Lituania (SDKPiL), do Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD), do Partido Independente Socialdemócrata de Alemaña (USPD) e do Partido Comunista de Alemaña (KPD).
As súas ideas inspiraron tendencias da esquerda comunista e deron orixe a posteriori á corrente intelectual coñecida baixo o nome de luxemburgismo. A herdanza de Rosa Luxemburg foi reivindicada porén, de maneira contraditoria, por movementos políticos moi diversos.
Debido ás súas críticas tanto ás escolas leninista coma ós máis moderados socialdemócratas do socialismo, Luxemburg tivo unha acollida ambivalente entre os académicos e teóricos da esquerda política. Porén, Luxemburg e Liebknecht foron idolatrados como mártires comunistas polo réxime comunista da Alemaña do Leste.
O seu traballo, tanto no eido teórico como práctico, para a consecución dun socialismo democrático internacional, en contra do militarismo e da guerra, é considerado hoxe en día por moitos un modelo a seguir. Dende 1996, un domingo a mediados de xaneiro celébrase cada ano, en Berlín, o día de Rosa Luxemburg e Karl Liebknecht, en lembranza do asasinato dos dous dirixentes comunistas o 15 de xaneiro de 1919, e a Oficina Federal para a Protección da Constitución alemá indica que a idolatría por eles é unha importante tradición da extrema esquerda alemá.