Peoria é unha cidade do condado de Peoria en Illinois (Estados Unidos),[1] capital do condado e a meirande cidade situada no río Illinois. Fundouna en 1691 o explorador francés Henri de Tonti, e foi o primeiro asentamento europeo en Illinois,[2] e o seu nome venlle pola tribo Peoria. Segundo o censo de 2010 é a sétima localidade máis poboada do estado cunha poboación de 115.007[3] e a súa área metropolitana contaba 373.590 habitantes en 2011.
O territorio de Peoria localízase no antigo territorio dos indios illinois. En 1680 os exploradores franceses René-Robert Cavelier, Sieur de La Salle e Henri de Tonti levantaron Fort Crèvecœur[2] no que actualmente é a vila de Creve Coeur, a poucos quilómetros de Peoria; aos poucos meses un ataque dos indios iroqueses destruíu o forte. En 1691 Tonti volveu á zona construíndo un novo forte, Fort Pimiteoui, que se converteu nun centro do comercio de peles. En 1763 despois da guerra franco-india o forte converteuse en británico, aínda que os poboadores seguiron a ser principalmente francófonos. En 1778 pasou a ser territorio dos Estados Unidos e pouco despois a poboación mudouse a un novo asentamento no que é hoxe o centro de Peoria, cara 1796 ou 1797 xa non quedaba poboación no antigo asentamento.[4] En 1813 o exército norteamericano erixiu un novo forte, Fort Clark. En 1825 organizouse o condado e o nome da vila mudouse para Peoria[5] que organizou a súa corporación municipal, constituíndose así en vila incorporada en 1835 e dez anos despois logrou o rango de cidade.