Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Pantholops hodgsonii

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pantholops hodgsonii
Antílope tíbetano

Macho de Pantholops hodgsoni.
Lámina en The book of antelopes (1894)
Estado de conservación
En perigo
En perigo
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Suborde: Ruminantia
Infraorde: Pecora
Familia: Bovidae
Subfamilia: Antilopinae
Caprinae
Pantholopinae
Xénero: Pantholops
Hodgson, 1834 [1]
Especie: P. hodgsonii
Nome binomial
Pantholops hodgsonii
(Abel, 1826)
Distribiucioón de Pantholops hodgsonii
Distribiucioón de Pantholops hodgsonii

Distribiucioón de Pantholops hodgsonii

Pantholops hodgsonii é unha especie de mamífero artiodáctilo ruminante da familia dos bóvidos e subfamilia dos antilopinos, dos caprinos ou dos pantolopinos, segundo os autores, que é a única do xénero Pantholops, e da tribo dos Pantalopini Gray, 1872.

Na bibliografía internacional coñécese cos nomes de antípope tibetano e de chirú (que é o nome que ten en tibetano).

É un antílope de tamaño medio que vive na meseta tibetana, onde aínda subsisten menos de 75.000 individuos en estado salvaxe, do aproximadamente un millón que se presume que habitaba na zona en tempos pasados.

Nos últimos anos converteuse nunha especie en perigo de extinción debido á caza furtiva. Cázanse pola súa la suave e cálida, que só pode obterse despois da morte do animal. Esta la, coñecida como shahtush, emprégase sobre todo para tecer chales.

Na actualidade está estritamente prohibido o comercio dos seus produtos.

Características

[editar | editar a fonte]

O antílope tibetano é un antílope de tamaño medio, cunha lonxitude de 110 a 120 cm nas femias e de 120 a 140 cm nos machos. A altura na cruz é de 73 a 84 cm nas femias e de 79 a 94 cm nos machos. Os machos son, como vemos, significativamente máis grandes que as femias, e pesan uns 39 kg de media, contra os 26 kg das femias.[2]

Ambos os sexos tamén poden ser facilmente distinguidos pola presenza de cornos (único caso nos caprinos, de considerarmos que pertencen a esta subfamilia) e polas raias negras nas patas, das que carecen as femias.

A capa é de cor leonada pálida a parda avermellada no lombo e os flancos, co ventre abrancazado, coa pelaxe particularmente mesta e laúda.[3]

Cabeza dun antílope tibetano macho.

A cara é case negra, e presenta un ensanchamento nasal prominente que ten unha cor máis pálida nos machos. En xeral, a coloración dos machos é máis intensa durante a época nupcial, coa capa cada vez máis pálida, até chegar a case branca, en contraste cos patróns máis escuros na cara e as patas.[3]

Os machos teñen longos cornos curvados cara a atrás que normalmente miden de 54 a 60 cm de lonxitude. Os cornos son delgados, con cristas de aneis na parte basal e lisos e aguzados nas puntas. Aínda que os cornos son relativamente uniformes en lonxitude, existe certa variación na súa forma, sendo a distancia entre as puntas moi variábel, desde os 19 aos 46 cm. A diferenza dos caprinos, os cornos no crecen ao longo de toda a vida.[3]

As orellas son curtas e puntiagudas, e a cola tamén é relativamente curta, duns 13 cm de lonxitude.[3]

Distribución

[editar | editar a fonte]

Antigamente, este antílope estendíase por todo Qinghai (China) e a meseta do Tíbet, e nunha pequena zona do nordeste do Nepal. A súa área de distribución dimuniu moito e agora está ausente de toda ou a maior parte da meseta oriental; a principal poboación da especie habita en alturas de entre 3.700 e 5.500 m nas estepas illadas da meseta tibetana, nas provincias de Xinjiang e Qinghai do oeste da China e no Ladakh,[4] no extremo norte da India.[5][6]

Clasificación

[editar | editar a fonte]

O xénero Pantholops foi establecido en 1834 polo naturalista e etnólogo británico Brian Houghton Hodgson (1800–1894), que traballou na India como funcionario público. O seu nome, Pantholops, vén do grego antigo, e significa "todos os antílopes".

O antílope tibetano, Pantholops hodgsonii, é a única especie deste xénero; foi descrita en 1826 polo médico e naturalista británico Clarke Abel (1780-1826).

Anteriormente clasificada dentro da subfamilia dos antilopinos, diferenzas morfolóxicas e evidencias moleculares conduciron a integrala na súa propia subfamilia, Pantholopinae, estreitamente relacionada coa dos caprinos.[7]

Porén, isto foi cuestionado,[8] e algúns autores consideran que o antílope tibetano debe incluírse na subfamilia dos caprinos.[9]

Aínda que o xénero Pantholops é actualmente monoespecifico, coñécese unha especie fósil, P. hundesiensis, do plistoceno do Tíbet. Era lixeiramente máis pequeno que a especie vivente, e tiña o cranio máis estreito.[10] Ademais, o xénero fósil Qurliqnoria, do mioceno da China, crese que é un dos primeiros membros dos pantolopinos,[11] que diverxeron dos caprinos nesa época.[3]

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

O antílope tibetano está inscrito na lista de especies en perigo de extinción da Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN),[5] e máis polo United States Fish and Wildlife Service (USFWS) debido á caza comercial para obter a súa la, á competencia cos rabaños domésticos locais e á destrución dos pasteiroa a causa da extracción de ouro no seu hábitat.

A la do chirú, coñecida como shahtish, é cálida, suave e moi lixera. Está considerada como a mellor do mundo. Pero esta la só se pode consiguir matando ao animal.

