Split
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | Croacia | ||||
Condado | Condado de Split-Dalmácia (pt) | ||||
Capital de | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 160.577 (2021) (2.022,38 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 79,4 km² | ||||
Altitude | 0 m | ||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Santo padrón | Dômnio (pt) | ||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Ivica Puljak (en) | ||||
Membro de | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 21000 | ||||
Prefixo telefónico | 021 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Páxina web | split.hr |
Split (en italiano: Spalato) é unha cidade situada ao sur de Croacia, porto marítimo da costa dálmata, no mar Adriático. Ten 221.456 habitantes, segundo o censo de 2007. É a principal cidade da rexión de Dalmacia, a capital do condado de Split-Dalmacia e a segunda cidade máis populosa do país despois de Zagreb, da que dista 380 km. É un importante porto pesqueiro e base naval do Adriático, así como un centro cultural e turístico importante; a cidade antiga é unha xoia arquitectónica, declarada Patrimonio da Humanidade en 1979. Na súa contorna existen estaleiros, fábricas de cemento e de plástico, industrias madeireiras, vinicultoras e industrias de procesamento de alimentos.
Historia
[editar | editar a fonte]A cidade medrou ao redor da casa de descanso do emperador romano Diocleciano, quen naceu preto de alí no ano 245 d. C. Retirouse no ano 305 ao palacio que construíra preto de Salona e foi sepultado alí no 313. O palacio fortificado converteuse despois nunha fábrica de uniformes romanos e no núcleo da cidade. A principios do século VII, despois de que a próxima cidade romana de Salona fose saqueada polos avaros (nómades de Asia centra]), os refuxiados converteron o palacio nunha cidade fortificada e o mausoleo de Diocleciano na catedral da cidade. A cidade era completamente neolatina a finais do século VII.
A pesar de que a cidade quedou baixo soberanía bizantina desde 812 até 1089, Spalato conservou a súa autonomía política, como cidade "Comune" dos Dalmatos Italianos.[1] A finais do século VIII, iniciouse a eslavización da cidade, que quedou plasmada parcialmente na arquitectura dalgunhas igrexas. A inicios do século XII, os pobos da Dalmacia foron gobernados polos húngaros, con todo, Spalato puido redactar as súas propias leis municipais en 1312, e até acuñou a súa propia moeda.[1] En 1420, os venecianos obtiveron a soberanía da Dalmacia, e aínda que respectaron a autonomía da cidade, incluíndo as súas leis, o goberno municipal foi executado sempre por un príncipe-capitán veneciano. Durante todos estes gobernos venecianos, a cidade prosperou, e estendeuse máis aló das murallas, con fermosos edificios e un alto campanario. Algunhas familias venecianas trasladáronse a Spalato, onde crearon parte da aristocracia local.
No século XV, os turcos otománs chegaron a Dalmacia, e aínda que tomaron o control do corazón da rexión, non entraron a Spalato, que permaneceu baixo o control de Venecia. Para 1718, as guerras turco-venecianas acabaron coa presenza dos turcos na Dalmacia, e Spalato continuou oficialmente baixo a soberanía de Venecia até 1797, cando Napoleón Bonaparte disolveu a República de Venecia, e a Dalmacia quedou baixo o control de Austria (véxase Tratado de Campo Formio). Con todo, tras a Batalla de Wagram en 1809, Austria perdeu Spalato, que quedou baixo control francés, integrada primeiro no "Reino napoleónico de Italia" e logo nas Provincias Ilirias. Para 1813, a cidade atopábase de novo baixo control austríaco, e iniciouse un período de estancamento político e social.
Neses anos empezou a inurbarse en masa a poboación croata do interior de Dalmacia, diminuíndo así a porcentaxe italiana da poboación de Spalato (até entón maioritario na área urbana), e en 1880 o último alcalde de etnia italiana, Bajamonti, foi substituído por un croata. Aínda no censo austríaco de 1910 quedaban 2082 italianos dun total de 21.670 habitantes de Spalato e a topografia da cidade era completamente italiana nos nomes dos barrios. Trala primeira guerra mundial e a disolución do Imperio Austrohúngaro, a provincia de Dalmacia, incluída Spalato, pasou a formar parte do Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos (Reino de Iugoslavia).
Tras a anexión de Fiume (Rijeka) e Zara (Zadar), (os outras dúas cidades importantes da rexión xunto con Spalato), por Italia, Spalato en 1919 foi renombrada oficialmente "Split" (en croata) e converteuse no principal porto de Iugoslavia e na capital de Banovina Litoral. A liña de ferrocarril de Lika que conectou a cidade co resto do país foi inaugurada en 1925. Co acordo Cvetković-Maček, Split converteuse en parte dunha nova unidade administrativa, Banovina de Croacia, froito da unión de Banovina Litoral, Sava e algunhas zonas contiguas poboadas por croatas. Case a metade dos Italianos de Spalato fuxiron ao Reino de Italia, a consecuencia do nacionalismo croato neses anos, e favoreceron o irredentismo italiano cara a Spalato.
Coa invasión de Iugoslavia por parte dos exércitos do Eixo, os italianos ocuparon a cidade en abril de 1941, e un mes máis tarde anexárona formalmente ao Gobernatorado de Dalmacia do Reino de Italia. A chegada das tropas italianas foi recibida con entusiasmo pola minoría autóctona de lingua italiana de Spalato. Pero o exército italiano atopou unha moderada resistencia entre os habitantes de Split de etnia croata, uníndose unha parte deles aos partisanos de Josip Broz Tito: até os equipos de fútbol locais croatas, o HNK Hajduk Split, e o RNK Split, refusaron participar na liga italiana, suspendendo as súas actividades, para máis tarde unirse tamén aos partisanos (posteriormente o Hajduk converteuse no equipo oficial do movemento dos partisanos).
