Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Real de oito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para outras moedas coa denominación de "real", véxase a páxina de homónimos Real.
Real de oito †
Moeda de 8 reais ou "peso"
Real de oito columnario cuñado en Potosí en 1770Real de oito de Carlos IV de 1806
Ámbito:
España España
Circulación internacional
Fracción:8 reais = 272 marabedís de cobre
Moedas:1/2, 1, 2, 4, 8, 16 marabedís
1/4, 1/2, 1, 2, 4 e 8 reais
Emisor:

O real de oito é unha antiga moeda española de prata con valor facial de 8 reais, con arredor de 39 milímetros de diámetro e un peso próximo aos 27 gramos, cuñada en España e nas súas colonias americanas desde 1598 ata a segunda metade do século XIX. É a orixe do peso español e dos países suramericanos. Inicialmente equivalía a 272 marabedís de cobre, aínda que en 1642 o seu valor foi elevado a 340 marabedís.[1][2]

Real de 8 a nome de Carlos IV de España cuñado en México en 1794.

Esta moeda, concibida para disputar a súa primacía como unidade de uso internacional co tálero do Sacro Imperio, foi amplamente utilizada en moitos países como unidade de conta nas transaccións de comercio internacional por mor da súa estabilidade, garantida polo poder político e económico de España no contexto internacional da época e apoiada pola explotación das ricas minas de prata suramericanas. Algúns países chegaron mesmo a contremarcar moedas españolas de 8 reais co fin de lle dar carácter formal á súa circulación como moeda local.

O real de oito foi a moeda a partir da cal se creou o dólar estadounidense (aínda que o nome o tome do daler holandés) e, de feito, o curso legal desta moeda española permaneceu en vigor nos Estados Unidos ata a Coinage Act de 1857, pola que se prohibiu a circulación de calque moeda estranxeira. Polo seu uso xeneralizado en Europa, América e o Extremo Oriente, converteuse na primeira moeda mundial a principios do século XVII.[3][4]

En España e as súas colonias

[editar | editar a fonte]

Logo da introdución do guldengroschen en Austria en 1486, o concepto dunha grande moeda de prata, cun elevado grao de pureza e un peso de arredor dunha onza estendeuse polo resto de Europa (o Joachimsthaler austríaco comeza a cuñarse en 1518).[5][6] A reforma monetaria en España establecida polos Reis Católicos mediante a pragmática e as ordenanzas reais de Medina del Campo do 13 de xuño de 1497), foi o detonante para a creación da moeda de 8 reais, ou real de oito, nese mesmo ano. Corenta anos despois, en 1537, creábase o escudo de ouro, cun valor de 16 reais de prata (dous pesos), e o seu múltiplo, o dobrón de 2 escudos de ouro, con valor de 32 reais. Foi esta divisibilidade das moedas do sistema monetario español da época a que provocou que o peso de 8 reais se denominase "real de oito".[7]

Casa da moeda de Potosí, en Bolivia, unha das grandes produtoras de reais de oito
8 reais de prata cuñada en Sevilla a nome dos Reis Católicos, antecedente do real de oito

As primeiras moedas con valor facial de 8 reais foron cuñadas na Coroa de Castela a partir da reforma monetaria de 1497, levada a cabo polos Reis Católicos, aínda que esta peza non ten aínda as características metrolóxicas do que se coñece como real de oito no contexto numismático mundial.

Desde o seu nacemento e ata o século XIX, o real de oito tivo diferentes modelos, tanto en España coma no Novo Mundo. Logo da descuberta de importantes depósitos de prata en México (por exemplo, en Taxco e Zacatecas), en Potosí (na actual Bolivia) e noutras posesións españolas en América, asíña se empezou a cuñar moeda neses lugares, en ocasións para a súa circulación local e noutras para ser levada á Península. As primeiras casas de moeda con carácter permanentes establecéronse en México (1535), Santo Domingo (1536), Lima (1565), Potosí (1572), Bogotá (1630) e Santiago de Chile (1743).[8]

As primeiras moedas tiñan formas e deseños irregulares, e estaban cortadas con tesoiras, situación que se normalizou a partir de 1730, coa instalación de máquinas de cuñaxe máis modernas na Casa de Moeda de México. É a partir dese momento cando os pesos españois de 8 reais empezan a dispor da aceptación internacional que caracterizará a súa existencia nos dous séculos seguintes. A casa da moeda de México converteuse na máis importante do mundo no século XVIII, cunha capacidade de cuñaxe de 30 millóns de pesos ao ano. Entre 1537 e 1892, nesa fábrica batéronse oficialmente 3.292 millóns de reais de oito.

