Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Relixión mapuche

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Grupo de mulleres machis (xamáns) do pobo mapuche.

A relixión mapuche ou cosmovisión mapuche son as crenzas e prácticas relixiosas propias da cultura do pobo mapuche, un pobo indíxena que habita en Chile e a Arxentina.

Xeneralidades

[editar | editar a fonte]
Filla do lonco Quilapán en 1860. Foto aparecida no anuario de Chile de 1900.

Ao describir as crenzas do pobo mapuche hai que sinalar previamente que non existen rexistros escritos das antigas lendas e mitos antes da chegada española, posto que as súas crenzas relixiosas eran transmitidas oralmente. Isto fai que as súas crenzas se caractericen por non ser totalmente homoxéneas, presentando variacións e diferenzas entre as distintas comunidades, como tamén entre os diferentes grupos de poboacións e familias que compuñan cada unha. Ademais, hai que ter en consideración que moitas das súas crenzas foron asimiladas aos mitos e lendas do folclore de Chile, e, en menor medida, ao folclore dalgunhas zonas da Arxentina, polo que moitas delas foron alteradas, en maior ou menor medida, tanto polo cristianismo (por mor da evanxelización por parte dos españois), principalmente a través do sincretismo, así como tamén polo resultado dunha mala interpretación, ou adecuación, do mito dentro da sociedade de ambos os países. O anterior tamén levou a que se produciran variacións e diferenzas en moitas destas crenzas que foron asimiladas dentro da cultura de Chile e da Arxentina e mesmo dentro da propia cultura mapuche.

Por outra banda, por enriba das comparacións e relacións que existen entre as manifestacións relixiosas e a mitoloxía de América do Sur que son comúns a todos os pobos amerindios deste continente, as crenzas relixiosas e mitos dos mapuche salientan por presentar unhas características únicas moldeadas pola súa moral, a súa vida social e, principalmente, sobre a súa visión cosmolóxica e costumes relixiosos.

O pensamento espiritual indíxena e Occidente

[editar | editar a fonte]

O tempo cíclico é o modelo de pensamento de moitos pobos indíxenas americanos, presente na cultura do pobo mapuche, que é a alternativa ao modelo de pensamento lineal deseñado polo racionalismo de Europa e o positivismo, o que imprimiu o modelo mental existente no mundo occidental polos últimos 400 anos.[1] O tempo lineal que corresponde a unha revolución filosófica xudía baseada no zoroastrismo preséntase como oposición á teoría do tempo cíclico. A súa maneira de entender o tempo foi fundamental para o desenvolvemento de Occidente e o que coñecemos como modernidade.[2]

Debido a iso, dende o mundo indíxena sinálase que «Occidente negou permanentemente a existencia dunha filosofía indíxena, relegándoa á categoría de simple cosmovisión, folcore ou pensamento mítico».[2] A interacción do pensamento lineal co cíclico levouse a cabo por medio do sincretismo, pero esta interacción afectaría a esencia das crenzas mapuche, xa que cambia o fondo da súa visión do Universo impondo unha lineal.

Cosmovisión

[editar | editar a fonte]
Imaxe do Meli Witran Mapu.

Na cultura mapuche tradicionalmente represéntase o universo como unha serie de planos superpostos:

  • Wenu Mapu ("Terra de Arriba"), o ceo en que residen seres protectores e os espíritos dos devanceiros; Nag Mapu ("Terra de Abaixo"), o mundo en que habitan os seres humanos, animais, plantas e certos seres espirituais; e Miñche Mapu ("Terra de Debaixo"), un mundo subterráneo que acubilla a seres hostís á humanidade.
  • O Nag Mapu compartiméntase de acordo ás catro identidades territoriais mapuches e simbolízase como Meli Witran Mapu ("Catro esquinas do mundo"): a Puel Mapu, o leste, Pikun Mapu, o norte, Lafken Mapu, o oeste, e Willi Mapu, o sur.
  • A divindade posúe catro facetas, que se asocian ás catro virtudes máis ponderadas: kuse (a anciá) á sabedoría, fücha (o ancián) á rectitude, üllcha domo (a muller nova) á bondade e weche wentru (o home novo) á fortaleza.