En setembro de 1943 Italia capitulou e a cidade foi ocupada polas brigadas do comunista Tito rexistrándose un pequeno masacre de 300 italianos autóctonos, pero unha semana máis tarde o pro fascista Estado Independente de Croacia, ocupou a rexión. Algunhas zonas da cidade antiga e do porto, foron danadas durante está ocupación polos bombardeos alemáns e aliados, causando centos de mortos. Os partisanos "titinos" entraron finalmente á cidade o 26 de outubro de 1944. O 12 de febreiro de 1945 unha incursión da Kriegsmarine atacou o porto de Split danando o cruceiro británico Delhi. Até o fin da guerra Split foi a capital provisional de Croacia.
Entre 1945 e 1990, Split foi o centro administrativo da Dalmacia. En 1979 Split albergou os VIII Xogos Mediterráneos.[2] Nese mesmo ano, o núcleo histórico de Split co Palacio de Diocleciano foi declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Split ten varias igrexas antigas como SV Nikola e Gospa od Zvonika, museos e unha galería dedicada ao escultor iugoslavo Ivan Meštrović, que se atopa na vila que era propiedade do escultor, e varias das súas obras adornan a cidade. A cidade de Klis, próxima a Salona, ten as ruínas dun forte romano do século V. A antiga cidade téxtil de Sinj, situada 30 km ao nordés de Split, é famosa pola súa Sonjska Alka, un torneo medieval que se efectúa anualmente, o 15 de agosto, para conmemorar a vitoria na batalla de 1815 sobre a administración otomá.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Split está situado nunha península entre a parte oriental do Golfo de Kaštela Split e a Canle da Mancha. Os puntos orográficos máis destacables son o outeiro de Marjan, de 178 m, que se eleva na parte occidental da península, e as cristas Kozjak, de 779 m; e Mosor, de 1339 m. Split ten un clima mediterráneo: veranos secos e cálidos (con temperaturas que soben até os 42 °C en xullo) e invernos húmidos. A precipitación media anual é 806,2 mm. A vexetación é de tipo mediterráneo sempre verde, e a flora subtropical (palmeiras, agaves, cactos) medra na cidade e os seus arredores.
Demografía
[editar | editar a fonte]De acordo ao censo de 2001 a cidade de Split tiña 188.694 cidadáns, cunha proxección de 221.456 para o ano 2007, mentres que a área metropolitana conta cuns 410.000 habitantes. O Condado de Split-Dalmacia na súa totalidade ten 470.000 residentes, constituíndo deste xeito o seu principal núcleo urbano. O 95% da súa poboación é de orixe croata, as súas minorías máis importantes son os serbios, bosníacos, montenegrinos e eslovenos. Existe aínda unha moi pequena minoría italiana, último residuo da poboación autóctona da cidade nos tempos de Diocleciano.[3] A relixión predominante é a Católica, practicada polo 88% da poboación.[4]
Economía
[editar | editar a fonte]A economía de Split comezou a recuperarse lentamente da recesión xerada pola transformación nunha economía de mercado e a privatización das súas empresas. Durante a época iugoslava fora un centro económico de importancia cunha moderna e diversa produción industrial que incluía estaleiros, alimentos, química, plásticos, téxtil e papeleira. Actualmente a maioría das fábricas están pechadas ou con escasa produción debido á antigüidade das mesmas ou a falta de mantemento, polo que a cidade estivo concentrándose no comercio e os servizos, deixando a moitos traballadores industriais desocupados.
A nova autoestrada A1 que integra Split co resto da rede croata de autoestradas axudou a estimular a produción e o investimento, con novos negocios construíndose no centro da cidade e os seus suburbios expandíndose intensamente. A produción vitivinícola, o oliveiral, a pesca e o turismo víronse beneficiados pola súa construción. Desde 2005 veu incrementándose o investimento estranxeiro e por primeira vez os niveis de exportacións foron maiores aos de importacións. Durante 2006 a industria de estaleiros contratou novos traballadores e supuxo o renacemento da antigamente masiva industria naval de Split.
Turismo
[editar | editar a fonte]Split é unha das grandes cidades para visitar en Croacia e ademais de ser unha cidade moi atractiva, atopámonos ante unha cidade que é fundamental para os turistas que queren ir visitar as illas de Croacia, porque adoita ser un punto importante para partir. Nesta cidade os visitantes atoparanse cun ambiente moi agradable, sempre enche de turistas e por suposto de diferentes lugares de interese para coñecer.
Desde aquí pódese por exemplo facer unha visita en transbordador a unha das moitas illas de Croacia; unha viaxe moi atractiva se se dispón de tempo. Se o turista prefire quedar na cidade, descubrirá unha boa cantidade de elementos arquitectónicos como palacios e igrexas, polo que é recomendable quedar uns días. Split é un destino moi apropiado para estes últimos días de verán, onde tamén se pode saborear os ricos pratos da gastronomía croata.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 SPLIT, dalmacija, croatia. Arquivado 05 de agosto de 2009 en Wayback Machine. Solta. Consultado o 20/12/2008.
- ↑ "The Mediterranean Games". Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2014. Consultado o 27 de abril de 2010.
- ↑ Population by Ethnicity, by towns/municipalities, census 2001
- ↑ Population by Religion, by towns/municipalities, census 2001
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Split |