Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Rugosa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rugosa
Rango fósil: de hai 488 a 251,4 Ma (OrdovícicoPermiano)

Tres vistas do coral rugoso solitario Grewingkia canadensis; Ordovícico, Indiana.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Cnidaria
Clase: Anthozoa
Orde: Rugosa
Subordes

Columnariina
Cystiphyllina
Streptelasmatina

"Tetracoralla" debuxo do libro de Ernst Haeckel Kunstformen der Natur, 1904
Sección transversal dun Stereolasma rectum, un coral fugoso do Devoniano medio de Erie County, Nova York.

Os Rugosa, tamén chamados Tetracoralla, son unha orde extinguida de corais que viviron e abundaron nos mares desde o Ordovícico medio ao Permiano tardío.

Os corais rugosos solitarios (por exemplo, Caninia, Lophophyllidium, Neozaphrentis, Streptelasma) adoitan denominarse corais de corno debido a unha distintiva cámara con forma de corno con parede rugosa ou enrugada. Algúns rugosos solitarios acadaban case un metro de lonxitude. Porén, algunhas especies de corais rugosos podían formar grandes colonias (por exemplo, Lithostrotion). Cando están presentes septos radiados, aparecen en número múltiplo de 4, de aí o nome Tetracoralla en contraste cos modernos pólipos coloniais Hexacorallia con simetría hexámera.

Os corais rugosos teñen un esqueleto feito de calcita que fosilizou frecuentemente. Como os modernos corais (Scleractinia), os corais rugosos eran invariablemente bénticos, e vivían no leito do mar ou en arrecifes. Algúns corais rugosos simbióticos eran endobiontes dos Stromatoporoidea, especialmente no Silúrico.[1][2] Aínda que non hai probas directas, pode inferirse que estes corais paleozoicos posuían células con filamentos urticantes para capturar as presas. Tiñan tamén tentáculos para axudar a capturar as presas. Eran microcarnívoros, xa que comían presas de moi pequeno tamaño.

Morfoloxía

[editar | editar a fonte]

Os corais rugosos sempre mostran tábulas, é dicir, placas horizontais que dividen o esqueleto da coralita (copa esquelética de cada pólipo do coral). As coralitas son xeralmente grandes en comparación con outros tipos de coral. Os corais rugosos ás veces tiñan pequenos septos formados por placas curvas conectadas a septos e tábulas. A simetría pode distinguirse pola orientación dos septos na sección transversal do coral. Os corais rugosos sempre mostran simetría bilateral, mentres que os corais tabulados e escleractinios teñen simetría radial. Inicialmente presentan só 6 septos grandes; despois engádense septos menores nos 4 espazos resultantes. A disposición complexa dos septos serve de diagnóstico para os corais rugosos. Os corais rugosos teñen tamén columela, unha barra axial que sostén os septos que corren cara ao centro da coralita. Está presente nos corais rugosos porque eran principalmente solitarios e requirían un soporte extra. Os corais tabulados non teñen columela porque eran sempre coloniais e podían apoiarse nas coralitas veciñas.

Streptelasma divaricans (Nicholson, 1875) da Formación Liberty (Ordovícico superior) dosur de Ohio.
  1. Vinn, O; Mõtus, M.-A. (2014). "Endobiotic Rugosan Symbionts in Stromatoporoids from the Sheinwoodian (Silurian) of Baltica". PLoS ONE 9: 9(2): e90197. doi:10.1371/journal.pone.0090197. Consultado o 2014-02-26. 
  2. Vinn, O; Wilson, M.A.; Toom, U.; Mõtus, M.-A. (2015). "Earliest known rugosan-stromatoporoid symbiosis from the Llandovery of Estonia (Baltica)". Palaeogeography Palaeoclimatology Palaeoecology 31: 1–5. doi:10.1016/j.palaeo.2015.04.023. Consultado o 2015-06-18. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]