En termos estritos e no uso cotián e filosófico o termo Wallmapu foi definido como Universo.[3]

No plano vertical (espiritual)

[editar | editar a fonte]

Tanto a humanidade (che), como os espíritos dos devanceiros, Pillán, participan dos dous mundos, mantendo un equilibrio dinámico entre o ben e o mal. O mundo onde vive o home é chamado Mapu, e sobre leste, o Ankawenu (ceo).[4] De maneira didáctica, diremos que son tres as dimensións que, interrelacionadas, conforman a estrutura do universo Mapuche no plano vertical:

  • Wenu Mapu: No extremo superior da Nag Mapu está a Wenu Mapu, a terra de arriba, espazo sacro e invisible onde habitan a familia divina, os espíritos do ben e os devanceiros mapuches.[4]
  • Nag Mapu: Denomínase así á terra central, tamén coñecida como "a terra que andamos", aquel espazo visible que é habitado polos homes e a natureza.[4]
  • Miñche Mapu: No extremo inferior da Nag Mapu, está a Miñche Mapu, a terra de abaixo, onde se atopa a forza do mal ou espíritos malignos.[4]

Cosmogonía

[editar | editar a fonte]

A cosmogonía mapuche sitúa a orixe dos mapuches na Ñuke Mapu. Dise que, antes de poboar a terra, os espíritos miraban dende arriba e vían todo deserto, ata que lles foi permitido enriquecela con innumerables formas distintas, feitas co material das nubes; logo baixaron os homes do ceo, coñecendo a linguaxe da natureza, e trouxeron a lingua mapuche, que é a mesmo que se fala no ceo. Os espíritos prometéronlles que os farían regresar no futuro.

Trengtreng e Kaykay

[editar | editar a fonte]

Outro mito cosmogónico máis coñecido describe os feitos finais sobre a creación da xeografía de Chile a través da lenda de Tenten Vilu e Caicai Vilu. Produto da interacción histórica entre os seus mitos e a relixión cristiá, actualmente este mito na versión mapuche, e principalmente huilliche, atópase profundamente entroncado coa historia bíblica do diluvio. Debido a iso, máis tarde os propios mapuches interpretarían este gran suceso como un renacer dos mapuches e un fenómeno que se repite ao longo do tempo, como unha limpeza e unha renovación macroestacional. Porén, esta relación entre o Diluvio Universal foi creada por cristiáns, pois o relato orixinal mapuche dános conta non dunha choiva senón dun cataclismo xerado por un terremoto e un posterior tsunami, un feito moito máis probable nun lugar como a costa occidental de Suramérica.

Divindades e espíritos dos devanceiros

[editar | editar a fonte]

As crenzas relixiosas mapuches fundaméntanse principalmente no culto aos espíritos dos devanceiros (míticos ou reais), e a espíritos e/ou elementos da natureza. Estes espíritos non corresponden a “divindades”, como comunmente se entenden no mundo occidental. Referente ás divindades, tampouco na relixiosidade mapuche máis antiga existe un espírito principal que sexa considerado “Deus” supremo, creador do universo e do home, aínda que a palabra “Ngenechén” xeralmente se traduce como “Deus”. Esta relación Deus-Ngenechén trataríase dunha equivalencia forzosa, creada polas xesuítas no seu afán misioneiro nos séculos XVII e XVIII, co fin de facer máis aceptable e comprensible o concepto cristián. A influencia xesuíta (quen, por outra banda, eran grandes estimadores da profundidade do pensamento transcendental mapuche) creou un gran número de equivalencias que foron absorbidas pola cultura mapuche, naturalmente sincrética, xerando con iso unha enorme confusión e alteración que até a actualidade non se logrou superar.

  1. "El modelo mental de los índígenas". Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2010. Consultado o 21 de xullo de 2023. 
  2. 2,0 2,1 El modelo mental de los indígenas
  3. "NUESTRO PUEBLO HUILLICHE DE LA TIERRA QUIERE SEGUIR SIENDO DE LA TIERRA" (PDF). Consejo General de Caciques de Chiloé. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2022. Consultado o 15 de marzo de 2022. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Lo Mapuche

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Grebe, María Ester; Pacheco, Sergio; Segura, José (1972). "Cosmovisión mapuche" (PDF). Cuadernos de la Realidad Nacional (14): 46–73. 
  • Trivero, Alberto (1999). Trentrenfilú, Proyecto de Documentación Ñuke Mapu.