As principais casas de moeda do Novo Mundo que produciron reais de oito foron as de Potosí, Lima e a cidade de México (e en menor medida Bogotá, Popayán, cidade de Guatemala e Santiago). Nos seus principios, estas pezas distínguense das cuñadas na Península pola presenza das Columnas de Hércules nos deseños dos seus reversos ("columnarios"), ata que en 1773 se substituíron polo busto do rei, tal e como sucedía nas fábricas peninsulares.[9]

Real de oito do tipo macuquino, cuñado en Potosí
Real de oito do tipo columnario, cuñado en Potosí en 1768 a nome de Carlos III
Real de oito de busto. México, 1808

Tipoloxía

[editar | editar a fonte]

Estes son os tipos máis representativos dos reais de oito durante os seus tres séculos de existencia:[10]

  1. A moeda mexicana de 1536. No anverso, KARL ET JOHANA co escudo simple de España; no reverso, as Columnas de Hércules co lema de Carlos V: PLUS ULTRA.
  2. A moeda peruana anterior a 1598 (Filipe II). No anverso, o escudo complexo de España; no reverso, os castelos e os leóns separados por unha cruz sinxela.
  3. As moedas batidas con martelo (coñecidas como macuquino, na tradición hispana), cuñadas en México desde 1578, na época de Filipe III, ata 1732). No anverso, escudo de España coroado; no reverso, cruz con floróns, castelos e leóns. A forma destas pezas adoita ser moi irregular, por seren recortadas con tesoiras.
  4. O tipo coñecido na tradición numismática hispana como perulero: no anverso a Cruz de Xerusalén con castelos e leóns; no reverso, as Columnas de Hércules con xoias. Do mesmo xeito que no caso dos pesos macuquinos, a súa forma adoita ser bastante irregular.
  5. O real de oito columnario, de 1732 de 1771, cun escudo de España de forma barroca e as Columnas de Hércules que enmarcan os dous globos terráqueos, representativos do Vello e do Novo Mundo.con dous globos. Por mor dos avances nas técnicas de cuñaxe, estas moedas amosaban xa unha forma ben regular, cun bo acabamento.[11] Debido á popularidade que adadou este modelo e á confianza que gañou entre a poboación, comezaron a utilizarse para a denominar as formas "peso forte", "peso gordo" e "peso duro", que deron orixe á actual "peso" (e tamén ao duro en castelán ou ao gourde, actual moeda de Haití).[12]
  6. O derradeiro modelo, chamado "de busto", labrado desde 1771 ata a fin do dominio español nas colonias americanas (Carlos III, Carlos IV, Fernando VII). Caracterízase pola inclusión do busto real como protagonista dos anversos, que se amosa laureado nas moedas cuñadas nas colonias e con perruca nas producidas na Península. Nos reversos, o escudo entre as Columnas de Hércules. Este tipo ten un diámetro un pouco inferior ao anterior.

Substitución e equivalencias posteriores

[editar | editar a fonte]

No século XIX, o valor facial destas moedas cambiouse a 20 reais, (con base na equivalencia nesa época entre o real de oito e o valor de 20 reais de billón). Durante o reinado de Fernando VII coexistiron ambas as pezas, mais Isabel II de España xa non cuñou reais de oito, senón que estes foron substituídos inicialmente polos 20 reais (cun sistema xa decimal), na reforma monetaria de 1848, posteriormente polos 2 escudos, na reforma de 1864, e finalmente polas 5 pesetas, na reforma de 1869.[13]

