Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Poexo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O poexo (Mentha pulegium), tamén chamado poexo-menta, é unha das especies máis coñecidas do xénero Mentha. Pertence á familia das labiadas, é unha perenne de raíces rizomatosas que crece ben en sitios húmidos ou cerca dos cursos fluviais, onde a podemos encontrar na súa forma silvestre entre gramíneas e outras plantas.

Os seus erguidos talos cuadrangulares, moi ramificados, poden chegar a medir entre 30 e 40 cm. As follas son lanceoladas e lixeiramente dentadas, de cor entre verde medio e escuro e dispóñense opostas ao longo dos talos. As pequenas flores rosadas nacen agrupadas en apertadas inflorescencias globosas.

Esta planta aromática coñécese desde hai séculos en todo o mar Mediterráneo e Asia occidental, onde crece espontaneamente, polas súas propiedades carminativas, relaxantes e incluso como emenagoga, tomada en infusión. O termo pulegium, que deriva do latín pulex, "pulga", débese ao antigo costume de queimar poexo nas casas para repeler estes insectos.