Pobo mosuo
Pobo mosuo | |
---|---|
Muller preto do Lago Lugu. | |
Poboación | |
Poboación total: 40 000 (2010) | |
Rexións principais: | |
China | Sichuan e Yunnan |
Aspectos culturais | |
Lingua | Lingua naxi |
Relixión | Dongba, budismo tibetano e taoísmo |
Grupos relacionados | pobo naxi |
Os mosuo (en chinés: 摩梭 摩梭, Mósuō), tamén mósuő, moso, mosso ou musuo e denominados por eles mesmos como na, son unha etnia chinesa que habita nas provincias de Yunnan e Sichuan (preto da fronteira co Tíbet). Conta cunhas 40.000 persoas e a maioría habita na rexión de Yongning e o lago Lugu.
Aínda que eles se diferencian dos naxi, o goberno chinés considéraos como membros de tal etnia. A característica máis coñecida son as relacións poliandríacas, é dicir, que unha muller pode estar con varios homes sen formar unha familia de tipo occidental. Os fillos pertencen unicamente á nai e levan o seu apelido: son unha sociedade matrilineal.
Dous mil anos de matrilinealidade
[editar | editar a fonte]Os mosuo viven nunha rexión que estaba illada do resto do mundo ata os anos setenta. O illamento da rexión do Lago Lugu (situada nas provincias de Yunnan e Sichuan, na parte oriental do Tíbet) permitiu que o sistema de liña materna florecese e perdurase, mesmo en tempos do comunismo.
A súa rexión foi conquistada polos exércitos dos emperadores da China e converteuse en parte do imperio chinés. Pero os mosuo non adoptaron os patróns patriarcais chineses e non foron forzados a facelo debido ao lugar remoto no que viven (hoxe en día para chegar fan falta 9 horas en jeep).
Trátase dunha tradición nacida hai miles de anos, cando era normal o matriarcado na China rural, segundo din os sociólogos. O matrimonio ambulante é, quizais, o legado dunha época na que era frecuente que os pais morresen en guerras, vivisen como nómades ou fosen monxes budistas que fixeran voto de castidade e, por conseguinte, non ían recoñecer a súa descendencia. En ausencia dos homes, as mulleres recollían as colleitas, dábanlles de comer ás familias e impoñían as normas.
Elas son as únicas propietarias. A herdanza transmítese de nai a filla, o que implica que na rexión non existen homes con casa de seu. O apelido da muller identifica os lazos de sangue. En cada unha das familias hai unha matriarca que é a figura de máis alto nivel no clan.
Os membros do clan elixen unha muller dun grupo de irmás para ser a matriarca. Coa axuda das súas irmás, ela coida dos asuntos económicos e sociais do clan-casa; é a administradora de todas as posesións do clan: a casa, os eidos, os animais domésticos e o alimento, así como os cabalos, que son utilizados sobre todo polos homes do clan, dos seus irmáns e dos fillos.
Os homes carecen de responsabilidades, traballan moito menos cás mulleres e pasan a maior parte do tempo reunidos cos seus amigos ou realizando as tarefas que lles son asignadas pola matriarca.
Pero, de precisaren diñeiro para o que sexa, teñan a idade que teñan, deben pedírllelo ás súas nais ou, no seu defecto, ás súas irmás.
Cando se lles pregunta cal é a razón para que sexan elas as que manexen a economía responden con naturalidade: "Son moito máis capaces e non gastan en calquera cousa".
Non é unha xinecocracia porque as mulleres non ostentan a autoridade política, só a familiar. A nivel político, sorprendentemente delegan tal responsabilidade nun home, aos que elas elixen anualmente para manter a orde e actuar de voceiro da comunidade. É curioso ver como as propietarias da autoridade familiar depositan á súa vez a autoridade política nun home. Nesta reciprocidade está o equilibrio. O home serve á comunidade porque se sente parte dela.
Sen maridos, só nais
[editar | editar a fonte]Non existe o matrimonio tal como estamos afeitos a entendelo. O grupo familiar está formado por unha muller, os seus fillos, a súa nai, os seus irmáns, as súas irmás e os fillos desas mesmas irmás. Non existen os maridos.
Moitos dos habitantes da aldea só coñecen a súa nai e pouco lles importa saber quen é o seu pai. Non por desinterese, senón como produto dun trazo cultural. A única figura masculina na familia que pode ocupar algún lugar relevante é o irmán da nai.
Case sen excepción, os homes seguen vivindo, mesmo despois de seren pais, na casa da súa nai, e axudan a criar os fillos das súas irmás.
Os homes e as mulleres nunca viven xuntos; o home encóntrase, polas noites, a soas coa súa amada. Non os unen o diñeiro nin os fillos -que sempre se crían na casa da nai-, nin sequera se senten parte da mesma familia. Mantéñense enlazados só polo afecto, así que cando este desaparece, nada os liga e sepáranse.
O home mosuo ten, pois, que exercer dous papeis: o de tío no clan propio, onde se ocupa dos sobriños, e o de pai na familia da muller á que ama, na que non é libre de facer o que quere. Os homes están a cargo da gandaría e a pesca; aprenden estes oficios, dos seus tíos e máis homes da familia tan pronto como teñan a idade suficiente.
A cerimonia de maioría de idade
[editar | editar a fonte]Unha muller mosuo é considerada muller tras participar na cerimonia de maioría de idade. Esta cerimonia, celebrada entre os 12 e os 14 anos, marca a transición dunha muller á idade adulta do mesmo xeito que sucede cos homes mosuo. Aquí as mulleres comezan a usar faldras e os homes pantalóns.
Antes da cerimonia de maioría de idade, os nenos mosuo visten todos iguais e teñen acceso restrinxido a certos aspectos da vida mosuo, especialmente a cerimonias relixiosas. Tras a cerimonia de maioría de idade, ás mulleres permíteselles ter unha habitación privada na casa na que viven, mentres que os homes non gozan deste privilexio.
Vida diaria
[editar | editar a fonte]A economía mosuo baséase no sector primario, fundamentalmente no traballo agrícola e gandeiro (yak, búfalo de auga, ovellas, cabras, aves de curral…). A xente produce suficiente para as súas necesidades diarias. Elaboran unha bebida alcohólica local feita de gran, chamada sulima, que é similar a un viño forte. A sulima é consumida regularmente e ofrecida a invitados en cerimonias e festas.
As casas mosuo teñen forma cadrada cun patio central. Na primeira planta vive o gando, que pasea pola casa durante o día. A cociña e a sala están tamén na primeira planta. A segunda planta é utilizada habitualmente para almacenaxe e para habitacións privadas das mulleres, os demais membros da familia dormen en cuartos comúns.
Turismo
[editar | editar a fonte]Os mosuo viven no Lago Lugu nunha rexión esteticamente moi agradable. Fotógrafos, equipos de televisión, escritores e artistas visitaron a zona e iso chamou a atención tamén do turismo. Ao mesmo tempo que se converte nunha fonte de ingresos e comercio, a rexión queda exposta aos perigos da civilización polo que, dalgún xeito, o turismo pode converterse nunha ameaza para os valores tradicionais dos mosuo.