En México e na Arxentina independentes

[editar | editar a fonte]
Real de oito do México independente, cuñado en 1894

Tras a independencia de México en 1821, o sistema monetario da nova república mantivo o a estrutura española dos reais de prata e os escudos de ouro, ata a decimalización do sistema e a introcución do peso como moeda nacional, inspirada á súa vez no real de oito español.[14]

Arxentina

[editar | editar a fonte]
Real de oito das Provincias Unidas do Río da Prata cuñados en Potosí en 1815

Logo da declaración de independencia do 25 de maio de 1810, Buenos Aires e a outras provincias do Río da Prata comezaron unha guerra da independencia na que enviaron expedicións militares á rexión do Alto Perú, onde resistían as tropas realistas. Os arxentinos tomaron a cidade de Potosí en 1810, 1813 e 1815. Foi alí, xa que logo, na casa de moeda de Potosí ocupada militarmente, onde se produciron as primeiras moedas da Arxentina independente, que amosaban os símbolos da súa revolución, mantendo o valor facial dos 8 reais españois, ata que a nova república acabou por oficializar o peso como moeda nacional.[15][16]

No mundo non hispano

[editar | editar a fonte]

Australia

[editar | editar a fonte]

Cando se estableceu na actual Australia a colonia de Nova Gales do Sur en 1788 xurdiu o problema da falla de moeda circulante. En 1812, o gobernador Lachlan Macquarie tivo a iniciativa de usar o equivalente a 10.000 libras en reais de oito españois enviados polo Goberno británico, que se converteron, xa que logo, nas primeiras moedas que circularon en terras australianas. Co fin de impedir o seu uso fóra da colonia e duplicar o número de moedas, decidiuse cortar os seus centros, de xeito que tanto o pequeno disco central resultante (coñecido como dump) coma o aro exterior (chamado holley dollar - "dólar furado") foron estampados con marcas e lendas alusivas ao novo valor facial e ao territorio onde debían circular. Aos centros déuselles un valor de 15 peniques e os bordos convertéronse en pezas de cinco xilins (ou unha coroa británica). A experirncia tivo, no entanto, unha curta duración, xa que o Parlamento británico aprobou en 1826 Sterling Silver Money Act, que deslexitimou oficialmente o uso dos holley dollars e dos dump nos territorios coloniais australianos.[17][18]

Illa do Príncipe Eduardo (Canadá)

[editar | editar a fonte]

Cara á fin do século XVIII, o real de oito circulaba adoito na parte oriental do Canadá. O seu valor variaba en función do lugar, e o máis alto era o de Halifax, o que motivaba que cando os comerciantes da Illa do Príncipe Eduardo os acumulaban, marchaban con eles a Halifax para aproveitar a vantaxe do seu valor alí. Este feito derivou nunha escaseza de dinero circulante na illa, o que levou o gobernador en 1813 a xuntar todos os reais de oito que puido e facer perforar os seus centros, do mesmo xeito que se estaba a facer en Australia, e a marcalos para que só puidesen circular nese territorio.[19][20]

Estados Unidos

[editar | editar a fonte]
Billete estadounidense de 55 dólares de 1779, onde se promete a convertibilidade en metálico en spanish milled dollars (pesos españois de 8 reais)

Antes da Revolución Americana, por mor da política mercantilista británica, dábase unha situación de escaseza crónica de moeda da metrópole nas súas colonias de Norteamérica, de maneira que o comercio se facía adoito utilizando reais de oito españois (que eles chamaban spanish dollars), que se obtiñan a través do comercio ilícito coas Antillas españolas.[21]

Iso explica que, no inicio da guerra de independencia en 1776, o novo Congreso dos Estados Unidos emitise papel moeda, coñecida como continental currency dollar, en que aparecía impresa a promesa de convertibilidade en reais de oito españois.

Mediante a Coinage Act de 1792 fundouse a United States Mint ("Casa da Moeda dos Estados Unidos") e emitiuse a primeira moeda dun dólar, aínda que esta non logrou desbotar o peso español, dado o maior peso e a maior cantidade de prata deste. 

