Wikipedia:Artigo destacado/agosto 2011
A hipótese do mundo de ARN propón que hai miles de millóns de anos a vida baseada na química do ARN precedeu a vida actual baseada na química do ADN. Esta hipótese baséase na capacidade do ARN de almacenar, transmitir e duplicar a información xenética, da mesma forma que o fai o ADN. O ARN pode actuar tamén como un ribocima (un encima feito de ácido ribonucleico). Debido a que pode reproducirse a si mesma, desenvolvendo as tarefas do ADN e das proteínas (encimas), pénsase que o ARN foi quen de ter a súa propia vida independente. Aínda que non se encontraron nucleótidos no experimento de Miller e Urey, si se encontraron nas simulacións doutros investigadores, sobre todo nas de Joan Oró. Experimentos cos ribocimas básicos, como o ARN viral Q-beta, demostraron que as estruturas de ARN autorreplicantes sinxelas poden resistir mesmo fortes presións selectivas.