Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Raphidophyceae

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rafidófitas

Gonyostomum semen
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
(sen clasif.) SAR
Superfilo: Heterokontophyta
División: Ochrophyta
Clase: Raphidophyceae s.l.
Chadefaud 1950 ex Silva 1980
Orde
Sinonimia
  • Chloromonadina Klebs 1892
  • Raphidomonadida Heywood & Leedale, 1983
  • Chloromonadophyceae Rothmaler, 1951; Fott, 1968
  • Raphidophyta
  • Chloromonadida

As rafidófitas, ou Raphidophyceae (antes denominadas cloromónadas, Chloromonadophyceae ou Chloromonadineae[1]) son un pequeno grupo de algas unicelulares mariñas e de augas doces.[2]

As rafidófitas teñen células de tamaño grande, entre 50 e 100 μm, e sen parede celular. Os cloroplastos son elipsoidais. Distínguense por ter clorofilas a, c1 e c2 e dúas membranas no retículo endoplasmático dos cloroplastos. Os pigmentos accesorios que teñen son o β-caroteno e diadinoxantina. As rafidófitas de augas doces son verdes e as mariñas son amarelas, xa que posúen o carotenoide da fucoxantina. Posúen un par de flaxelos que saen da mesma invaxinación. O flaxelo anterior é lamelado con mastigonemas, e o posterior nu. O anterior bordea pola parte traseira a célula, por un afundimento ventral da célula. Ao contrario doutros heterocontófitos, as rafidófitas non posúen puntos de fotorecepción, puntos "oculares", que pola contra son comúns neste grupo.[3]

As rafidófitas aparecen en múltiples ecosistemas acuáticos. Nos sistemas fluviais, é máis habitual que aparezan en augas doces máis ácidas, como o son as pozas. As especies mariñas adoitan formar parte dos afloramentos do verán en sistemas costeiros. Un caso é a súa presenza ligada ás mareas vermellas da costa exterior xaponesa, onde adoitan interromper a pesca malia que non producen afloramentos tóxicos.

Os grupos máis próximos son as Eustigmatophyceae e as Chrysophyceae.[3]

Especies mariñas

[editar | editar a fonte]

As especies mariñas son eurialinas e euritérmicas, co cal persisten en amplas condicións de salinidade e temperatura.[3]

Moitas das especies mariñas producen neurotoxinas. Toxinas que producen, como a brevetoxina, afectan aos peixes despolarizando os nervios que controlan o ritmo cardíaco, reducindo a presión sanguínea e transporte de osíxeno, co que se acaba na súa morte. A mortalidade de peixes pola asociados a mareas vermellas dáse nas costas xaponesas por especies do xénero Chattonella e Heterosigma, durante o período de estratificación das augas cálidas do verán. Outro caso de toxicidade é o de Heterosigma na costa de Rhode Island cando as concentracións de nitróxeno son baixas.[3]

Especies de augas doces

[editar | editar a fonte]

As rafidófitas aparecen frecuentemente nos fondos con lama e pozas, onde as macrófitas son abundantes. Especies como as do xénero Vacuolaria teñen unha fase libre na columna de auga, onde teñen unha forma oval e flaxelos que saen do súa zona ventral, e outra en estado aletargado, onde teñen unha forma esférica e viven dentro dunha matriz xelatinosa.[3]

Ciclo de vida

[editar | editar a fonte]

Especies como Chattonella antiqua seguen un ciclo de vida cunha fase haploide e outra diploide. Os cistes que forman son haploides e xermolan dando células haploides flaxeladas e libres. Estas poden diploidizar e continuar o crecemento celular. A poboación pode medrar por mitose. Nesta fase poden iniciar unha meiose e enquistarse, na fase haploide.[3]

Clasificación

[editar | editar a fonte]

A posición deste grupo mudou ao longo das clasificacións. Teñen sido clasificadas como unha orde de cloromónadas dentro de fitoflaxelados.[4] Téñense clasificado a canda as Xanthophyceae e as Eustigmatophyceae dentro da división de Xanthophyta.[5] Tamén, téñense clasificado ligándoas coas Chrysophyceae, Dinophyceae ou Cryptophyceae.[6]

A última clasificación é a seguinte:[7][8]

  1. Herbert Graffius, J. (1966). "Additions to Our Knowledge of Michigan Pyrrhophyta and Chloromonadophyta". Transactions of the American Microscopical Society 85 (2): 260–270. JSTOR 3224637. doi:10.2307/3224637. 
  2. Hoek, C. van den, Mann, D. G. and Jahns, H. M. (1995). Algae : An introduction to phycology. UK: Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-31687-3. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Robert Edward Lee. 2008. Phycology. Fourth edition. Cambridge University Press. isbn: 9780521682770.
  4. "RAPHIDIOPHYTA". susqu.edu. Arquivado dende o orixinal o 06 de xuño de 2014. Consultado o 19 de febreiro de 2017. 
  5. American Water Works Association (2010). Algae: Source to Treatment. p. 281. ISBN 978-1-61300-116-5. 
  6. Potter, D; Saunders, G; Andersen, R (1997). "Phylogenetic relationships of the Raphidophyceae and Xanthophyceae as inferred from nucleotide sequences of the 18S ribosomal RNA gene". American journal of botany 84 (7): 966. PMID 21708651. 
  7. Cavalier-Smith, T; Scoble, J. M. (2013). "Phylogeny of Heterokonta: Incisomonas marina, a uniciliate gliding opalozoan related to Solenicola (Nanomonadea), and evidence that Actinophryida evolved from raphidophytes". European Journal of Protistology 49 (3): 328–353. doi:10.1016/j.ejop.2012.09.002. 
  8. Guiry, M.D.; Guiry, G.M. (2016). "Raphidophyceae". AlgaeBase. Consultado o 2016-08-26. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]