Esta situación de circulación simultánea de dólares e reais de oito nos Estados Unidos foi legal ata que se aprobou a prohibición da circulación da moeda española mediante a Coinage Act de 1857.[22]

Antillas Neerlandesas

[editar | editar a fonte]
Real de oito fragmentado para circular nas Antillas británicas

O gobernador de Curaçao, ante a escaseza de floríns, decidiu en 1799 usar pezas de reais de oito españois, que se fragmentaban en catro porcións (ás que se lles engadía unha marca central) e ás que se lles asignaba un valor incrementado de tres reais por unidade. A creación destas emisións constituíu a orixe do posterior Banco das Antillas Neerlandesas.[23]

No século XIX, a circulación de reais de oito era moi común en todo o Sueste de Asia, na costa da China e no Xapón. Estas moedas levaban 250 anos introducíndose nas Filipinas españolas a través de, a onde chegaban en buques desde Acapulco, en México. Estas naves, coñecidas como galeóns de Manila, supuñan un botín moi tentador para os barcos piratas.

O real de oito español converteuse en moeda de comercio internacional en todo o Extremo Oriente, primeiro en solitario e despois en competencia cos táleros de diversas potencias europeas (principalmente o tálero de María Tareixa) e outras moedas coloniais como o dólar de Hong Kong ou a piastra de comercio creada en 1885 por Francia para a Indochina e para a Cochinchina.[24]

Neste comercio oriental, os pesos españois comtramarcábanse adoito con caracteres chineses, que indicaban que a peza en cuestión fora examinada e autenticada por un comerciante recoñecido.

Ata o século XIX, as únicas moedas no mercado eran os reais de oito españois cuñados no Novo Mundo, principalmente en México. No entanto, desde a década de 1840 empezaron a ir substituíndose polos pesos emitidos polas xa independizadas repúblicas hispanoamericanas. De feito, os primeiros reais de oito e pesos do México independente foron os que servidon de inspiración para os deseños das primeiras moedas emitidas para a circulación naquela rexión, como os dólares de Hong Kong cuñados entre os anos 1866 e 1868 pola Casa da Moeda de Hong Kong,[25] ou os iens xaponeses emitidos en 1871.[26][27]

Reais de oito contremarcados noutros países

[editar | editar a fonte]