O dramático descenso da súa poboación, estimada en aproximadamente 1 millón de individuloss a finais do século XX aos 75.000 de hoxe en día (algúns falan de tan só 6.000 individuos identificados en 2006).

Porén, segundo unha proxección dun estudo de 2006 realizado polo Instituto de Estudos e Proxectos dos Bosques do Tíbet o saeu número estaría aum entgando e pasaría de 150.000 en 2006 a 200.000 en xaneiro de 2011 na rexión autónoma do Tíbet. Outras cifras falan de 120.000 espécimes no verán do 2010.[12] A dificultade para realizar un reconto exacto na rexión, así como razóns políticas, poden explicar esta disparidade nas cifras.

No Tíbet, a caza ilegal do antílope, incluíndo a que fan funcionarios do goberno, alimenta o teoricamente ilegal comercio de shahtush, causando a morte de miles de animais cada ano.[13]

A loita para acabar coa caza ilegal do antílope, organizada conxuntamente polo goberno central da República Popular da China e o goberno da rexión autónoma do Tíbet foi retratada en 2004 no filme chinés Kekexili, a patrulla salvaxe (可可西里).

Desde 1979 está prohibido o comercio international do shahtush,

Hu Jia, un disidente chinés coñecido polo alcume de Freeborn, un dos máis eminentes militantes en materia de ecoloxía e da loita contra a sida, que está encarceeado actualmente, comezou a participar publicamente na década de 1990. Licenciado en economía, converteuse en membro da brigada do iac salvaxe, unha ONG que defende os antílopes tibetanos en perigro de extinción debido á lucrativa caza furtiva tolerada polas autoridades chinesas.[14]

Desde 1998, o antílope tibetano está estritamente protexido na reserva de Hoh Xil, que comprende gran parte das montañas Kunlun e o norte de Chang Tang.[15]

Durante a construción da liña de ferrocarril Qing-Zang, inaugurada o 1 de xullo de 2006, construíronse pasaxes para permitir a migración dos rabaños dos antílopes.

Segundo a UICN o estus da especie está cualificadlo como EN (en perigo).[5]

Nos Xogos Olímpicos

[editar | editar a fonte]

A mascota amarela Yingying (迎迎), unha das cinco fuwa (mascotas) nos Xogos Olímpicos de verán 2008 en Pequín, simboliza un antílope tibetano.

  1. Brian Houghton Hodgson (1834): Proceedings of the Zoological Society of London 2: 81..
  2. Nowak, Ronald M. (1999): Walker's mammals of the world. 6th ed. Baltimore, Maryland, USA: Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-5789-9.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Leslie, D. M. & Schaller, G. B. (2008). "Pantholops hodgsonii (Artiodactyla: Bovidae)". Mammalian Species: Number 817: pp. 1–13. doi:10.1644/817.1. 
  4. O Ladakh é unha rexión do estado indio de Jammu e Caxemira, delimitada polo norte polas montañas Kunlun e a cadea dos Himalaias polo sur. Chamada en ocasións "Pequeno Tíbet" polo seu aspecto xeográfico e pola súa cultura autóctona, está habitada por unha poboación de ascendencia indoaria e tibetanos.
  5. 5,0 5,1 5,2 Pantholops hodgsonii na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2014.2
  6. Schaller, G. B.; Kang, A. L.; Hashi, T. D. e Cai, P. (2007): "A winter wildlife survey in the northern Qiangtang of Tibet Autonomous Region and Qinghai Province, China". Acta Theriologica Sinica, 27: 309–316.
  7. Gatsey, J.; et al. (1997). "A cladistic analysis of mitochondrial ribosomal DNA from the Bovidae". Molecular Phylogenetics and Evolution 7 (3): 303–319. doi:10.1006/mpev.1997.0402. 
  8. Lei, R.; et al. (2003). "Phylogenetic relationships of Chinese antelopes (subfamily Antilopinae) based on mitochondrial ribosomal RNA gene sequences". Journal of Zoology 261 (3): 227–237. doi:10.1017/S0952836903004163. 
  9. Grubb, P. (2005): "Order Artiodactyla", en Wilson, D. E. & Reeder, D. M. Mammal Species of the World, 3rd ed. Johns Hopkins University Press. pp. 637–722. ISBN 978-0-8018-8221-0.
  10. Ruan, X. D.; et al. (2005). "Evolutionary history and current population relationships of the chiru (Pantholops hodgsonii) inferred from mtDNA variation". Journal of Mammalogy 86 (5): 881–886. doi:10.1644/1545-1542(2005)86[881:EHACPR]2.0.CO;2. 
  11. Gentry, A.W. (1992). "The subfamilies and tribes of the family Bovidae". Mammal Review 22 (1): 1–32. doi:10.1111/j.1365-2907.1992.tb00116.x. 
  12. Tibetan antelope population doubles en ChinaDaily, 25-06-2010 (en inglés)
  13. Trade (en inglés)
  14. Tashi delek, xuño de 2003. Axuda á infancia tibetana (en francés)
  15. Louis-Marie, Élise e Thomas Blanchard (2010): Explorateurs du Toit du Monde: Carnets de route en Haute-Asie (1850-1950). Paeis: Éditions de La Martinière. ISBN 978-2-7324-4216-7, p. 69. Sinopse

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
  • Wilson, D. E. & D. M. Reeder, editors (2005): Mammal species of the world: a taxonomic and geographic reference. Third edition. The Johns Hopkins University Press. Baltimore, Maryland, USA. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Para o xénero Pantholops

[editar | editar a fonte]

Para a especie Pantholops hodgsonii

[editar | editar a fonte]