Denominacións noutras tradicións numismáticas

[editar | editar a fonte]
  • Francés: piastre espagnole; pièce de huit.[28]
  • Inglés: spanish dollar; piece of eight.[29]
  • Italiano: dollaro spagnolo; real da 8. [30]
  • Neerlandés: spaanse mat. [31]
  • Portugués: dólar espanhol; real de oito. [32]
  1. Marichal, Carlos. "La piastre ou le réal de huit en Espagne et en Amérique : une monnaie universelle (XVIe-XVIIIe siècles)". En Revue Européenne des Sciences Sociales. XLV-137. 2007 (en francés)
  2. "The Spanish Peso". En Kampmann, U. (2010). Páxinas 42-46.
  3. Ray Woodcock. Globalization from Genesis to Geneva: A Confluence of Humanity. Trafford Publishing. 2009. Páxinas 104-105 [ISBN 978-1-4251-8853-5] (en inglés)
  4. Céspedes del Castillo, Guillermo. "El real de a ocho, primera moneda universal Arquivado 20 de marzo de 2018 en Wayback Machine.". En XIII Congreso Internacional de Numismática, Madrid, 2003. Vol. 2. 2005. Páxinas 1751-1760 [ISBN 978-84-8181-238-1] (en castelán)
  5. De Paula Pérz Sindreu, F. "El real de a ocho y el thaler Arquivado 27 de marzo de 2014 en Wayback Machine.". En Gaceta Numismática. I-04. Marzo de 2004 (en castelán)
  6. "Silver thaler coin". En SilverCoins.org (en inglés)
  7. Ruiz Trapero, M. "La reforma monetaria de los Reyes Católicos: su importancia histórica". En Galende Díaz, J. C. (dir.) III Jornada Científica Sobre Documentación en época de los Reyes Católicos. Universidade Complutense de Madrid, 2004 (en castelán)
  8. Céspedes del Castillo (ed.). Las casas de moneda en los reinos de indias, 2: Cecas de fundación temprana: México, SSanto Domingo, Lima y Potosí. Fábrica Nacional de Moneda y Timbre. Madrid, 1997 [ISBN 9788489157101] (en castelán)
  9. Pond, Shepard. "The Spanish Dollar: The World's Most Famous Silver Coin". En Bulletin of the Business Historical Society. Harvard College. Febreiro de 1941. 15 (1): 12–16.
  10. Robert Lacombe. "Histoire monétaire de Saint-Domingue et de la République d'Haïti, des origines à 1874". En Revue d'histoire des colonies. Vol. 43. Nº 152-153. 1956. P. 286 (en francés)
  11. "Columnarios Arquivado 20 de marzo de 2018 en Wayback Machine.". En Columnarios.com (en inglés)
  12. Robert Lacombe (1956). Páxina 287.
  13. De Santiago Fernández, Javier. "Antecedentes del sistema monetario de la peseta" VII Jornadas Cienti íficas sobre Documentacio ón Contemporaánea (1868-2008). Universidade Complutense de Madrid, 2008 (en castelán)
  14. "Historia de la moneda y del billete en México". Banco de México (en castelán)
  15. "Historia de la Moneda Argentin: la primers moneda patria". En HistoriayMonedas.blogspot.com.es (en castelán)
  16. "Argentina Arquivado 20 de marzo de 2018 en Wayback Machine.". En Cuhaj, G. S. (ed.). Standard Catalog of World Coins. 1801-1900. 7ª ed. Krause Publications, 2012 [ISBN 978-1-4402-3085-1] (en inglés)
  17. "History of the 1813 holley dollar and dump". En Coin Works (en inglés)
  18. "Holley dollar". National Museum Australia (en inglés)
  19. Cano Borrego, P. D. "La moneda española en circulación en Canadá durante los siglos XVIII y XIX". En Revista numismática Hécate. Nº 1. 2014. Páxina 216 (en castelán)
  20. Faulkner, C. “Holley Dollar and Other Bitts and Pieces of Prince Edward Islands”. En Doty, R. G.Kleeberg, J. M. Money of the CaribbeanAmerican Numismatic Sociey. Nova York, 2006. Páxinas 187-212 (en inglés)
  21. Murray N. Rothbard. "Commodity Money in Colonial America". En LewRockwell.com (en inglés)
  22. Cardelús, B. "El dólar y su origen español". En ABC Cultura. 2 de maio de 2017 (en castelán)
  23. "Curaçao Arquivado 20 de marzo de 2018 en Wayback Machine.". En Cuhaj, G. S. (ed.). Standard Catalog of World Coins. 1801-1900. 7ª ed. Krause Publications, 2012 [ISBN 978-1-4402-3085-1] (en inglés)
  24. "The Maria Theresa Thaler". En www.theresia.name/en (en inglés)
  25. Farmer, H. (2019). "The Hong Kong Mint, 1866-1868". En The Industrial History of Hong Kong Group. 23 de xaneiro.
  26. Babones, S. "'The Silver Way' Explains How the Old Mexican Dollar Changed the World". En The National Interest. 30 de abril de 2017 (en inglés)
  27. Vidal Liy, M. "China y la América Española: historia de una globalización". En El País. 17 de xuño de 2017 (en castelán)
  28. "Piastre". En Dictionnaire Larousse. Acepción 3: "Ancienne monnaie espagnole qui valait huit réaux" (en francés)
  29. "Dollar". En Oxford English Dictionary. Acepción 2: "The English name for the peso or piece of eight (i.e. eight reales), formerly current in Spain and the Spanish American colonies". (en inglés)
  30. Galli, Anna Maria. La formazione e lo sviluppo del sistema bancario in Europa e in Italia. Ed. Vita e Pensiero. Milán, 1992 [ISBN 88-343-9575-1] Páxina 81: "Piastra spagnola da 8 reali = 100 soldi" (en italiano)
  31. Véxase artigo "Spaanse mat" na edición neerlandesa da Wikipedia.
  32. "Tudo sobre o peso mexicano Arquivado 20 de marzo de 2018 en Wayback Machine.". En blog.cambiostore.com: "O peso foi originalmente o nome das moedas do real de oito emitidas no México" (en portugués)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]